Amosando publicacións coa etiqueta Kamal Aljafari. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kamal Aljafari. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de novembro de 2025

Kamal Aljafari, memoria e vida

Ao longo dunha traxectoria artística que xa supera os 20 anos, o palestino Kamal Aljafari, nacido en Ramla en 1972, fixo do cinema unha arma pacífica de resistencia para loitar contra a eliminación física e o borrado da identidade do seu pobo. A súa valiosa obra, que investiga como as imaxes preservan a memoria e a vida, fíxoo merecedor dun Premio Cineuropa que outorga o festival compostelán. Recollerá o premio nunha gala que se celebrará o 11 de novembro no Teatro Principal de Santiago.

Esta é a súa primeira visita á Galiza. 
Si, pasarei tres días no festival Cineuropa e logo teño que ir a Londres e despois ao IDFA de Amsterdam. É moi importante acompañar o meu filme, Con Hasan en Gaza, viaxar con el e conversar sobre a película e sobre a situación en Palestina. É xenial que teñamos marcados case 50 festivais até o final de ano. Son moitos lugares e non poderei estar en todos, mais é moi necesario ir a cantos poida. Ademais, xa fechamos distribución nalgúns países, entre eles Alemaña. Ficamos foi sorprendidos, mais vai chegar ás salas alemás o ano que vén. As cousas están cambiando. Tamén estará en Austria e agora estamos en conversas con Francia e os Estados Unidos. Sabemos que é un filme pequeno, mais nalgúns festivais en que foi seleccionado, por exemplo en Nova York, os billetes esgotáronse con dúas semanas de antelación, e pasou o mesmo en Londres na proxección do British Film Institute. Está captando moita atención e iso é moi bo.

Sen dúbida é un moi bo filme. Non é o típico documental que pretende dar pena e amosar crianzas chorando, non é iso, mais non por iso é menos efectivo e contundente, senón ao contrario.
Non, eu non fago esa clase de cinema. O meu é moi distinto e penso que cando a xente senta na sala vai con expectativas diferentes. Nunca podes facer filmes que lle gusten a todo o mundo, mais para min esta película é moi, moi emocionante.

Para empezar, convén contar a historia do reencontro coas fitas que dá orixe ao seu filme.
Foi unha absoluta casualidade que as atopase. Estaba a ordenar todas as fitas mini DV que tiña e atopei unha na que estaba rotulado "Con Hasan en Gaza". Non sabía o que era e só ao dixitalizar as imaxes e velas comprendín que estaba rodada en Gaza, mais non tiña nin idea de quen fixera aquilo até o momento en que me vin a min mesmo na pantalla. Levoume un tempo lembrar que eu fora alí; aínda hoxe non recordo a maioría das tomas que se ven no filme. Unha razón é que as fixen hai case 25 anos e aínda que as levei comigo a Alemaña, onde estudei, nunca as cheguei a ver en todo este tempo. Apareceron no momento exacto en que eu me estaba preguntando que podía un cineasta coma min engadir a esta situación que vivimos desde hai dous anos, o que estamos presenciando cada día, as imaxes que veñen de Palestina. Que podemos achegar desde o cinema nestas circunstancias? Dalgún modo, isto foi a resposta: atopei estas fitas que amosan como era a vida xa daquela e serven de contra-imaxe a todo o que vemos hoxe e ás afirmacións de que todo comezou o 7 de outubro de 2023 (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 8 de novembro de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.

xoves, 6 de novembro de 2025

Premio Cineuropa 2025: Kamal Aljafari


Hai varios verbos que parecen inevitábeis á hora de escribir sobre o cinema de Kamal Aljafari. “Lembrar” é un deles, se cadra o máis obvio. O pasado desprégase na pantalla para axudarnos a ler o presente xa dende a súa primeira curta, Visit Irak (2003), que fai dunha oficina abandonada da liña aérea Iraqi Airways a perfecta metáfora para un país convertido nunha ausencia. Tamén a memoria familiar, o regreso ás orixes que representa The Roof (2006), encomenda dunha televisión alemá que non lle gustou aos que a pagaron, decepcionados ao ver homes e mulleres que falaban calmadamente e se comportaban con normalidade: na súa visión colonialista, os palestinos debían actuar doutra maneira, talvez máis enfurecida e dramática. E, por suposto, a memoria histórica, o intelixente uso do material de arquivo para facer sátira da propaganda israelí que fomenta o entusiasmo polo exército en Paradiso, XXXI, 108 (2022) ou para expoñer como o último século en Palestina foi un continuo de abuso e aniquilación, primeiro por parte da autoridade colonial británica, logo polo odio xenocida do sionismo. É iso o que conta A Fidai Film (2024), unha lección de cinema, a demostración de que xuntar un plano con outro chega a ser, algunhas veces, un sublime exercicio artístico e político. Imaxes contra o esquecemento, contra o intento abxecto de demolición material e inmaterial dunha nación.

Outro verbo de uso común é “resistir”, a palabra intimamente cosida á pel das vítimas da ocupación. O pobo palestino, o pobo saharauí ou tantos outros que foron, son e serán. Unha vida de resistencia acaba por ser unha vida nun limbo, unha vida de espera entre unha traxedia e a seguinte, entre unha dor e outra, a cotiandade da desesperanza e a frustración, da expulsión inminente, como en Port of Memory (2009), case unha ficción. Mais a resistencia obstinada deriva en inspiradora disidencia. With Hasan in Gaza (2025), a súa última película que en certo sentido é a primeira, unha que filmou antes que ningunha outra, alá en 2001, vai por aí. No contexto actual de destrución masiva emociona ver as crianzas de Gaza na praia de Gaza, emociona ver unha Gaza chea de cicatrices mais aínda en pé, un lugar vivo antes de que os promotores de odio fixeran o que mellor saben, matar. A Gaza que filmou Kamal pode non existir xa fisicamente, mais ficou gardada para sempre na memoria da humanidade.

Un terceiro verbo é “existir”. Relaciónase con todo o anterior: as imaxes conxelan un “agora” que de forma inmediata se volve pasado, preservan corpos que xa non están. En Recollection (2015) reaparece a vida real que se ocultaba detrás das máis vulgares películas de acción, as paisaxes de fondo, a veciñanza que paseaba sen ser moi consciente de que por alí andaba un tal Chuck Norris. O cinema, a literatura, a arte en xeral, fai eternas as vidas. Fai eternas as bondades e as mesquindades, os rancores e os afectos, o horror e a beleza. Coa arte reconstruímos a existencia de quen nos antecederon, conservámonos a nós mesmos e a quen virá despois de nós; preservamos a nosa especie, o que crea e o que destrúe, entendémonos mellor unhas persoas ás outras, aprendemos dos erros e dos acertos. É cuestión só de mirar, de escoitar, de atender, de comprender. De recoñecer o cinema como un mecanismo de existencia, de resistencia, de lembranza.

Martin Pawley. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB). Kamal Aljafari recollerá o Premio Cineuropa o 11 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal.

martes, 21 de outubro de 2025

Kamal Aljafari, memoria e resistencia palestina

With Hasan in Gaza (Kamal Aljafari, 2025)

En 1965 a OLP creou en Beirut un centro de investigación co obxectivo de reunir e conservar toda clase de materiais sobre a cultura e a historia de Palestina. Chegou a contar con varias ducias de persoas que traballaban na catalogación, a investigación e a divulgación dos recursos acumulados, miles e miles de libros e documentos; un dos seus directores foi o poeta Mahmud Darwish. Cando en 1982 se produciu a segunda invasión israelí do Líbano o centro foi albo da vesania: o exército destruíu o mobiliario, saqueou o equipamento (dende unha imprenta até os teléfonos e ventiladores) e roubou o arquivo todo, que foi cargado en camións e enviado a Israel. Pode parecer unha anécdota menor comparada co historial de atrocidades do sionismo –o asalto aconteceu uns días antes do masacre de Sabra e Shatila, sen ir máis lonxe–, mais na súa cerna está unha das claves do horror, a operación de borrado dun pobo, un empeño manifesto e sistemático que leva sendo executado sen disimulo dende hai máis dun século. Expresouno con máxima claridade a primeira ministra Golda Meir nunha infame entrevista en 1969, "there was no such thing as Palestinians", "they don’t exist", ou sexa, "as persoas palestinas non existen". E para que pareza que non existen, nada máis eficaz que eliminar a súa memoria.

O cineasta palestino Kamal Aljafari (Ramla, 1972) válese deste feito na excepcional A Fidai Film (2024), unha das películas máis importantes dos últimos anos. Logo de case media hora de metraxe vemos imaxes dun noticiario israelí que dá conta do espolio. Na reportaxe, un home di que a oficina está (era mellor dicir "estaba") moi ben organizada e describe que entre os documentos hai nóminas, listaxes de doazóns ou un grande número de imaxes "empregadas para a propaganda". Outro enumera andares enteiros cheos de libros, xornais e volumes de xornais dos anos precedentes, coleccións de recortes de prensa sobre asuntos variados e microfilmes catalogados por tema e autor, un "tesouro agochado", nas súas propias palabras. Unha biblioteca, abofé, é sempre un tesouro, un tesouro molesto para os bárbaros. Kamal preséntanos inmediatamente despois escenas dese arquivo coa súa descrición e até o número de catálogo, entre elas unha do dificultoso avance dun rapaz por un camiño enlamado cara a un campo de refuxiados, pouco máis dun minuto que se ergue como metáfora elocuente e concentrada da crueldade da ocupación. De todas as ocupacións.

A Fidai Film emprega imaxes de arquivo de distintas épocas. Non hai información precisa sobre cada unha, mais obviamente recoñecemos o paso do tempo tanto pola súa textura e aparencia como polos detalles que nelas aparecen. Algunhas lévannos ao mandato británico, entre 1920 e 1948; outras achégannos o sufrimento dos 60, 70 e 80, mais é a súa mestura e montaxe, a desorde e mesmo a confusión, a que reforza o discurso. O que conmove é o eterno retorno de destrución que chega até hoxe, a cobiza incesante, un ano após outro, de expulsión dunha nación do seu territorio, a súa premeditada aniquilación. A arbitrariedade das detencións e castigos colectivos que puxeron en práctica os británicos tivo e ten continuidade no dominio e control, sen freo, dos gobernos de Israel. A Fidai Film fai da memoria resistencia: as imaxes fican e falan dun pobo que foi e é. Non é un documental convencional, é infinitamente mellor, un ensaio de múltiples capas e edición minuciosa que merece ser meditado plano a plano e reivindica a potencia inmensa do cinema.

En novembro Kamal Aljafari visitará por primeira vez Galiza. Virá ademais cun novo filme, Con Hasan en Gaza, que se presentará antes na Seminci de Valladolid. O seu rexistro é completamente diferente mais a mensaxe é parecida. A Gaza da que fala é a que visitou e filmou en 2001; foi alá na procura dun amigo que coñeceu no cárcere cando tiña dezasete anos. Levou unha cámara e documentou a viaxe, mais nunca chegou a ver esas fitas de vídeo, esqueceuse delas e do que contiñan. Redescubriunas non hai moito, cun xenocidio en curso. É inevitábel preguntarse cantos dos rostros e cantos dos lugares que conteñen están agora desaparecidos, exterminados pola mesquindade racista. Mais aí fica para sempre Gaza, outra Gaza, tamén ferida, mais viva. Máis unha vez, a memoria é unha ferramenta de resistencia. De re-existencia.

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 21 de outubro de 2025, terza feira.

martes, 29 de abril de 2025

Hacer películas para existir. Entrevista a Kamal Aljafari.

El festival Documenta Madrid dedica uno de sus focos al cineasta palestino Kamal Aljafari, cuya obra celebra el papel de la memoria y las imágenes como forma de resistencia ante la barbarie. Una exploración del cine como registro que preserva la vida y la identidad de un pueblo contra los intentos sistemáticos y abyectos de borrado y deshumanización. 

Hacer películas no es una opción obvia como profesión en ningún lugar, pero todo parece mucho más difícil en Palestina, así que me gustaría que explicara cómo llegó al cine. 
Mi decisión de hacer película estuvo ligada al deseo de irme del país y estudiar en el extranjero, y esto tenía que ver con la sensación de que mi país ya no era mi país. Es mentalmente doloroso para los palestinos estar en Palestina y no sentirte en casa, porque vives bajo un régimen que te hace sentir totalmente fuera de lugar a pesar de que este es tu lugar. Tenía 26 años y me fui a Colonia; para mi expresión artística fue necesario no seguir allí y elegir vivir en el exilio. Todo lo que he hecho está relacionado con esta experiencia, pero al mismo tiempo la mayoría de mis películas hablan de Palestina y de ser palestino. No es algo de lo que puedas escapar, ser palestino te acompaña a todas partes.

Cuando vivía en Palestina, ¿el cine estaba presente en su vida? Y, en particular, las obras de cineastas palestinos.
No creo que me interesara especialmente el cine de joven, por más que viera películas como cualquier otro. Era adolescente cuando empezó la primera Intifada, en 1987, y eso nos abrió los ojos a los jóvenes a la cultura y también al cine que existía o empezaba a existir en Palestina en los 80, ciertos textos que se volvieron esenciales para mí, como la poesía de Mahmud Darwish o las novelas de Ghassan Kanafani. Una de las primeras películas palestinas que vi fue Ma'loul celebra su destrucción de Michel Khleifi, un cortometraje documental sobre la gente de Ma'loul, una aldea destruida en Galilea, que visitaba su tierra cada año. Crónica de una desaparición (Elia Suleiman, 1996) fue un verdadero descubrimiento, me atrajo mucho su manejo de la realidad, la poesía del día a día. Hacer cine está, para mí, relacionado con la experiencia de crecer en una época revolucionaria en Palestina, con un movimiento cultural enorme (...)

Martin Pawley. A entrevista completa pode lerse no número 199, de maio de 2025, da revista Caimán Cuadernos de Cine, dispoñíbel nos quioscos dende o 29 de abril.