Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Díaz Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Díaz Castro. Amosar todas as publicacións

sábado, 9 de febreiro de 2019

Proxecto NIMBOS: Coma ventos fuxidos (Ramón Lluis Bande, 2016)

Curtametraxe de Ramón Lluis Bande para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.


Coma ventos fuxidos

Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

sábado, 12 de xaneiro de 2019

Necesitamos a interrupción da noite

Deixádeme empezar contando unha historia sobre un mozo e un telescopio.

O escenario desta historia é Lawrence, Massachussets, Estados Unidos. O ano é 1889. O mozo chámase Robert e é orfo de pai; ten quince anos e le con avidez unha revista nesa altura xa veterana, Youth's Companion. Unha publicación que nacera en 1827 dirixida ao público máis novo co ánimo de promover “a virtude e a piedade e servir de aviso contra toda forma de transgresión”. Co paso dos anos a orientación cambiou sensibelmente e cara ao final do século a revista abríase a un público máis diverso: as súas páxinas acolleron textos de autores lendarios como Mark Twain, Jack London ou Emily Dickinson.

Youth Companion destacou tamén polas súas estratexias de promoción. Convidaba os lectores a buscar subscritores e a cambio ofrecíalles agasallos, entre os que non eran infrecuentes os kits científicos. Naquel 1889 a recompensa para os xoves máis dilixentes era un telescopio. Coa axuda da súa nai na procura de novos compradores da revista, Robert fíxose merecedor do prometido telescopio refractor e fixo dun dos cuartos da súa casa o seu primeiro observatorio. Para familiarizarse co ceo devorou os libros dispoñíbeis na Biblioteca Pública de Lawrence. Leu e releu os atlas astronómicos e namorouse en especial dun libro, Our Place among the Infinities, escrito polo astrónomo Richard Anthony Proctor, autor dalgúns dos primeiros mapas de Marte e fundador dunha revista de divulgación, Knowledge. No desenvolvemento desta publicación contou, por certo, coa axuda da súa filla Mary Proctor, que logo tería unha celebrada carreira como comunicadora científica: escribiu infinidade de artigos e deu centos e centos de charlas en diversos países.

A marabilla do ceo chocaba coa pesada inercia da vida escolar. En decembro de 1891 o noso Robert escribía, con inconfundíbel frustración adolescente, estas frases no xornal do instituto de Lawrence:
“A rutina da vida escolar que se nutre enteiramente de libros é incribelmente monótona, tan monótona, de feito, que nos deprime non ter a certeza de se un día saberemos ou non o que aprendemos onte; un pouco de observación real sobresairía entre todo este negror igual que a Lúa sobresae na escuridade cando a miramos a través dun telescopio; fai que a escuridade pareza agradábel”.
Acabou o instituto, desempeñou diversos oficios, casou, foi á universidade de Harvard, deixouno e, finalmente, grazas ao seu avó, fíxose cunha granxa en Derry, New Hampshire. Alí viviu coa súa muller Elinor durante varios anos. Pola mañá cedo, antes de ocuparse dos labores do campo, erguíase para escribir poesía. A lenda literaria do noso Robert abrolla de verdade nesta altura. Porque o noso Robert é Robert Frost, un dos grandes nomes da poesía estadounidense, catro veces gañador do Pulitzer, cifra récord para ese premio.

Robert Frost amaba o ceo nocturno. Observou o ceo na súa mocidade, observouno mentres viviu no campo, observouno con seguridade durante os anos, case vinte, que deu aulas de inglés no Amherst College de Massachussets, onde había un observatorio que tiña, cando el chegou en 1917, un telescopio de 18 polgadas. Amaba o firmamento e o firmamento asoma en poemas seus como The Star-Splitter, Canis Major ou Fireflies in the Garden. Na súa poesía tamén está presente a desaparición da noite. Ao longo da súa vida Robert Frost asistiu á electrificación do seu país, á domesticación incandescente de terras que antes eran salvaxes. A luz artificial ameaza a noite, como apunta con retranca o poema The Literate Farmer and the Planet Venus:
The idea is no doubt to make one job
Of lighting the whole night with one big blob
Of electricity in bulk the way
The sun sets the example in the day [1].
No mesmo poema un verso posterior reclama: “we need the interruption of the night” [2]. Necesitamos a interrupción da noite.

Un dos mellores poetas galegos, Xosé María Díaz Castro, escribiu no único libro que publicou en vida, Nimbos (1961):
A noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
Necesitamos a interrupción da noite. A noite é necesaria.

Hoxe sabemos que ademais dunha verdade poética, estes dous versos son tamén unha verdade científica. Hoxe coñecemos o impacto da contaminación luminosa en ámbitos moi diferentes. Comprendemos como a exposición á luz artificial pola noite agride a natureza e a nosa saúde, dilapida diñeiro e acaba co patrimonio cultural do ceo nocturno.

Desde que xurdiron as primeiras formas de vida na Terra hai uns catro mil millóns de anos o noso planeta xirou sobre si mesmo un billón de veces. É unha cifra a vulto, mais válenos. Un billón de días co seu correspondente billón de noites. A vida, en todas as súas formas, evolucionou afacéndose a esa alternancia de luz e escuridade, de horas baixo o dominio do Sol e horas ao relento da noite. Unha alternancia que ademais é variábel, a consecuencia do efecto combinado dos movementos de rotación e translación do noso planeta. A todas as especies resúltalles útil prepararse para a chegada do día ou da noite, nas que desenvolverán os hábitos que correspondan a cada período, desde a alimentación e o apareamento até o necesario descanso. Élles igualmente útil anticiparse aos cambios estacionais, adiviñando a proximidade do verán ou do inverno polo incremento ou diminución de horas diarias de luz. Mais para iso é imprescindíbel recoñecer ben o día e a noite e iso, na actualidade, non resulta doado. A luz artificial, que se estende por centos de quilómetros das cidades, desfigura de xeito decisivo as condicións ambientais nocturnas: fai desaparecer a escuridade e iso deixa indefensas a todas as especies que teñen nela o seu hábitat de vida. Niveis de luz cos cales os humanos non nos atrevemos a dar un paso poden ter un impacto gravísimo en moitos seres vivos.

Paxaros mortos por colisións nas cidades. Fonte: FLAP.
Non hai semana que non apareza un novo estudo sobre os efectos negativos da luz artificial pola noite sobre o medio ambiente. Hai exemplos clásicos, como o das tartarugas mariñas que desovan nas praias. Cando se produce a eclosión dos ovos as crías deben saír correndo cara ao mar, que de maneira natural deberían recoñecer por reflectir a luz do firmamento, mais o probábel agora é que se desvíen cara a territorio urbano, que é o que máis brilla. Fascinante é o caso das aves que se orientan polas estrelas, para as cales un ceo borrado supón quedar sen mapa. Moitas especies de aves quedan atrapadas polas manchas de luz das cidades e a miúdo chocan fatalmente contra os edificios (só na América do Norte poden morrer por esa causa até mil millóns de exemplares cada ano [3]) ou esgotan os limitados recursos cos que afrontan as migracións. O impacto da luz sobre as poboacións de insectos é tamén moi coñecido e iso pon en perigo o seu decisivo papel como polinizadores [4]. A contaminación luminosa afecta mesmo mar adentro, como proban estudos feitos con corais da Gran Barreira de Arrecife en Australia [5]: os seus ciclos reprodutivos vense alterados cando a luz artificial compite coa luz da Lúa como marcador do seu ritmo biolóxico. E non só á fauna, tamén lles afecta ás árbores e plantas. A luz artificial pode favorecer o adianto ou atraso dalgúns procesos vitais, co efecto consecuente para todo o ecosistema. Nas cidades é moi fácil comprobalo. Reparen nas árbores de folla caduca que están preto dun farol: é frecuente que as ramas que teñen luz máis perto sigan verdes mesmo despois do solsticio de inverno.

Fotografía tomada na Coruña o 29 de decembro de 2016. Imaxe: Martin Pawley
Os seres humanos non quedamos á marxe. Sabemos que ao longo do día varían moitas das nosas variábeis fisiolóxicas, como a tensión arterial ou a temperatura. Se nos poñemos o termómetro pola mañá ao levantarnos e despois á tardiña, podemos comprobar como en condicións normais o valor máis alto ímolo obter no segundo caso. O noso grao de lucidez tamén é variábel: non somos igual de capaces de resolver problemas complexos ás tres da mañá que ao mediodía. Tamén non somos igual de hábiles ao volante ou no manexo de maquinaria sofisticada (o excepcional libro Why We Sleep de Matthew Walker dá datos arrepiantes sobre o papel do sono como causa de accidentes ou erros fatais).

Hoxe coñecemos moito mellor que hai vinte anos -mais aínda estamos lonxe de coñecelos ben- os procesos que rexen esas variacións diarias. Ou máis ben case diarias, “circadianas”. O noso ritmo propio non se axusta exactamente ao patrón de 24 horas ditado pola rotación terrestre: o reloxo biolóxico central tende a desfasarse e por iso cada día hai que “poñelo en hora”, coma un reloxo ao que haxa que darlle corda. Entre os estímulos que facilitan ese axuste diario o máis importante é o ciclo natural de luz. Un equipo comandado por David Berson, neurocientífico da Universidade de Brown, publicou en 2002 [6] unha investigación fabulosa que desvelaba o papel fotorreceptor dunhas células específicas na retina. Ademais dos conos e bastóns, nos nosos ollos temos un terceiro tipo de células, as chamadas “células ganglionares da retina intrinsecamente fotosensitivas”, ipRGC, cuxa función non ten que ver coa visión senón coa detección do nivel de luz: indícanlle de forma directa a unha rexión do cerebro canta luz hai para desa forma saber se nos achegamos ao día ou á noite. Iso é fundamental para a nosa posta en hora e, en consecuencia, para lanzar os procesos fisiolóxicos que correspondan a cada momento. Por exemplo, subir ou baixar a presión arterial e a temperatura. Ter sono ou estar lúcido. Activar ou inhibir a produción de certas hormonas, como a melatonina.

A exposición case permanente á luz manda unha mensaxe confusa ao cerebro. Cae a noite, mais estamos rodeados de farois e anuncios luminosos que parecen dicirlle ao noso cerebro que é de día. Antes de durmir pasamos varias horas pegados a pantallas -televisións, computadores ou móbiles- que producen luz cunha compoñente azul que activa as células ganglionares. Non experimentamos o suficiente contraste entre o día e a noite, mellor dito, entre a luz intensa do día e a escuridade total da noite. E iso non lle sae gratis ao noso corpo. Hai unha longa colección de patoloxías, algunhas moi graves, asociadas a estas disrupcións do ritmo circadiano.

A contaminación luminosa custa cara. Non é só unha licenza poética referida ao seu efecto sobre a natureza e a saúde, é literal: custa centos de millóns de euros. O proxecto Cities at Night calculou en case mil millóns de euros anuais o gasto en enerxía para iluminar a noite en España. Entre un 30 e un 50% podería aforrarse sen demasiada dificultade simplemente aplicando criterios máis sensatos [7]. Bastaría asumir que a luz artificial é un axente contaminante e por tanto debe utilizarse só onde se necesita, ou sexa, cara ao chan, e non proxectada cara arriba ou cara á xanela dun veciño; só cando se necesita, non por igual a todas as horas en todos os lugares, senón tendo en conta o tráfico de persoas e vehículos; co nivel preciso, a intensidade requirida para realizar tarefas mais nunca máis da necesaria; e co espectro adecuado, optando sempre por fontes de cor cálidas para o horario nocturno (e descartando as lámpadas que producen moita luz azul, como sucede cos LED branco-azulados que se instalaron masivamente nos últimos anos e que no canto de corrixir o problema o multiplicaron).

A Noite Estrelada de Vincent Van Gogh. Fonte: Museum of Modern Art, Nova York
Vincent van Gogh pintou este cadro en xuño de 1889 durante o seu internamento, voluntario, no asilo de lunáticos de Saint-Paul, en Saint-Remy-de-Provence, Francia. Titúlase A noite estrelada. Ao seu irmán Theo escribiulle uns meses antes desde Arles “Preciso unha noite estrelada con cipreses, ou quizais sobre un campo de trigo maduro. Hai noites realmente fermosas aquí”. Xa desde o psiquiátrico, en xuño, contáballe: “Esta mañá vin o campo desde a miña xanela moito tempo antes do amencer, sen máis nada que o luceiro da alba, que parecía moi grande”. Venus é, en efecto, o punto gordo á carón do ciprés. Obviamente distinguimos a Lúa, mais o ceo de Van Gogh é un ceo elaborado desde a memoria, unha reconstrución alucinada da noite, como nos lembra Paul Bogard no seu imprescindíbel The End of Night.

Na Noite estrelada sobre o Ródano recoñecemos o Carro da Osa Maior e fascínanos a idea dun ceo estrelado á vez que se reflicten as luces dos farois de gas sobre o río. Fascínanos a idea de que cohabite a luz artificial coa luz natural das estrelas, que as luces dos farois non supriman as luces da noite. Unha noite que marabillaba a Van Gogh e que xa non poden ver os millóns de admiradores que peregrinan cada ano a diferentes museos para ver os seus cadros. Vese ben isto noutra célebre pintura, Terraza de café pola noite, que pintou en efecto de noite e nese café. Sobre o café iluminado e sobre a cidade toda esténdese a noite estrelada. O local agora chámase “Café La Nuit” e preserva a súa imaxe exterior para gozo dos turistas. O que xa non preserva é o ceo nocturno. Faltan as estrelas do pintor do sombreiro de malvas.

Os humanos actuais somos descendentes dos primeiros Homo Sapiens que pisaron a Terra hai douscentos mil anos e ao longo dese tempo nunca faltou unha noite ao final de cada día e un día ao final de cada noite, e o mesmo sucedeu con todos os homínidos que os precederon. A noite fíxonos sentir medo porque nela somos máis vulnerábeis, máis aínda mentres durmimos, mais tamén foi o noso compás, a nosa guía para movernos polo tempo e polo espazo. Comprender as regras da noite serviu para que puidésemos orientarnos, para localizar o punto no norte (ou no sur) ao redor do cal dá voltas o ceo, para saber onde nace e onde se pon o Sol (e con el a Lúa, os planetas, as estrelas todas). Así aprendemos a desprazarnos polo mundo para descubrir como eran outras terras. Comprender o ceo serviu tamén para coñecer o paso do tempo, para identificar os feitos que se repiten e ser capaces de predicir fenómenos. O rigor do inverno, a resurrección da natureza na primavera, a calor do verán, o recollemento do outono. Se existe a agricultura é porque aprendemos a identificar os ritmos naturais e a facelos nosos e para iso tivemos que recoñecer o firmamento como espello deses ritmos. Foi preciso contar o tempo por lúas, ou pola saída ou a posta do Sol en certas posicións, e logo, con máis detalle, pola aparición ou non de certas estrelas. Elaboramos calendarios grazas ao noso coñecemento do ceo. Aprendemos a calcular as horas do día pola posición do Sol e as da noite polo movemento das estrelas.

Nas cidades chamamos noite a ese momento en que non pasan coches e non hai tanto barullo nas rúas, mais a noite de verdade é outra cousa. A noite é escuridade e perder a escuridade é perder a noite. Encher de luz artificial a noite, facer da noite día, é perder a noite. E perder a noite é perder a Van Gogh, a Robert Frost e a Díaz Castro, a Walt Whitman ou García Lorca. A música, a literatura, as artes plásticas e o cinema que encontraron no ceo nocturno a súa inspiración. Un coñecemento milenario, un patrimonio cultural transmitido xeración tras xeración. É perder, tamén, a ciencia que emana da noite, da observación astronómica, a que nos fixo entender o noso lugar no universo. A observación que nos descubriu, de Galileo en diante, que alá onde poñamos un telescopio as estrelas se multiplican e onde parecía haber unha realmente hai miles, logo millóns.

As "calculadoras" de Harvard. Fonte: Universidade de Harvard.
Esta mítica fotografía lémbranos un grupo de mulleres fascinante, as calculadoras de Harvard, cuxo traballo laborioso axudou a sentar as bases da astrofísica e a cosmoloxía do século XX. De pé, a admirábel Williamina Fleming, cuxo marido a abandonou, embarazada, ao pouco de chegar aos Estados Unidos desde a súa Escocia natal. Para sobrevivir buscou traballo do que fora e atopouno como criada nunha casa singular, a de Edward Pickering, director do observatorio de Harvard. Pickering tivo a habilidade de recoñecer o talento de Mina e non tardou en propoñerlle cambiar a súa casa polo observatorio. Acabou sendo a xefa das calculadoras e a primeira muller que ostentou un cargo no centro, como responsábel da colección de placas fotográficas. Descubriu varias novas, ducias de nebulosas -incluída a nebulosa da Cabeza de Cabalo, unha das xoias do ceo profundo- e centos de estrelas variábeis. Mais antes de todo iso foi unha inmigrante en terra estraña, entregada á súa sorte, e iso sempre me fai pensar en cantas Williaminas debe haber hoxe no mundo a piques de botarse ao mar ou de cruzar continentes enteiros en busca dun porvir menos inxusto.

Ao grupo das calculadoras incorporouse Henrietta Swan Leavitt, que nos deu as claves para calcular a distancia ás estrelas. Mentres estudaba estrelas variábeis cefeidas nas nubes de Magallanes decatouse dunha curiosa relación que fixo notar, en forma de frase inocente, nun boletín dos anais do observatorio: “It is worthy of notice that in table VI the brighter variables have the longer periods”. Chama a atención que as variábeis máis brillantes teñen os períodos máis longos. O brillo aparente dunha estrela depende tanto das características desa estrela como da distancia a que se atopa, e así unha estrela no noso ceo pode brillar moito porque en efecto é moi luminosa ou ben porque aínda non séndoo tanto está relativamente perto. Henrietta Leavitt entendeu que o período de pulsación tiña que ser unha característica propia da estrela, de maneira que atopar unha relación entre o brillo e o período de variación de brillo proporcionábanos unha información valiosa real e non aparente sobre ese astro. En canto tivésemos un valor fiábel da distancia a algunha desas variábeis cefeidas poderíamos comparar unhas con outras e extrapolar valores de distancia para todas as demais. Niso traballou Ejnar Hertzsprung. Con iso abriuse un mundo novo para o cálculo de distancias. Ou, literalmente, un universo novo. Hai cen anos todo o universo coñecido collía dentro da Vía Láctea. Foi en 1923 cando Edwin Hubble constatou no observatorio do Monte Wilson, en California, que a nebulosa de Andrómeda era de seu unha galaxia, diferente da nosa, cargada á súa vez de millóns de obxectos. Conseguiuno estudando variábeis cefeidas en Andrómeda ata chegar á conclusión de que estaban demasiado lonxe como para pertencer á Vía Láctea.

As últimas estimacións aseguran que no universo debe haber entre douscentos mil millóns e dous billóns de galaxias e entre tantas a nosa é só unha máis. O universo empezou a crecer naquel 1923, sobre os ombreiros de xigantes, no observatorio de Monte Wilson. Hoxe ese observatorio xa non serve para escrutar o espazo profundo. O ceo de Monte Wilson xa non vale para facer ciencia de vangarda porque non é suficientemente escuro. Como case todos os seus contemporáneos. Non é casual que fosen os profesionais dos observatorios os primeiros en lanzar a voz de alarma. Xa en 1973 Merle Walker, do observatorio Lick, analizou con tino o empeoramento notábel da calidade do ceo nos centros de investigación de California e Arizona e lanzou unha premonitoria advertencia final: “O futuro da astronomía óptica terrestre depende de con que nivel de éxito resolvamos os problemas paralelos de controlar a contaminación luminosa nos observatorios existentes e de adquirir e protexer axeitadamente os mellores sitios de ceos escuros que queden" [8]. 45 anos despois podemos dicir que, tristemente, non conseguimos ningunha das dúas cousas. Ir ao encontro da verdadeira escuridade é agora todo un desafío.

Fabio Falchi. Imaxe: Riccardo Furgoni.
Sobre estas liñas ven a Fabio Falchi, profesor do Istituto Statale di Istruzione Superiore “Galileo Galilei” en Mántova, Italia. No seu tempo libre investiga no Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento Luminoso. No seu tempo libre, repito. Fabio Falchi é un titán na loita polos ceos escuros. A súa investigación e o seu impulso achéganos unha fabulosa ferramenta para calibrar o estado real do desastre que é a contaminación luminosa. O Atlas Mundial do Brillo do Ceo, cuxa segunda edición se publicou en xuño de 2016, dinos que o 80% da poboación mundial vive baixo ceos afectados pola contaminación luminosa. En España, tres cuartas partes da poboación non vemos xa a Vía Láctea. A Vía Láctea que si vía Díaz Castro na súa mocidade na Terra Chá, en Galiza. Hoxe tería que esforzarse bastante.

Nun artigo para o semanario Sermos Galiza Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses, escribiu: “Do mesmo xeito que non hai mariñeiros sen mar ou naturalistas sen natureza, non pode haber astrónomos sen estrelas”. Quizais tampouco haxa poetas, cineastas, músicos, artistas plásticos, científicos e científicas doutras áreas cuxa curiosidade naceu unha noite mirando o ceo.

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno "A Fondo" 203 publicado no semanario Sermos Galiza do 15 de novembro de 2018, nº 322. En versión española o artigo forma parte do nº 12 da revista "Astronomía Digital", especial 20º aniversario, que pode descargarse nesta ligazón.

* * * * *

Notas 

[1] En atrevida tradución galega: A idea, sen dúbida, é facer o traballo / de alumar a noite toda cun gran cachifallo / de electricidade a esgalla para que pareza / que o Sol, coma de día, está sobre a cabeza.

[2]  We need the interruption of the night / To ease attention off when overtight, / To break our logic in too long a flight, / And ask us if our premises are right.

[3] “Across North America, the estimated number of migrating birds killed annually in collisions with buildings ranges from 100 million to 1 billion birds” (FLAP, Fatal Light Awareness Program).

[4] "Insect declines and agroecosystems: does light pollution matter?", M. Grubisic, R.H.A. van Grunsven, C.C.M. Kyba, A. Manfrin, F. Hölker.

[5] "Signaling cascades and the importance of moonlight in coral broadcast mass spawning", Paulina Kaniewska, Shahar Alon, Sarit Karako-Lampert, Ove Hoegh-Guldberg, Oren Lev.

[6] "Phototransduction by retinal ganglion cells that set the circadian clock", Berson DM, Dunn FA, Takao M.

[7] O custo total dos quince anos da misión NASA New Horizons, que enviou unha sonda a Plutón, foi de 600 millóns de euros (fonte: Forbes). Iluminar ben España podería xerar cada dous anos (ou mesmo menos) o aforro preciso para pagar unha misión espacial dese nivel.

[8] “The future of ground-based optical astronomy hinges upon how successfully we are able to solve the twin problems of controlling light pollution at our existing observatories and of acquiring and adequately protecting the best remaining dark-sky sites”, en Light Pollution in California and Arizona, Merle Walker, Publications of the Astronomical Society of the Pacific, Volume 85, nº 507, outubro de 1973.

* * * * *

Lecturas recomendadas

-As referencias á paixón astronómica de Robert Frost proveñen dun artigo de Charles Laird Calia na revista Sky & Telescope, The Astronomy of Robert Frost, abril de 2005.

-Sobre contaminación luminosa e saúde é máis que recomendábel o libro Hicimos la luz... y perdimos la noche do catedrático de Fisioloxía da Universidade de Cantabria Emilio Sánchez Barceló, editado polo servizo de publicacións da propia universidade.

-Sobre contaminación luminosa e impacto ambiental hai abundantísima información dispoñíbel en Internet. Unha boa introdución é Artificial night lighting and protected lands: ecological effects and management approaches, escrito por Travis Longcore e Catherine Rich e dispoñíbel en liña

-Sobre as calculadoras de Harvard Dava Sobel escribiu un libro excelente, The Glass Universe, editado en España por Capitán Swing.

-Debo insistir na importancia do ensaio The End of Night de Paul Bogard, sumamente inspirador pola súa reflexión sobre a desaparición da noite.

-En galego o excelente libro de divulgación E fixemos a luz! de Salvador Bará, editado polo servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe un conciso e á vez completo capítulo sobre contaminación luminosa.

-A IDA, International Dark-Sky Association, é a principal entidade mundial na loita contra a contaminación luminosa. O seu sitio web está cheo de moi boa información divulgativa. Para quen desexe saber (moito) máis, inclúen unha base de datos actualizada de artigos científicos. En España a asociación de referencia é Cel Fosc.

sábado, 25 de agosto de 2018

Proxecto NIMBOS: Unha casa de madeira á beira do río Valdivia (Martin Pawley, 2017)



Curtametraxe de Martin Pawley para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Imaxes tomadas en Valdivia (Chile) en marzo de 2016, con agradecemento eterno a Raúl Camargo. Moitos parabéns ao festival de Valdivia no seu 25º aniversario!

No resplendor do día

Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sIn sentir o martelo dun recordo no sangue,
e caere amodiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxán.

Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os bois de remoer.

Que o meu carro se entorne cheo de lume e sono
sin axotar as troitas nin as alas dormidas,
e que a Deus me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,

os camiños que andiven i as álbores con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as vozes escondidas que teman deste mundo,
as bágoas puras que non ve ninguén,

namentras en falopas cái a imaxe do mundo
i as voces son adeuses de xente non peirao
i eu estrela da noite que se perde no día,
no resplendor do día que busquéi.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

martes, 5 de xuño de 2018

Proxecto NIMBOS: Coma brasas (Jorge Suárez-Quiñones Rivas, 2015)


Curtametraxe de Jorge Suárez-Quiñones Rivas para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. En palabras de Carlos Rivero, “Son tres planos que bien podrían ser tres relatos diferentes, pero que, por alguna razón mágica (ahí está el cine), se conectan y dialogan a partir de su misterio. Solo el cine hace posible devolverle a las cosas la dignidad que el destino les niega. Y por supuesto a través del tiempo”. Este filme formou parte do catálogo Rencontres Intertionales Paris 2015-2016.

Coma brasas

Poeta ou non, eu cantaréi as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumaréi con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Ehí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adolescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron
leite e centéo e sono e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
i esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles daréi ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, pra que se conozan,
palabras lles daréi pra que se entendan...

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

luns, 14 de agosto de 2017

Proxecto NIMBOS: Esmeralda (Bruno Delgado, 2017)


Curtametraxe de Bruno Delgado para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Intérpretes: Marta Morais Miranda e Manuel Bouzas Barcala. Realizado en Santiago e Chiloé (Chile).

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
¿por qué de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
mais pequeño sin ti!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

mércores, 17 de maio de 2017

Proxecto NIMBOS: Inausketa (Ander Parody, 2015)



Curtametraxe de Ander Parody para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015 (competición Vanguardias)  / FIC Valdivia 2015 / Cineuropa 2015 / Muestra Aitzol Aramaio Cineclub FAS / Amsterdam Spanish Film Festival 2016.

A CERNA

Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acudulla en sangre.

Tinguéuseche o machado en sangre loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Que moura é a sombra moura
do machado na galla!

Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento…

Sobre os cómbaros dondos coma un velro,
sobre as cornas dos boi, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,
cai arroulando un niño…

Eu vinte contra o sol, nunha hora tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!

Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no soño puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

luns, 17 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Gaua beharrezkoa da (Pablo Maravi, 2015-2017)


Curtametraxe de Pablo Maravi para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Estreada en novembro de 2015 no CGAI; montaxe definitiva, abril de 2017.

A NOITE É NECESARIA

Hai homes cheos de sombra,
homes a contralús
que che fan ver a Deus
coma unha mar de lus.

A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobro medo i o mal
as estrelas arder.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

sábado, 15 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Esmeralda (Guillermo Cerrato, 2015)


Curtametraxe de Guillermo Cerrato para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
¿por qué de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
mais pequeño sin ti!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

venres, 14 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Noite do mundo (Pablo Teijón, 2015)


Curtametraxe de Pablo Teijón para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

NOITE DO MUNDO

Noite do mundo,oco
de estrela arrincada,
onde teimo verte
de repente arder
sobre a miña vida
cuase consumida
na ourela da nada!

Ai ter teu alento
no meu rosto ó fin,
i eu diantos teus ollos
derrubarme en lus,
esvaerme no aire
que ti vas beber,
ser teu rastro, ser
teu eco perdido
e, cuase, non ser.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

domingo, 19 de marzo de 2017

Proxecto NIMBOS: Nimbos (Jaione Camborda Coll, 2015)


Curtametraxe de Jaione Camborda Coll para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

NIMBOS

Si é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

xoves, 31 de marzo de 2016

Proxecto NIMBOS: A noite é necesaria (Marcos Martínez Merino, 2014)


Curtametraxe de Marcos Martínez Merino para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: FIC Valdivia 2014, Mar del Plata 2014, SEFF 2014, Cineuropa 2014, Filmadrid 2015, SACO 2016.

A NOITE É NECESARIA

Hai homes cheos de sombra,
homes a contralús
que che fan ver a Deus
coma unha mar de lus.

A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobro medo i o mal
as estrelas arder.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

martes, 24 de novembro de 2015

Proxecto NIMBOS: A cerna (Carlos Rivero, 2015)


"O cinema ofrécenos a visión dunha realidade e contén a comparación en xermolo; o poema leva en potencia esta realidade á cal só nos conduce a forza de comparacións" (Eric Rohmer)

Curtametraxe de Carlos Rivero para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Actor: Javier Villarín. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

A cerna

Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acudulla en sangre.

Tinguéuseche o machado en sangre loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Que moura é a sombra moura
do machado na galla!

Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento…

Sobre os cómbaros dondos coma un velro,
sobre as cornas dos boi, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,
cai arroulando un niño…

Eu vinte contra o sol, nunha hora tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!

Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no soño puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

luns, 22 de xuño de 2015

Proxecto NIMBOS: Trasfiguración (Manuel Álvarez Álvarez, 2013-2015)


Curtametraxe de Manuel Álvarez Álvarez para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado en 2013.

Trasfiguración

Sinto ás veces as horas nos meus hombros
e digo que me pesan coma un reino.
Eu penso no teu Reino que no é deste
mundo, i entón párcenme as miñas horas
alas, Xesús, i escuma sobre a mar.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

mércores, 17 de xuño de 2015

Proxecto NIMBOS: Ai capitán (Xacio Baño, 2014-2015)



Curtametraxe de Xacio Baño para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado o ano anterior.

Ai capitán

Chorar, chorar, méntrelo barco rompe
contra o solpor, na noite!

A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
a túa risa, para sempre inmenso
abrente na mar.
Lume che din, cinza me queda. Cinza,
capitán!

Sola a sireia do teu barco
toda a eternidá.
Fume nos ollos, aréa fría
nas miñas maus.
I en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.

Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sin eles!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

venres, 29 de maio de 2015

Inausketa (A Cerna)

Dada a súa clara vocación de homenaxe aberta á obra dun poeta excelso, o Proxecto NIMBOS naceu sen límites de ningunha clase, por máis que o primeiro grupo de cineastas contactado pertencese ao ámbito xeográfico do país galego. Era cuestión de tempo que á proposta se sumasen creadores doutros territorios para explorar a lírica de Xosé María Díaz Castro desde a súa propia perspectiva cultural, en particular agora que a obra do poeta de Guitiriz está xa dispoñíbel noutras linguas, entre elas o euskera e o inglés.

No poema elixido por Ander Parody, a cerna serve de símbolo para explorar con ánimo existencialista o desamparo do ser humano, a derrota inevitábel contra o tempo, a vida coma loita entre impulsos contrarios: "hase de amar a cousa hastra que sangre". O machado tronza a rama e o bosque enteiro berra; "dóinos a póla, pro seguimos cernando" na procura dunha vida máis fermosa. Aí xorde de novo a oposición entre o destino tráxico do home e o seu permanente esforzo guiado pola esperanza; en certo sentido, unha derrota constante e necesaria. O continuo home-natureza característico da poesía de Díaz Castro está presente na curta de Ander Parody, que reforza o seu carácter telúrico coa imaxe da natureza violentada que se tingue de sangue.

Martin Pawley. A curta do Proxecto NIMBOS Inausketa (A Cerna) estréase na competición de vangarda do festival Filmadrid.

sábado, 13 de setembro de 2014

A noite é necesaria: #ProxectoNIMBOS no Festival de Valdivia


O Festival de Valdivia deu a coñecer hai unhas horas os contidos da sección Nuevos caminos, programada por Gonzalo de Pedro. Entre eles, e con carácter de premiere mundial, está a curta do #ProxectoNIMBOS A noite é necesaria do realizador asturiano Marcos Martínez Merino (director da longametraxe documental ReMine (El último movimiento obrero), estreada no BAFICI). Canda A noite é necesaria, inspirada no poema homónimo de Xosé María Díaz Castro, veranse nesa sección do FICValdivia filmes de cineastas contemporáneos tan recoñecidos coma Ben Russell, Jim Finn ou Ernst Karel, Lab Manager do Sensory Etnography Lab de Harvard e coautor con Toby Lee e Pawel Wojtasik da (espectacular) Single stream.

A noite é necesaria é a primeira peza do #ProxectoNIMBOS en ter estrea mundial nun festival de cinema de recoñecido prestixio. A primeira, mais -xa o adiantamos- non a última.

sábado, 14 de xuño de 2014

Proxecto NIMBOS: As cousas (Esferobite, 2014)



Curtametraxe de Belén Montero e Juan Lesta (Esferobite) para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

Coma brasas

Poeta ou non, eu cantaréi as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumaréi con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Ehí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adolescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron
leite e centéo e sono e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
i esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles daréi ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, pra que se conozan,
palabras lles daréi pra que se entendan...

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

venres, 23 de maio de 2014

Esta sede de beleza (IV)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Cuarta entrega.

“Estes non son poemas, nin cimentos / de poemas siquera”, advirte no Pórtico. “Son fragmentos de min mesmo”, di: únese experiencia e escritura e, como nas Follas de herba de Walt Whitman, quen toca este libro, toca un home. Mais son fragmentos “perdidos, coma ventos fuxidos, por antigos camiños esquencidos”, textos que naceron “como quen xoga” afastados de modas e costumes efémeros e maduraron co andar do tempo para acadar unha transcendencia que se diría allea á humildade do autor. O libro dunha vida enteira.

O título define ben as intencións. O “nimbo” é a aureola dos santos, a coroa de luz que rodea as súas cabezas nas representacións relixiosas. O poema, para Díaz Castro, debe ser xusto iso, “un nimbo de luz que envolva as cousas nun resplandor poético para facelas brillar na escuridade”. Escribir poesía é aprender a mirar e escoitar, a recoñecer a beleza e facela asomar, poñela diante dos nosos ollos, viva e clara; dotala de gloria. Suliñar a grandeza do mundo e alumalo “con fachas de palabras”. Lus, sombras, lume, cinza... a oposición luz-escuridade preséntase nas primeiras páxinas coa forza dunhas brasas contra a noite. Relacionado, por suposto, coa súa fonda fe. Axiña aparecen referencias relixiosas, mesmo explícitas: Vigilate et orate -dixo / Xesús, na Noite do Olivar. Hai esperanza na vida eterna e a Morte é “unha mau moi donda” que mata unha lus e acende outra. O sentimento apaixonado e místico deriva nunha “sede infinita de pureza ausoluta”, unha “sede de xustiza que nos queima”, e, canda elas, “unha sede de beleza”. A beleza é a vida, tímida e pequena coma a herbiña que medra “entre a foia e a ruína”, entre as sepulturas, entre a morte. No tránsito da Noite á Lus, do poema O verme e a estrela ao chamado Esmeralda, perdura o símbolo da “herba pequerrechiña”: non se pode amar o mundo sen amar todo o que o conforma. Nada sobra nel e a grandeza do universo vén da suma das súas cousas máis pequenas. Nada sobra, nin sequera as tebras, en sentido real e figurado, e así “a noite é necesaria” para podermos descubrir nela as estrelas: sobre o medo e o mal érguese a luz.

Nimbos está atravesado pola natureza. O poeta lembra con saudade os camiños andados e as árbores con niños, canta o baile das xesteiras, aplaude o son dos muíños. Poucos anos antes de morrer un dos pais do cinema, David Wark Griffith, autor de Intolerancia e Lirios rotos, lamentábase de que os filmes na era do sonoro perderan “a beleza do vento que se move entre as árbores”. O cinema, que é imaxe e tempo, podería resumirse moi ben nesa frase: é a arte de capturar a beleza do vento. Así o entenderon algúns dos máis grandes creadores de todos os tempos, do Murnau de City Girl ao Terrence Malick de The tree of life, non digamos xa John Ford ou Jean-Marie Straub. No ámbito das letras, Díaz Castro segue ao pé o mandato de Griffith para facernos escoitar o murmurio do vento entre as follas das árbores e a música da auga ao correr. E cando a súa poesía se detén nun fío luminoso que entra polo oco do lousado ou no aire “que beixa todo e non se apousa en nada”, emparenta inconscientemente coa espiritualidade e lirismo dos filmes de Stan Brakhage e Nathaniel Dorsky.

Semellante altura creativa non pasa inadvertida e axiña recolle os parabéns dos cerebros atentos. Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Ánxel Fole, Álvarez Blázquez, Ramón Lugrís... saúdan Nimbos coma un clásico instantáneo, mais o libro dista moito de converterse en popular. As tendencias literarias van por outro camiño, como explica Ricardo Carballo Calero na introdución á edición bilingüe de 1982:

“Iniciado el período de descomposición del Régimen, asistimos al fenómeno de la politización de la poesía“. Es la llamada “poesía social”, denominación algo eufemística que envuelve todo el conjunto de textos contestatarios en verso más o menos libre, escritos para colaborar en la lucha por el derrocamiento de la situación reinante.
Este género literario está enteramente dominado por ese propósito, y por ello no pretende en el fondo -salvo excepciones- alcanzar cotas de elevación artística notable, limitándose a procurar, con los procedimientos de composición más elementales, mover el ánimo del lector para la lucha contra el orden establecido.
Pero si el rango estético de esta poesía no es generalmente apreciable, su éxito y difusión entre los jóvenes escritores fue grande. La poesía pasó a ser una herramienta de transformación política y, apoyada por los partidos que trabajaban contra el régimen, hizo impopular e invariable cualquier otra forma de lírica. Enmudecieron o se malograron, de este modo, las voces que no se unieron al coro de protesta general.”


A voz nova de Díaz Castro non pretendía erixirse en ferramenta de combate e iso “la aleja mucho de la canción panfletaria que sonaba entonces reiterativamente, en un ambiente refractario a toda introspección individual” [1]. Mais en modo algún podería considerarse unha mostra culturalista de escapismo, literatura allea á amarga realidade da Galicia. Bastaría para negar esa acusación un só poema, Penélope, retrato intemporal dun país en eterno vai e vén. O gran poema social da literatura galega, mais sen “vociferación, ni truculencia, ni vulgar retórica”.

Notas:
[1] Ricardo Carballo Calero, introdución á edición bilingüe de Nimbos.

xoves, 22 de maio de 2014

Esta sede de beleza (III)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Terceira entrega.

En 1948 gaña un posto no Ministerio de Gobernación que motiva o seu traslado a Madrid. No seu primeiro destino fica ao servizo dun Coronel de Enxeñeiros que lle encarga traducións relacionadas con asuntos de seguridade nacional, un traballo que esixe a extrema discreción propia dun tempo convulso. En paralelo comeza a impartir clases de idiomas en diversas academias, unha segunda actividade que manterá por espacio de tres anos. En 1952 pasa ao Instituto de Cultura Hispánica, ao que seguirá vinculado até 1966 en que se incorpora coma Axudante de Primeira Clase no Centro del Frío -máis adiante, Instituto del Frío-, organismo do Centro Superior de Investigaciones Científicas que impulsara o Patronato Juan de la Cierva, orientado ao fomento do progreso tecnolóxico. No Instituto do Frío permanecerá até a súa xubilación, daquela xa con rango de Xefe do Departamento de Investigación. O seu traballo é en todos os casos a tradución técnica: manexa o inglés, alemán, francés, italiano, portugués, holandés, danés, sueco... O seu dominio das dúas primeiras linguas faino oficial en 1968, cando obtivo os diplomas correspondentes do Instituto de Idiomas da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid. É tamén nesa altura cando se fixo membro da Asociación Profesional Española de Traductores e Intérpretes, un traballo que levaba desempeñando intensamente dúas décadas. E non só en labores oficiais, vinculadas á súa condición de funcionario do estado. Fóra da súa xornada laboral, en horas roubadas ao descanso e o lecer, desempeñou unha intensísima actividade coma tradutor literario. Para a Editorial Aguilar, xa nos cincuenta, participou xunto a outros tradutores en tres entregas da Biblioteca Premios Nobel con "Obras escogidas" do sueco Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura en 1916) e os daneses Henrik Pontoppidan (Premio Nobel en 1917) e Johannes Vilhelm Jensen (Premio Nobel en 1944), volumes os tres que superaban xenerosamente as mil páxinas. Despois chegarían as numerosas traducións do inglés ao español para o Selecciones del Reader's Digest, de Ian Fleming (o creador de James Bond) e James Hilton (o de Horizontes perdidos e Adeus, Mr Chips) á gran dama da intriga romántica Victoria Holt ou a popular autora de suspense Mary Higgings Clark. Alén diso, traducións dispersas de autores benqueridos coma Rainer Maria Rilke ou Chesterton, publicadas na revista Alba; e traballos non literarios de carácter técnico, entre os que destaca a documentación asociada ao XII Congreso Internacional do Frío celebrado en Madrid en 1967, que contou coa participación de dous mil asistentes de corenta países; e o glosario multilingüe do posterior Diccionario Internacional del Frío.

Traduce e escribe: Díaz Castro é un traballador da lingua. “Todo está baseado na importancia dun elemento capital que se chama lingua. As traducións non se poden facer sen coñecer a lingua do autor e a propia. A poesía non se pode facer sen dominar ben a propia lingua. E a lingua, máis dunha vez o teño dito, non só é vehículo de cultura, senón creadora de cultura”, díxolle a Xulio Xiz [1]. Aínda así, non cría posíbel -e así llo dixo a Alfonso Blanco- unha tradución perfecta, literal, para a poesía. Polo camiño pérdese algo, sempre, e hai que asumilo, mais sen falsear os textos: “A tradución é un xeito de recreación. É ciencia, pero tamén é unha arte. E dentro do xénero literario, a tradución da poesía é dificilísima, case imposible. A poesía ten algo de misterio e de símbolo e linguaxe propia” [2].

Madrid non é só cidade de traballo: é o seu fogar. O 10 de agosto de 1954 Xosé María casou con María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, a “madriña de guerra” coa que se carteaba no trienio negro. Xa non eran novos: el tiña corenta anos, ela cumprira trinta e dous. A voda celebrouse no lugar da familia da noiva, Urretxu [3], onde tamén serían levados a nacer os tres fillos da parella, José María, Maite e Íñigo. Mais a residencia foi Madrid. Sacaba tempo das súas innumerábeis tarefas para pasear cos pequenos pola Casa de Campo e as beiras do río Manzanares, na procura de algo parecido á natureza que tanto marcara a súa infancia. Esas camiñadas eran tempo para a aprendizaxe e para o conto e, desa maneira, poñelos en contacto co seu país:

“Contáballes moitos contos e lendas, sobre todo de Galiza, e cantáballes nenias. Os contos e lendas ían sempre adobados cos nomes orixinais en galego da flora e da fauna que dominaba á perfección... era tal a unción que lle imprimía a aquela comunicación, que os nenos mesmo percibían o arrecendo e a cor das plantas: as pudias, as moreiras, a flor amarela da “manteca da lebre” que tiña nas súas raíces as “poutas do lobo”, cargadas de mel que comían o poeta e os seus veciños. Aprendeulles o proceso de elaboración do liño e ensináballes os nomes das estrelas. Todo aquilo apaixonaba a aqueles nenos que estaban a medrar na grande metrópole rodeados de asfalto e cemento. [4]


Galicia non só estaba viva na memoria do pai, senón que tiña unha curiosa presenza física na propia casa familiar: moitos dos mobles foron feitos con madeira dos soutos dos Vilares, labrada por carpinteiros traídos expresamente dende a Terra Cha.

Entre unhas cousas e outras non quedaba moito tempo para a vida social, cara a cal o noso poeta non estaba particularmente predisposto. Aínda así, mantívose en contacto co núcleo duro da cultura galega na capital do estado: Uxío Novoneyra, Camilo Gonsar, Ben-Cho-Sey... E, dende a distancia, coidou a relación con Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carballo Calero, cos que gardaría sempre correspondencia. Tres intelectuais esenciais na cultura do país no século XX que aguilloaron ao dos Vilares para se erixir na figura das letras que é. Todo comeza coa admiración que despertan neles os poemas que esporadicamente van aparecendo na revista Alba. A curiosidade pola voz distinta que representa lévao a ser incluído na antoloxía de poesía galega contemporánea que preparou en 1955 Fernández del Riego para Galaxia. O entusiasmo deste non ten parada e axiña lle propón a Díaz Castro a publicación dun libro propio para a colección de poesía que abrira Uxío Novoneyra con Os Eidos. Nesa altura non é posíbel: o poeta, coa mestura de humildade e autoesixencia de sempre, considera que aínda non ten material abondo e coa calidade que desexa e que polas súas obrigas laborais e familiares non podería dedicarlle ao proxecto as horas e as forzas necesarias. Nin del Riego nin Piñeiro se darán por satisfeitos e durante anos seguirán empuxándoo na preparación dese libro soñado, que empeza a facerse real ao recibiren, xa en setembro de 1960, unha primeira versión mecanoscrita de Nimbos. Durante meses sucédense cambios e correccións e finalmente, en maio de 1961, a obra dáse por rematada.

Notas:
[1] Xulio Xiz, Homenaxe a X. M. Díaz Castro.
[2] Conversa en Faro de Vigo, recollida en As Nosas Raíces, 10.
[3] Daquela, Villareal de Urrechu. A denominación oficial, axustada á ortografía do euskera, foi adoptada en 1979. En Urretxu naceu o coñecido poeta e músico José María Iparraguirre, autor de Gernikako arbola (A árbore de Gernika).
[4] Alfonso Blanco, As nosas raíces, 10.

mércores, 21 de maio de 2014

Proxecto NIMBOS: unidade didáctica (II)

Na segunda parte desta singular unidade didáctica arredor de Proxecto NIMBOS intentaremos estruturar o uso desta iniciativa encaixándoa nas dinámicas pedagóxicas dun instituto. Para iso intentaremos definir obxectivos, contextos, estruturas, metodoloxías, competencias... Obviamente será unha guía orientadora e apriorística, apuntamentos que se poden combinar e variar a vontade. Unha folla de ruta que se pode extrapolar nos vindeiros anos arredor doutras figuras da nosa literatura ou doutros temas a considerar.

Ver ou facer?
O desenvolvemento e a democratización das tecnoloxías fan inútil relegar o “facer” en favor do “ver”. No estado español existen varias iniciativas arredor do mundo da educación audiovisual onde os rapaces son protagonistas do proceso heurístico. Isto véndese como unha novidade porque até o de agora non se transitou moito por este camiño. O alumno pode participar directamente das distintas fases de elaboración dun proxecto mais as posibilidades que se abren no actual contexto fai que sexa recomendable non esquecerse de “ver”. De pouco vale o “facer” se antes non se pensou a imaxe. E para que isto ocorra hai que coñecer as bases e os procedementos da linguaxe que se intenta pór en práctica. Tanto nunha coma noutra vertente son precisos vasos comunicantes que recunquen nun maior coñecemento da disciplina.

Contextualización?
Primeiramente haberá que facer unha análise do contexto no que se quere pór en práctica esta actividade pedagóxica arredor de Proxecto NIMBOS. Un estudio do centro pode ser primordial para non errar nos alicerces. A súa localización xeográfica marcaranos as posibilidades de acceder a maior ou menor número de recursos, da dispoñibilidade de ferramentas propias, do coñecemento das singularidades dun territorio... Noutro enfoque máis polo miúdo intentaremos situarnos nas máximas que definen a clase e as circunstancias comúns dos alumnos.

Aula?
Alertamos pois de que é oportuno coñecer onde se vai desenvolver esta práctica. Nós escolleremos un instituto dunha vila media-grande e actuaremos sobre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Desestimamos cursos máis baixos porque é recomendable ter un mínimo de coñecementos e desestimamos aos de 2º de Bacharelato, un curso marcado pola presión preuniversitaria e das probas de Selectividade.

Periodificación?
A actividade podería situarse no mes de maio, arredor da semana das Letras Galegas. Normalmente esas datas xa están sinaladas nos cadernos de programación dos profesores para poder alteralas en torno á celebración do acontecemento. Habería que axustar a actividade ás horas dispoñibles baixo a tutela dunha soa área de coñecemento ou arredor de varias establecendo sinerxias: Lingua e literatura galega, Historia, Artes plásticas e visuais...

Tempos?
A proposta de Proxecto NIMBOS podería adaptarse ás tres horas semanais que ten Lingua e literatura galega mais o interesante sería que fose unha hora de cada área comentada para que tivera marcada a perspectiva de abordaxe: lingua galega, historia e artes plásticas. As clases distribuiranse no seguinte esquema a desenvolver nun total de 50´: preámbulo (10´), explicación (20´) e produción (20').

Preámbulo (workmap)?
Nesta fase de introdución estableceranse as pautas básicas de comportamento da imaxe a xeito individual, en relación con outras imaxes, en distintas manifestacións e a súa evolución ao longo do tempo. Dependendo da materia que acubille a proposta pódense alumear os preámbulos con análises, comparativas e estudios que poidan actuar como base para o traballo a desenvolver. Do mundo da linguaxe cinematográfica farase unha introdución do valor dos planos, do valor do montaxe, etc. Do mundo da literatura valorarase as características plásticas de figuras literarias, a poesía simbólica e descritiva, etc. E do mundo da Historia situarase no tempo as prácticas creativas tanto do mundo da poesía como do cinema. Serán comentarios puntuais e anecdóticos facendo fincapé na capacidade de sorpresa.

Explicacións (inputs)?
O eixo da aula gravitará arredor da comparativa entre un poema de Nimbos e dunha curtametraxe que o ilustre de Proxecto NIMBOS. A escolma de títulos será a vontade do profesor e pola súa curta duración pódese facer entre 2 e 3 exercicios. Nel farase un exercicio de literatura comparada no que intentar atopar conceptos comúns ou diverxentes. O primeiro exemplo pode facelo o profesor e os seguintes pode delegar nos alumnos. Neste traballo axudará ler a terceira entrega desta unidade didáctica.

Produción (outputs)?
Neste apartado promocionarase o “facer”. Poderase actuar individualmente ou en pequenos grupos. Os alumnos deberán seleccionar un poema, debullalo, buscar asociacións visuais, facer un pequeno bosquexo de guión, un estudio de posibles localizacións, exploraranse pequenas nocións de sinxelos programas de edición e posibles variables de montaxe. Os distintos proxectos materializaranse coas cámaras dos teléfonos móbiles. Haberá un período de supervisión do proceso en titorías. Finalmente esa produción proxectarase nunha sesión especial no salón de actos, en bucle no proxector do vestíbulo ou farase unha canle de Youtube promovendo as ligazón polas redes sociais.

Competencias básicas?
O profesor que conduza a actividade terá que intentar afondar nas competencias pedagóxicas básicas aínda que se sabe de antemán que algunha destacará sobre outra. Así marcarase o acento na conciencia lingüística, na creación artística e cultural, na iniciativa propia, na cidadanía, na pertenza social, na competencia dixital e na aprendizaxe do estudo.

Avaliación?
A valoración da experiencia cifrarase dentro do ámbito particular e do xeral. Na primeira considerarase a participación na clase, a participación en grupo e o resultado do traballo a realizar. Dentro do xeral valorarase como continuidade da asinatura, a evolución no trimestre e en todo o curso.

Xurxo González

Nota: a terceira parte será a análise dos filmes que conforman o Proxecto NIMBOS e publicarase unha vez que a serie de curtas estea máis completa.