Amosando publicacións coa etiqueta Albert Serra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Albert Serra. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de setembro de 2022

Pacifiction

Na véspera de ver por primeira vez en sala Pacifiction quixen revisar na casa The Hurricane (John Ford, 1937), tamén ambientado nos Mares do Sur. O filme, que en España se chamou Huracán sobre la isla, está lonxe da xenialidade característica deses anni mirabiles que moi pouco despois catapultaron ao director americano ao olimpo, o período milagroso no que practicamente enlaza Stagecoach, Young Mr Lincoln, The Grapes of Wrath e How Green Was My Valley, e iso foi apenas un anticipo do que estaba por vir; mais tamén está moi por detrás das súas mellores obras dos anos 30, Arrowsmith, Pilgrimage ou mesmo The Informer. Boa parte das fraquezas de The Hurricane repousan na parella protagonista, Dorothy Lamour e sobre todo Jon Hall, de tan evidente louzanía física como reducida forza escénica. Mais, aínda non sendo un Ford maior, e máis alá da sensacional reconstrución do furacán que facilitou o seu grande éxito comercial, é doado recoñecer nel un grao de complexidade impensábel na banalidade cotiá do audiovisual mainstream de hoxe. Aí está, por exemplo, o cuarteto memorábel que sostén a película: Raymond Massey, o gobernador francés fanático, obsesionado co cumprimento das normas, por inicuas que sexan; a súa dona, Mary Astor, nun dos seus impagábeis retratos de muller constrinxida polas convencións sociais; Thomas Mitchell, o médico empático, integrado nunha comunidade que para Massey non é máis ca unha incómoda paisaxe; e C. Aubrey Smith, o sacerdote que elixe a xustiza antes ca a lei (e se Mitchell anticipa, en certo xeito, o seu médico d’A Dilixencia, a figura do sacerdote fai pensar no John Carradine d’As uvas da ira, alguén que perante a inmoralidade do sistema debe afastarse del e asumir o seu sacrificio). Poderíamos sumar un quinto personaxe, o que encarna xustamente John Carradine, un carcereiro cruel que se deleita na prisión de Jon Hall, entendida como vinganza ante as arelas de liberdade. Sen necesidade dun desenvolvemento dramático prolixo, estes personaxes teñen entidade suficiente, moi superior á que outorga a pura acumulación de peripecias da narrativa televisiva hoxe xeralizada, esa narrativa deseñada para quen “ve” os contidos a dobre velocidade nunha pantalla minúscula ao tempo que atende outros labores. 

Na maioría das entrevistas Albert Serra fala desa banalización das producións audiovisuais (gardemos para mellor ocasión o adxectivo “cinematográfico”) e da ausencia nelas de imaxes orixinais, imaxes que non viramos antes mil veces. Adoita dicilo cunha mestura característica de contundencia e humor que algunha xente detesta e eu, confésoo, sinto moi próxima. Contra esa simplificación, Serra responde con exixencia e traballo. Os seus filmes non nacen dunha única ocorrencia feliz; son o froito, arduo, de descascar un vasto material orixinal para atopar nel a obra definitiva. Hai que pensar e dedicar horas (centos) na procura de imaxes novas. Imaxes abraiantes, coma o bloque de cinco ou seis minutos do surf en Pacifiction, co azul que se converte en verde ao romper as ondas; ou, máis adiante, os diferentes tons de azul no mar e no ceo, experiencias, as dúas, realmente inmersivas sen caer na tentación da postal. Non hai cineasta hoxe que supere a Albert Serra no seu respecto pola luz, polos diferentes niveis de luz: o día é día, o crepúsculo é crepúsculo e a luz artificial, invasiva, é luz artificial, e aí fica ese plano prodixioso do campo deportivo, cos focos que se acenden e danlle á herba a cor que esperamos. Por suposto, tamén a noite é noite, é dicir, negra. Serra non ten medo dela, como non o teñen Sandro Aguilar ou Apichatpong Weerasethakul, e así nos seus filmes a noite non se transforma nunha especie de instalación artística con luces que veñen de lugares imposíbeis e acaba por facer da paisaxe un decorado ou, peor aínda, un escaparate. Con Serra, ou con Sandro, a escuridade é escura. 

Na súa filmografía o director catalán valeuse en varias ocasións de mitos recoñecíbeis, do Quijote e Sancho a Casanova e Drácula, para, dalgunha maneira, “aforrar as presentacións”. O mito ao fondo de Pacifiction é o do “paraíso perdido”, mais, a diferenza do ánimo rousseauniano do Tabú de Murnau ou The Hurricane, o que se evidencia aquí é que, para a metrópole, o paraíso non foi nunca outra cousa que un manancial de recursos, un vertedoiro onde deitar o lixo ou un bordel con barra libre, a miúdo as tres cousas á vez. O travelling inicial sobre os contedores portuarios xa deixa claro que non imos ver estampas turísticas: Pacifiction fala da podremia do poder, levando ao límite unha idea xa presente en La mort de Louis XIV. O relato xira arredor dun representante do estado francés na Polinesia, o Alto Comisionado De Roller, a cargo dun eminente Benoît Magimel en extraordinaria comuñón cos métodos de Serra. De Roller, como a negra sombra rosaliana, en todo está e el é todo; durante a maior parte da metraxe vémolo sempre en movemento, maquinando cousas, ás veces de xeito paternalista, outras (o episodio co líder relixioso arredor dun casino) con pouco misericorde disposición á violencia. É un clásico cacique que inflúe até nas coreografías dun grupo de danza, ao que lle reclama “máis agresividade”, ou entra en calquera sitio á súa vontade (“non preciso de ninguén, convídome eu só”, di en referencia ao local que rexenta Morton - Sergi López). Mais sobre todas esas conxuras grandes e pequenas sobrevoa, con desacougo crecente, a presenza dun submarino do exército francés e a posíbel recuperación dos ensaios nucleares. Devagar, De Roller convéncese de que non o domina todo e intúe outras forzas que conspiran, dentro e fóra. Acabará estourando nun monólogo alucinado, o que compara a política cunha discoteca no que as persoas “xa non teñen referentes”, perden o "equilibrio, a memoria, o sentido común”, a propia noción de se é día ou é noite, do tempo mesmo. “Cren controlalo todo mais non controlan nada, nin eu controlo todo, é unha ilusión”, asume. En The Hurricane, C. Aubrey Smith espetáballe a Raymond Massey nunha escena de confrontación que “hai cousas máis fortes ca os gobernos neste mundo, algo máis profundo, máis real” [There are stronger things than governments in this world. Something deeper. More real], e esa frase ben podía formar parte dese soliloquio de De Roller para o recordo.

Benoît Magimel e Pahoa Mahagafanau

Pacifiction expón, en toda a súa crueza, a degradación da política como unha ferramenta máis en favor da explotación capitalista da natureza e os corpos, unha globalización do mal até un punto tan grotesco que só admite a súa representación como farsa. A película, que podía parecer un thriller elíptico no que nunca se chegan a concretar nin a resolver os misterios, encamíñase de forma coherente a unha media hora final que, a través de atmosferas e non de homilías, ispe a putrefacción do mundo e a corrupción do desexo asociada á submisión. Pacifiction érguese non xa coma a obra mestra que marcará o 2022, senón coma unha sorte de final de traxecto, un final da historia (agora si, Fukuyama) que inquieta tanto como ilumina. A apocalipse, finalmente, vai chegar.

Martin Pawley (con agradecemento especial a Marcos Pérez, a quen lle roubei algunha das ideas aquí expostas). Para saber máis: dosier no número de setembro da revista Caimán - Cuadernos de Cine, con entrevistas a Albert Serra (Àngel Quintana), Montse Triola (Eulàlia Iglesias) e Artur Tort (Javier Rueda) e crítica de Jara Yáñez. 

mércores, 6 de novembro de 2013

Premio Cineuropa 2013: Albert Serra

Manoel de Oliveira, José Luis Guerín, Pedro Costa... o Premio Cineuropa foi distinguindo ao longo da súa historia a algúns dos autores máis insubornables do cinema contemporáneo, os que transcenden o ámbito local para se converteren en referencias de vangarda mundial, os que fan camiñar a arte por vieiros non pisados. A esa listaxe ilustre engádese agora o nome de Albert Serra (Banyoles, 1975), o cineasta español con maior recoñecemento internacional dos últimos anos.

Descubríunolo a Quinzaine des Realisateurs de Cannes, que da man de Olivier Père viviu un dos seus períodos máis fértiles coma plataforma de lanzamento de creadores (Lisandro Alonso, Miguel Gomes, Corneliu Porumboiu e Mia Hansen-Løve, entre outros). En 2006 pasou pola Quincena Honor de cavalleria, achegamento non narrativo, libre e valente á novela por excelencia das letras españolas, o Quijote de Miguel de Cervantes. O filme, rodado integramente en exteriores, en paraxes naturais catalás sen a máis mínima presenza de construcións humanas -Miguel Marías chegou a definilo coma un western-, prestaba atención ás paisaxes e os tempos mortos no vagar dos dous arquetipos literarios: aquí un Quijote terminal e algo rosmón e un Sancho desorientado, que parece preguntarse que fai na compaña deste home que de cando en cando lle propón mirar o ceo. Mais, como se apunta de maneira explícita nun dos diálogos, un non existiría sen o outro. A crítica que importa -daquela, con Cahiers du Cinema á cabeza- respondeu con entusiasmo e Honor de cavalleria acumulou ducias de festivais e premios en citas tan destacadas coma a Viennale (o FIPRESCI), Belfort e Torino.

Na súa seguinte longametraxe valeuse doutro relato mítico, o da adoración dos Reis Magos. El cant dels ocells (2008) erguíase sobre a tradición cristiá, dos textos bíblicos e a arte sacra á cultura viva dos autos sacramentais, na busca dun “cinema puro”, que reivindica o feito relixioso, o misterio da humanidade, máis alá da catequese. Coma na anterior, Serra manexa de forma consciente o coñecemento que o espectador ten dos personaxes e dos feitos para omitir calquera tentación descritiva e deterse, de novo, na gloria da natureza, na beleza da imaxe, diluíndo as fronteiras entre a ficción e a non ficción. E conségueo sen caer na solemnidade, no hieratismo mortuorio; antes polo contrario, hai humor, moito, nunha película que é xenuíno gozo e celebración.

O eco de Serra nesa altura é xa incuestionábel. Recibe convites de institucións culturais e museos que resolve con audacia: El noms de Crist (2010) deseñada para a exposición ¿Estáis listos para la televisión? do MACBA que puidemos ver tamén no CGAC; El senyor ha fet en mi meravelles (2011), encargo do CCCB dentro da serie Correspondencias que a el o uniu co arxentino Lisandro Alonso. O seu prestixio lévao a ser protagonista da edición 2012 da lendaria Documenta de Kassel, para a que preparou un proxecto descomunal, El tres porquets, sobre tres figuras chave da historia alemá, Goethe, Hitler e Fassbinder. 101 horas de montaxe final que viaxaron, logo da Documenta, ao Centro Pompidou de París na retrospectiva integral que lle dedicou na primavera pasada.

O intenso traballo de Kassel adiou a versión definitiva de História de la meva mort, co que obtivo o premio maior no Festival de Locarno 2013. O encontro entre Casanova e Drácula representa, á vez, un choque de séculos: o XVIII fronte ao XIX, a Ilustración fronte ao Romanticismo, a luz contra as tebras. Gañan as tebras. E gaña, sobre todo, Serra, que se reinventa cun verdadeiro filme falado tan diferente a calquera cousa que poidan imaxinar -incluídas as súas obras precedentes- que é, nas súas propias palabras, unfuckable. Razón non lle falta.

Martin Pawley. Texto para o catálogo do festival Cineuropa 2013, edición número 27.

xoves, 22 de agosto de 2013

El cant dels ocells, auto de representación moderno

Uns días despois do gran triunfo de Albert Serra en Locarno con Història de la meva mort, recuperamos un dos primeiros artigos que escribiu José Manuel Sande en Xornal de Galicia a conta da estrea española de El cant dels ocells.
El cant dels ocells, auto de representación moderno

Se Albert Serra (Banyoles, Girona, 1975) conxuraba en Honor de cavalleria (2006), aproximación ao vagar de Don Quijote e Sancho, os ecos do relato cervantino cunha sinxeleza -pola que se filtraba unha naturalidade que absorbía ás figuras humanas- que irritou a moitos, en El cant dels ocells (O canto dos páxaros, 2008) nos achega a terreos lindeiras coa celebración relixiosa que parecían afastados. Descrición do periplo dos Reis Magos cara á adoración do neno Xesús, nela conflúen os ecos dalgúns dos grandes mestres (Pasolini, Rossellini, Dreyer, Bresson, Scorsese, Godard) en correlación con elementos derivados do cine primitivo, dos retablos elaborados na antigüidade e dos autos de representación teatrais, compoñentes da tradición cultural cristiá en boa medida vixentes, aínda que os usos modernos pagáns e a estrañeza do relixioso contribúen a manter en segundo plano.

A película foi o único título español presente no Festival de Cannes 2008, participante na Quincena de Realizadores, acreditada pola excelente recepción que o título anterior obtivera en Francia, incluída unha especial dedicación desde as páxinas da prestixiosa revista Cahiers du Cinéma e a posterior distribución por salas con numerosas presentacións a cargo do director. Todo o contrario, por certo, que a súa traxectoria peninsular. Erixíndose en figura insólita e apaixonante no noso cine que soborda autenticidade, Serra, preto de influencias e nomes foráneos pero con trazos inconfundibles do entorno próximo, é partícipe das tentativas de renovación da linguaxe fílmica e, ao tempo, absolutamente descoñecido non só para boa parte dos espectadores, senón tamén dentro da profesión. Especializado en Literatura Comparada, contrario ao Chaplin sentimental -sobre o que ven de firmar unha peza da longametraxe colectiva Reflejos de Chaplin (2008)-, Serra é un católico confeso, un provocador -trazos de Dalí na construción do seu personaxe-, un deslinguado con medida lucidez, que se nos ofrece emblematicamente como autor capaz de traballar -con altas doses de azar, improvisación e manipulación- de maneira case exclusiva con actores non profesionais orixinarios do seu pobo nunha construción comunitaria que parece recoller estruturas pasadas -unha metodoloxía que podería resumirse na máxima “Serra filma os seus”- mentres se instala na procura de pureza do cine pioneiro.

En El cant dels ocells percibimos unha progresión e afán de busca que linda co etéreo, o abstracto e os piares da metafísica. Fronte á maior concreción de raíz cervantina de Honor de cavalleria, emerxe aquí unha liberdade gozosa. Unha liberdade pola que este estado de iluminación racional se transmite de diversas maneiras: concentración na esencialidade a través da posta en escena; intencionalidade simultaneamente realista e sacra nun relato que se propón como relixioso, exploratorio da fe e o misterio; explosivo e hilarante sentido do humor; destrucción de toda estandarización narrativa e estilística a través duns presuntos tempos mortos entendidos como capturas do intanxible; mestura de técnicas nas que ficción e non-ficción se atopan. O proveito do descoñecemento existente sobre as figuras dos Reis Magos, a súa carencia de toda psicoloxización ou representación, leva a aposta de realizar un filme baseado na paisaxe e as figuras inseridas, imaxe-tempo que amosa con lirismo e audacia unha terra mítica.

A película rodouse cunha cámara de alta definición, con convincentes contrastes na imaxe en branco e negro, en Islandia, Tenerife e Fuerteventura en localizacións que Serra viu seis días antes do inicio da rodaxe por Google Earth. O papel de San José foi encargado a Mark Peranson, director da revista Cinemascope, que se encargou de constatar os particulares métodos de traballo de Serra no documental Waiting for Sancho.

El cant dels ocells estreouse con catro copias (en Barcelona, Madrid, Girona) o 19 de decembro. Serra prepara agora varios proxectos, entre eles un filme biográfico sobre o cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder e unha revisión fílmica do episodio bíblico das vodas de Canaán.

José Manuel Sande