Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Novos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Novos. Amosar todas as publicacións

luns, 31 de decembro de 2018

Entrevista a Anxos Fazáns: “A estación violenta é un filme dos corpos, os rostros e as feridas”

por Fernando Redondo

Nota: este entrevista publicouse en Tempos Novos, nº 253, xuño de 2018.

Anxos Fazáns. Imaxe: Zig Zag Diario, TVG
A estación violenta é a primeira longametraxe dirixida por Anxos Fazáns, quen partiu dunha novela de Manuel Jabois para pór en pé este relato que, segundo as propias palabras da directora, fala dunha xeración triste e frustrada antes de tempo, a de quen pensaron ser artistas sen consecuencias, a dos que se deron contra os muros que eles mesmos levantaron. O filme chega ás pantallas comerciais despois de ter sido exhibido en certames tan prestixiosos como o Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Festival de Cinema D’Autor de Barceolona, ou o arxentino BAFICI. Fazáns salienta que buscou artellar unha proposta autoral, impondo a liberdade creativa por riba do texto de orixe. De aquí xorde esta historia de frustración e vitalidade melancólica interpretada nos seus papeis principais por Nerea Barros, Alberto Rolán e Xosé Barato, xunto coa participación, sempre impactante e convincente, de Antonio Durán “Morris”.

Como foi o traballo de guión en equipo, para argallar o relato fílmico d'A estación violenta, con esa compoñente xeracional da historia, as relacións de xente nova, ese sentimento de nostalxia e desorientación?
O traballo de guión realizouse en varias fases diferentes, nalgúns momentos en equipo e noutros en solitario. Daniel Froiz, o produtor, é o primeiro en interesarse pola novela de Manuel Jabois e el é quen propón realizar esta adaptación ao cine. A Daniel e Manuel úneos unha longa amizade dende a xuventude, por iso o seu nivel de implicación no proceso de creación vai moito máis alá do traballo dun produtor. El foi escolléndonos para poñernos a traballar na escritura do guión e estivo sempre presente de xeito activo en todo o proceso. A primeira fase de adaptación foi obra de Ángel Santos. El foi quen escribiu as primeiras versións de guión. Enseguida se incorporou ao traballo Xacobe Casas. El, máis Ángel Santos e Daniel Froiz continuaron traballando nas seguintes versións ata o verán de 2015. Aquí comeza unha nova fase, Ángel Santos ten que desvincularse do traballo de escritura por motivos laborais e persoais e eu incorpórome xa no papel de directora e guionista. Durante uns meses traballamos en equipo Xacobe, Daniel e máis eu.

Non obstante, logo o filme ten un marcado ton autoral que non parece doado de acadar traballando con outros guionistas?
Resulta que chega un momento no que sentimos que eu preciso facer meu o proxecto, levalo ao meu terreo e traballar dun xeito íntimo nas últimas reescrituras do guión. Desta maneira comeza a última fase de escritura, na que vou desenvolvendo cambios en solitario. Ao longo dun ano afondo na análise da novela e das versións de guión previas para transformalas, pasalas polo meu filtro, o meu punto de vista e os meus intereses como directora. Daniel, Ángel e Xacobe continúan atentos ao proceso, reciben as miñas novas versións e continuamos comentando os avances do guión puntualmente, intercambiamos impresións e compartimos ideas a través de reunións ao longo dese ano.

Sobre o tratamento que se fai dos corpos espidos, parece haber aquí unha referencia evidente a un espido emocional, ao acceso ao interior dos personaxes.
Este é un elemento que eu incorporei e que non figura deste xeito na novela de Jabois. Quería unha película filmada moi preto dos personaxes. Interésanme os corpos pola súa beleza, pola súa degradación, pola honestidade coa que un espido pode representar o interior dunha persoa. Os medos, as feridas: todo pode verse na pel, no rostro e nos ósos. Efectivamente, os corpos espidos son utilizados para mostrar o interior dos personaxes, nunha película na que son poucas as palabras que se utilizan, o aspecto físico cobra especial importancia.

Cal foi o traballo visual para trasladar á imaxe sensacións e sentimentos como os da fugacidade, o efémero, o reencontro, a revisión da felicidade do pasado?
Para responder a esta pregunta debería de analizar plano a plano a película, xa que para min toda ela está feita de imaxes que transmiten estas sensacións. A nostalxia, a fugacidade, a felicidade da xuventude, o fracaso, a frustración, están constantemente na pantalla. Aquí o máis importante é o que non se manifesta explicitamente e falar de algo que se perde é sempre complexo. Penso que xa hai algo disto nese corte que se produce entre a vitalidade inicial da primeira secuencia e o aspecto de derrota da segunda.

A textura visual que buscabas empregando un soporte tan singular como o Súper 16 mm. está entón en relación con esta idea?
Si, aquí xoga un papel fundamental a decisión de rodar en Super 16mm. Para min a textura que se consegue con este formato transmite moito destas sensacións, provoca unha vibración e uns matices capaces de falar das sensacións e dos sentimentos con moita máis honestidade que o dixital.

Hai aquí un traballo moi potente dos intérpretes. Como lograches transmitirlle aos actores a necesidade de expresar todo este ambiente de melancolía, desorientación, derrota...?
Cos actores, o máis importante do noso traballo xuntos foi falar, escoitar e entendernos. Para min era fundamental xerar confianza mutua para poder traballar todos nunha mesma dirección e comodamente. Así é como xorden propostas novas, e que o guión continúe transformándose nos ensaios e na rodaxe, sempre medrando. Máis que os ensaios de secuencias concretas creo que foi fundamental ir ás terrazas de Santiago de Compostela a tomar unhas cañas e falar do guión, dos personaxes, de libros e filmes de referencia, dos personaxes reais que nos recordaban á nosa historia e dos lugares nos que acontecía.

Como foi o proceso de elección dos tres intérpretes principais?
Antes de tomar calquera decisión definitiva con respecto ao elenco gústame coñecer a cada quen, falar do personaxe e da historia para comprobar que temos cousas en común e entendemos a película do mesmo xeito. Aínda así, para a elección sempre me baseo nunha primeira pulsión, intuitiva, que me indica que estou diante da personaxe que estou a escribir. No caso de Alberto Rolán sucedeu nunha proba de casting. Unha das escenas que probamos consistía simplemente en sentar, beber unha cervexa, liar un cigarro, escribir nun caderno e fumar mentres observa a xente pasar. Isto fixémolo nun interior, nunha sala branca, cun vaso de auga e sen poder acender o cigarro. Aínda así fascinoume a capacidade de Alberto para transmitir só coa súa mirada e os seus movementos, neses poucos xestos estaba o personaxe de Manuel, a súa melancolía, frustración e desexos. Despois desa proba fixemos moitas máis, con textos, con outros actores, en exterior... mais penso que a decisión para min xa estaba tomada dende ese primeiro momento. Cada caso foi diferente, pero diría que todos eles se basearon nun primeiro momento de intuición seguido dun longo proceso de confirmación de que estabamos a traballar na dirección correcta.

Tamén hai un tratamento moi especial da música, por exemplo daquela interpretada no propio contexto da acción. Como cres que se relaciona cos personaxes e os seus conflitos?
Hai moita música na miña vida, por iso hai moita música tamén na película. Non son melodías construídas por riba dos personaxes coa intención de remarcar, senón de trasladar a realidade e toda a música que respiramos a diario: dende os bares e concertos ata o mar e o vento.

Un dos guionistas, Ángel Santos, sinalou nun encontro con estudantes de Xornalismo que é moi importante traballar con espazos concretos, que axuda a imaxinarse a historia. De que maneira contribúen aquí as localizacións?
Compostela ten algo especial. É moi fermoso retratala, pero ademais a súa pedra, a súa humidade, as súas luces e sombras, xogan un papel moi importante para axudar a retratar as rutinas decadentes do personaxe protagonista. Hai algo de melancolía na fermosura da zona vella compostelá, nas calellas pequenas, estreitas e solitarias polas que se move o personaxe de Alberto Rolán ao comezo do filme. Do mesmo xeito o mar das Rías Baixas xoga un papel fundamental coma contrapunto coa frialdade de Compostela. O mar, neste caso da Ría de Pontevedra, funciona como vía de escape, como descanso ao que volver sempre na busca de paz.

Hai neste filme un traballo moi elaborado e  moi intenso de  montaxe. É neste momento do proceso onde te apropias finalmente da novela orixinal e fas túa a historia que estaba alí contida?
A montaxe é un dos procesos que máis gozo e, efectivamente, penso que é onde unha termina de atoparse coa súa historia. Facer unha película é un proceso moi longo, no que colaboran moitas persoas, moitas enerxías, xéranse moitos momentos clave que inflúen no resultado final. Unha película é a suma dunha cantidade inxente de decisións conscientes e inconscientes. Cando chegas á sala de montaxe é cando comprobas a onde te levaron todas esas pulsións e encontros e cando rematas de xuntar todas as pezas para armar finalmente a túa historia. A sala de edición é, para min, un pouco como unha sala de espellos, veste reflectida no material filmado e descobres cousas de ti e da túa historia que aínda non sabías. Tes que ter moita capacidade de autorreflexión para atopar os cabos que hai que atar. Pero se es quen de aceptarte é un dos procesos máis bonitos e construtivos que ten o cine.

Segundo a túa experiencia e a túa percepción do sector, consideras que hai bases en Galicia para crear unha industria audiovisual consolidada alén de fenómenos como o Novo Cinema Galego?
Todo depende de como se mire. Aínda hai moito por facer. Pero é certo que hai moito feito, o audiovisual galego non deixa de medrar, moitos filmes e creadores levan anos chegando moi lonxe e demostrando que hai un gran talento no noso país. Mais o que pasa é que o noso cine está a medrar grazas aos seus creadores, gracias aos equipos, grazas á xente que queremos crer en que isto é posible. Pero non é un crecemento que estea acompañado dun incremento na inversión institucional nin das grandes empresas. En Galicia hai moito talento para a escritura, para a dirección, para a interpretación, para a técnica... Pero precisamos apoio para poder desenvolver os nosos proxectos. O termo industria audiovisual consolidada non deixa de soarme irreal dada a situación precaria de moitos dos que nos dedicamos a isto. Aínda hai moito por facer e confío en que se pode facer moito, senón, non estaría aquí.

Anxos Fazáns. Perfil biográfico
Graduada en Comunicación pola Universidade de Vigo, Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), completou a súa formación cun Máster de dirección de cine na ESCAC de Cataluña. Despois de traballar de meritoria en Las altas presiones (Ángel Santos, 2013), de axudante en Castelao. De chumbo a verba (Miguel López, 2016) e de auxiliar de dirección en Matria (Álvaro Gago,2017 ), realiza a súa primeira longametraxe, A estación violenta, que viña precedida de experiencias anteriores na dirección de curtametraxes, como Area (2017), seleccionada para o ZINEBI, Festival de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao.

martes, 18 de decembro de 2018

Entrevista a Lucía C. Pan: “Para traballar coa luz, o máis importante é observar a realidade”

por Fernando Redondo 

Nota: unha versión reducida desta entrevista publicouse en Tempos Novos, nº 254, xullo 2018.

Lucía C. Pan. Imaxe: Zigzag Diario, TVG
Tense definido a arte cinematográfica como unha cuestión de distancia, tamaño e posición. Quen primeiro se ocupa de tales cousas nunha rodaxe é o director de fotografía. O último Mestre Mateo nesta categoría, polo filme Dhogs, foi para Lucía Catoira Pan, graduada en Belas Artes e titulada na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya. Malia ser aínda moi nova, xa dispón dunha experiencia relevante en producións galegas que están acadando sona e premios en festivais de prestixio. Algo terá que que ver o seu traballo coa cámara, cos obxectivos e o diafragma, coa maneira de iluminar as escenas, coas luces principais e as luces de recheo. Todo un labor primordial, ás veces non suficientemente ben coñecido ou valorado por quen desfruta dunha boa película. Por iso imos pedirlle a Lucía C. Pan que nos fale do seu traballo, e por iso imos darlle un certo ton didáctico a esta conversa, co obxecto, tamén, de achegar un algo de reflexión sobre o que significa traballar con algo tan voluble, cambiante ou impreciso como a luz, a creación dunha determinada atmosfera ou a transmisión de determinadas emocións ao espectador a partir dun traballo visual. Coa fotografía cinematográfica búscase trasladar un texto escrito a unha linguaxe visual. Aquí faremos ao revés: levar á escrita o que aparenta estar só nas imaxes.

En que consiste o traballo de dirección de fotografía?
Pregunta complicada se non se coñece a base de como se fabrica unha película. O meu departamento en concreto ocúpase de dirixir e xestionar o que ten que ver coa imaxe da película. Claro, cando dis a imaxe moita xente pensa na fotografía exclusivamente como a cámara que rexistra algo, pero realmente abrangue moitas cousas. Principalmente, fotografía ten dous departamentos, que son cámara e iluminación, entón necesita un eixo que una eses dous departamentos, que os comunique e os faga funcionar en sintonía. Sempre co que o director quere, porque este é un traballo moi colectivo, pero a idea é que controlas os aspectos técnicos, sobre todo, tanto a nivel de coñecementos fotográficos como a nivel de maquinaria que necesitas para reproducir iso. E tamén controlas un pouco a nivel narrativo da imaxe, desde cores, composición, psicoloxía, movementos... Tes que saber un pouco sobre vestiario, sobre atrezzo, dirección de arte, maquillaxe... para que todos estes departamentos funcionen ben con respecto ao teu. Incluso, gústame moito ter unha relación co son porque ás veces esta colaboración pode facer que o teu traballo sexa mellor. Xa me teño atopado con ocasións nos que o son soluciona problemas de imaxe. O meu traballo consiste nunha conversación constante con outros departamentos e sobre todo co director.

Como fas para visualizar o que nun principio non existe máis que nun guión escrito?
Aquí un compoñente moi importante é a propia imaxinación e a bagaxe cultural e fílmica que tes. Eu, por exemplo, consumo cine, series e outros produtos visuais, pero sobre todo cine, dende moi, moi pequena. Entón, hai momentos en que les un libro e te transporta a unha imaxe en concreto, fórmase na túa cabeza unha imaxe, o que é un camiño natural para min. Entón, o que fago normalmente é ler o guión para ver as imaxes que me xorden a min en concreto. Logo, a seguinte fase xa é falar co director e ver que imaxes ten el. Hai directores que non son tan capaces de materializar directamente o que están escribindo. Ao mellor, controlan máis de dirección de actores ou a sonoridade da película, os movementos, os espazos, pero ás veces non son capaces de concretar nin o look, nin o ritmo visual que vai levar a súa peza. Entón, cando falas con eles, tamén sabes así a que tipo de director te estás enfrontando, porque, por outro lado, hai directores moi visuais, que teñen referentes moi potentes e que co que che contan xa sabes por onde tirar. Gústame, primeiramente, ter unha interiorización para ver que me está contando esa historia a min, a que me remite, e despois ver que quere contar o director. E logo mesturar esas cousas, porque finalmente, todo o que teña que ver coa arte, é interpretación do espectador.

Entendo que o teu oficio precisa dunha capacidade creativa que logo cómpre combinar cunha constante actualización nas innovacións tecnolóxicas que non paran de xurdir
Si, claro, a responsabilidade técnica sempre vai recaer no meu departamento. Para min, esa é a principal prioridade. Ver que medios económicos hai e ata onde podemos chegar para solucionar todas esas necesidades técnicas que require cada proxecto e logo entras no proceso de negociar con produción cales son as prioridades e que cousas poden ir caendo. E en función diso, negociar tamén con dirección ata o punto ás veces de modificar o guión. Agora estamos nunha época dun cambio moi interesante en iluminación porque a tecnoloxía está creando constantemente novos aparatos. Cando empecei a estudar, si que había algo feito con led, pero había unha tendencia a un maxenta, a un verde, e igualar un led a outro era moi complicado. Hoxe segue sendo complicado, pero conséguese bastante ben, e despois con cada cámara vas estudando que dominante de cor é a que prevalece. Non desaparecen todos os outros focos, pero si é verdade que moitos están sendo substituídos. Antes xurdían dificultades que, para solucionalas, tiñas que remover ceo e terra e agora hai un aparatiño en concreto que mide exactamente iso. E toda a aparataxe de iluminación está véndose reducida e de repente iluminas unha secuencia enteira con tres maletiñas e iso é un cambio moi radical. O outro día fixen un anuncio e levaba máis material de cámara que de iluminación cando normalmente é ao revés.

Ademais, estamos aínda nun momento de transición, non sei se xa superado, que é o do cambio do fotoquímico ao dixital. Como afecta isto ao teu traballo?
Oxalá se utilizara máis o celuloide. Eu traballo en dixital case sempre por unha infinidade de motivos, pero para min un mundo ideal sería aquel no que ti puideras escoller segundo o que o proxecto necesitase. Agora, en comparación con outros anos está un pouco máis complicado. Depende de a onde queiras chegar, pero claro, non hai laboratorios en España. Creo que sempre enfocamos mal este asunto, porque penso que non debería ser un cambio, senón unha convivencia. É coma na iluminación: agora saen os led, pero isto non supón que vaian desaparecer os HMI, nin a iluminación de fluorescencia nin o tungsteno. En cámara debería pasar o mesmo, que evolucione o dixital cara onde queira pero que non faga desaparecer o outro.

Entendo que a maioría dos teus traballos os fagas en dixital, aínda que é certo que no voso sector hai unha certa nostalxia cara o analóxico. Que é o que o dá o 35 mm., ou o 16 mm. que non o dá o dixital?
As texturas aquí son moi importantes. Se imos a cousas moi concretas, como é o grao, non é comparable o que hai en dixital ao que hai en analóxico, por moito traballo que haxa de imitar. Eu sempre digo que non me gusta nada a electrónica e, sen embargo, me encanta a mecánica, e claro cando había o fílmico todo era mecánica e química. Agora, que estamos no dixital todo é electrónica. O comportamento é moi distinto, porque a electrónica está interpretando mentres que o fílmico a min dáme a sensación de que arranca a realidade. Sabes? Son procesos químicos e mecánicos que están aí traballando un co outro e están fabricando unha cousa que vai do físico ao físico. En cambio, no dixital, imos a unha interpretación desa realidade. A miña sensación cando vexo unha película en 35 mm. é de que hai aire e se a vexo en dixital non hai ese aire. Sei que parece unha descrición moi romántica, pero é a sensación que transmite. Co dixital agora o que intentamos é perder definición porque chegamos a un tempo no que a definición é extrema, entón todo o tempo intentamos ir a óptica vintage para introducir algún tipo de aberración, para que a imaxe se volva... non quero dicir cálida porque se pode confundir coa temperatura de cor, pero si que se volve máis humana e menos máquina.

Traballar coa luz non parece nada doado. Falamos dun fenómeno físico en constante cambio e movemento. Hai algún segredo para chegar a dominar a luz?
É complicado pero para min é a parte que máis me emociona do meu traballo. Normalmente, a parte técnica, e sobre todo a cámara, absorbe demasiado, precisa de moitos recursos e dedicación. A iluminación ten un compoñente máis alto de creatividade. Secretos, ou trucos máis ben, hai un montón para dominar a luz, pero a lección máis importante que a min me deron foi a de observar a realidade, que parece algo moi sinxelo pero non observamos. Un profesor que tiñamos, Xabi Giménez, levounos a tomar un café na primeira clase que nos deu e de repente mandounos pechar os ollos e dixo “por onde entra a luz? Pola dereita ou pola esquerda? Está a tele acendida ou non? A máquina tal, emite luz? Empezou a facer unha serie de preguntas e descubrimos que nunca analizas a realidade na que estás. Entón un día camiñando pola rúa vin que a luz rebotaba sobre edificios acristalados que facían de espello e foi algo revelador para min.

É importante para ti que a luz estea xustificada nun plano, que se integre con naturalidade no espazo da acción?
A resposta a isto é moi galega: depende moito da historia. Para min, sempre que haxa unha posibilidade de xustificación, será mellor. Esteticamente, mesmo cando vexo películas sempre me gusta que haxa unha fonte de luz na propia imaxe, que non estea externa. Pero de repente este ano propuxéronme un proxecto no que a luz non tiña ningún tipo de xustificación e paseino moi ben. Non é algo que eu desfrute vendo pero que logo me gustou facer. De inicio, debería xustificarse, pero ás veces non fai falta, e tamén nos empeñamos niso, aínda que repito que para min é mellor e o espectador non se perde. Tamén é verdade que se estás empezando nisto ou se tes unha secuencia complicada, si que é un deses trucos que te poden salvar. Se non estás moi segura de como chegar a algo, con meter unha fonte de luz clara, que o espectador saiba que esa luz que lle entra de contra ou dun lateral está xustificada por unha ventá ou por unha lámpara, si que é certo que axuda bastante

Tes unha especial predilección por traballar nas chamadas horas bruxas? Que dificultade engadida ten o feito de rodar neses momentos de cambio que representan o amencer ou o anoitecer?
O problema é o tempo que dura iso. Se tes unha produción grande, podes chegar a alongalo un pouco. Se tes a posibilidade de ter palios ou reflectores grandes podes conseguir que eses vinte minutos escasos se convertan en algo máis. Tes que controlar moito o que vas facer antes de chegar a esa hora e ter moi claro o que queres facer para aproveitar eses vinte minutos, aínda que logo a secuencia dure dous minutos. En Dhogs hai unha posta de sol que foi unha carreira contra o reloxo porque había que gravar dúas secuencias nesa posta de sol, unha coa GoPro e outra coa cámara principal. E ao final, a primeira toma que se fixo é a que está montada, porque a segunda xa estaba subexposta, xa non tiña o sol tocando o ceo. Nestes caso tes que ter moi afinado todo o que vas facer, que para min sería o ideal en todo o que vas filmar. En Matria, case o conseguimos. En Dhogs houbo un compoñente de sorte moi importante, de non poder previsualizar o que iamos facer. Iamos cos tempos moi xustos e había que confiar, por exemplo, en que todos os esquemas de luz ían funcionar.

A creación de sombras e reflexos, que crees que poden engadir á historia e como crees que as percibe e interpreta o espectador?
Depende un pouco da composición do plano e sobre todo o foco, o foco físico, non o foco de atención. O foco físico da óptica diche que mires aquí ou mires alí. Dependendo de como queiras que entren eses reflexos ou esas sombras, o foco vai alí ou non vai alí porque a realidade está chea de cousas que reflicten ou sombras que se moven. Entón, dependendo moito do que queiras facer, se estás facendo unha peli de medo, o mellor é que as sombras estean sempre desenfocadas e que ao espectador non lle dea tempo a diferenciar exactamente que sombra é, que non saiba nin por onde entra. Néstor Almendros dicía sempre que o seu traballo era quitar luz, non poñela. Vai moito por aí. Tes que crear clarescuros e zonas de atención e de non atención para que o espectador teña a capacidade de sentir o que estás creando, porque se de repente iluminas todo tes un sentimento totalmente contrario a se che engaden sombras ou zonas escuras.

Como se ven as cousas a través do obxectivo?
A nivel técnico todo depende das ópticas. O look da película vai moito máis agarrado á lente que á cámara. Coa mesma cámara, as ópticas poden variar totalmente o tratamento visual. Por exemplo, Estereoscopía, de Xacio Baño, fixémolo todo practicamente en 50 mm. Matria está feita case con 40 mm., porque se busca esa visión humana, tan documental, tan de estar enriba da protagonista. Logo, tiñamos unha óptica zoom para poder facer un plano no que ela estaba moi lonxe, para tomar de repente esa distancia, pero segues con ela. Hai ópticas que teñen unha entrada de luz incontrolable e outras que teñen unha definición inmensa. Logo, segundo uses un tele ou un angular a deformación dos bordes dos obxectos é moi distinta. Eu aquí son moi fan das aberracións, para que algo sexa único ten que ter algún defecto. A min gústame moito que se note a tecnoloxía que usamos.

Que supón rodar unha toma tan especial como un primeiro plano, cando todo se fai depender do rostro do actor ou actriz, do seu xesto e da súa expresividade?
O maior desafío é para o actor ou a actriz, pero eu sempre teño un sentimento de responsabilidade de como se van ver. Pasa máis en documental porque estás tratando con non profesionais e que expoñen moito a súa vida, non están acostumados a verse e normalmente cando se ven, polo xeral non se gustan. Para min, si que é un momento delicado, pero darlles dignidade é a palabra máis axeitada. O que necesitas é que o seu traballo o rexistres de maneira correcta. Cada actor é distinto e eu trato tamén de axustarme ás súas necesidades. Eles preguntan bastante, entón iso a min dáme moita alegría, porque así sei que os podo interromper. Preguntan sobre todo ata onde se ve o plano. En Dhogs, por exemplo, tiñamos un problema coa iluminación e solucionouno Morris variando a súa posición. E nun primeiro plano de María Costas pasounos que se nubrou o ceo, alá en Almería, e de repente o cristal da gasolineira reflectía todos ese nubarróns. Díxenlle ao director que á secuencia podíalle vir ben isto. A personaxe de María está moi machacada, tanto pola súa interpretación como pola figuración que lle fixeron, e logo por esa iluminación fea, de buscar un look sinistro.

Sobre Eco (Xacio Baño, 2014), unha curtametraxe formalmente minimalista e que vai da idea da ausencia, a memoria contida nun diario e a frustración vital dunha nai. Como buscaches traducir todo isto visualmente?
A maneira estética de enfocalo recordábame moito a outra curta que fixemos antes, Anacos, onde os personaxes son o que pesa, porque se pesan os personaxes, pesa a ausencia da que realmente é a protagonista, pero que non aparece en ningún momento. Tivemos dúbidas de se mostrala nalgún momento nunha foto, pero o feito de que nin sequera lle poidamos poñer rostro fai que a ausencia sexa máis potente. Todas as secuencias se intentaban gravar incluso con un só encadre. Hai algún plano / contraplano, pero buscamos que todo fora o máis sinxelo posible ata o punto de nin sequera ter opcións de montaxe. A casa na que se ficcionou todo coñecíana moi ben os actores, e Xosé Barato falábame do momento de luz máis idóneo de cada habitación e contaba recordos deses lugares e deses momentos de luz. Había como unha aura, ese momento con esa luz estaba cargado dun montón de historias. A película ten un dispositivo moi sinxelo para gravalo e para mostralo todo, pero logo ten unha complexidade humana tremenda. Buscouse unha rodaxe coa que construír un entorno no que latise de verdade a historia e sobre todo un respecto pola persoa ausente.

Logo está, Matria (Álvaro Gago, 2017), que tamén vai dunha muller que se deixa a pel no seu día a día, con exteriores, nas Rías Baixas e os interiores, sobre todo, nesa conserveira na que se desenvolven duras xornadas de traballo
Foi unha produción moi planificada. Aínda así, algunhas decisións tomáronse o día antes de empezar a rodaxe. Por exemplo, o aspect ratio da película. Tiñamos a dúbida de se gravar en 1:33 ou en 16: 9. Sendo unha historia moi humana, requírese ter unha certa altura para que o entorno non ocupe moito máis que os personaxes. A protagonista tiña que ser sempre o centro de atención, ocupando unha parte moi importante do encadre. O 1:33 é un formato moi humano, feito para as persoas e que se esqueza un pouco o que hai ao redor, pero tiña algo que non nos convencía e que aínda non sei explicar moi ben. E o 16: 9 para min xa era demasiado panorámico. Ao final, recorremos a 1:66 porque o meu axudante dixo que era o formato con máis proporción áurea, o máis harmónico. E pareceunos perfecta esa descrición para o que realmente queriamos facer en Matria. Logo, a nivel visual a idea era non abandonar nunca á protagonista. Se hai flutuacións de luz que isto non expulse ao espectador da historia e que non o perciba como un artificio.

E finalmente, Dhogs (Andrés Goteira, 2017) coa dificultade de aplicar un determinado tratamento luminoso para rodar o día e a noite ou o norte e o sur da península. Ademais, un filme moi impactante dende o guión e tamén visualmente
Non faltou de nada, e hai nenos, hai cans... co que xa cumprimos con todas as expectativas. Era un proxecto complicado que intentamos simplificar sen renunciar ao seu espírito. Andrés Goteira traballa moito con referentes, o que creaba unha especie de sucidade no guión que a min parecíame fundamental. Intentamos trasladar esa sucidade á fotografía, polo que coa directora de arte pactei que, por exemplo, falariamos o menos posible de cores: ponme o que queiras que xa veremos como tratalo. Necesitabamos unha sucidade real, que non se visen moi controladas certas cousas. Pasou por exemplo coa cor do vestido de Melania Cruz. Queriamos algo que destacase na noite na Coruña e no deserto en Almería. O que se decidiu ao final foi perfecto porque empezaba moi limpo e acabou feito un cristo. Era como a camiseta de John McClane n'A xungla de cristal. Tamén os personaxes son sucios, están desfeitos, agás algo de calma ao principio. Hai unha idea de incomodarte constantemente e coa iluminación, sobre todo, e coa cámara tamén, buscabamos que molestase. Tense que notar que hai momentos raros, como cando pasan do corredor ao teatro. Aínda que o espectador de inicio non o saiba, ti realmente pensas: que pasa aquí? Porque estás pasando dunha iluminación bastante crible a unha iluminación que pensas “vaia hotel máis cutre”, ou non sabes moi ben a onde vai ese corredor. Este choque ao espectador xa llo das coa iluminación e coa textura. A idea de Dhogs era dar pistas e ao mesmo tempo ter coidado de non adiantar cousas, que era o risco que se corría no caso de manter un determinado tratamento visual, que parecía o adecuado ou o normal, pero ía en contra desa idea da sorpresa.

É posible aprender a mirar? Son necesarios os referentes?
É necesario aprender a analizar o que vemos. Consumimos demasiadas imaxes e se non sabemos diferenciar, se non aprendemos a pasar dunhas cousas e a quedarnos con outras, creo que viviriamos totalmente atolondrados con toda esta cantidade de imaxes e pantallas. Cando estudaba Belas Artes, xa empezara a decatarme de que necesitaba ter un baremo e logo o importante é saber que tipo de mirada tes e onde a concentras. A escultura, por exemplo, é un referente impresionante. Vale, que o cine é unha pantalla, pero a cámara móvese, co que estás cunha visión máis escultórica. E o cine non deberiamos concibilo como algo plano.

Hai en Galicia un ritmo de traballo continuado para unha directora de fotografía? En que poden contribuír fenómenos como o Novo Cinema Galego?
Agora eu non teño un ritmo continuado. Hainos que están moi consagrados e supoño, e espero, que teñan un ritmo bastante continuado, se non a miña esperanza viríase un pouco abaixo. En Galicia fanse bastantes cousas e bastante interesantes. Para min é case un luxo o feito de ter un idioma propio, ter unha cultura propia moi particular. Isto danos moitas máis esperanzas a todos os que vivimos dun sector cultural sempre e cando o resto da poboación lle dea a importancia que ten. Non sei se imos cara que se lle dea a isto a importancia que se merece ou imos na dirección contraria. Non estou moi segura. Son moi consciente de que unha boa parte do meu traballo existe porque teño un idioma propio. Sobre o Novo Cinema Galego, creo que xa está moi consolidado. Xa está dentro das posibilidades habituais que temos. Entón, creo que está ben que despunte algo ou alguén para deshabituarnos e levarnos cara terreos novos, ou vellos pero vistos doutra maneira.
Lucía C. Pan. Perfil biográfico
Naceu en Cambre en 1984. Graduouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC). Traballou na dirección de fotografía en tres das curtametraxes de Xacio Baño: Estereoscopía (2010), Anacos (2011) e Eco (2015), en Unary (Luis Avilés, 2014) e na premiada no festival de Sundance Matria (Álvaro Gago, 2017). No eido do documental traballou na produción hispano-polaca Dos islas (Adriana F. Castellanos, 2017). O seu labor coa cámara e a iluminación en Dhogs (Andrés Goteira, 2017) valeulle para ser galardoada co “Mestre Mateo” da categoría. A súa segunda longametraxe como directora de fotografía é Trote, de Xacio Baño.

domingo, 1 de febreiro de 2015

O libro das viaxes imaxinarias


Pide que o camiño sexa longo

Son tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d'O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.

A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que esixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.

Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo "o Viaxeiro", describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.

"Todas as viaxes son un regreso". Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, "para facer da viaxe relato", Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.

Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 8, outono 2008.

O señor Lugrís e a negra sombra

Publicar a lenda

Nunha entrevista publicada no número de xullo de 1961 da revista Vida Gallega, o pintor Urbano Lugrís avisou da súa intención de escribir un libro de memorias, para o cal xa tiña escollido nome: Viaxe arredor do meu mundo. Nunca máis se soubo dese posíbel libro, a non ser un bosquexo do que podería ser a súa capa, que debuxou no reverso dun recibo de aluguer en maio de 1973, nunha altura da súa vida na que xa apenas había ocasión para a ledicia. A incógnita sobre a existencia deses escritos autobiográficos é a escusa coa que arranca a nova obra de Luis Rei Núñez, que se vale do recurso do “manuscrito atopado” para percorrer os vinte últimos anos do pintor galego.

O señor Lugrís e a negra sombra é, non se pode negar, unha novela ambiciosa, que aposta por unha estrutura non precisamente sinxela que combina a voz do narrador/autor coa da figura protagonista, da man dunhas cuartillas supostamente orixinais que asoman aquí e acolá. O exercicio de estilo é finalmente moito máis sofisticado: a pluralidade de personaxes que pasan pola vida de Urbano Lugrís fai do texto un verdadeiro relato coral, que brilla pola vizosa recreación dos ambientes culturais, algúns bohemios e outros non tanto, da Coruña dos 50 e 60. É unha novela sobre Lugrís, si, mais tamén sobre Miguel González Garcés, bibliotecario e poeta; sobre Mariano Tudela, compañeiro de Lugrís na aventura de “Atlántida”, revista de traxectoria breve pero intensa que acolleu nas súas páxinas ao dream team da literatura e da arte galega daquel tempo; sobre o futbolista Luis Suárez e o cantante Pucho Boedo, deuses locais cuxo talento mete algo de luz na longa noite de pedra. Tamén sobre Álvaro Cunqueiro, que viña á Coruña dúas ou tres veces cada ano para ofrecer algunha conferencia memorábel, mais nunca tanto como as fabulacións que inventaba para entreter as sobremesas das consecuentes e inevitábeis ceas (unha das partes máis suxerentes do libro de Luis Rei é, de feito, a que describe o tortuoso camiño cara á estrea no Teatro Colón do “Don Hamlet” cunqueirán, unha peza que houbo de vencer, e non sen dificultades, a incomprensión do delegado provincial do Ministerio e Información e Turismo). Pero sen dúbida o outro gran protagonista da novela é o escritor Antón Avilés Vinagre, Avilés de Taramancos, daquela aínda un mozo que compartía con Lugrís troulas, proxectos e frustracións nunha cidade que podía percorrerse de tasca en tasca e que polas noites se desfacía da rectitude e formalidade aparentes.

Ocorrente, excéntrico e desmedido, Urbano Lugrís é o típico personaxe guloso para calquera creador: un home que soña cunha estabilidade para a cal non pode nin quere dar os pasos necesarios, o clásico “xenio fracasado” que mantén a ilusión de acadar o éxito que lle devolva a felicidade que cre ter experimentado noutrora. A vida de Lugrís, o náufrago, está chea de anécdotas suxestivas, moitas delas falsas, e de encontros e desencontros de enorme potencial literario. Luis Rei Núñez acerta ao seguir o consello fordiano de “publicar a lenda”; móvese no gume da navalla que separa (ou une) a ficción da realidade para recrear “o mito Lugrís” sobre a base dunha riquísima documentación. Excluíndo o seu capítulo final, perfectamente prescindíbel, a novela é un exemplo de boa construción e solidez. Talvez sexa demasiada a solidez; seguramente tería acadado maior altura cun voo máis libre, pero en calquera caso a altura á que chegou non é pequena.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 5, inverno de 2008.

mércores, 26 de novembro de 2014

Cinema arxentino en 2014

A riqueza e a variedade do cinema arxentino non é unha novidade: leva sendo unha referencia esencial para os afeccionados no que vai de século -un pouco antes, dende finais do anterior, para sermos precisos- da man dunha xeración de creadores novos que xustificaron o nacemento dunha etiqueta útil, o “Nuevo Cine Argentino”. Sen desbotar a importancia (e a calidade) dos precursores, de Rapado (Martin Reitjman, 1992) ou Picado fino (Estebán Sapir, 1996) a Pizza, birra, faso (Adrian Caetano e Bruno Stagnaro, 1998), o punto de partida hai que fixalo na celebración do primeiro BAFICI, Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires, en abril de 1999, onde se presentou Mundo grúa e acabou por ser dobremente premiada: mellor director (Pablo Trapero) e mellor actor (Luis Margani). O filme foi unha das revelacións da tempada: visitou un gran número de festivais (entre eles, Toronto, Sundance e Rotterdam) e mesmo chegou a ter distribución comercial en España. E non era unha sorpresa illada: detrás virían Lucrecia Martel, Lisandro Alonso, Mariano Llinás e moitos outros que levaron o cinema nacional por todo o planeta. Un grupo amplo e diverso de cineastas que rompía cuns modos narrativos e de produción fosilizados; canda eles, xa dende o primeiro momento, unha crítica disposta a sinalar o valor do novo e bo fronte o vello e malo. Así, xa en 1995 a revista El Amante respondía á aparición de No te mueras sin decirme a dónde vas de Eliseo Subiela dende o seu editorial afirmando que “el estreno de este megabodrio marca un extremo de descontrol en una cinematografía que, año tras año, alcanza topes de autocomplacencia”. Fronte á rancia fantasía romántica de Subiela estaban as curtas de Historias breves, “que muestran un nivel de competencia técnica, una vocación narrativa, una búsqueda de otros horizontes y sobre todo una comprensión del oficio que en su misma incipiencia contrasta con las taras habituales de muchos directores veteranos”. E canda a crítica, uns festivais -BAFICI sobre todo, en menor medida Mar del Plata- que ano tras ano acolleron e impulsaron os primeiros pasos, uns máis afortunados que outros, dunha morea de cineastas.

A continuidade e consolidación no tempo non implica, evidentemente, que a calidade da colleita fose sempre igual de excelsa. Intuïamos que a de 2014 ía ser moi boa por confluír nela nomes que despertan o máximo interese, mais a realidade superou todas as expectativas. O crítico Diego Lerer enumeraba hai pouco no seu blog Micropsia a presenza arxentina en festivais internacionais; convén deterse na listaxe porque, por si soa, desvela o envexábel estado de saúde desa cinematografía.

Rotterdam en xaneiro estreou mundialmente Reimon de Rodrigo Moreno, que segue o día a día dunha empregada doméstica que traballa por horas en diferentes casas; nunha delas os seus patróns len fragmentos d'O Capital de Karl Marx, e é por ese paralelismo tosco -e uns rótulos iniciais que explican a fraxilidade do proxecto, innecesariamente vitimistas- que o filme esboroa. No mesmo festival holandés tivo lugar a premiere de Tres D de Rosendo Ruiz, película simpática na maneira en que reflexa encontros e desencontros no contexto dun pequeno festival de cinema, o FICIC de Córdoba (provincia ao noroeste de Buenos Aires que, por certo, parece vivir un momento creativo efervescente, con até cinco títulos na competencia nacional do BAFICI).

Sundance foi o punto de lanzamento de El cerrajero de Natalia Smirnoff e de Living Stars de Mariano Cohn e Gastón Duprat, unha auténtica festa -máis gozosa canto máis numeroso sexa o seu público- composta por planos case sempre fixos de homes e mulleres de todas as idades, desde nenos a anciáns, que bailan para a cámara nas súas cociñas, salóns e xardíns. Na Berlinale houbo dous filmes a concurso, La tercera orilla de Celina Murga e Historia del miedo de Benjamín Naishtat, enésima exploración da violencia e o medo asociada á contemporaneidade urbana que aposta polo estrañamento, pola acumulación de momentos desconcertadores -unha alarma que soa, alguén que se comporta de maneira rara nun restaurante de comida rápida, unha luz que se vai no ascensor- nun conxunto demasiado inofensivo e convencional aínda que suficiente para satisfacer o gusto de certos programadores europeos para os cales esa clase de estampas equivalen á chegada da apocalipse. Tamén pola Berlinale, mais noutra sección, Generations, pasou Atlántida de Inés María Barrionuevo (outro retrato de mozas adolescentes, xa case un clixé naquelas latitudes) e Ciencias naturales de Matías Luchessi, o relato brando e tenro de máis do empeño dunha nena por atopar o seu pai contra a vontade materna e coa axuda un chisco irresponsábel da súa mestra.

Nun Cannes con moi reducida participación hispana Arxentina lucíase con catro títulos: Relatos Salvajes de Damián Szifron en competencia, Jauja de Lisandro Alonso en Un Certain Regard, El Ardor de Pablo Fendrik coma proxección especial e Refugiado de Diego Lerman en Quincena de Realizadores. En xullo Eduardo “Teddy” Williams concursaba no FIDMarseille coa curta J'ai oublié. O mes seguinte, outro fito en Locarno con dous filmes na competición internacional, La princesa de Francia de Matías Piñeiro e Dos disparos de Martin Reitjman, e dous máis na sección paralela Signs of life, Favula de Raúl Perrone e El escarabajo de oro de Alejo Moguillansky e Fia-Stina Sandlund, premiado en BAFICI. En Venecia presentouse El 5 de Talleres de Adrián Biniez e Toronto incluíu, ademais doutros xa citados, Lulu de Luis Ortega, Aire libre de Anahí Berneri (tamén na sección oficial de Donostia) e La Salada de Juan Martín Hsu. E a Viennale proxecta fóra das súas fronteiras Mauro de Hernán Rosselli, cun protagonista que complementa os seus diversos oficios coa posta en circulación primeiro e a produción despois de billetes falsos. Realismo social (no bo sentido) nun relato de supervivencia(s) estimábel -aínda que algo escaso de vigor- que explora fíos argumentais e escenarios alternativos ás xa tradicionais historias mínimas, extraordinarias e salvaxes.

Son, pois, máis de vinte as longametraxes que tiveron a súa presentación en festivais de primeirísimo nivel esta tempada, e o futuro próximo é máis ca prometedor da man de Lucrecia Martel, Hugo Santiago, Mariano Llinás e Milagros Mumenthaler, entre outros. A supremacía do cinema arxentino no contexto sudamericano en 2014 tivo a súa proba definitiva co anuncio da sección Horizontes Latinos do Festival de Donostia: oito dos catorce filmes elixidos proceden de alí, unha proporción excesiva que até parece innecesariamente insultante. O eco internacional, porén, non aumenta as perspectivas de coñecemento local, algo ao que infelizmente estamos afeitos. A inmensa maioría dos títulos mencionados -coa excepción de Relatos salvajes, un éxito cantado- moveranse no mellor dos casos en cifras de espectadores (moi) modestas e noutros loitarán directamente contra a invisibilidade. Peor aínda o terá esoutro cento de películas que se estrea alá cada ano e das que apenas chegamos nós -nin eles- a saber nada. Faltan, aquí e acolá, circuítos alternativos sólidos; sobra, aquí e acolá, desidia e/ou ineficacia gobernamental no apoio á difusión dos produtos culturais. Mais non son eses os únicos problemas; hai moitos outros factores a introducir na análise da cuestión cun rigor e un sosego non sempre posíbel en debates tan politizados e polarizados.

Repóker de ases
O repaso ao mellor da tempada comeza, realmente, o ano pasado: foi en 2013, na Viennale, cando tivo lugar a premiere de Carta a un padre do veterano Edgardo Cozarinsky, reconstrución da memoria familiar e dunha parte da historia nacional, a da inmigración xudía que se asentou no país hai máis dun século. Aí están as orixes de Cozarinsky e antes as do seu pai, un mariño que viaxou polo mundo e deixou tras de si moitas preguntas sen responder e un bo número de obxectos sumamente evocadores. Porque o filme está cheo de obxectos que preservan o pasado no presente: cartas, fotos, postais, medallas ou un suxestivo sabre xaponés que fai voar a imaxinación. Carta a un padre é a lección dun mestre, lírica e reflexiva sen renunciar ao humor.

Reborda habilidade e intelixencia El escarabajo de oro de Moguillansky, con guión coescrito por Mariano Llinás. Nacido dunha iniciativa do festival danés CPH:DOX para financiar proxectos conxuntos entre realizadores escandinavos -a codirectora Fia-Stina Sandlund- e do resto do mundo, o filme introduce este feito no propio relato para ironizar sobre o neocolonialismo cultural dos fondos de axuda á produción europeos. Obrigados a cumprir coa realización xa comprometida dunha película sobre a escritora sueca Victoria Benedictsson, os protagonistas toman a rodaxe coma escusa na delirante busca dun tesouro. O resultado é un divertidísimo cóctel aventureiro e decimonónico que vai de Poe e Stevenson ao fundador da Unión Cívica Radical, Leandro N. Além, e xoga con irreverente desenfado co tópico da guerra de sexos.

Sensacional é o documental de Sergio Wolf El color que cayó del cielo, que reproduce a pericia investigadora que o levou detrás de Ada Falcón en Yo no sé que me han hecho tus ojos, só que agora o obxectivo en vez dunha actriz e cantante retirada é un campo de meteoritos na rexión fronteiriza entre Chaco e Santiago del Estero. Con espírito detectivesco o director achégase ao asunto combinando materiais diversos dende múltiples liñas: as explicacións científicas, as exploracións históricas, as tradicións e lendas indíxenas... e no proceso dá con dous personaxes memorábeis. Dunha banda, o profesor William Cassidy, concienciudo e serio experto que dedicou anos a estudar a incomparábel zona do Campo del Cielo, onde se detectaron máis de vinte cráteres. Doutra, Robert Haag, un cretino fascinante con enerxía de telepredicador dedicado á compra-venta (ou, máis ben, ao roubo-venta) de meteoritos. Dúas figuras antagónicas das que se vale Sergio Wolf para elevar o filme a alturas astronómicas, adxectivo que non resulta nada inapropiado neste caso.

Arxentino de raíces galegas, Matías Piñeiro é un dos creadores esenciais do noso tempo. La princesa de Francia é a terceira entrega, despois de Rosalinda e Viola, da súa serie de “shakespearadas”, inspiradas en obras teatrais do escritor de Stratford-upon-Avon. Máis unha vez trátase dunha película coral, con personaxes que van e veñen e se enguedellan (e desexan) entre si, desta volta cun home coma figura central, Víctor (Julián Larquier Tellarini), que volve a Buenos Aires despois de varios meses en México coa intención de sacar adiante un proxecto de radioteatro. Ao seu redor, actrices habituais de Piñeiro coma Agustina Muñoz, Romina Paula e María Villar, unha “compañía estábel” que proporciona froitos espectaculares: o cinema de Matías é elegante e coreográfico, un baile asombroso do elenco coa cámara, case un musical sen cancións. Pouca xente ten hoxe por hoxe o seu dominio da posta en escena, a súa capacidade para conseguir que enredos sofisticados en extremo parezan enganosamente fluídos e lixeiros.

Non é a primeira vez que o digo nin será a última: Lisandro Alonso é o mellor que lle aconteceu ao cinema no século XXI, e aí están La libertad, Los muertos e Liverpool para demostralo. Agora tamén Jauja, xa o seu filme máis grande e no que Lisandro asume máis riscos: un filme “de época” e con máis diálogos ca nunca, cun guión feito a catro mans co escritor Fabián Casas e un director de fotografía de luxo, Timo Salminen, habitual de Kaurismäki. Por primeira vez Lisandro confía nun actor profesional, unha estrela, ademais, Viggo Mortensen, na pel dun enxeñeiro danés, Gunnar Dinesen, no despoboado e inquietante -por colosal- sur arxentino. Con el vai unha filla moza, Ingeborg, que nun punto do relato escapa cun soldado. O pai sairá na súa procura desesperada e case suicida -ao estilo Ethan Edwards en The searchers- mais a trama dará un xiro coa aparición dun can, Jersey, que o guía a unha cova na que atopa a unha enigmática anciá (Ghita Nørby). Logo diso vén o triplo salto mortal, o que lanza ao autor do profundo e minimalista humanismo de seres solitarios no que se movía con comodidade ao terreo do lendario e fantástico que conecta con naturalidade poética tempos e espazos diferentes. Que ademais veña expresado con imaxes de beleza sublime non debe ser a estas alturas ningunha sorpresa.

Martin Pawley. Artigo escrito para o número 208 (setembro de 2014) da revista Tempos Novos.

domingo, 12 de outubro de 2014

Festival de Curtas de Vila do Conde: a consolidación dun modelo a imitar

Lois Patiño e Mário Micaelo
Hugo Ramos figura no catálogo do Curtas de Vila do Conde coma programador e director de produción do festival. Leva traballando no festival dez ou doce anos mais a súa vinculación co Curtas, porén, vén de atrás. De moi atrás. Dende a segunda edición do certame, alá en 1994, cando el tiña apenas quince anos e empezou a colaborar coma voluntario. Máis de dúas décadas participando dun ou doutro xeito no desenvolvemento do Curtas: así é fácil entender o grao de implicación e de entusiasmo, o traballo arreo sen ter nunca un mal xesto. Non só o seu, senón o de todo o equipo do Curtas: é máis ca un festival, é unha referencia transformadora para o cinema portugués e unha iniciativa cultural que proxecta no mundo a propia vila. Algo do que se sentir moi orgulloso. Un orgullo compartido cunha veciñanza que se entrega ao Curtas e contribúe a facer del o máis acolledor e agradábel dos festivais de cinema que coñezo.

O de Vila do Conde é un modelo a imitar. Éo polo tradicional bo criterio na selección dos contidos mais éo, sobre todo, pola maneira en que soubo ir medrando ao longo do tempo sen perder a cabeza, sen deixar polo camiño a rigorosa coherencia que o caracteriza. O Curtas nace coma extensión audaz do labor do cineclube local, un dos máis antigos de Portugal -fora fundado en 1959-, que viña de recuperar a súa actividade despois duns anos de declive. Unha directiva nova e animosa activa a vida do cineclube a principios dos 90 e acorda logo a creación do festival, que comezou en xuño de 1993 cunha dirección compartida por cinco persoas: Miguel Dias, Mário Micaelo, Rui Maia, Darío Oliveira e Nuno Rodrigues. Rui Maia deixou o festival ao final da década e por algún tempo incorporouse ao equipo Luís Urbano, hoxe produtor con gran recoñecemento; mais a base mantívose estábel até a actualidade, con Miguel, Mário e Nuno aínda na dirección [1].

Na época en que xurdiu o Curtas eran moi poucas as curtametraxes a seren feitas no país veciño, aínda que a situación amosaba sinais de normalización pola aparición dunha liña de apoios á produción. A creación de curtametraxes en Portugal e a consolidación do Curtas son fenómenos paralelos e o papel do festival na visibilidade destes filmes é indiscutíbel. No terceiro Curtas hai xa material abondo que xustifica unha competición nacional; en edicións posteriores irán presentando pezas autores coma João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes ou Sandro Aguilar que acabaron por conseguir un elevadísimo prestixio internacional. Canda eles tres hai moitos máis, de Margarida Cardoso ao animador José Miguel Ribeiro, que amosan a amplitude e diversidade dunha nova vaga de autores, a “Gerações Curtas”, na denominación que un artigo no Público de Augusto M. Seabra (novembro de 1999) acabou por confirmar. O seguinte desafío era a divulgación deses autores e das súas obras polo mundo e con ese fin nace nesa altura a Agência da Curta Metragem, organismo fillo do festival ou, para ser máis precisos, da cooperativa cultural Curtas Metragens CRL da que dende 1997 dependerán formalmente os proxectos ideados polo núcleo fundador. A Agência, coordinada por Salette Ramalho, funciona coma axencia de ventas que se encarga de inscribir os títulos do seu catálogo nos máis destacados festivais de cinema e da correspondente xestión de copias, mais tamén organiza ciclos e retrospectivas de curtametraxes. O éxito da Agência é medíbel: no último ano completo, 2013, os filmes que promociona ocuparon máis de 700 veces a selección oficial de algún festival e recolleron 43 premios, cunha audiencia conxunta de case 150 mil espectadores repartidos ao longo de 1300 proxeccións.

A aposta inicial do Curtas era esixente mais axiña acadou unha boa resposta do público. A cuarta edición dobrou a cifra de espectadores da primeira -uns moi meritorios sete mil- e hoxe móvese arredor dos vinte mil asistentes. A inauguración en 2009 do Teatro Municipal -noutrora Cine-Teatro Neiva- dotou finalmente ao certame dunha sede versátil e céntrica con dúas salas, unha delas de gran capacidade, 550 butacas, apta tamén para a celebración dos filmes-concerto que xa son marca de identidade [2]. Fronte á diversidade de espazos empregados, por necesidade, ao longo da historia, o Curtas concentra agora a programación en dous únicos puntos, o Teatro Municipal e a Galería Solar, outra iniciativa memorábel da organización. A Solar foi a evolución natural da decisión dos directores de abrir un oco ás propostas audiovisuais que escapan das limitacións da pantalla ou cuxa contemplación aconsella un lugar de exhibición diferente da sala convencional. Non hai que elixir entre “cinema no cinema” e “cinema no museo”, as dúas opcións son compatíbeis en Vila do Conde. A transformación do Solar de San Roque dotou á vila en 2005 dun centro de exposición permanente para a arte das imaxes en movemento, unha galería aberta á experimentación audiovisual con pezas que se integran de forma modélica no recinto.

Crecer sen alfombras vermellas. O obxectivo do Curtas nunca foi a popularidade a curto prazo, esa que se consegue estragando recursos para traer celebridades; a intención foi sempre sementar para logo recoller. As iniciativas nacidas da cooperativa foron xestos de coraxe que permitiron facer máis firmes e sólidos os alicerces do festival. Formaron público e axudaron a diversificar a súa ollada cinematográfica, mais tamén serviron para crear e/ou afirmar cineastas. A sección Take One! leva dez anos abrindo unha xanela ao traballo dos máis novos creadores, aínda vinculados ás escolas de cinema. Outro elo na cadea é o proxecto Estaleiro/Campus. Campus é un programa formativo dirixido a estudantes do ensino superior que os pon en contacto con creadores audiovisuais con ampla repercusión internacional. A iniciativa medrou coa produción de filmes a cargo de autores portugueses coma Gonçalo Tocha, João Pedro Rodrigues, João Canijo ou Graça Castanheira e, con ocasión do vinte aniversario do Curtas, tamén de directores estranxeiros coma o venerábel Thom Andersen. Cara ao ano que vén Campus porá os medios para a realización de tres curtas dirixidas por Sandro Aguilar, Manuel Mozos e o galego Lois Patiño, que traballarán con xente moza da zona. E o esforzo educativo iníciase moito antes, prestando atención aos nenos e nenas da rexión a través do Animar, que comprende sesións de cinema para as escolas, obradoiros e exposicións orientadas a alumnos, pais e profesores [3].

Curtas 2014: tempos difíciles

Fráxil coma o mundo, o cinema portugués exhibe agora as consecuencia da seca de anos anteriores, froito da cancelación dos apoios públicos e a miserenta avaricia dos operadores de televisión e telefonía. Hai leves signos dunha relativa volta á normalidade que esperamos se fagan evidentes a partir da próxima primavera; entre tanto 2014 será unha tempada de resistencia, por máis que a reaparición sempre inspiradora de Pedro Costa coa estrea de Cavalo dinheiro en Locarno poida elevar o nivel até alturas inesperadas [4].

False twins (Sandro Aguilar, 2014)
O 22º Curtas -marcado pola visita excepcional de Kelly Reichardt, a quen se lle dedicaba un foco- revelou na competición nacional as fraquezas do presente cunha selección na que apenas houbo sorpresas. As máis agradábeis, First light de Mariana Gaivão, cun coidado branco e negro que de inicio parece evocar -até no título- a Víctor Erice e funciona na súa captación do sosego; e Outono de Marco Amaral, efectiva reivindicación do apego á terra gravada nas fermosas paraxes da Serra da Estrela. Patrick Mendes intenta n'Os sonâmbulos unha parábola sobre a deshumanización do mundo con aparencia URSS anos 20 na que destaca unha vez máis a versatilidade -mesmo física- do protagonista Cláudio da Silva. Cinema de Rodrigo Areias é a enésima homenaxe ás vellas salas e ao soporte fílmico reforzada pola presenza coma actor do lendario Acácio de Almeida, director de fotografía da fabulosa Silvestre de João Cesar Monteiro que se cita de forma explícita ao final. Teresa Villaverde presentou Sara e a sua mãe, precisa mais non especialmente inspirada contribución á película colectiva As pontes de Sarajevo. Miguel Clara Vasconcelos foi o triunfador da sección con O triángulo dourado, que emprega material en 16mm e un texto poético en off para falar de amores, viaxes e relacións humanas. Moi decepcionante resultou Taprobana de Gabriel Abrantes, broma de dubidoso gusto escatolóxico a conta de Luís Vaz de Camões. A mellor película da sección, do festival e con certeza xa unha das mellores do ano é False twins de Sandro Aguilar, que completa un fascinante díptico coa anterior Jewels ou quizais un tríptico con Sinais de serenidade: as tres “ficcións científicas” dun dos cineastas con máis talento da actualidade. A súa obra é acollida con extrema disparidade de opinións: recoñéceselle beleza -só faltaba iso!- mais é común botarlle en cara certa tendencia ao hermetismo. O espectador pode perderse entre as súas imaxes de macacos, botes con bechos en formol e primeiros planos dun planetario e quizais intente atopar estraños significados simbólicos que non existen: as películas de Sandro Aguilar son sempre moito máis literais do que un imaxina, as cousas son o que parecen e se nesta vemos imaxes do espazo exterior o que se pretende representar é xustamente iso, o espazo exterior. Son películas que nos convidan a escapar do estado de letargo, da cela mental e ás veces física en que acostumamos a vivir pechados.

Na competición internacional triunfou Cambodia 2099 de Davy Chou. Rodado nunha illa da capital do país, Phnom Penh, o director sitúa nese estraño territorio a dous mozos que se contan un ao outro os sonos e pesadelos da noite anterior. A modernidade xuvenil, dixital e urbana acaba por tinguirse dunha delicada melancolía. Person to person de Dustin Guy Defa déixase ver na súa corrección indie e amor polo vinilo. Máis satisfactoria é El Palacio do prolífico Nicolás Pereda, retrato da vida compartida de dezasete mulleres nunha casa grande que arranca cunha memorábel escena inicial, a de todas elas a lavaren xuntas os dentes.

Short (Robert Todd, 2013)
A competición experimental non honrou tanto o nome coma outros anos, empezando pola gañadora, Hacked circuit da gran Deborah Stratman, documental por outra parte excelente -mesmo didáctico coma mostra do traballo dun artista de Foley- resolto nun único e virtuoso plano secuencia. Bill Morrison repite en All vows e coa eficacia de costume a mestura de material de arquivo degradado coa música dun autor contemporáneo, aquí (outra vez) Michael Gordon. Compartiu sesión con La imagen arde de Lois Patiño, que dilata até a media hora imaxes dun incendio para facernos pensar sobre cómo nos enfrontamos ás imaxes. O mellor estaba ao principio: a veloz sucesión de imaxes silentes en branco e negro que obtén Robert Todd en Short variando o obturador da cámara de forma que o plano se inunda de luz de súpeto e logo escurece por completo, coma un chiscar de ollo. Iso é o cinema ante todo, luz.

Martin Pawley. Artigo publicado no número 207 (agosto de 2014) da revista Tempos Novos.

Notas:

[1] Do grupo saíu hai uns meses Darío Oliveira para iniciar outra aventura festivaleira, o Porto/Post/Doc, a debutar en decembro.

[2] Só queda pendente a transformación dixital, a introdución definitiva -e inevitábel- do DCP coma soporte estándar para as proxeccións.

[3] Para saber máis da historia do Curtas: o artigo Anatomia de um festival de Daniel Ribas no volume Puro Cinema (Ed. Curtas Metragens CRL, 2012); e a tese de mestrado Eventos culturais e cidades. O caso específico do Curtas Vila do Conde de Felicidade Conceição Vieira Ramos .

[4] Non será en calquera caso un ano perdido, con longas tan estimábeis coma o Yvone Kane de Margarida Cardoso ou Revolução industrial de Tiago Hespanha e Frederico Lobo.

mércores, 4 de decembro de 2013

2013, sombras e luces do cinema portugués (e II)

No crítico contexto financeiro xa debullado na anterior entrega deste artigo, a firme aposta polo cinema emprendida en Guimarães no marco da Capitalidade Europea da Cultura 2012 permitiu paliar parcialmente as dimensións da traxedia. O programa Cinema e Audiovisual de Guimarães definíase co obxectivo de “celebrar o cinema como matéria indissociável das nossas memórias, aceitando, ao mesmo tempo, todas as contaminações que, de uma maneira ou de outra, o estão hoje a transfigurar, porventura gerando uma arte para a qual ainda não dispomos de nome”. Non se trataba, pois, de executar un canto nostálxico do pasado glorioso do cinema, senón de festexar tamén a súa mutante vitalidade actual e a súa capacidade para a hibridación de estilos e xéneros.

Entre as múltiples liñas de traballo a encomenda de novas obras ocupou un lugar central. Para a cita vimanarense foron contactados algunhas lendas do cinema mundial, coma Jean-Luc Godard -que debutou para a ocasión no 3D con Les trois désastres, integrada na longametraxe 3x3D que inclúe, ademais, pezas de Peter Greenaway e Edgar Pèra-, Aki Kaurismäki ou Víctor Erice. Estes dous últimos participan no filme colectivo Centro histórico, o español con maior fortuna có finlandés, non tanto porque a curta deste (O tasqueiro) careza de mérito como porque a do español, Vidros partidos, é unha alfaia con aparencia de documental que toma coma escusa o decaemento da industria textil da zona, noutrora fonte esencial de riqueza. As palabras dos obreiros e obreiras dunha fábrica pechada, quizais non reais mais si cheas de verdade, tecen un intelixente discurso que transcende o local para se converter en símbolo do desmantelamento social e económico en Europa. Un xenuíno filme político que viña precedido por unha obra suprema de Pedro Costa, Sweet Exorcist, que revisita a cara máis amarga e sinistra do 25 de abril: os padecementos e malos tratos sufridos polos inmigrantes africanos por parte do exército revolucionario. O Ventura totémico de Juventude em marcha é agora un home fráxil e enfermo acosado polo pesadelo daqueles días ingratos nun filme emocionalmente devastador que serve de adianto para a longa que, co mesmo personaxe, está a ultimar o xenial director portugués. Pechaba o conxunto unha peciña irrelevante de Manoel de Oliveira, O Conquistador Conquistado. Máis irrelevante aínda se se compara co traballo inmediatamente anterior do centenario cineasta, a maxistral O Gebo e a sombra, que ben podemos considerar a súa mellor película en varias décadas. Cun elenco memorábel -sublimes Michael Lonsdale, Leonor Silveira e Luís Miguel Cintra, nefasto coma sempre Ricardo Trêpa- e unha planificación sinxela e rigorosa que reduce ao mínimo os emprazamentos de cámara, Manoel de Oliveira ofrece con esta adaptación dun texto teatral de Raul Brandão un retrato decimonónico -no bo sentido- das miserias da miseria que serve de parábola elocuente, pesimista e crítica dos tempos modernos.

O convite de Guimarães aceptouno tamén Gonçalo Tocha e coa súa probada capacidade para facer o máximo co mínimo non fixo unha curta senón unha longa, Torres & Cometas, estreada no Festival de Rotterdam. Ao mesmo tempo transgresora e respectuosa, nada define tan ben a súa profunda lixeireza coma a gloriosa actuación musical da banda Minhotos Marotos. O humor preside este paseo que pola orgullosa vila do “aqui nasceu Portugal” dá Gonçalo na compaña do seu colaborador de sempre, Dídio Pestana, con quen comenta en off as imaxes, ao estilo do que xa fixeran en É na Terra nao é na Lua, para desvelar a Historia con maiúsculas coma suma de historias e xentes na que conflúe o solemne e o anecdótico, o grave e o lúdico.

Un achegamento libérrimo e irónico á propia Historia é tamén o que desenvolve João Pedro Rodrigues n'O corpo de Afonso, revisión da figura de Afonso Henriques, primeiro Rei de Portugal, convertido co paso dos séculos en icona mítica asumida coma (improbábel) modelo incluso polo salazarismo. A tradición foille outorgando dimensións colosais non só coma representación imaxinaria dun Portugal pasado e glorioso, senón tamén no físico: a lenda fabula sobre o seu vigoroso corpo e o enorme tamaño da súa espada. João Pedro dálle ao filme a forma dun casting na procura dun home que poida representar hoxe en día ao Rei Afonso, e a súa busca lévao até Galicia, en parte pola idea de que o galego moderno pode evocar ben o portugués antigo, en parte por pura (e sana) provocación identitaria. Ao longo de varias sesións de rodaxe na Coruña e Vigo pasan por diante da cámara de João Pedro culturistas e strippers de toda condición (e algúns que non o son tanto), que quitan a roupa e amosan os seus corpos mentres len, en xeral non con moita fortuna, textos medievais portugueses. Nas conversas que o director mantén con eles xorden asuntos banais -as tatuaxes e as singulares explicacións para facelas ou non- mais axiña asoma a crise a través dun drama recorrente: o desemprego. Sobre o mito ábrese paso así a reflexión sobre a representación do corpo masculino (e as implicacións sexuais da mesma) e unha visión crítica do presente.

Fóra destes dous fitos principais a serie de filmes Histórias de Guimaraes aínda deu máis froitos valiosos. Vamos tocar todos juntos para ouvirmos melhor dá boa mostra do depurado oficio de Tiago Pereira -fillo de Júlio, o reputado compositor e multiinstrumentista- para combinar música e cinema. Tiago xunta a guitarra eléctrica de Manuel Fúria coa música popular da rexión do val do Ave nun filme que destaca, sobre todo, polo laborioso traballo de montaxe de imaxes e sons. En Na Escama do Dragão unha xornalista (Margarida Vila-Nova) e un cámara (Siun Chong) gravan unha reportaxe na China con pasado portugués sobre un barco naufragado, mentres de fondo escoitamos noticias sobre un tifón que chega a Macau e as amarguras da Europa do sur. Deste choque de culturas e tempos válese Ivo M. Ferreira para facer probabelmente a súa mellor obra.

Unha cita esencial: o Curtas de Vila do Conde

Baixo o paraguas de Guimarães fixo João Nicolau a estimábel O Dom das Lágrimas, mais fica a anos luz do seu seguinte e marabilloso filme, Gambozinos, premio á mellor curtametraxe na Quinzaine des Realisateurs de Cannes que puidemos ver no cada vez máis decisivo Festival de Curtas de Vila do Conde. O retrato do primeiro amor e os conflitos xuvenís nun campamento de verán -universo que o cineasta coñece ben: el mesmo foi monitor nunha colonia de vacacións- fai pensar, si, en Wes Anderson, mais no fondo é puro Nicolau, un cineasta sempre afín ás criaturas tenramente irresponsábeis. Gambozinos contén, ademais, dúas das secuencias musicais máis felices de 2013: o delicioso rap que coma declaración de amor canta o neno protagonista -Tomás Franco, todo un descubrimento- á súa “querida e adorada Antónia Josefina”, e o hiper-romántico baile sen baile do final.

Tamén está atrapado na inmadurez o personaxe principal de Rei inútil, primeiro filme coma director do editor Telmo Churro, membro do “comité central” que Miguel Gomes configurou para Tabú. A curta parece un Nicolau de baixa intensidade, coa súa tendencia ao diálogo lixeiro e as situacións fantasiosas que parecen agochar algunha clase de chiste privado. Versailles de Carlos Conçeição érguese sobre o turbio encontro nunha cabana retirada dunha muller idosa (a fabulosa Isabel Ruth) e o adolescente (João Arrais, visto en Mistérios de Lisboa) que debe axudala a morrer. Fronte a estas tres, o xurado escolleu coma (excesiva) gañadora Carosello de Jorge Quintela, que opón a voz moi literaria dun vello a enfiar recordos e desmemorias da muller que apenas lembra coma súa, co artificio visual que dá forma ao filme: un carrusel de imaxes a xirar coma reflexo superposto ao rostro do ancián.

O mellor do Curtas, con todo, veu da man do Campus Estaleiro, proxecto formativo co que o festival impulsou a produción de filmes de autores portugueses en colaboración con estudantes universitarios do campo audiovisual. A dupla João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata participou con Mahjong, terceira entrega da serie asiática que se iniciou con Alvorada vermelha e proseguiu con A última vez que vi Macau. A triloxía -polo de agora- debuxa con claridade unha suxestiva evolución creativa. Se Alvorada era, no esencial, unha curta que rexistraba con espírito antropolóxico un fascinante (e sanguento) mercado en Macao, con algunhas fugas oníricas en forma de sereas e zapatos de tacón alto, e a longa A última vez... xogaba a fusionar xéneros -do documental ao cinema negro- para construír un policial abstracto, en Mahjong a parella de xenios non enmascara a súa vontade ficcional e constrúe unha abraiante colección de imaxes misteriosas na comunidade chinesa de Varziela a base de rúas baleiras, almacéns inquietantes e unha música -cousa inusual nos autores- con innegábeis ecos a David Lynch.

A Mãe e o Mar é o brillante resultado da colaboración de Gonçalo Tocha co Estaleiro. Máis unha vez, o obxectivo inicial dunha curta mudou en longa: eran precisos máis minutos para dar xusta conta da tradición das mulleres pescadoras de Vila Chã, as “mulheres arrais” que capitaneaban barcos. Gonçalo ponse máis serio que de costume e rende homenaxe a estas mulleres que fixeron “traballos de homes” para saíren adiante en épocas difíciles. Fica a memoria dos feitos e a palabra que os mantén vivos e así o filme acaba sendo, tamén, un tributo emotivo á necesaria transmisión do legado, o que nos fai ser quen somos, un compás a non perder para non perdernos.

Martin Pawley. Artigo publicado no número de outubro (197) da revista Tempos Novos. A primeira parte apareceu no número de setembro (196).

xoves, 31 de outubro de 2013

2013, sombras e luces no cinema portugués (I)

A visita ao Indielisboa en 2012 deixaba no visitante unha sensación paradoxal respecto da vitalidade do cinema portugués. Dunha banda estaba a presenza, clara e visíbel, de até sete filmes nacionais en cartel, algúns de grande calidade, caso do Tabú de Miguel Gomes, É na Terra não é na Lua de Gonçalo Tocha, A vingança de uma mulher de Rita Azevedo Gomes ou Linha vermelha de José Filipe Costa. Por outro lado a realidade, xa comentada nestas páxinas, da absoluta parálise que vivía a industria cinematográfica do país veciño, sacudida pola decisión do goberno non só de interromper os concursos de apoio á creación senón tamén de poñer en suspenso os compromisos adquiridos con anterioridade adiando sine die os pagamentos acordados. O resultado era inquietante: o innegábel esplendor cultural do cinema portugués podía ter os días contados e en breve non habería, literalmente, filme algún do que botar man. Estaríamos, quizais, ante o canto do cisne dunha cultura gloriosa esganada polas políticas liquidadoras de Passos Coelho.

O horizonte pesimista desvelou axiña novos paradoxos. O público portugués, tradicionalmente virado de costas ao seu cinema, respondeu de forma masiva ante dous títulos de espírito televisivo: Balas & Bolinhos - O Último Capítulo de Luís Ismael e Morangos Com Açúcar - O Filme de Hugo de Sousa, que sumaron, entre os dous, case cincocentos mil espectadores. Nunha escala inferior, mais con cifras en calquera caso notábeis, movéronse O Cônsul de Bordéus de Francisco Manso e João Correa (55 mil espectadores), Linhas de Wellington de Valeria Sarmiento (51 mil) e Florbela de Vicente Alves do Ó (42 mil). Este apoxeo inesperado deu coma froito a mellor cota de pantalla dende 1975, un 5,3%, nun ano, 2012, que para a exhibición cinematográfica en xeral foi crítico pola perda de case dous millóns de espectadores (até situarse en 13,8 millóns) e o descenso de cinco millóns de euros na recadación respecto do exercicio anterior. Mais no que atinxe á produción nacional o resultado ben merece o cualificativo de histórico: as 734.264 entradas vendidas -aínda así unha cifra moi modesta- multiplican por sete as acumuladas ao longo de 2011. Unha industria en estado comatoso obtiña uns rexistros impensábeis nos anos de bonanza.




O pasado mes de marzo o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) resolveu o concurso que ficaba pendente dende 2011 e concedeu axudas á produción de longametraxes de ficción a dous coñecidos cineastas, João Botelho -cunha adaptación d'Os Maias- e João Canijo, e outras cinco axudas de menor importe para a creación de documentais das que se beneficiaron, por exemplo, Pierre Marie Goulet, Marco Martins e Joaquim Sapinho. Ao mesmo tempo abría os concursos de 2013 cunha dotación orzamentaria de dez millóns de euros. O horizonte financeiro parecía despexarse, ademais, para algúns proxectos que tiñan concedidas axudas dende 2010 e aínda non recibiran o diñeiro. Os máis optimistas podían pensar que acabara a seca. Comeza a haber certo movemento e póñense (de novo) en marcha producións das que só cabe esperar grandes cousas. Despois de gañar a Palma de Ouro en Cannes e o Oso de Ouro en Berlín na categoría de curta o novísimo João Salaviza lánzase a dirixir a súa primeira longametraxe, Montanha. João Pedro Rodrigues rodará O ornitólogo na primavera de 2014, en 35mm e en paraxes naturais na rexión de Trás-os-Montes. Aínda pendente a estrea do seu novo filme, do que xa vimos un adianto dentro da obra colectiva Centro histórico, Pedro Costa ten, disque, nova longametraxe na cabeza, envolvida no misterio habitual no xenial cineasta. E outro grande, Miguel Gomes iniciou os preparativos d'As mil e uma noites, proxecto de creación demorada -máis dun ano- cunha Xerazade a contar historias ambientadas no Portugal de hoxe, o da crise, “habitado por ricos e pobres, poderosos e insignificantes, traballadores e desempregados, ladróns e homes honestos”. Historias todas elas inspiradas en feitos reais, en noticias saídas da prensa diaria que irán alimentando, tamén, o sitio web do filme. A estes nomes súmanse os de João Nicolau, Gabriel Abrantes, Ivo M. Ferreira... Ningunha destas obras terá forma final antes de 2015, mais o futuro volve ser indiscutibelmente estimulante. Tudo bem, então?

Cumpram a Lei!

Non tanto. Ou máis ben, non en absoluto. O 8 de agosto o xornal Público acollía nas súas páxinas un contundente escrito subscrito e asinado pola plana maior dos produtores e realizadores portugueses co elocuente título que encabeza esta sección: Cumpram a Lei! A Lei é a do Cinema, por fin aprobada na Assembleia da República e homologada polo Presidente Cavaco Silva despois dun longo período de discusión pública (dezaoito meses) e da elaboración do correspondente decreto que a regula. A Lei esíxelle aos operadores de televisión o pagamento dunha taxa que serviría para financiar o ICA, que contaría deste xeito cuns ingresos específicos á marxe da caixa do estado. Mais, sorprendentemente, as grandes empresas que teñen ese deber público (Zon Audiovisuais, Optimus, PT Comunicações, Cabovisão e Vodafone) anunciaron a súa intención de non cumprir coa súa obriga alegando o seu carácter inconstitucional e a incompatibilidade coa normativa europea. Pouco lles importa que os servizos xurídicos da Comisión Europea expresaran a conformidade da lei portuguesa co marco xeral común da Unión e que a Lei, no fondo, non faga máis que puír e alargar un sistema de financiamento que xa levaba en vigor moitos, moitos anos, sen queixa ningunha sobre a súa constitucionalidade.

Os profesionais do cinema portugués reclamábanlle ao estado a mesma dureza e eficacia administrativa que aplica ao común dos contribuíntes mais tamén esixían unha resposta política á altura das circunstancias. Dáse a casualidade, ademais, de que dúas desas empresas, a Zon e a Optimus, están a rematar un proceso de fusión que debe ser autorizado polo goberno... o mesmo goberno cuxas normas queren saltar de forma deliberada.

Un mes despois e no marco da Mostra de Venecia o produtor Luís Urbano e o director Miguel Gomes volvían sobre este delicado asunto coa divulgación á prensa internacional doutro texto con título clarificador, Cinema português: o alarme soa. Regresa o fantasma da parálise mais desta volta o culpábel non é a crise económica nin a ausencia dun corpo lexislativo actualizado, senón a decisión de non acometer o pagamento da taxa por parte desas grandes corporacións e -o que é aínda peor- a inacción institucional ante o seu irresponsábel desafío e chularía. “A Tutela encolhe-se e assobia para o ar”, resumían con retranca. O obxectivo das empresas ao non ingresar os cartos que lles corresponden é renegociar a lei -por suposto “á baixa”- dende a conciencia da súa posición de dominio: a mera posibilidade de iniciaren unha loita xudicial necesariamente longa sementa a inquietude nun sector que, de suceder tal, ficaría tocado e afundido durante o proceso.

Mais cales son esas empresas? Tamén iso nolo explica o “manifesto veneciano” de Urbano e Gomes. A Zon Audiovisuais está controlada nun 28,8% pola muller máis rica de África, Isabel dos Santos, filla do presidente de Angola, e concentra arredor do 60% da distribución e exhibición cinematográfica, un 50% da TV e Internet por cabo e o 27% da telefonía fixa en Portugal. A súa posición no campo da telefonía móbil é mínima, mais iso quedará resolto coa fusión coa Optimus, que detén o 14% dos celulares portugueses. Portugal Telecom ten un 58% da rede fixa, un 45% da móbil e un 39% da televisión por cabo. Outro 40% da rede móbil está en mans de Vodafone Portugal. Cabovisão, pola súa parte, mantén unha cota do 8% no cabo. Entre as cinco reparten o groso do pastel audiovisual ao sur do Miño. Non se trata, pois, de compañías fráxiles. E o seu incumprimento é sinxelo de medir: son doce os millóns de euros que debía ter recadado o ICA este verán.

A Cinemateca, en perigo

Non era esa a única noticia inquietante. A finais de agosto a directora da Cinemateca Portuguesa, Maria João Seixas, desvelaba que se non se resolvían os severos problemas de tesourería da institución non habería máis remedio que suspender as actividades xa no mes de setembro. As dificultades veñen derivadas do modelo de financiamento da Cinemateca, que depende dunha taxa sobre a publicidade emitida na televisión. Os ingresos que proporciona esa taxa representan máis da metade do seu orzamento, así que é fácil entender a quebra que supón a diminución do investimento publicitario a consecuencia da crise: fronte aos máis de tres millóns de euros doutros anos a achega en 2013 quedaría por debaixo de dous. Estaría en cuestión non xa a programación de venerábel filmoteca senón, sobre todo, o Arquivo Nacional das Imagens em Movimento (ANIM), que preserva o patrimonio fílmico portugués. Como garantir a integridade dun arquivo excepcional cando non hai a certeza de poder pagar os máis elementais servizos de mantemento?

Axiña xurdiron diversas accións en defensa da Cinemateca, entre elas unha petición pública online que tardou ben pouco en recabar sete mil adhesións grazas á súa ampla difusión polas redes sociais. A gravidade da situación forzou a reacción da Secretaría de Estado de Cultura, que liberou 700 mil euros procedentes do “Fundo de Fomento Cultural” para asegurar as actividades até final do ano. É unha solución de emerxencia mais non aclara o futuro da Cinemateca, cuxas fontes de financiamento deberán cambiar, si ou si.

“É sempre possível uma redenção”

Con esas palabras remata o manifesto O alarme soa. Fai alusión directa ao título da curta que Miguel Gomes estreaba na Biennale, Redemption, unha obra mestra construída integramente con imaxes de arquivo. Unha lúcida mostra de cinema político, hoxe tan preciso coma sempre mais necesariamente distinto: posto que algunhas mensaxes e actitudes están xa esgotadas, hai que inventar outras.

Redemption xunta catro monólogos de corte epistolar. No primeiro, datado o 21 de xaneiro de 1975, un neno portugués failles aos pais, aínda na Angola, un retrato desilusionado do país no que vive: “Portugal é só xente pobre e fea a pasear uns bois esqueléticos”. Era preciso volver, pregúntase o cativo, a un país frío, de miseria e tristeza? “Portugal é muito triste e vai ser sempre assim”, conclúe.

Logo, o 13 de xullo de 2011, un vello italiano lembra un frustrado amor de mocidade despois dunha vida “exposta á calumnia e a envexa” na que amigos e inimigos se contaron por igual. O 6 de maio de 2012, día de eleccións en Francia, un home que as vai perder promételle á filla pequena que nunca lle faltará de nada coa mesma sinceridade coa que lle negará cariño e afecto. Trinta e cinco anos antes, o 3 de setembro de 1977, unha noiva en Leipzig ve alterado o día da súa voda por unha música de Wagner que é incapaz de sacar da cabeza.

É só nos créditos finais que se desvela a pretendida identidade dos autores das cartas, Pedro Passos Coelho, Silvio Berlusconi, Nicolas Sarkozy e Angela Merkel, para a seguir afirmar -por se alguén ten dúbidas- que os textos son froito da imaxinación dos guionistas, Miguel Gomes e Mariana Ricardo, responsábeis tamén, xunto a João Nicolau, do laborioso traballo de montaxe que mestura materiais moi diversos (películas de António Campos, Noémia Delgado e Vittorio de Sica, filmacións científicas, fitas familiares ou noticiarios de actualidade). Son cartas de saudade e desencanto, fábulas á vez crueis e tenras que relatan sentimentos privados dunhas figuras públicas que así, e durante os vinte e seis minutos da curta, mesmo chegan a parecernos humanas. Redimidos, en efecto, pola ficción, polo cinema que ofrece luz para escapar das sombras.

Martin Pawley. Artigo publicado no número de setembro de 2013 (196) da revista Tempos Novos. A segunda parte aparecerá no número de outubro (197).