xoves, 22 de agosto de 2013

El cant dels ocells, auto de representación moderno

Uns días despois do gran triunfo de Albert Serra en Locarno con Història de la meva mort, recuperamos un dos primeiros artigos que escribiu José Manuel Sande en Xornal de Galicia a conta da estrea española de El cant dels ocells.
El cant dels ocells, auto de representación moderno

Se Albert Serra (Banyoles, Girona, 1975) conxuraba en Honor de cavalleria (2006), aproximación ao vagar de Don Quijote e Sancho, os ecos do relato cervantino cunha sinxeleza -pola que se filtraba unha naturalidade que absorbía ás figuras humanas- que irritou a moitos, en El cant dels ocells (O canto dos páxaros, 2008) nos achega a terreos lindeiras coa celebración relixiosa que parecían afastados. Descrición do periplo dos Reis Magos cara á adoración do neno Xesús, nela conflúen os ecos dalgúns dos grandes mestres (Pasolini, Rossellini, Dreyer, Bresson, Scorsese, Godard) en correlación con elementos derivados do cine primitivo, dos retablos elaborados na antigüidade e dos autos de representación teatrais, compoñentes da tradición cultural cristiá en boa medida vixentes, aínda que os usos modernos pagáns e a estrañeza do relixioso contribúen a manter en segundo plano.

A película foi o único título español presente no Festival de Cannes 2008, participante na Quincena de Realizadores, acreditada pola excelente recepción que o título anterior obtivera en Francia, incluída unha especial dedicación desde as páxinas da prestixiosa revista Cahiers du Cinéma e a posterior distribución por salas con numerosas presentacións a cargo do director. Todo o contrario, por certo, que a súa traxectoria peninsular. Erixíndose en figura insólita e apaixonante no noso cine que soborda autenticidade, Serra, preto de influencias e nomes foráneos pero con trazos inconfundibles do entorno próximo, é partícipe das tentativas de renovación da linguaxe fílmica e, ao tempo, absolutamente descoñecido non só para boa parte dos espectadores, senón tamén dentro da profesión. Especializado en Literatura Comparada, contrario ao Chaplin sentimental -sobre o que ven de firmar unha peza da longametraxe colectiva Reflejos de Chaplin (2008)-, Serra é un católico confeso, un provocador -trazos de Dalí na construción do seu personaxe-, un deslinguado con medida lucidez, que se nos ofrece emblematicamente como autor capaz de traballar -con altas doses de azar, improvisación e manipulación- de maneira case exclusiva con actores non profesionais orixinarios do seu pobo nunha construción comunitaria que parece recoller estruturas pasadas -unha metodoloxía que podería resumirse na máxima “Serra filma os seus”- mentres se instala na procura de pureza do cine pioneiro.

En El cant dels ocells percibimos unha progresión e afán de busca que linda co etéreo, o abstracto e os piares da metafísica. Fronte á maior concreción de raíz cervantina de Honor de cavalleria, emerxe aquí unha liberdade gozosa. Unha liberdade pola que este estado de iluminación racional se transmite de diversas maneiras: concentración na esencialidade a través da posta en escena; intencionalidade simultaneamente realista e sacra nun relato que se propón como relixioso, exploratorio da fe e o misterio; explosivo e hilarante sentido do humor; destrucción de toda estandarización narrativa e estilística a través duns presuntos tempos mortos entendidos como capturas do intanxible; mestura de técnicas nas que ficción e non-ficción se atopan. O proveito do descoñecemento existente sobre as figuras dos Reis Magos, a súa carencia de toda psicoloxización ou representación, leva a aposta de realizar un filme baseado na paisaxe e as figuras inseridas, imaxe-tempo que amosa con lirismo e audacia unha terra mítica.

A película rodouse cunha cámara de alta definición, con convincentes contrastes na imaxe en branco e negro, en Islandia, Tenerife e Fuerteventura en localizacións que Serra viu seis días antes do inicio da rodaxe por Google Earth. O papel de San José foi encargado a Mark Peranson, director da revista Cinemascope, que se encargou de constatar os particulares métodos de traballo de Serra no documental Waiting for Sancho.

El cant dels ocells estreouse con catro copias (en Barcelona, Madrid, Girona) o 19 de decembro. Serra prepara agora varios proxectos, entre eles un filme biográfico sobre o cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder e unha revisión fílmica do episodio bíblico das vodas de Canaán.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario