luns, 30 de decembro de 2013

domingo, 22 de decembro de 2013

Cine y Jazz

“Un libro extraordinario en el panorama mundial que desglosa mediante múltiples entradas descriptivas ordenadas alfabéticamente la relación entre cine y jazz desde comienzos del siglo XX hasta la actualidad, tras un prólogo donde se describe la evolución estético-cronológica de estas dos expresiones artísticas que alcanzaron la respetabilidad cultural al unísono”.

O texto da contracapa describe, con certo exceso na loanza, as características do vistoso libro publicado por Cátedra, Cine y Jazz, con autoría do coñecido historiador cinematográfico Carlos Aguilar. Un volume esplendidamente editado, inzado de ilustracións e cunha aparencia elegante que o converte en desexábel a primeira vista; o agasallo perfecto para colocar enriba da mesa de metacrilato do salón. Se é innegábel a fermosura do continente, resulta máis decepcionante o contido, empezando polo prólogo, que pasea con espírito lixeiro e apresurado polas numerosas conexións entre o jazz e o cinema. Nesas páxinas apúntanse referencias de enorme interese que merecerían ser comentadas devagariño máis adiante. Cítase, como non, Aleluia de King Vidor para precisar a seguir que é común ignorar “la modesta producción independiente Hearts in Dixie” de Paul Sloane, que, infelizmente, non merecerá ficha específica no (exhaustivo) dicionario que dá corpo ao libro. Tampouco ten artigo propio a curta de Dudley Murphy Black and Tan (con Duke Ellington), mais si, por exemplo, Memorias del ángel caído de Fernando Cámara e David Alonso, coa escusa de que hai unha actuación de jazz rodada na sala Clamores, ou Todas las canciones hablan de mí, cuxa banda sonora serve para meterlle o dedo no ollo, sen moita necesidade, a Jonás Trueba, ao cualificar o filme de “poco sorprendente, más bien artificioso y no muy conseguido” [1]. De feito, o empeño en citar certos títulos parece responder unicamente ao desexo do autor de expresar o seu desprezo polos mesmos. Así sucede con Estrada perdida (“narcisismo de autor tan hueco como estéril, apto solo para los convencidos y/o incondicionales del sobrevalorado David Lynch”), The James Dean Story (“pretencioso y artificial, delata a menudo, para mal, la autoría de un cineasta tan sobrevalorado como Robert Altman”) ou Lenny (“cuyas ambiciones superan la capacidad de Bob Fosse, soberbio coreógrafo pero limitado realizador”).

Inevitábel era a inclusión de películas esenciais ao tema do libro, mais non por iso escapan da mala uva do autor. Shadows de John Cassavettes, con música de Charles Mingus, “ha envejecido mal y resulta de dudosa eficacia en su espontaneísmo excesivo, monótono y más bien autoindulgente”. Les mademoiselles de Rochefort de Jacques Demy é un “decepcionante intento de prolongar la singular cualidad de la película previa de su autor, la genial Los paraguas de Cherburgo”, e da “decepción” non se salva nin sequera Michel Legrand. The Sting amosa un “registro ligero de comedia policiaca puramente comercial, repleto de trucos de guión, sobrecargado respecto a vestuario y ambientación y sin mayor interés”. Máis xeneroso é coa obra de Manuel Iborra (Orquestra Club Virginia é “sorprendente y muy estimable”, Pepe Guindo a súa “obra maestra”, “atípica y admirable, brillante y modesta por igual”) e sobre todo Jesús Franco; con actores coma Andy García (“una de las mayores estrellas latinas de Hollywood en los últimos decenios”) ou con títulos coma La leggenda del pianista sull'oceano do experimentado reposteiro Giuseppe Tornatore. Filias e fobias acumuladas de maneira caprichosa ao longo de case catrocentas páxinas, iso si -déixenme que insista- moi bonitas.

Martin Pawley

Nota:
[1] Curiosamente, non se destaca a pegada do jazz na filmografía de Pedro Almodóvar: Gil Evans & Miles Davis en Tacones lejanos, Xavier Cugat en Kika, Sidney Bechet en La piel que habito ou Luiz Bonfá en Los amantes pasajeros, ademais dos xiros jazzísticos non precisamente inusuais na música de Alberto Iglesias.

venres, 20 de decembro de 2013

Proxecto NIMBOS: Alfa i Omega (Otto Roca, 2013)



Curtametraxe de Otto Roca para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

Alfa i Omega

Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.
A vocación do mundo é subir antre cadabres por un camiño de sede e lusquefús.
A espranza do mundo é o amor consumido de sede na consumación da crus.
A fin suprema do tempo é un estalido de groria na lus.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

Bases do II Premio Acto de Primavera ao mellor filme galego de 2013

1. O premio Acto de Primavera, con carácter anual, pretende salientar o bo momento creativo do cinema galego e, ao mesmo tempo, converterse en punto de encontro da crítica e a información cinematográfica do país.

2. Para a elección do mellor filme galego de 2013 tomaremos en consideración os filmes dirixidos por un autor galego, ou que conten cunha clara produción maioritaria galega. Quedan expresamente excluídas as obras producidas para a televisión (series, TV-movies).

3. Poderán ser escollidos unicamente aqueles filmes que tiveran ao longo de 2013 a súa primeira exhibición pública oficial, sexa onde for (festivais, filmotecas ou salas comerciais). Fican, pois, descartados os traballos que malia seren exhibidos en pantallas galegas en 2013 xa tiveron a súa estrea oficial en anos anteriores. Calquera filme que non verifique esta condición será excluído, previo aviso á persoa que votou por el. As dúbidas sobre a data de estrea dos filmes poderán ser consultadas e/ou debatidas cos promotores do premio (colectivo Acto de Primavera). Non obstante, como hai obras realizadas tras o 14 de decembro de 2012, data de resolución do I Premio Acto de Primavera, aceptamos para a segunda edición eses filmes que viron a luz nese período de desfase.

4. Poderá ser escollido calquera filme independentemente da súa duración, formato de rodaxe e exhibición, etc. Incluímos, pois, longas, curtas e mediometraxes.

5. Os críticos e xornalistas consultados elixirán até un máximo de cinco títulos, por orde de preferencia. O filme favorito levará 5 puntos, o segundo 4 e así até o último dos cinco, que levará 1. En caso de que non se complete a listaxe de cinco filmes a asignación farase igualmente dende a máxima puntuación, 5 puntos, e logo en sentido descendente. É dicir, se alguén elixe só tres filmes, os puntos que levarán serán 5, 4 e 3. Non se aceptarán votacións que non indiquen orde de preferencia.

6. Ninguén poderá votar por filmes cos que estea directamente vinculado en labores que afecten de xeito claro á súa creación (dirección, produción, guión, interpretación, fotografía, montaxe, música, etc).

7. As votacións individuais e o cómputo global final serán publicadas no blog Acto de Primavera

8. As persoas consultadas deberán enviar os seus votos por correo electrónico ao enderezo: actodeprimavera@gmail.com

O prazo remata o 5 xaneiro de 2014 ás 14:59.

Galicia, 20 de decembro de 2013

Cinema galego 2013

Partimos do aviso de que neste texto ninguén agarde atopar un inventario exhaustivo da produción cinematográfica de Galicia no ano 2013. Malia que somos conscientes das posibles ausencias convén botar a vista atrás e facer un repaso ao que se chegou a estrear no ano que estamos a punto de finalizar. Moitos pensarán que foi un ano de crise mais aínda notamos certa inercia do pasado xa que viñeron á luz títulos onde a súa semente procede de anos anteriores. Sería interesante saber o que se semeou este ano para ver como será o futuro, mais este tema o adiaremos para unha mellor ocasión.

Comezamos o repaso cos dous títulos máis ecoados neste ano pola súa participación nunha chea de festivais: Costa da Morte e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser. Uns proxectos xurdidos das maltratadas axudas de talento e que contaron co paraugas da produtora Zeitun Films, a única produtora galega interesada nos novos creadores e, en definitiva, nun cinema diferente. Outros filmes que tiveron andaina por festivais foron El triste olor de la carne, O ouro do tempo e El árbol magnético. Mais outro título que causou un forte impacto a varios niveis foi Vidaextra, un empeño case persoal ao nivel d´A realidade, Une histoire seule ou de Tilda e Jean. E por medio do crowfounding materializouse outra produción independente: Nueve olas. Noutro lado da balanza atópase as apostas claramente comerciais como Somos gente honrada de Vaca Filmes. A medio camiño ficaron outras producións como Inevitable ou El pequeño mago. No campo do documental destaca o amplo continxente de documentais sobre a memoria como Desde dentro do corazón ata A fazaña da liberdade. Outro apartado nos documentais é a temática social, como acontece en Entreparadas, ou a revisionista dentro do biopic, como é Toñito Blanco: so, perdido e vicioso.

Porén, a produción de curtametraxes estase a resentir en exceso. Os directores ao meterse na epopea dunha produción decántanse por un formato máis longo que curto. Non obstante contamos con proxectos teimudos como Flores para Amalia e La carne cruda. Tamén vemos como existe certo éxodo e directores que buscan fóra como materializar os seus proxectos: Calquera infinito é posible, Mr. Bear ou Unicornio Blood. Outros que viven no “exilio” exploran a súa condición de emigrante en Pettring ou en Acto de inverno. Outra vía da curtametraxe é a súa comuñón coa vontade expositiva como La imagen arde e Fomos ficando sós. Por último sinalar as curtas que xa comezan chegar ao abeiro do Proxecto Nimbos, onde, outra vez, se demostra a elevada xenerosidade dos cineastas.

Mais ou menos este é o repaso do cinema galego no 2013. Agora escoitaremos aos críticos para que valoren a colleita deste ano e resolveremos a quen se lle concede o Premio Acto de Primavera 2013.

Xurxo González

mércores, 18 de decembro de 2013

Lisboa

Fun a Lisboa por vez primeira na adolescencia e non volvín a ela até 2007, con ocasión do meu primeiro Indielisboa. Ao festival viaxei nun avión pequerrecho de Portugalia -agora TAP-, un de hélice de menos de vinte prazas, case un autocarro con ás. Facíase así aínda máis pracenteira a chegada a un aeroporto que, ao estar tan perto da cidade, obriga a paseala dende o ceo xusto antes de tomar terra: o meu namoramento naceu xa nas alturas.

Aqueles días en Lisboa morei nunha pensión no Bairro Alto, que non é mal bairro para empezar. Foi poñer un pé na rúa e camiñar pola Misericordia baixo un sol de abril e ter unha sensación instantánea de ledicia. O Indie, festival modélico, serviu -e servirá- de escusa para voltar a Lisboa cada primavera, e aquela ledicia primeira non fixo máis que medrar. Gústame estar alá. Tamén visitar os seus espazos emblemáticos e facer todas as cousas que facemos os turistas -quero pensar que eu alí xa non o son, ou non de todo-, mais, sobre todo, gústame estar. Estar, ademais, en boa compaña. Agora cando vou a Lisboa experimento unha feliz frustración: non consigo ver a todos os amigos. Non me dá o tempo.

Entre tanto foron acumulándose experiencias. Lisboa é, tamén, unha noite na Mesa dos Frades co incansábel João Botelho (actuaba Carminho), un concerto de Lou Reed, un picnic de aniversario no Jardim da Tapada das Necessidades, un partido do Benfica na casa do Miguel, un show do Gonçalo Gonçalves no Chapitô, dous ou tres paseos en barco polo Tejo, un encontro casual con Mia Couto nunha libraría, un programa de radio na RDP-África co Rogério Gomes, un almoço no Cais do Sodré co Carloto, un jantar sublime coa Graça Castanheira, un copo á noite co Pedro Peralta, unha manifestación do 25 de abril, un debate sobre cinema e ciencia que inventou a Joana e unha conferencia de Pedro Russo. E, ademais, ducias e ducias de filmes de cineastas que admiro e aprezo.

Renuncio, pois, a ser obxectivo. A última vez que vin Lisboa coincidín no voo con David Pintor; decateime no bus que nos levaba á terminal, mais non me decidín a presentarme. Fixen mal: tería sido xenial compartir con el un café nalgún dos espazos que inspiraron o fermoso álbum que vén de editar Kalandraka. Sería outra bonita experiencia, compartir Lisboa con alguén que a quere debuxar. David pinta unha cidade necesariamente luminosa que exhibe o encanto melancólico dos tranvías, mais consegue afastarse do espírito das guías de viaxe para amosar unha Lisboa real e fabulosa a un tempo, con tendais da roupa nas ventás e sardiñas a voaren libremente polas páxinas. É fácil recoñecerse nese álter ego do autor que debuxa nunha terraza, pasea por calellas empedradas ou descansa nun banco nun miradoiro con vistas ao río. Nas ilustracións de David Pintor cada lector atopará as pegadas da súa propia Lisboa e irá incorporando ao libro -así debe ser sempre- os sitios, sons, músicas e sabores que a memoria lle traia, que para min son moitos. O dito, non podo -nin quero- ser obxectivo.

Martin Pawley

luns, 16 de decembro de 2013

E agora? Lembra-me: a sinceridade fermosa da nudez

por Miguel Castelo

O Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe na súa programación cinematográfica de novembro e decembro, en colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, a portuguesa Agência da Curta Metragem (Vila do Conde) e CulturArts-Filmoteca de Valencia, un ciclo sobre a produción portuguesa máis recente. Como adoita acontecer, as expectativas non defraudan: o cinema portugués segue a mostrar unha vitalidade, unha inventiva e uns logros artísticos fóra do común, que a consolidan como a máis renovadora e interesante das cinematografías europeas e unha das máis importantes do mundo.

E se cadra, entre os filmes que un puido ver -Centro histórico, nomeadamente o episodio de Víctor Erice, Terra de ninguém (Salomé Lamas), O fantasma do Novais (Margarida Gil), Vamos tocar todos juntos para ouvirmos melhor (Tiago Pereira), Torres e cometas (Gonçalo Tocha), A vingança de uma mulher (Rita Azevedo), O Gebo e a Sombra (Manoel de Oliveira)-, sexa E agora? Lembra-me o que máis salienta pola súa singularidade. Aínda que ben pensado non é este o cualificativo que mellor acae aquí, dada a tamén singularidade dos citados. Digamos, logo, que este é o que máis me convidou a enzarapallar unhas letras. Talvez, pola auténtica emotividade que destila, polo que de testamentario conteñen a pregunta e a solicitude do seu título, pola evidencia de non se tratar dunha ficción.

Enunciado en primeira persoa e sen renunciar a diversos tempos retrospectivos, céntrase E agora? Lembra-me no decorrer do presente do seu realizador, Joaquim Pinto, recoñecido operador de son, alén das fronteiras do seu país. “Uma reflexão sobre o tempo e a memoria * a sobrevivência para além do expectável * a dissensão e o amor absoluto * O caderno de apontamentos de um ano de ensaios clínicos con drogas tóxicas.” Estas frases que, en sobreimpresión, aparecendo e desaparecendo, se suceden ao comezo da fita, definen e anticipan de modo claro e preciso a historia que imos contemplar.

Arredor de vinte anos afectado polos virus VIH e VHC, Pinto loita arreo pola supervivencia, someténdose mesmo a estudos e probas con fármacos en período de experimentación, ao tempo que con normalidade, dentro das súas limitacións, leva adiante o seu proxecto vital coa asistencia do seu compañeiro sentimental, Nuno Leonel, co que tamén forma sociedade como pequenos empresarios agrícolas. E entre este presente de encontro coa vida rural, a natureza, de batalla coa SIDA e a Hepatite C, e o seu pasado cinematográfico e mesmo os anos da adolescencia decorre o relato autobiográfico do realizador. Mais alá do seu principal oficio de sonidista, que exerceu para unha grande parte dos directores do seu país e así mesmo para outros como Raúl Ruiz, Werner Schroeter e André Téchiné, Joaquim Pinto representa a figura do cineasta integral, coñecedor das outras funcións todas como ben demostra nesta súa cuarta longametraxe. As ficcións Uma pedra no bolso (1988), Onde bate o sol (1989) e Das tripas coração (1992), e varios documentais e curtametraxes posteriores, algunhas delas de animación, realizadas en colaboración co seu compañeiro de vida, constitúen os seus traballos como director, nos que como é habitual desempeña tamén outros cometidos. Como produtor, levou adiante Recordações da Casa Amarela (1989) e A Comédia de Deus (1995), de João Cesar Monteiro, e A idade maior (1991), de Teresa Villaverde, entre outros. Algunhas destas actividades e as amizades que delas naceron, tal que Claudio Martínez, Kurt Raab, Serge Daney, Derek Jarman, Manfred Salzgeber, algúns deles falecidos a causa da SIDA, son inevitabelmente motivo de relembranza e comentario no filme, como tamén o son outros cineastas, literatos e músicos admirados.

O tributo á amizade, a memoria do tempo e o seu inexorábel pasar, o presente como único e verdadeiro patrimonio da vivencia, a constante ameaza das epidemias, a crise que nos malla, a globalización e os seus efectos, o estimulante reencontro coa natureza… entretécense coas consecuencias puntuais da doenza e os efectos do seu agresivo tratamento. En off, axudado de fotografías, documentos diversos, retrospectivos materiais propios en S8 e outros filmes, por medio de soliloquios e diferentes situacións (inducidas, casuais e inesperadas), obtidas nun proceso de (auto)filmación cuase permanente no decurso de cada xornada, o cineasta vai trenzando o relato, facendo interactuar presente e pasado nun ir e vir, a través de asociacións de ideas, orixinando un continuo estado de sorpresa no espectador. E, lonxe de reivindicar a condición homosexual e os seus dereitos, de entoar traza algunha de lamento, de se ollar na miraxe da autocompaixón, Joaquim Pinto aborda calquera dos temas enunciados con sinxeleza e sinceridade, coa naturalidade propia de quen fala do que coñece, sen afectación, sen fachendear de nada, con lucidez e delicadeza extremas, mais tamén con atrevemento e coraxe, convertendo a súa exposición persoal, automostración de inusual dureza -nestes tempos de desenfreada competencia da impudicia e a desvergoña-, nun alentador discurso exemplar, ao tempo que constrúe un filme fermoso e conmovedor, que reborda afouteza e insólita valentía.

xoves, 12 de decembro de 2013

Proxecto NIMBOS: Ínsula (David Castro, 2013)



O espazo dunha habitación baleira entre o bater duns remos na auga.
Son da auga removida na escuridade.
Escoitase una barcaza a motor como punto de referencia fuxitivo ao tempo que aparece o texto do poema.

Curtametraxe de David Castro para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

Coma unha ínsua

Pro véu a noite derrubando todo!
I eu, sedento dunha áncora ou baía,
dinme a buscar teus cen perdidos nomes
pra te chamar, ouh nai, ouh ínsua miña!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

mércores, 11 de decembro de 2013

Proxecto NIMBOS: Terra sucada (DnL, 2013)



Curtametraxe de DnL para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

Terra sucada

Terra sucada, poemas
de cen versos na outonía!
Orballa na cal, no escuro
camiño de tantas vidas...

Ferve o gráu, pulo enterrado
da espranza, nena dormida.
Terra do céio arrincada!
Chora a terra desterrada,
terra arada, nai perdida.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

Adolescentes

por Alberte Pagán

Em novembro de 2010 Iago Martínez quijo abrir umha janela no CulturGal de Pontevedra e convocou umha série de cineastas para apresentarem a sua obra. Eu aproveitei para projectar a daquela inédita Eclipse. Na mesma jornada e na mesma sala Ángel Santos mostrou fragmentos da sua Adolescentes, rodada entre setembro e outubro e por aquel entom em processo de montage. Gostei do conceito, mas quando vim o primeiro plano chocou-me o tremer da cámara em mao (sempre tivem querência polos planos fixos): o projecto prestava-se para uns enquadres e composiçons elaborados desde umha cámara fixa no seu trípode. Assi lho comentei a Santos, que me respondeu que a ausência de trípode era umha escolha deliberada e igualitária: queria estar à altura das suas e dos seus retratados: se a gente nova que posa diante da cámara tem que aguantar estoicamente os dous minutos e meio que dura cada toma, tamém temos que sentir o aguante do cineasta mentres sujeita a cámara, as suas vacilaçons e a fortaleça do seu pulso (na realidade, o cineasta olha comodamente como o seu fotógrafo, Bertitxi, fai o esforço por el). Hoje, quando vejo a película rematada, nom podo concebê-la doutro jeito: efectivamente, a mobilidade da cámara é parte essencial da obra.

Adolescentes (2012, 63’) é 21 retratos de moços e moças que podem aparecer em solitário (como o primeiro e outros 4), em parelhas (como o derradeiro e outros 7), em trios (um par deles), quartetos (3), quintetos (2) ou septetos (o sétimo). Das 56 persoas retratadas 18 som mulheres e 38 homes. Cada plano dura dous minutos e meio e está separado do seguinte por celuloide branco e, nalgum caso, por images impressionadas que duram uns pouco fotogramas, tomas falsas e acidentais que Santos conserva bem para manter a integridade da bobina bem para conservar a textura original do celuloide. A película começa precisamente cumha destas tomas falsas, na que, brevemente, o retratado aparece recolhido por umha cámara rebelde que fai umha panorámica nom intencionada. De igual jeito o quarto plano começa cum subliminal contrapicado fixo das copas das árvores; e o seguinte cuns fotogramas abstractos.

Adolescentes é umha olhada directa e honesta à realidade, aos rapazes e raparigas e ao contexto urbano que os (des)acouga. A cámara abre-se ao mundo sem manipulaçom, curiosa e paciente como a dos Lumière e a de Warhol. Porém, a película tem um aquel de irreal e fantasmagórico que num princípio um nom sabe mui bem donde procede. Mas se prestamos atençom decataremo-nos de que é o som, e a sua ausência, o que nos desacouga. Santos nom conservou o som directo, senom que regressou com posterioridade aos mesmos espaços para gravar o ambiente sonoro, fidedigno ao espaço mas falso cos protagonistas. As e os retratados convivem pois cumha banda sonora que pertence às ruas e praças que habitam mas que nom lhes pertence, real e irreal ao mesmo tempo. Os débeis intentos de sincronizaçom (a música apagada dos auriculares no retrato 14, o repentino jorro da fonte no 12, umha pequena tos no 9) convivem cumha óbvia ausência sonora, situando a película num estranho limbo entre a realidade e a fantasmagoria.

Transiçom ao plano 4 de Adolescentes



O som, ademais, ajuda a estruturar os diferentes espaços nos que se reúne a juventude pontevedresa, essa meia dúzia de praças e galerias que se agrupam em secçons nom sempre facilmente identificáveis. Os retratos 11 e 12 estám claramente rodados no mesmo lugar: a fonte que cobra força tras a parelha de 11 reaparece subliminalmente num reflexo no cristal do bar de 12. Neste caso é o som do jorro o que nos chama a atençom sobre a sua presença visual. De igual jeito os planos 13, 14 e 15 pertencem à mesma seqüência: nos tres vemos, intuímos ou escoitamos a actividade de rapazes exercitando-se no monopatim, bem fora de campo bem em segundo termo. A mirada pendular do retratado do plano 13 cobra significado polo ruído dos monopatins, ruído que ao mesmo tempo ajuda a identificar as sombras reflectidas na polida pedra da fachada na que o moço se apoia. Há continuidade sonora co plano seguinte, no que vemos directamente, tras o retratado, os moços em monopatim. No plano 15, mais amplo, a parelha de retratados posa no meio da praça que serve de área esportiva. À direita podemos ver a fachada que servia de espelho dous planos atrás. E assi, pouco a pouco, com pequenos detalhes visuais e sonoros, podemos reconstruir a geografia urbana que emarca os retratos e que é à sua vez retratada.


Transiçom ao plano 17 de Adolescentes



A geografia urbana, pois, é tamém protagonista da película, através dos fundos da image, dos reflexos em fachadas e galerias, dos sons urbanos, da gente que passa por diante da cámara: o colectivo retratado nom está só senom que formam parte dum contexto e dumha sociedade. Os espaços, que tendem à permanência, arroupam e acolhem a mocidade retratada, por definiçom efémera. De feito, entre a rodage e a exibiçom os adolescentes retratados já deixárom de sê-lo (mas sempre o serám na película). É umha idade efémera imortalizada durantes esses tempos de espera em ruas e praças, essas juntanzas sem mais objectivo que o de estarem juntos ou como muito o de decidir “que fazemos hoje”. Som momentos de “nom fazer nada” igualmente efémeros, um fugitivo passar pola cidade que se encherá de novos moços e moças, sempre os mesmos e sempre cambiantes. A mesma cidade cambiará, por suposto, mais os seus ritmos som mais lentos. A actualidade política está indirectamente presente na camisola dum rapaz: “Noites abertas 2010” (plano 11), que alude à política juvenil do BNG, partido que governa o concelho.

Intuímos a inspiraçom de Andy Warhol, dos seus Screen Tests. Mas Santos evoca a sua obra por partida dobre no inesperado derradeiro retrato (essa “cançom desesperada” tras os “20 poemas de amor”): umha parelha heterosexual beija-se ante a cámara (e diante dum trinque de larpeiradas) num longo ósculo que lembra a Kiss. Mesmo o riso inicial da rapariga remete-nos aos sorrisos de Naomi Levine nos seus vários beijos na película de Warhol. Santos recupera, cum toque de humor, o áudio da cena, proveniente da tenda de chucherias: “¿Ya has probado? ¡Deliciosas palomitas!”

O uso de celuloide, material nobre analógico, choca fortemente cos hábitos digitais de criaçom de images dos próprios retratados; a duraçom e paciência das tomas contradize os usos de montage rápida das novas geraçons. É o passado olhando ao futuro.

martes, 10 de decembro de 2013

Proxecto NIMBOS: Cova alumada (Xurxo Chirro, 2013)



Curtametraxe de Xurxo Chirro para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos (1961) de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

Cova alumada

Cruel, cruel, cruel
realidade! Ai láio
sobro escombro dun sono
que non se erguerá máis!

Praló do mundo, un sol
sin noite nin hestória
busca a ruína esquencida
i énchea toda de grória.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

luns, 9 de decembro de 2013

Entrevista a Manoel de Oliveira

En vésperas de que Manoel de Oliveira cumpra 105 anos -o mércores, 11 de decembro- recuperamos esta entrevista que lle fixo Xurxo González na cidade de Tomar, durante un día de descanso da rodaxe d'O Quinto Império (2004).

De que trata o filme que está a filmar?
Este filme trata do rei Sebastián, a última esperanza de sucesión dun reino. A súa nai estaba preñada del cando morreu o seu pai. Ninguén lle dixo nada á princesa con medo de que abortara porque era “o desexado”, non habería outro. “O Desexado” porque era a continuación da realeza portuguesa daquela época. Cando morreu a nai foi educado polos xesuítas. Tivo unha idea da relixión moi profunda e expansiva xa que os xesuítas dominaban o mundo. Mais el era o neto de Carlos V, era da Casa de Austria, polo que xa tiña unha idea imperial e iso non foi desbotado no seu espírito de rei. Con estes antecedentes el acordou, obstinadamente, en facer a guerra aos mouros, para despois de aí, ir a Constantinopla, ao Imperio Otomano, e nomear un só rei, un só Papa, unha soa relixión. É unha idea un tanto utópica que xa pasara pola cabeza de moita xente. El era moi novo, tomou o poder aos 14 anos e morreu aos 23 anos na batalla de Alcácer-Quivir. Estaba obstinado naquela idea, os conselleiros -que eran profundamente leais, que loitaran noutras guerras e posuían coñecementos das cousas-, aconsellábanlle non o facer e el desentendeuse, enganábase, por iso o vixiaban de preto... En fin, o resultado foi funesto.

Inspirouse nalgunha obra literaria de partida?
Todo isto saíu dunha peza de teatro de José Régio, un grande escritor, poeta, dramaturgo, contista, artista, un grande pensador e un grande amigo. Un home de diálogo, escoitaba a calquera, tanto un mozo coma un vello, non ollaba a clase, interesáballe tanto o que tiña que dicir un enxeñeiro coma un taxista, un filósofo, un dandi, fose quen fose. Gustaba moito de oír. Ele escribiu El-rei Sebastião, unha obra que foi representada pola Amélia Rey Colaço, penúltima peza representada no Teatro Regional en Lisboa antes de que se incendiase. Mais tarde sería reconstruído e a primeira obra que se volveu a representar foi O rei Lear, do Rui Carvalho, actor que fai dun dos conselleiros neste filme. Eu achei interesante esta obra, aínda que estaba a preparar outro filme. A última hora houbo dificultades e comecei a escribir rapidamente este que agora estou a filmar.

Que lle interesou da historia da obra de teatro de Régio?
A idea que me atraeu a isto foi a Unión Europea porque atopo que é a mesma cousa. É unha cousa só: un só rei, unha soa relixión... A relixión é o ateísmo e o rei somos todos a mandar. É unha forma sofisticada, nova, sen realeza, de chegar á utopía, como a des-rexionalización. Nós temos nacións diversas, artes diversas, costumes diversas, linguas diferentes, un modo diferente de vivir en terras con climas diferentes. Mais claro, para as empresas internacionais é todo igual, porque o produto é o mesmo para poder espallalo polo mundo.

Quere facer unha comparación entre o Portugal daquela época e o Portugal de agora?
As diferenzas existen. Hai diferenzas de pais a fillos, como non vai haber de nación a nación. Nación somos todos, iguais e diferentes. De maneira que aí está o sentido verdadeiro da liberdade. Somos todos diferentes no sentido profundo da liberdade, non como divertimento, é unha obrigación. A primeira cousa dese deber é o respecto polos outros, porque somos diferentes, porque temos que respectar e aceptar o control cara aquilo que é espontáneo e sincero no outro. Non vamos aceptar asasinos e ladróns, porque ese tempo pasou, todo mudou. O ladrón, hai 500 ou 600 anos, era ladrón como é agora mesmo. Hai cousas que son intemporais. Mais hai outros que son temporais, os usos e costumes son cousas diferentes. Nin a España é a mesma, antes era xente relixiosa, vestida de preto e agora vai en minisaia. Mais Portugal tamén ficou inmerso no tempo.

Que opina das relacións entre a poboación española e a portuguesa?
Entre a poboación portuguesa e española creo que non hai conflito. Sempre son ben recibidos, son comprendidos; mesmo o castelán é comprendido. Son próximos, son veciños, son parecidos. Non observo nada do pobo portugués contra o español, nin nada do pobo español contra o portugués. Os portugueses teñen un concepto máis universalista, pola súa natureza, polas conquistas marítimas, e España é moito máis concentrada, sobre todo Castela, máis concentrada en si propia. Para os casteláns estará ben porque se defenden, mais agora Portugal perdeu a espada e a armadura, está nu, esta exposto.

Hai mellores relacións entre portugueses e galegos?
Son moi próximos. No fondo son dunha familia prolongada e a lingua, aínda que sufriu algunhas diferenzas, ten unha proximidade moi grande. Non hai moita diferenza, hai máis en zonas como a Cataluña ou Francia. Non coñezo España moi ben.

Hai quen di que a xente da Galiza son portugueses do norte e os portugueses son galegos do sur...
Podemos dicir iso e facer O Quinto Império (he, he...)

A construción tiña que ser diferente do filme?
Tiña que ser diferente. Se tivese faltado Portugal, se agora fora Galiza un país tal vez non habería reclamacións. Tal vez, segundo iso, se en vez de ir para o sur se ligara o norte, agora nos manteríamos xuntos.

Que lembra Manoel de Oliveira da súa estadía en terras galegas?
Eduqueime na Guarda, o colexio era portugués. Os profesores eran portugueses -había algún belga e algún outro estranxeiro-, os alumnos eran portugueses, era o antigo colexio de Campolide que existía en Lisboa; despois, coa mudanza da monarquía para a República, os relixiosos foron perseguidos. En España continuaba a monarquía e era relixiosa, profundamente relixiosa, máis aínda que Portugal, todos os grandes místicos non son portugueses, son españois. Por tanto non había diferenza, quero dicir, sentía que non estaba na España. Eu falaba portugués e a forma de vivir era á maneira portuguesa. Eles (os xesuítas) foron para alí desde Liexa (Bélxica). Despois, co tempo, permitiron que os xesuítas de Liexa foran para San Manuel de Brito que está en Lisboa, e os da Guarda foran para San Tirso, para as caldas de saúde e, alí, construíron un edificio parecido ao da Guarda, coas tres torres.

Como moraba no colexio?
Eu estaba internado, querer ir para casa era complicado! Eu falo diso nun dos meus filmes, en Viagem ao princípio do Mundo, co Mastroianni, falo porque está enfronte do Colexio, falo do colexio e das cousas que me pasaron alí a min. Iamos ata Caminha, as veces ficábanos en Caminha, e outras non. Cando iamos máis cedo, podíamos cruzar directamente o río en barco. Sobre todo cando iamos ou víñamos nas grandes feiras, no verán, no Natal. O río era moi longo, tiña unha ondas grandes que levaban o barco para encima e para abaixo. A marxe estaba lonxe e eu tiña medo, mais ollaba para o meu pai que estaba tranquilo e era suficiente para que eu pensara que non había perigo.

Apañou algún sustos...
Apañei, mais non hai osos sen pan.

Como era a sociedade galega naquela altura?
Non tiña moito contacto. Eu estaba no colexio da Pasaxe, logo ía a Caminha e despois para casa. Na Guarda daba uns paseos grandes, subía ao Monte Santa Trega, había cabalos salvaxes naquela altura, non sei se aínda hai. Non tiña a penas contacto coa poboación. Os Padres acompañaban o grupo de estudantes nos paseos e contaban historias de santos, algunhas moi interesantes. Paseábamos e brincábamos por alí.

Lembra algunha brincadeira...
O meu pai ía pasar todos os anos uns vinte días a Visela e outros vinte a Pena Salgada para tomar augas. Eu e o meu irmán Casimiro andábamos a correr cando os demais facían sesta e nos andábamos por alí, polas fontes, onde andaban a engarrafar auga aos litros. Cando volvín ao colexio tiña tres manchas vermellas nas canelas e entón diagnosticáronme “libatismo” (sic.), polo que estiven durante quince días na enfermería. Entón para me entreter déronme o primeiro libro que eu lin, Pinocho.

Foi o primeiro libro que leu!
Si, mais non foi o primeiro libro que eu coñecín, isto si que é curioso. Os meus pais foran ao estranxeiro, eramos uns miúdos, e deixáronnos na casa duns tíos. Alí tiñan dous grandes volumes do Don Quixote. O meu tío lía e eu miraba os gravados do Doré sobre as aventuras do Quixote. O meu tío lía algunha parte e eu ollaba algunha páxina. E alí ficou Don Quixote moi entrañábel. Eu pensei moitas veces en facelo tal como estaba no libro. Agora xa non é tan fácil, un personaxe moi repetido mais é moi curioso, foi unha consecuencia pesimista do que sucedeu despois da derrota da Armada Invencíbel, 17 anos despois. Isto é importante. En canto Os Lusiadas acontece no alto, antes da quebra. Esta é a distinción, dous estados con visións particulares. Se a Armada tivera vencido o Cervantes non escribiría aquel libro. Se os portugueses non tiveran alcanzado “os descubrimentos”.... No libro de Camões, n´Os Lusiadas, fala da Ilha dos Amores, illa onde moraban deuses que procuraban polos Portugueses e os seus feitos, os seus descubrimentos, os puxeron fronte os barcos, para non desconfiar. Os portugueses van á illa e nela había deusas que comezaron a tentar aos mariñeiros. Eran fillas de deuses polo que eles obtiñan a eternidade. Os mariñeiros que tiveron relación con elas ficaron e gañaron a eternidade. Elas facían isto aos mariñeiros. Os descubrimentos foron feitos con música de violíns e a penas tiveron guerreiros na fronte deles. Todo o que está a espada está fora. Esta é unha nota moito curiosa do Camões. E isto vai a conto do Cervantes cando manda ao Quixote coa lanza contra os muíños. É outro detalle desta inutilidade completa que engarza esta conxunción, este mesmo punto de vista, que, no fondo, repousa no espírito destes dous xenios da escrita.

Volvendo a súa estancia na Galiza, ademais de na Guarda tamén estivo en Vigo.
Si, a primeira vez fun a Vigo de rapaz. Era alí preto. Anos despois fun nun campionato Porto-Vigo. Fomos almorzar logo de deixar as maletas no hotel, despois fomos por aí a visitar as tendas. E logo pasou que, como a lingua era moi parecida, comezamos a falar español, e todo era moi atropelado, polo que a xente dicía que, por favor, falaramos en portugués.

Entón daquela xa tivo un contacto coa xente de Vigo?
Foi moi superficial porque daquela non había moito tempo. Coñecín un amigo que era Novais Teixeira, que coñecía España e chegara a tratar a Lorca e a Buñuel, a esa xente, pertencía a ese grupo. Despois entrou na revolución, fixo xornalismo, casou cunha española que era membro da Falange e durante a insurrección nacional foi feito preso. Despois fuxiu, como non podía ir para Portugal, foi para Brasil, para São Paulo. El era crítico de cinema nun xornal de São Paulo, no Estado de São Paulo, logo marchou para París como reporteiro do xornal, el pertencía ao grupo en cuestión. El adoraba España.

Tiña algún amigo especial no colexio?
Na Guarda vivía un amigo do meu pai, Constantino Candeira, que facía barcos. Tamén estaba o cónsul portugués, Mario Duarte, era o tío do poeta socialista Manuel Alegre. Alí estiven cun amigo portugués, Nuno Cadôro, andábamos xuntos nos paseos, falábamos coas meninas. Paseabamos un pouco, xantabamos e logo paseabamos de novo. O tío de Nuno Cadôro foi cónsul en Vigo e era amigo do armador, o Candeira, e doutros portugueses que andaban por alí. Coñecino cando, durante a miña estadía no colexio, nos convidou a pasar 3 días na súa casa.

Bos tempos?
Bos tempos e boas lembranzas. Non houbo ningunha queixa, todo o contrario.

Sabe tamén que vai a recibir unha homenaxe na Galiza. Que achou cando soubo dela?
Sentinme moi honrado. Gustaríame estar presente. Está claro que se fora máis novo, tería outra vitalidade... Agora necesito máis concentración no que estou a facer ou a escribir, estas cousas son así, e canto máis vello veñen máis homenaxes. É imposíbel! Este mundo está trocado! A gloria estaría mellor na xuventude e o ollar para o vento na vellez (sorrí).

Ten moitas ocupacións, ao facer un ou dous filmes por ano...
Eu prefería mellor facer dous.

Mais un non é malo.
Non é malo, o malo sería non facer, de non poder filmar eu morrería.

Xa ten presente o filme que vai facer cando remate este?
Vou comezar outro (A alma dos ricos), alá por setembro. O libro que estou a filmar agora chámase El-rei Sebastião. É un filme difícil porque o libro ten un decorado e a presenza do rei durante os tres actos. No comezo foi algo difícil, mais tiña bastantes personaxes e fixen unha escena no cuarto da raíña e estou bastante contento co filme que levo feito. Iso é o importante. O cinema é diferente, mudo o ángulo, miro para aquí, unhas veces aquí outras alá. Eu denomínoo un filme moi nacionalista, pero non ten nada de tradicionalista., por iso o chamo O Quinto Império. Ontem com Hoje. Porque aí están as similitudes deste Quinto Imperio con outros emperadores de hoxe (sorrí).

Cambiou moito o cinema desde que vostede comezou?
Mudou moito, eu non podería dicir todo o que trocou. A vida igual que as mentalidades mudaron, a historia contemporánea repítese en formas diferentes mais o cinema vai acompañando igual que o teatro e a literatura. Mais eu vexo valores intemporais, valores que son á vez antigos e modernos, tanto de hoxe como de onte. O que é temporal é o que se perde e se pasa de moda. As mentalidades son diferentes, hoxe son diferentes ás de mañá.

Vostede fixo dous documentais sobre o Porto en dous extremos da súa vida. Que diferenzas hai entre Douro, Faina Fluvial e Porto da minha Infância?
Son amplamente diferentes. Douro, Faina Fluvial é a expresión da miña xuventude, tiña esa forza, era como a que temos todos os homes cando temos vinte anos. Unha especie de coraxe, decisión de avance, de renovación, de vivir no campo como se fora un bicho salvaxe. En fin, un ten unha forza nerviosa, unha capacidade, unha enerxía extraordinaria. Ao longo dos anos gáñase en sabedoría o que se perde en vitalidade. Deus dálle doces a quen non ten dentes.

Que dificultades ten o facer cinema en Portugal?
No cinema non hai dificultades, ou hai vocación ou non hai vocación. Hai vocación cando un vale, a orixinalidade está na propia personalidade do realizador. Mais a vocación é moi sinxela, ou se ten ou non se ten. A vocación pasa por ser unha orixinalidade que é persoal. As veces no Renacemento se pintaban motivos (madonas, cristos, anxos,...), todos pintaban as mesmas cousas mais todas eran diferentes. Todos son diferentes e somos iguais ao mesmo tempo. Nin máis nin menos, uns teñen vocación por unha cousa e outros a teñen para outra. Todos somos “vocacionados”, aínda que as veces non sabemos en que. Cando encontramos a vocación somos felices e intelixentes e capaces, mais se non atopamos a nosa vocación é difícil...

Que papel ocupa o cinema no campo cada vez mais amplo do audiovisual: TV, internet...?
O cinema non é TV, nin internet, o cinema é o cinema, un medio de expresión artística que se caracterizou particularmente. A TV é un medio de expansión, de divulgación, xornalístico, como o xornal non é un libro de literatura, son impresas as mesmas palabras mais son cousas diferentes. A pintura non é un cartaz de propaganda, a pintura é unha expresión artística do propio artista. É o propio artista quen se espreme.

Que pensa de Buñuel, o outro gran cineasta ibérico?
Buñuel é extraordinario, é un xenio. O máis importante do Buñuel é que no fondo é un relixioso de Deus, máis de calquera relixión, é un crente. O Buñuel era chocante en todo o que facía, hoxe Buñuel non choca a ninguén. Mais hai un particular no Buñuel extraordinario, facía distinción entre o que consideraba privado e o que era público, agora o que se fai é mostrar público o que é privado. Un erro grave. Era un home avanzado no que pensaba, tiña unha ética de fondo, verdadeira e auténtica.

Séntese próximo dalgún outro realizador?
Confeso que eu gusto moito de calquera do que vexo, máis é un ollar pola escena, o que se debe facer e o que non. Entre as figuras que admiro hai un que despunta, o Dreyer. Era un realizador extraordinario, o home da serenidade. Buñuel tiña como aspecto fundamental unha ironía moi sarcástica. Lémbrome dun filme del (Le fantôme de la liberté) no que están unha rapazas nun xardín e chega un home cunha gabardina e repártelles unhas postais. Elas van para casa e ensínanllas aos seus pais que fican escandalizados. Despois Buñuel amosa as postais e son da torre Eiffel, de Notre-Dame de Paris... unha idea que eu atopo xenial. Buñuel é dun sarcasmo moi forte.

Falando da torre Eiffel, o señor é moi querido e recoñecido na Francia...
Si, é a verdade. Desde o primeiro filme, Douro, Faina Fluvial, que foi presentado na V Congreso Internacional da Crítica en Lisboa, en setembro de 1931. Estaba Luigi Pirandello, Emile Vuillermoz -un crítico francés de altura-,... durante a proxección do meu filme os portugueses patearon con desgusto e eles preguntaban se en Portugal era costume aplaudir cos pes. De maneira que desde aí ficou unha certa simpatía entre os dous.

O seu pensamento está próximo ao público francés?
Portugal recibiu máis influencias culturais de Francia que de Italia, un país que si influíu, por exemplo, en España. É como se os montes que os dividen, os Pireneos, parecesen que están na fronteira portuguesa. Hai unha certa proximidade. Portugal cobra de Francia, España recibe máis de Alemaña e Italia,... É difícil definir esta complexidade.

Portugal recoñeceu o traballo de Manoel de Oliveira?
Sempre quen fala ben son poucos, hai moitos que falan mal. Iso é en todas partes, non sei, o Buñuel non debe ser moi estimado en España, nin Dreyer foi moi estimado en Dinamarca, nin o Bergman estimado na Suecia. Eu estaba a pasar unhas ferias no Algarve nunha praia e no meu carón estaba unha sueca que me recoñeceu e almorzamos xuntos e falamos de Bergman, e dixo que era un lixo, que a sociedade que retrataba non era así. Calei. Mais hai unha cousa na que eu levo vantaxe: a idade.

Cal é o filme que máis gustou de realizar na súa filmografía?
Aínda non gusto de ningún, sempre gusto do meu próximo filme.

Como os fillos?
Hai unha diferencia moi grande cos fillos. Os fillos nacen fora da nosa vontade e os filmes dentro da nosa vontade.

Xurxo González

venres, 6 de decembro de 2013

Dickens en Senegal: A vida e a obra de Ousmane Sembène

“Un director de filmes de África é como o griot, semellante ao bardo da Europa medieval, un home con cultura e sentido común que é o historiador, o contador, a memoria vivente e a conciencia do seu pobo. O director debe vivir no seo da súa sociedade e dicir o que non funciona nela. Por que o realizador debe desempeñar ese papel? Porque, como moitos artistas, é talvez máis sensíbel que outras persoas. Os artistas coñecen a maxia das palabras, dos sons e das cores, e empregan estes elementos para ilustrar o que os demais pensan e senten. O director non debe vivir recluído na súa torre de marfil; ten unha función social concreta a desempeñar”. Nestas declaracións a Françoise Pfaff, Ousmane Sembène facía explícita a súa visión da creación cultural e artística, da responsabilidade do autor cara a sociedade á cal pertence. Nada máis natural nun home que entendeu o seu traballo de escritor e cineasta como unha misión pedagóxica, destinada a expoñer diante dos ollos dos seus compatriotas as inxustizas pasadas e presentes.

Figura patriarcal na historia do cinema africano, Ousmane Sembène foi un home revolucionario que cría no ilimitado poder de comunicación das palabras e das imaxes. Foi un home valente que non deixou nunca de criticar coas súas armas de creador -as únicas lexítimas- a corrupción do poder, os abusos da burocracia, o racismo e o desprezo padecido polos seus concidadáns, contemplados sempre pola Europa rica como individuos de segunda a seren tratados no mellor dos casos con caridade e benevolencia. Ousmane Sembène foi tamén un home optimista, que estaba convencido da capacidade que a xente ten para saír adiante e resolver os seus problemas. Un humanista no sentido clásico, posuidor desa grandeza dickensiana que lle facía ver con claridade que ningún ser humano merece sufrir e que todos deben por igual aspirar á felicidade. Sembène, coma Dickens, defende as vítimas do sistema e os esquecidos pola fortuna, e emprega todos os seus recursos contra aqueles que negan “a voz do tempo”, esa maquinaria que segundo contaba o inglés nun dos seus libros de Nadal, As campás, nos esixe avanzar e mellorar sobre a memoria dos incontábeis millóns de persoas que sufriron, viviron e morreron para sinalarnos o camiño. A obra de Sembène, igual que a de Dickens, non é compracente: describe un mundo cruel e enfermo onde o individuo debe loitar por non ser esmagado. Mais esa loita é irrenunciábel, e por iso se burla con sarcasmo da indolencia esmoeira daqueles que pasan a vida a agardaren que un bo porvir lles caia do ceo. Porque a gran transformación virá de dentro ou non virá.

Ousmane Sembène naceu o 1 de xaneiro de 1923 na vila de Ziguinchor, ao sur de Senegal, nunha familia de pescadores musulmáns. Na súa primeira infancia, e cos cartos que lle daba o seu pai, comezou a ir ao cinema para ver os filmes de Charles Chaplin. Con apenas catorce anos foi expulsado dunha escola francesa por indisciplina, ao enfrontarse co director por mor dunha acusación inxusta. Un mareo crónico impedíalle traballar co pai no barco, así que marchou a Dakar para exercer como mecánico e carpinteiro; as tardes e as noites dedicábaas a ler libros, ver películas e escoitar sesións de contacontos que marcarían a súa maneira de narrar. Como cidadán francés, e igual que moitos outros mozos da súa quinta, entrou no exército colonial para combater na Segunda Guerra Mundial; Sembène explicaría máis adiante que foi aí onde coñeceu “o verdadeiro significado do colonialismo e o racismo”. Ao rematar a guerra volveu a Dakar e formou parte activa do movemento sindical: a folga de ferrocarrís que paralizou o país en 1947 foi decisiva na súa definitiva toma de conciencia.

Sen emprego nun país devastado polas consecuencias dunha economía de guerra, Sembène embarcou cara a Francia como polisón en 1948. Atopou traballo como estibador portuario en Marsella, onde residiu até 1960. Afiliouse ao Partido Comunista e á Confederación Xeral dos Traballadores, o máis poderoso dos sindicatos franceses na posguerra, e participou en diferentes accións de apoio á Fronte Nacional de Liberación Alxeriana e de protesta contra as guerras de Indochina e Corea ou contra a execución do matrimonio Rosenberg nos Estados Unidos. Foron uns anos de formación -de “aprendiz na escola da vida”, nas súas propias palabras- que lle serviron para estudar a obra dunha morea de escritores e artistas ideoloxicamente próximos, de John dos Passos a Pablo Neruda, e por suposto ás grandes figuras da “Negritude”, Aimé Césaire entre eles, mais tamén o puxeron en alerta ante a alarmante ausencia de intelectuais e artistas a reivindicaren en África os cambios radicais que o continente precisaba. Foi por iso que se botou a escribir, e para empezar decidiu contar a súa experiencia como traballador e inmigrante en Francia. Le docker noir apareceu en 1956, e un ano despois Oh pays, mon beau peuple. A súa terceira novela, Les Bouts de bois de Dieu, inspirada na folga do 47, reportoulle eloxios e apoios por parte da intelectualidade francesa de esquerdas (Sartre, Aragon, Simone de Beauvoir). Nesa altura, e despois de doce anos en Europa, Sembène regresou a África.

Na súa viaxe Sembène decatouse de que os seus libros non chegaban á poboación do continente a causa do alto grao de analfabetismo e do seu prezo, inalcanzábel para o sempre mermado poder adquisitivo dos cidadáns africanos. Nese intre comprendeu que o mecanismo máis eficaz para transmitir a súa mensaxe era o cinema, unha arte máis popular e directa coa que ademais podía falarlle ao pobo na súa propia lingua. Sembène marchou á Rusia -daquela URSS- para aprender cinema co director Mark Donskoi. En tan só un ano e sen saber nin unha soa palabra de ruso, Sembène adquiriu os rudimentos necesarios para facer películas. A súa primeira curtametraxe, L’Empire Songhay, foi un encargo do Goberno de Malí que nunca chegou a ser distribuída. A seguinte, Borom sarret, gañou en 1963 o Primeiro Premio do Festival de Cinema de Tours. A peza describe un día na vida dun carreteiro que traslada pasaxeiros polos suburbios de Dakar. O que empeza sendo un retrato de corte neorrealista da vida cotiá deriva en cinema de denuncia cando o último cliente, vestido cun traxe elegante e que aparenta ser un home acomodado, lle promete unha importante cantidade de cartos a cambio de que o leve a unha zona na que ten prohibido o acceso: un policía deteno e quítalle a carreta -o seu medio de vida: imposíbel non lembrar o Ladrón de bicicletas de Vittorio de Sica- e o cliente aproveita para marchar sen pagar.

La Noire de… é un fito por ser a primeira longametraxe da historia rodada por un director subsahariano. Diouana é unha moza contratada en Dakar por un matrimonio francés co fin de que coide os seus fillos. A familia trasládase á Riviera e ela inicialmente acepta a oportunidade de vivir en Francia con entusiasmo, mais axiña descobre que a súa nova función é exercer de asistenta e soportar desprezos; nunha escena especialmente ferinte, un convidado da familia dalle un bico coa escusa de que “nunca bicara a unha negra”. Humillada e soa, Diouana decide poñerlle un desenlace tráxico ao seu inferno e suicídase na bañeira cortando as veas. O xefe de Diouana vai a Senegal e intenta entregarlle cartos á nai da defunta, que os rexeita. Nos memorábeis minutos finais, o home é seguido polos arrabaldes de Dakar por un neno que leva unha máscara africana. La Noire de… levou en 1966 o prestixioso premio Jean Vigo.

Dous anos despois, Sembène marcou outro fito ao rodar a primeira longametraxe falada nunha lingua africana, o wolof: Mandabi, baseada na novela que antecede estas páxinas. Non está fóra de lugar acordarnos máis unha vez de Dickens ao pensar na peripecia de Ibrahim Dieng para cobrar un xiro que lle envía desde París o seu sobriño. O filme non difire demasiado do texto escrito, mais leva eficazmente o relato ao medio cinematográfico e acada momentos de notábel altura, por exemplo coa lectura da carta do sobriño desde Francia, montada sobre imaxes del varrendo as rúas. Mandabi foi exhibida no Festival de Cinema de Venecia, o mesmo no que triunfaría vinte anos despois con Camp de Thiaroye, codirixida con Thierno Faty Sow, unha brillante crítica ao imperialismo que recibiu o Premio Especial do Xurado. O filme revisita un feito histórico: o motín dun grupo de soldados africanos que participaran na Segunda Guerra Mundial en protesta polas pésimas condicións de vida que tiñan no campamento do título, onde foran provisionalmente refuxiados á espera do seu traslado definitivo, e o posterior masacre perpetrado polas tropas francesas.

En 1970 Sembène rodou Emitaï, outro berro contra a crueldade do réxime colonial que foi premiada no Festival de Berlín, ao que lle seguiu Xala (1974), sátira que ironiza sobre a nova clase media africana, despreocupada polo ben alleo, a través da figura dun burgués musulmán que na noite do seu terceiro matrimonio se ve afectado de impotencia sexual. Obsesionado polo asunto, descoida os seus negocios e a súa prosperidade vai a pique; a escena final é dificilmente esquecíbel. Ceddo (1976) foi prohibida en Senegal durante oito anos por razóns en teoría ortográficas: o goberno de Leopold Senghor aseguraba que o título debía escribirse cun só “d”. A realidade de fondo era outra ben distinta: o filme é unha poderosa crítica ao imperialismo relixioso, nomeadamente o islámico, mais non é difícil establecer paralelismos. Foi iso, e non unha letra, o que lle meteu medo ao presidente.

Ningún destes filmes, e tampouco Guelwaar (1992) nin Faat Kiné (2000) coñeceron distribución comercial no noso país. Grazas ao seu exitoso paso polo Festival de Cannes de 2004, onde levou o premio “Un certain regard”, Moolaadé chegou a acadar unha mínima difusión nos circuitos de versión orixinal. A súa derradeira obra mestra arranca cando catro nenas escapan do rito da ablación refuxiándose na casa de Colle Ardo, unha muller que varios anos atrás impedira que a súa propia filla Amsatou fose sometida a esa brutal práctica. Coa súa decisión de acoller e axudar as nenas Colle Ardo provoca unha crise na vida da aldea e fai que entren en conflito dous valores tradicionais: dunha banda a salindé, a «purificación» pola vía da mutilación xenital, e doutra o moolaadé, o dereito ao asilo e á protección. Colle Ardo -personaxe que interpreta con bravura unha espléndida Fatoumata Coulibaly- mesmo deberá pasar polo sufrimento do castigo e a humillación pública antes de que a súa postura saia triunfante: o seu comportamento desencadea unha auténtica revolta de mulleres que esixen que nunca máis unha nena sexa mutilada.


Nun artigo no “Entertainment Weekly” Lisa Schwarzbaum dixo que Moolaadé tiña “o potencial para cambiar o mundo”. A frase vale realmente para describir a obra toda de Ousmane Sembène, falecido en Dakar o 9 de xuño de 2007. Un dos grandes mestres do cinema, e tamén un dos meus heroes.

Martin Pawley. Versión corrixida dun texto escrito orixinalmente para o epílogo do libro O xiro postal, editado en galego por Rinoceronte, única obra literaria do escritor e cineasta Ousmane Sembene publicada en España.

mércores, 4 de decembro de 2013

2013, sombras e luces do cinema portugués (e II)

No crítico contexto financeiro xa debullado na anterior entrega deste artigo, a firme aposta polo cinema emprendida en Guimarães no marco da Capitalidade Europea da Cultura 2012 permitiu paliar parcialmente as dimensións da traxedia. O programa Cinema e Audiovisual de Guimarães definíase co obxectivo de “celebrar o cinema como matéria indissociável das nossas memórias, aceitando, ao mesmo tempo, todas as contaminações que, de uma maneira ou de outra, o estão hoje a transfigurar, porventura gerando uma arte para a qual ainda não dispomos de nome”. Non se trataba, pois, de executar un canto nostálxico do pasado glorioso do cinema, senón de festexar tamén a súa mutante vitalidade actual e a súa capacidade para a hibridación de estilos e xéneros.

Entre as múltiples liñas de traballo a encomenda de novas obras ocupou un lugar central. Para a cita vimanarense foron contactados algunhas lendas do cinema mundial, coma Jean-Luc Godard -que debutou para a ocasión no 3D con Les trois désastres, integrada na longametraxe 3x3D que inclúe, ademais, pezas de Peter Greenaway e Edgar Pèra-, Aki Kaurismäki ou Víctor Erice. Estes dous últimos participan no filme colectivo Centro histórico, o español con maior fortuna có finlandés, non tanto porque a curta deste (O tasqueiro) careza de mérito como porque a do español, Vidros partidos, é unha alfaia con aparencia de documental que toma coma escusa o decaemento da industria textil da zona, noutrora fonte esencial de riqueza. As palabras dos obreiros e obreiras dunha fábrica pechada, quizais non reais mais si cheas de verdade, tecen un intelixente discurso que transcende o local para se converter en símbolo do desmantelamento social e económico en Europa. Un xenuíno filme político que viña precedido por unha obra suprema de Pedro Costa, Sweet Exorcist, que revisita a cara máis amarga e sinistra do 25 de abril: os padecementos e malos tratos sufridos polos inmigrantes africanos por parte do exército revolucionario. O Ventura totémico de Juventude em marcha é agora un home fráxil e enfermo acosado polo pesadelo daqueles días ingratos nun filme emocionalmente devastador que serve de adianto para a longa que, co mesmo personaxe, está a ultimar o xenial director portugués. Pechaba o conxunto unha peciña irrelevante de Manoel de Oliveira, O Conquistador Conquistado. Máis irrelevante aínda se se compara co traballo inmediatamente anterior do centenario cineasta, a maxistral O Gebo e a sombra, que ben podemos considerar a súa mellor película en varias décadas. Cun elenco memorábel -sublimes Michael Lonsdale, Leonor Silveira e Luís Miguel Cintra, nefasto coma sempre Ricardo Trêpa- e unha planificación sinxela e rigorosa que reduce ao mínimo os emprazamentos de cámara, Manoel de Oliveira ofrece con esta adaptación dun texto teatral de Raul Brandão un retrato decimonónico -no bo sentido- das miserias da miseria que serve de parábola elocuente, pesimista e crítica dos tempos modernos.

O convite de Guimarães aceptouno tamén Gonçalo Tocha e coa súa probada capacidade para facer o máximo co mínimo non fixo unha curta senón unha longa, Torres & Cometas, estreada no Festival de Rotterdam. Ao mesmo tempo transgresora e respectuosa, nada define tan ben a súa profunda lixeireza coma a gloriosa actuación musical da banda Minhotos Marotos. O humor preside este paseo que pola orgullosa vila do “aqui nasceu Portugal” dá Gonçalo na compaña do seu colaborador de sempre, Dídio Pestana, con quen comenta en off as imaxes, ao estilo do que xa fixeran en É na Terra nao é na Lua, para desvelar a Historia con maiúsculas coma suma de historias e xentes na que conflúe o solemne e o anecdótico, o grave e o lúdico.

Un achegamento libérrimo e irónico á propia Historia é tamén o que desenvolve João Pedro Rodrigues n'O corpo de Afonso, revisión da figura de Afonso Henriques, primeiro Rei de Portugal, convertido co paso dos séculos en icona mítica asumida coma (improbábel) modelo incluso polo salazarismo. A tradición foille outorgando dimensións colosais non só coma representación imaxinaria dun Portugal pasado e glorioso, senón tamén no físico: a lenda fabula sobre o seu vigoroso corpo e o enorme tamaño da súa espada. João Pedro dálle ao filme a forma dun casting na procura dun home que poida representar hoxe en día ao Rei Afonso, e a súa busca lévao até Galicia, en parte pola idea de que o galego moderno pode evocar ben o portugués antigo, en parte por pura (e sana) provocación identitaria. Ao longo de varias sesións de rodaxe na Coruña e Vigo pasan por diante da cámara de João Pedro culturistas e strippers de toda condición (e algúns que non o son tanto), que quitan a roupa e amosan os seus corpos mentres len, en xeral non con moita fortuna, textos medievais portugueses. Nas conversas que o director mantén con eles xorden asuntos banais -as tatuaxes e as singulares explicacións para facelas ou non- mais axiña asoma a crise a través dun drama recorrente: o desemprego. Sobre o mito ábrese paso así a reflexión sobre a representación do corpo masculino (e as implicacións sexuais da mesma) e unha visión crítica do presente.

Fóra destes dous fitos principais a serie de filmes Histórias de Guimaraes aínda deu máis froitos valiosos. Vamos tocar todos juntos para ouvirmos melhor dá boa mostra do depurado oficio de Tiago Pereira -fillo de Júlio, o reputado compositor e multiinstrumentista- para combinar música e cinema. Tiago xunta a guitarra eléctrica de Manuel Fúria coa música popular da rexión do val do Ave nun filme que destaca, sobre todo, polo laborioso traballo de montaxe de imaxes e sons. En Na Escama do Dragão unha xornalista (Margarida Vila-Nova) e un cámara (Siun Chong) gravan unha reportaxe na China con pasado portugués sobre un barco naufragado, mentres de fondo escoitamos noticias sobre un tifón que chega a Macau e as amarguras da Europa do sur. Deste choque de culturas e tempos válese Ivo M. Ferreira para facer probabelmente a súa mellor obra.

Unha cita esencial: o Curtas de Vila do Conde

Baixo o paraguas de Guimarães fixo João Nicolau a estimábel O Dom das Lágrimas, mais fica a anos luz do seu seguinte e marabilloso filme, Gambozinos, premio á mellor curtametraxe na Quinzaine des Realisateurs de Cannes que puidemos ver no cada vez máis decisivo Festival de Curtas de Vila do Conde. O retrato do primeiro amor e os conflitos xuvenís nun campamento de verán -universo que o cineasta coñece ben: el mesmo foi monitor nunha colonia de vacacións- fai pensar, si, en Wes Anderson, mais no fondo é puro Nicolau, un cineasta sempre afín ás criaturas tenramente irresponsábeis. Gambozinos contén, ademais, dúas das secuencias musicais máis felices de 2013: o delicioso rap que coma declaración de amor canta o neno protagonista -Tomás Franco, todo un descubrimento- á súa “querida e adorada Antónia Josefina”, e o hiper-romántico baile sen baile do final.

Tamén está atrapado na inmadurez o personaxe principal de Rei inútil, primeiro filme coma director do editor Telmo Churro, membro do “comité central” que Miguel Gomes configurou para Tabú. A curta parece un Nicolau de baixa intensidade, coa súa tendencia ao diálogo lixeiro e as situacións fantasiosas que parecen agochar algunha clase de chiste privado. Versailles de Carlos Conçeição érguese sobre o turbio encontro nunha cabana retirada dunha muller idosa (a fabulosa Isabel Ruth) e o adolescente (João Arrais, visto en Mistérios de Lisboa) que debe axudala a morrer. Fronte a estas tres, o xurado escolleu coma (excesiva) gañadora Carosello de Jorge Quintela, que opón a voz moi literaria dun vello a enfiar recordos e desmemorias da muller que apenas lembra coma súa, co artificio visual que dá forma ao filme: un carrusel de imaxes a xirar coma reflexo superposto ao rostro do ancián.

O mellor do Curtas, con todo, veu da man do Campus Estaleiro, proxecto formativo co que o festival impulsou a produción de filmes de autores portugueses en colaboración con estudantes universitarios do campo audiovisual. A dupla João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata participou con Mahjong, terceira entrega da serie asiática que se iniciou con Alvorada vermelha e proseguiu con A última vez que vi Macau. A triloxía -polo de agora- debuxa con claridade unha suxestiva evolución creativa. Se Alvorada era, no esencial, unha curta que rexistraba con espírito antropolóxico un fascinante (e sanguento) mercado en Macao, con algunhas fugas oníricas en forma de sereas e zapatos de tacón alto, e a longa A última vez... xogaba a fusionar xéneros -do documental ao cinema negro- para construír un policial abstracto, en Mahjong a parella de xenios non enmascara a súa vontade ficcional e constrúe unha abraiante colección de imaxes misteriosas na comunidade chinesa de Varziela a base de rúas baleiras, almacéns inquietantes e unha música -cousa inusual nos autores- con innegábeis ecos a David Lynch.

A Mãe e o Mar é o brillante resultado da colaboración de Gonçalo Tocha co Estaleiro. Máis unha vez, o obxectivo inicial dunha curta mudou en longa: eran precisos máis minutos para dar xusta conta da tradición das mulleres pescadoras de Vila Chã, as “mulheres arrais” que capitaneaban barcos. Gonçalo ponse máis serio que de costume e rende homenaxe a estas mulleres que fixeron “traballos de homes” para saíren adiante en épocas difíciles. Fica a memoria dos feitos e a palabra que os mantén vivos e así o filme acaba sendo, tamén, un tributo emotivo á necesaria transmisión do legado, o que nos fai ser quen somos, un compás a non perder para non perdernos.

Martin Pawley. Artigo publicado no número de outubro (197) da revista Tempos Novos. A primeira parte apareceu no número de setembro (196).