domingo, 26 de xuño de 2011

José Luis Guerín, eloxio do inacabado

Poucos cineastas son capaces de explicar con tan elocuente precisión a súa propia obra –e a dos outros: estamos ante un pensador e analista con frutíferos resultados mesmo na docencia– como José Luis Guerín (Barcelona, 1960). Poucos son tamén os directores na historia do cine español que, instalados, como Guerín, nunha mirada de insubornable radicalidade, reflexiva, comprometida e razoada, irrompesen desde o inicio da súa traxectoria –sobre todo coa súa segunda longametraxe, Innisfree (1991), regreso ao mito con El hombre tranquilo na memoria– de xeito tan persoal e influente.

Cineasta con conciencia de autor que funciona en simultáneo como arqueólogo, explorador e detective de formas, hai en Guerín unha confluencia de coñecemento e respecto polo legado, unha medida conxunción de sabeduría, reflexión, poesía, ensaio, procura de pureza e sinxeleza que facilita construcións visuais e narrativas indagatorias, consistentes mergullamentos no tempo.

Logo de traballos curtos en diferentes formatos e vocación autodidacta, un precoz José Luis Guerín auscultaba o desexo feminino na apenas entrevista Los motivos de Berta (1983), esbozo da maxistral En la ciudad de Sylvia (2007), peza maior presente en Venecia 2007, onde establece unha suxestiva xeografía de rostros que indaga na mirada, o tempo e as relacións humanas a través dun relato delicado e mínimo. Este ano –xermolo dos materiais de Guest (2011)– devén fundamental. Guerín recolle a riqueza e diversidade do cine contemporáneo colocándose en puntos de debate centrais. Isto representa unha entrada noutras canles de expresión e difusión: a instalación Las mujeres que no conocemos (Bienal de Venecia) e o cuestionamento do propio proceso de traballo –o bosqeuxo como signo tutelar– nas imaxes fixas de Unas fotos en la ciudad de Sylvia.

Se na fermosa Tren de sombras (1997) superpoñía ensaio, fake, cine de (falsa) metraxe atopada nunha brillante mostra dos resortes e orixes da escritura fílmica, En construcción (2001) incorpora no cine español a complexa dialéctica ficción-non ficción, ao tempo que acada premios e recoñecemento. Guerín é dono na actualidade, mentres circula Guest, de novas imaxes vivas: a correspondencia co gran Jonas Mekas (CCCB), o estudo sobre pintura e cine La Dama de Corinto (Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, Segovia) e a contribución ao filme colectivo –con Straub e Claire Denis– do festival coreano de Jeonju, Recuerdos de una mañana.

José Manuel Sande. Publicado o domingo 26 de xuño en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario