Hai varios verbos que parecen inevitábeis á hora de escribir sobre o cinema de Kamal Aljafari. “Lembrar” é un deles, se cadra o máis obvio. O pasado desprégase na pantalla para axudarnos a ler o presente xa dende a súa primeira curta, Visit Irak (2003), que fai dunha oficina abandonada da liña aérea Iraqi Airways a perfecta metáfora para un país convertido nunha ausencia. Tamén a memoria familiar, o regreso ás orixes que representa The Roof (2006), encomenda dunha televisión alemá que non lle gustou aos que a pagaron, decepcionados ao ver homes e mulleres que falaban calmadamente e se comportaban con normalidade: na súa visión colonialista, os palestinos debían actuar doutra maneira, talvez máis enfurecida e dramática. E, por suposto, a memoria histórica, o intelixente uso do material de arquivo para facer sátira da propaganda israelí que fomenta o entusiasmo polo exército en Paradiso, XXXI, 108 (2022) ou para expoñer como o último século en Palestina foi un continuo de abuso e aniquilación, primeiro por parte da autoridade colonial británica, logo polo odio xenocida do sionismo. É iso o que conta A Fidai Film (2024), unha lección de cinema, a demostración de que xuntar un plano con outro chega a ser, algunhas veces, un sublime exercicio artístico e político. Imaxes contra o esquecemento, contra o intento abxecto de demolición material e inmaterial dunha nación.
Outro verbo de uso común é “resistir”, a palabra intimamente cosida á pel das vítimas da ocupación. O pobo palestino, o pobo saharauí ou tantos outros que foron, son e serán. Unha vida de resistencia acaba por ser unha vida nun limbo, unha vida de espera entre unha traxedia e a seguinte, entre unha dor e outra, a cotiandade da desesperanza e a frustración, da expulsión inminente, como en Port of Memory (2009), case unha ficción. Mais a resistencia obstinada deriva en inspiradora disidencia. With Hasan in Gaza (2025), a súa última película que en certo sentido é a primeira, unha que filmou antes que ningunha outra, alá en 2001, vai por aí. No contexto actual de destrución masiva emociona ver as crianzas de Gaza na praia de Gaza, emociona ver unha Gaza chea de cicatrices mais aínda en pé, un lugar vivo antes de que os promotores de odio fixeran o que mellor saben, matar. A Gaza que filmou Kamal pode non existir xa fisicamente, mais ficou gardada para sempre na memoria da humanidade.
Un terceiro verbo é “existir”. Relaciónase con todo o anterior: as imaxes conxelan un “agora” que de forma inmediata se volve pasado, preservan corpos que xa non están. En Recollection (2015) reaparece a vida real que se ocultaba detrás das máis vulgares películas de acción, as paisaxes de fondo, a veciñanza que paseaba sen ser moi consciente de que por alí andaba un tal Chuck Norris. O cinema, a literatura, a arte en xeral, fai eternas as vidas. Fai eternas as bondades e as mesquindades, os rancores e os afectos, o horror e a beleza. Coa arte reconstruímos a existencia de quen nos antecederon, conservámonos a nós mesmos e a quen virá despois de nós; preservamos a nosa especie, o que crea e o que destrúe, entendémonos mellor unhas persoas ás outras, aprendemos dos erros e dos acertos. É cuestión só de mirar, de escoitar, de atender, de comprender. De recoñecer o cinema como un mecanismo de existencia, de resistencia, de lembranza.
Martin Pawley. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB). Kamal Aljafari recollerá o Premio Cineuropa o 11 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario