O Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe na súa programación cinematográfica de novembro e decembro, en colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, a portuguesa Agência da Curta Metragem (Vila do Conde) e CulturArts-Filmoteca de Valencia, un ciclo sobre a produción portuguesa máis recente. Como adoita acontecer, as expectativas non defraudan: o cinema portugués segue a mostrar unha vitalidade, unha inventiva e uns logros artísticos fóra do común, que a consolidan como a máis renovadora e interesante das cinematografías europeas e unha das máis importantes do mundo.
E se cadra, entre os filmes que un puido ver -Centro histórico, nomeadamente o episodio de Víctor Erice, Terra de ninguém (Salomé Lamas), O fantasma do Novais (Margarida Gil), Vamos tocar todos juntos para ouvirmos melhor (Tiago Pereira), Torres e cometas (Gonçalo Tocha), A vingança de uma mulher (Rita Azevedo), O Gebo e a Sombra (Manoel de Oliveira)-, sexa E agora? Lembra-me o que máis salienta pola súa singularidade. Aínda que ben pensado non é este o cualificativo que mellor acae aquí, dada a tamén singularidade dos citados. Digamos, logo, que este é o que máis me convidou a enzarapallar unhas letras. Talvez, pola auténtica emotividade que destila, polo que de testamentario conteñen a pregunta e a solicitude do seu título, pola evidencia de non se tratar dunha ficción.
Enunciado en primeira persoa e sen renunciar a diversos tempos retrospectivos, céntrase E agora? Lembra-me no decorrer do presente do seu realizador, Joaquim Pinto, recoñecido operador de son, alén das fronteiras do seu país. “Uma reflexão sobre o tempo e a memoria * a sobrevivência para além do expectável * a dissensão e o amor absoluto * O caderno de apontamentos de um ano de ensaios clínicos con drogas tóxicas.” Estas frases que, en sobreimpresión, aparecendo e desaparecendo, se suceden ao comezo da fita, definen e anticipan de modo claro e preciso a historia que imos contemplar.
Arredor de vinte anos afectado polos virus VIH e VHC, Pinto loita arreo pola supervivencia, someténdose mesmo a estudos e probas con fármacos en período de experimentación, ao tempo que con normalidade, dentro das súas limitacións, leva adiante o seu proxecto vital coa asistencia do seu compañeiro sentimental, Nuno Leonel, co que tamén forma sociedade como pequenos empresarios agrícolas. E entre este presente de encontro coa vida rural, a natureza, de batalla coa SIDA e a Hepatite C, e o seu pasado cinematográfico e mesmo os anos da adolescencia decorre o relato autobiográfico do realizador. Mais alá do seu principal oficio de sonidista, que exerceu para unha grande parte dos directores do seu país e así mesmo para outros como Raúl Ruiz, Werner Schroeter e André Téchiné, Joaquim Pinto representa a figura do cineasta integral, coñecedor das outras funcións todas como ben demostra nesta súa cuarta longametraxe. As ficcións Uma pedra no bolso (1988), Onde bate o sol (1989) e Das tripas coração (1992), e varios documentais e curtametraxes posteriores, algunhas delas de animación, realizadas en colaboración co seu compañeiro de vida, constitúen os seus traballos como director, nos que como é habitual desempeña tamén outros cometidos. Como produtor, levou adiante Recordações da Casa Amarela (1989) e A Comédia de Deus (1995), de João Cesar Monteiro, e A idade maior (1991), de Teresa Villaverde, entre outros. Algunhas destas actividades e as amizades que delas naceron, tal que Claudio Martínez, Kurt Raab, Serge Daney, Derek Jarman, Manfred Salzgeber, algúns deles falecidos a causa da SIDA, son inevitabelmente motivo de relembranza e comentario no filme, como tamén o son outros cineastas, literatos e músicos admirados.
O tributo á amizade, a memoria do tempo e o seu inexorábel pasar, o presente como único e verdadeiro patrimonio da vivencia, a constante ameaza das epidemias, a crise que nos malla, a globalización e os seus efectos, o estimulante reencontro coa natureza… entretécense coas consecuencias puntuais da doenza e os efectos do seu agresivo tratamento. En off, axudado de fotografías, documentos diversos, retrospectivos materiais propios en S8 e outros filmes, por medio de soliloquios e diferentes situacións (inducidas, casuais e inesperadas), obtidas nun proceso de (auto)filmación cuase permanente no decurso de cada xornada, o cineasta vai trenzando o relato, facendo interactuar presente e pasado nun ir e vir, a través de asociacións de ideas, orixinando un continuo estado de sorpresa no espectador. E, lonxe de reivindicar a condición homosexual e os seus dereitos, de entoar traza algunha de lamento, de se ollar na miraxe da autocompaixón, Joaquim Pinto aborda calquera dos temas enunciados con sinxeleza e sinceridade, coa naturalidade propia de quen fala do que coñece, sen afectación, sen fachendear de nada, con lucidez e delicadeza extremas, mais tamén con atrevemento e coraxe, convertendo a súa exposición persoal, automostración de inusual dureza -nestes tempos de desenfreada competencia da impudicia e a desvergoña-, nun alentador discurso exemplar, ao tempo que constrúe un filme fermoso e conmovedor, que reborda afouteza e insólita valentía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario