En vésperas de que Manoel de Oliveira
cumpra 105 anos -o mércores, 11 de decembro- recuperamos esta
entrevista que lle fixo Xurxo González na cidade de Tomar, durante un
día de descanso da rodaxe d'O Quinto Império (2004).
De que trata o filme que está a filmar?
Este
filme trata do rei Sebastián, a última esperanza de sucesión dun reino.
A súa nai estaba preñada del cando morreu o seu pai. Ninguén lle dixo
nada á princesa con medo de que abortara porque era “o desexado”, non
habería outro. “O Desexado” porque era a continuación da realeza
portuguesa daquela época. Cando morreu a nai foi educado polos xesuítas.
Tivo unha idea da relixión moi profunda e expansiva xa que os xesuítas
dominaban o mundo. Mais el era o neto de Carlos V, era da Casa de
Austria, polo que xa tiña unha idea imperial e iso non foi desbotado no
seu espírito de rei. Con estes antecedentes el acordou, obstinadamente,
en facer a guerra aos mouros, para despois de aí, ir a Constantinopla,
ao Imperio Otomano, e nomear un só rei, un só Papa, unha soa relixión. É
unha idea un tanto utópica que xa pasara pola cabeza de moita xente. El
era moi novo, tomou o poder aos 14 anos e morreu aos 23 anos na batalla
de Alcácer-Quivir. Estaba obstinado naquela idea, os conselleiros -que
eran profundamente leais, que loitaran noutras guerras e posuían
coñecementos das cousas-, aconsellábanlle non o facer e el
desentendeuse, enganábase, por iso o vixiaban de preto... En fin, o
resultado foi funesto.
Inspirouse nalgunha obra literaria de partida?
Todo
isto saíu dunha peza de teatro de José Régio, un grande escritor,
poeta, dramaturgo, contista, artista, un grande pensador e un grande
amigo. Un home de diálogo, escoitaba a calquera, tanto un mozo coma un
vello, non ollaba a clase, interesáballe tanto o que tiña que dicir un
enxeñeiro coma un taxista, un filósofo, un dandi, fose quen fose.
Gustaba moito de oír. Ele escribiu El-rei Sebastião, unha obra
que foi representada pola Amélia Rey Colaço, penúltima peza representada
no Teatro Regional en Lisboa antes de que se incendiase. Mais tarde
sería reconstruído e a primeira obra que se volveu a representar foi O rei Lear,
do Rui Carvalho, actor que fai dun dos conselleiros neste filme. Eu
achei interesante esta obra, aínda que estaba a preparar outro filme. A
última hora houbo dificultades e comecei a escribir rapidamente este que
agora estou a filmar.
Que lle interesou da historia da obra de teatro de Régio?
A
idea que me atraeu a isto foi a Unión Europea porque atopo que é a
mesma cousa. É unha cousa só: un só rei, unha soa relixión... A relixión
é o ateísmo e o rei somos todos a mandar. É unha forma sofisticada,
nova, sen realeza, de chegar á utopía, como a des-rexionalización. Nós
temos nacións diversas, artes diversas, costumes diversas, linguas
diferentes, un modo diferente de vivir en terras con climas diferentes.
Mais claro, para as empresas internacionais é todo igual, porque o
produto é o mesmo para poder espallalo polo mundo.
Quere facer unha comparación entre o Portugal daquela época e o Portugal de agora?
As
diferenzas existen. Hai diferenzas de pais a fillos, como non vai haber
de nación a nación. Nación somos todos, iguais e diferentes. De maneira
que aí está o sentido verdadeiro da liberdade. Somos todos diferentes
no sentido profundo da liberdade, non como divertimento, é unha
obrigación. A primeira cousa dese deber é o respecto polos outros,
porque somos diferentes, porque temos que respectar e aceptar o control
cara aquilo que é espontáneo e sincero no outro. Non vamos aceptar
asasinos e ladróns, porque ese tempo pasou, todo mudou. O ladrón, hai
500 ou 600 anos, era ladrón como é agora mesmo. Hai cousas que son
intemporais. Mais hai outros que son temporais, os usos e costumes son
cousas diferentes. Nin a España é a mesma, antes era xente relixiosa,
vestida de preto e agora vai en minisaia. Mais Portugal tamén ficou
inmerso no tempo.
Que opina das relacións entre a poboación española e a portuguesa?
Entre
a poboación portuguesa e española creo que non hai conflito. Sempre son
ben recibidos, son comprendidos; mesmo o castelán é comprendido. Son
próximos, son veciños, son parecidos. Non observo nada do pobo portugués
contra o español, nin nada do pobo español contra o portugués. Os
portugueses teñen un concepto máis universalista, pola súa natureza,
polas conquistas marítimas, e España é moito máis concentrada, sobre
todo Castela, máis concentrada en si propia. Para os casteláns estará
ben porque se defenden, mais agora Portugal perdeu a espada e a
armadura, está nu, esta exposto.
Hai mellores relacións entre portugueses e galegos?
Son
moi próximos. No fondo son dunha familia prolongada e a lingua, aínda
que sufriu algunhas diferenzas, ten unha proximidade moi grande. Non hai
moita diferenza, hai máis en zonas como a Cataluña ou Francia. Non
coñezo España moi ben.
Hai quen di que a xente da Galiza son portugueses do norte e os portugueses son galegos do sur...
Podemos dicir iso e facer O Quinto Império (he, he...)
A construción tiña que ser diferente do filme?
Tiña
que ser diferente. Se tivese faltado Portugal, se agora fora Galiza un
país tal vez non habería reclamacións. Tal vez, segundo iso, se en vez
de ir para o sur se ligara o norte, agora nos manteríamos xuntos.
Que lembra Manoel de Oliveira da súa estadía en terras galegas?
Eduqueime
na Guarda, o colexio era portugués. Os profesores eran portugueses
-había algún belga e algún outro estranxeiro-, os alumnos eran
portugueses, era o antigo colexio de Campolide que existía en Lisboa;
despois, coa mudanza da monarquía para a República, os relixiosos foron
perseguidos. En España continuaba a monarquía e era relixiosa,
profundamente relixiosa, máis aínda que Portugal, todos os grandes
místicos non son portugueses, son españois. Por tanto non había
diferenza, quero dicir, sentía que non estaba na España. Eu falaba
portugués e a forma de vivir era á maneira portuguesa. Eles (os
xesuítas) foron para alí desde Liexa (Bélxica). Despois, co tempo,
permitiron que os xesuítas de Liexa foran para San Manuel de Brito que
está en Lisboa, e os da Guarda foran para San Tirso, para as caldas de
saúde e, alí, construíron un edificio parecido ao da Guarda, coas tres
torres.
Como moraba no colexio?
Eu estaba internado, querer ir para casa era complicado! Eu falo diso nun dos meus filmes, en Viagem ao princípio do Mundo,
co Mastroianni, falo porque está enfronte do Colexio, falo do colexio e
das cousas que me pasaron alí a min. Iamos ata Caminha, as veces
ficábanos en Caminha, e outras non. Cando iamos máis cedo, podíamos
cruzar directamente o río en barco. Sobre todo cando iamos ou víñamos
nas grandes feiras, no verán, no Natal. O río era moi longo, tiña unha
ondas grandes que levaban o barco para encima e para abaixo. A marxe
estaba lonxe e eu tiña medo, mais ollaba para o meu pai que estaba
tranquilo e era suficiente para que eu pensara que non había perigo.
Apañou algún sustos...
Apañei, mais non hai osos sen pan.
Como era a sociedade galega naquela altura?
Non
tiña moito contacto. Eu estaba no colexio da Pasaxe, logo ía a Caminha e
despois para casa. Na Guarda daba uns paseos grandes, subía ao Monte
Santa Trega, había cabalos salvaxes naquela altura, non sei se aínda
hai. Non tiña a penas contacto coa poboación. Os Padres acompañaban o
grupo de estudantes nos paseos e contaban historias de santos, algunhas
moi interesantes. Paseábamos e brincábamos por alí.
Lembra algunha brincadeira...
O
meu pai ía pasar todos os anos uns vinte días a Visela e outros vinte a
Pena Salgada para tomar augas. Eu e o meu irmán Casimiro andábamos a
correr cando os demais facían sesta e nos andábamos por alí, polas
fontes, onde andaban a engarrafar auga aos litros. Cando volvín ao
colexio tiña tres manchas vermellas nas canelas e entón diagnosticáronme
“libatismo” (sic.), polo que estiven durante quince días na enfermería.
Entón para me entreter déronme o primeiro libro que eu lin, Pinocho.
Foi o primeiro libro que leu!
Si,
mais non foi o primeiro libro que eu coñecín, isto si que é curioso. Os
meus pais foran ao estranxeiro, eramos uns miúdos, e deixáronnos na
casa duns tíos. Alí tiñan dous grandes volumes do Don Quixote. O
meu tío lía e eu miraba os gravados do Doré sobre as aventuras do
Quixote. O meu tío lía algunha parte e eu ollaba algunha páxina. E alí
ficou Don Quixote moi entrañábel. Eu pensei moitas veces en
facelo tal como estaba no libro. Agora xa non é tan fácil, un personaxe
moi repetido mais é moi curioso, foi unha consecuencia pesimista do que
sucedeu despois da derrota da Armada Invencíbel, 17 anos despois. Isto é
importante. En canto Os Lusiadas acontece no alto, antes da
quebra. Esta é a distinción, dous estados con visións particulares. Se a
Armada tivera vencido o Cervantes non escribiría aquel libro. Se os
portugueses non tiveran alcanzado “os descubrimentos”.... No libro de
Camões, n´Os Lusiadas, fala da Ilha dos Amores, illa onde moraban
deuses que procuraban polos Portugueses e os seus feitos, os seus
descubrimentos, os puxeron fronte os barcos, para non desconfiar. Os
portugueses van á illa e nela había deusas que comezaron a tentar aos
mariñeiros. Eran fillas de deuses polo que eles obtiñan a eternidade. Os
mariñeiros que tiveron relación con elas ficaron e gañaron a
eternidade. Elas facían isto aos mariñeiros. Os descubrimentos foron
feitos con música de violíns e a penas tiveron guerreiros na fronte
deles. Todo o que está a espada está fora. Esta é unha nota moito
curiosa do Camões. E isto vai a conto do Cervantes cando manda ao
Quixote coa lanza contra os muíños. É outro detalle desta inutilidade
completa que engarza esta conxunción, este mesmo punto de vista, que, no
fondo, repousa no espírito destes dous xenios da escrita.
Volvendo a súa estancia na Galiza, ademais de na Guarda tamén estivo en Vigo.
Si,
a primeira vez fun a Vigo de rapaz. Era alí preto. Anos despois fun nun
campionato Porto-Vigo. Fomos almorzar logo de deixar as maletas no
hotel, despois fomos por aí a visitar as tendas. E logo pasou que, como a
lingua era moi parecida, comezamos a falar español, e todo era moi
atropelado, polo que a xente dicía que, por favor, falaramos en
portugués.
Entón daquela xa tivo un contacto coa xente de Vigo?
Foi
moi superficial porque daquela non había moito tempo. Coñecín un amigo
que era Novais Teixeira, que coñecía España e chegara a tratar a Lorca e
a Buñuel, a esa xente, pertencía a ese grupo. Despois entrou na
revolución, fixo xornalismo, casou cunha española que era membro da
Falange e durante a insurrección nacional foi feito preso. Despois
fuxiu, como non podía ir para Portugal, foi para Brasil, para São Paulo.
El era crítico de cinema nun xornal de São Paulo, no Estado de São
Paulo, logo marchou para París como reporteiro do xornal, el pertencía
ao grupo en cuestión. El adoraba España.
Tiña algún amigo especial no colexio?
Na
Guarda vivía un amigo do meu pai, Constantino Candeira, que facía
barcos. Tamén estaba o cónsul portugués, Mario Duarte, era o tío do
poeta socialista Manuel Alegre. Alí estiven cun amigo portugués, Nuno
Cadôro, andábamos xuntos nos paseos, falábamos coas meninas. Paseabamos
un pouco, xantabamos e logo paseabamos de novo. O tío de Nuno Cadôro foi
cónsul en Vigo e era amigo do armador, o Candeira, e doutros
portugueses que andaban por alí. Coñecino cando, durante a miña estadía
no colexio, nos convidou a pasar 3 días na súa casa.
Bos tempos?
Bos tempos e boas lembranzas. Non houbo ningunha queixa, todo o contrario.
Sabe tamén que vai a recibir unha homenaxe na Galiza. Que achou cando soubo dela?
Sentinme
moi honrado. Gustaríame estar presente. Está claro que se fora máis
novo, tería outra vitalidade... Agora necesito máis concentración no que
estou a facer ou a escribir, estas cousas son así, e canto máis vello
veñen máis homenaxes. É imposíbel! Este mundo está trocado! A gloria
estaría mellor na xuventude e o ollar para o vento na vellez (sorrí).
Ten moitas ocupacións, ao facer un ou dous filmes por ano...
Eu prefería mellor facer dous.
Mais un non é malo.
Non é malo, o malo sería non facer, de non poder filmar eu morrería.
Xa ten presente o filme que vai facer cando remate este?
Vou comezar outro (A alma dos ricos), alá por setembro. O libro que estou a filmar agora chámase El-rei Sebastião.
É un filme difícil porque o libro ten un decorado e a presenza do rei
durante os tres actos. No comezo foi algo difícil, mais tiña bastantes
personaxes e fixen unha escena no cuarto da raíña e estou bastante
contento co filme que levo feito. Iso é o importante. O cinema é
diferente, mudo o ángulo, miro para aquí, unhas veces aquí outras alá.
Eu denomínoo un filme moi nacionalista, pero non ten nada de
tradicionalista., por iso o chamo O Quinto Império. Ontem com Hoje. Porque aí están as similitudes deste Quinto Imperio con outros emperadores de hoxe (sorrí).
Cambiou moito o cinema desde que vostede comezou?
Mudou
moito, eu non podería dicir todo o que trocou. A vida igual que as
mentalidades mudaron, a historia contemporánea repítese en formas
diferentes mais o cinema vai acompañando igual que o teatro e a
literatura. Mais eu vexo valores intemporais, valores que son á vez
antigos e modernos, tanto de hoxe como de onte. O que é temporal é o que
se perde e se pasa de moda. As mentalidades son diferentes, hoxe son
diferentes ás de mañá.
Vostede fixo dous documentais sobre o Porto en dous extremos da súa vida. Que diferenzas hai entre Douro, Faina Fluvial e Porto da minha Infância?
Son amplamente diferentes. Douro, Faina Fluvial
é a expresión da miña xuventude, tiña esa forza, era como a que temos
todos os homes cando temos vinte anos. Unha especie de coraxe, decisión
de avance, de renovación, de vivir no campo como se fora un bicho
salvaxe. En fin, un ten unha forza nerviosa, unha capacidade, unha
enerxía extraordinaria. Ao longo dos anos gáñase en sabedoría o que se
perde en vitalidade. Deus dálle doces a quen non ten dentes.
Que dificultades ten o facer cinema en Portugal?
No
cinema non hai dificultades, ou hai vocación ou non hai vocación. Hai
vocación cando un vale, a orixinalidade está na propia personalidade do
realizador. Mais a vocación é moi sinxela, ou se ten ou non se ten. A
vocación pasa por ser unha orixinalidade que é persoal. As veces no
Renacemento se pintaban motivos (madonas, cristos, anxos,...), todos
pintaban as mesmas cousas mais todas eran diferentes. Todos son
diferentes e somos iguais ao mesmo tempo. Nin máis nin menos, uns teñen
vocación por unha cousa e outros a teñen para outra. Todos somos
“vocacionados”, aínda que as veces non sabemos en que. Cando encontramos
a vocación somos felices e intelixentes e capaces, mais se non atopamos
a nosa vocación é difícil...
Que papel ocupa o cinema no campo cada vez mais amplo do audiovisual: TV, internet...?
O
cinema non é TV, nin internet, o cinema é o cinema, un medio de
expresión artística que se caracterizou particularmente. A TV é un medio
de expansión, de divulgación, xornalístico, como o xornal non é un
libro de literatura, son impresas as mesmas palabras mais son cousas
diferentes. A pintura non é un cartaz de propaganda, a pintura é unha
expresión artística do propio artista. É o propio artista quen se
espreme.
Que pensa de Buñuel, o outro gran cineasta ibérico?
Buñuel
é extraordinario, é un xenio. O máis importante do Buñuel é que no
fondo é un relixioso de Deus, máis de calquera relixión, é un crente. O
Buñuel era chocante en todo o que facía, hoxe Buñuel non choca a
ninguén. Mais hai un particular no Buñuel extraordinario, facía
distinción entre o que consideraba privado e o que era público, agora o
que se fai é mostrar público o que é privado. Un erro grave. Era un home
avanzado no que pensaba, tiña unha ética de fondo, verdadeira e
auténtica.
Séntese próximo dalgún outro realizador?
Confeso
que eu gusto moito de calquera do que vexo, máis é un ollar pola
escena, o que se debe facer e o que non. Entre as figuras que admiro hai
un que despunta, o Dreyer. Era un realizador extraordinario, o home da
serenidade. Buñuel tiña como aspecto fundamental unha ironía moi
sarcástica. Lémbrome dun filme del (Le fantôme de la liberté) no
que están unha rapazas nun xardín e chega un home cunha gabardina e
repártelles unhas postais. Elas van para casa e ensínanllas aos seus
pais que fican escandalizados. Despois Buñuel amosa as postais e son da
torre Eiffel, de Notre-Dame de Paris... unha idea que eu atopo xenial.
Buñuel é dun sarcasmo moi forte.
Falando da torre Eiffel, o señor é moi querido e recoñecido na Francia...
Si, é a verdade. Desde o primeiro filme, Douro, Faina Fluvial,
que foi presentado na V Congreso Internacional da Crítica en Lisboa, en
setembro de 1931. Estaba Luigi Pirandello, Emile Vuillermoz -un crítico
francés de altura-,... durante a proxección do meu filme os portugueses
patearon con desgusto e eles preguntaban se en Portugal era costume
aplaudir cos pes. De maneira que desde aí ficou unha certa simpatía
entre os dous.
O seu pensamento está próximo ao público francés?
Portugal
recibiu máis influencias culturais de Francia que de Italia, un país
que si influíu, por exemplo, en España. É como se os montes que os
dividen, os Pireneos, parecesen que están na fronteira portuguesa. Hai
unha certa proximidade. Portugal cobra de Francia, España recibe máis de
Alemaña e Italia,... É difícil definir esta complexidade.
Portugal recoñeceu o traballo de Manoel de Oliveira?
Sempre
quen fala ben son poucos, hai moitos que falan mal. Iso é en todas
partes, non sei, o Buñuel non debe ser moi estimado en España, nin
Dreyer foi moi estimado en Dinamarca, nin o Bergman estimado na Suecia.
Eu estaba a pasar unhas ferias no Algarve nunha praia e no meu carón
estaba unha sueca que me recoñeceu e almorzamos xuntos e falamos de
Bergman, e dixo que era un lixo, que a sociedade que retrataba non era
así. Calei. Mais hai unha cousa na que eu levo vantaxe: a idade.
Cal é o filme que máis gustou de realizar na súa filmografía?
Aínda non gusto de ningún, sempre gusto do meu próximo filme.
Como os fillos?
Hai unha diferencia moi grande cos fillos. Os fillos nacen fora da nosa vontade e os filmes dentro da nosa vontade.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario