Premiado en Cannes cunha Palma de Ouro que soa a “agora ou nunca”, The tree of life, o agardadísimo novo traballo de Terrence Malick, sobrepasa as non precisamente pequenas expectativas xeradas ao seu redor para confirmarse coma o seu filme máis ambicioso, libre e valente. Incómodo dentro dunha estrutura narrativa convencional, Malick non renuncia a ela mais si se desprende das súas preguiceiras carcasas; escolle ser elíptico e sutil até extremos superlativos, froito dun abraiante exercicio de depuración na montaxe –son cinco os editores acreditados– que deconstrúe un relato familiar clásico para prestarlle atención aos detalles e ás asociacións sensoriais na liña dunha sólida tradición espiritual do cinema experimental americano, de Jordan Belson a Nathaniel Dorsky.
Denso e complexo, o filme confronta a maternal figura de Jessica Chastain, que transmite aos fillos unha crenza cega no amor, coa do pai, un sensacional Brad Pitt que acada ese grao de presenza escénica reservado aos grandes, que os educa con rigor para sobrevivir nun mundo hostil. Un conflito caseiro que Malick pon en paralelo, aí queda iso, coa formación do universo e a orixe da vida, nun bloque científico cun momento especialmente revelador: o encontro de dous dinosauros –si, leron ben, dinosauros– nun río, episodio que dá para longos debates. Mais na vida hai amor e sufrimento, beleza e traxedia, e todo suma, todo debe ser aceptado. A actitude obsesiva do pai non impide a súa propia derrota, que é tamén a do "American way of life", e así A árbore da vida acaba por ser, dalgunha maneira, unha visión poética sobre o colapso do sistema, máis alá dos caprichos das axencias de rating.
Martin Pawley. Artigo publicado o venres 15 de xullo en Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario