![]() |
| Leigh Whipper en Incidente en Ox-Bow (William A. Wellman, 1943) |
O 29 de outubro fará 150 anos do nacemento do actor Leigh Whipper, probabelmente descoñecido para a maioría das persoas que lean este artigo, incluídas algunhas moi cinéfilas. E non é estraño, posto que na maioría das películas en que participou a súa presenza foi pequena, algunhas veces case anecdótica, e en non poucos casos o seu nome nin sequera apareceu citado na pantalla, algo non inusual nun tempo en que, a diferenza da exhaustividade de agora, os títulos de crédito adoitaban ser moi breves. Ao recordármolo hoxe celebramos non só a solvencia dun actor que melloraba cada plano, senón tamén a efervescencia cultural e política dun grupo de intelectuais e creadores afroamericanos que abriron camiños nun contexto de desigualdade e segregación.
Leigh Whipper naceu en Charleston, Carolina do Sur, en 1876, once anos despois da abolición formal da escravitude nos EUA. Malia estudar Dereito, que nunca exerceu, preferiu dedicarse á actuación; nunca foi a unha escola de interpretación, aprendeuno todo a forza de ver as técnicas doutros actores e actrices da época. Nos comezos do século XX gañou a vida en espectáculos esquecidos e xa en 1920 apareceu en dous filmes do pioneiro Oscar Micheaux, o primeiro director negro do cinema, Within Our Gates e The Symbol of the Unconquered. Ás ordes do logo tamén cineasta Rouben Mamoulian fixo en Broadway do "Crab Man" en Porgy, a obra do matrimonio Dorothy e DuBose Heyward que inspirou a ópera de George e Ira Gershwin Porgy and Bess, mais o seu maior éxito teatral sería formar parte do elenco que estreou De ratos e homes, a adaptación escénica que escribiu John Steinbeck a partir da súa propia novela, no rol de Crooks, personaxe que mantivo na estimábel versión fílmica de Lewis Milestone en 1939.
Foi despois dos sesenta anos que a súa carreira cinematográfica adquiriu certa continuidade, se ben con papeis exiguos e dentro das dinámicas habituais nun Hollywood aínda moi afastado da equidade (...)
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 9 de outubro de 2026, sábado. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo nesta ligazón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario