Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Cobas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Cobas. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de xaneiro de 2026

La casa del silencio y la oscuridad

El primer álbum en solitario del ilustrador Xosé Cobas explora en sus páginas las huellas del tiempo sobre una arquitectura de luces y sombras.

* * *


Durante casi treinta años el escritor Xabier P. DoCampo y el ilustrador Xosé Cobas formaron una estable pareja artística que engrandeció la literatura infantil y juvenil. La imaginación de uno y otro se realimentaba mutuamente, las palabras influían sobre las imágenes y viceversa, y de esa colaboración nacieron obras mayores de la edición gallega como O libro das viaxes imaxinarias, Bolboretas o la obra final, O pintor cego, el último y bellísimo texto que nos dejó Xabier antes de morir. Un trabajo que Cobas ilustró venciendo el dolor por el fallecimiento de su amigo, la orfandad creativa ante la pérdida de un maestro de las letras que era además un referente ético, un «diamante moral», como lo definió su editor durante muchos años, Manuel Bragado.

En Caderno de momentos, un libro que la Diputación de A Coruña publicó en 2018 a modo de homenaje tras su jubilación como diseñador gráfico de la entidad provincial, Cobas enuncia una suerte de autopoética guiado por las preguntas de un escritor experto en arte, Xavier Seoane. Regresa a la patria de la infancia en Logrosa, una parroquia rural del Concello de Negreira donde las pequeñas casas se integraban en el bosque y así pudo aprender a distinguir «los olores de las plantas, de los árboles, de las hierbas, en su contexto de luz y sombra y de color».Con el paso de los años se dio cuenta de la importancia de todos los sentidos en las artes plásticas, no solo la vista, también el olfato, el oído y el tacto. «Siempre me gustó la noche», decía entonces, «la noche como espacio de silencio, de refugio y de conversación con uno mismo». Una noche negra que ya no existe a la que se entregaba de adolescente, cuando esperaba a que cayese el día «para gozar de la oscuridad más absoluta» y «recurrir a la memoria para guiarme por el camino».

Esa fascinación por la noche se asentó gracias a una experiencia inolvidable. A inicios del verano iba de pesca al río con su abuelo hasta que la luz desaparecía por completo y regresaban a casa bajo un manto de estrellas al son de la música de los grillos y las ranas. La Luna llena y las luces cálidas de las casas de la aldea de Ínsua se reflejaban sobre las aguas y en una ocasión, «resguardados por la oscuridad, esperamos hasta que una pata seguida por sus siete u ocho crías desfiló ante nuestros ojos deshaciendo el espejo de luces reflejadas en el río». El recuerdo de aquel instante lo quiso repetir muchos años después con su hijo, pero para entonces el alumbrado público había borrado para siempre la magia de la naturaleza nocturna. 

Xosé Cobas, pintor del aire, acaba de presentar un volumen prodigioso, Soño dunha sombra (Kalandraka), un álbum compuesto únicamente por imágenes que remata con un excelso epílogo de Manuel Rivas en edición trilingüe, gallego, castellano e inglés. Un paseo por el interior de una casa a través del tiempo y de la luz, las dos materias fundamentales del cine, siempre tan fácil de conectar
con su obra. Páginas que nacen del silencio y la reflexión para promover el silencio y la reflexión. Un regalo para todos los sentidos y un canto de amor incondicional a la noche.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, número 319, xaneiro de 2026.

sábado, 6 de decembro de 2025

Xosé Cobas, o infindo nun instante

Despois dunha longa e vizosa traxectoria como ilustrador, boa parte dela asociada á obra literaria de Xabier P. DoCampo, Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, 1953) atrévese cun libro en solitario, Soño dunha sombra, álbum de abraiante fermosura e coidada edición, a cargo de Kalandraka, que explora o paso e o peso do tempo. Logo do debut no Culturgal, o libro será presentado no Kiosko Afonso da Coruña o próximo 9 de decembro, terza feira, nun acto no que o autor estará acompañado por María Xosé Bravo, Miguelanxo Prado e Manuel Rivas.

Os últimos caracteres do volume, nas páxinas finais de créditos, dan conta dun período marcado por dous anos, 2013 e 2025. Foi tal o camiño necesario para pensar e producir o conxunto de imaxes que conforman o volume que vén de chegar ás librarías, un percorrido no que, por suposto, se cruzaron outros títulos, entre eles o memorábel O pintor cego, que iniciou conxuntamente con Xabier P. DoCampo e que, após a morte deste en 2018, tivo que rematar el só. Aquel foi un desafío grande, tanto artístico como emocional, para alguén que iniciara a súa colaboración co escritor chairego case trinta anos atrás, a partir de A nena de auga e o príncipe de lume. Formaron unha parella inusual, aberta á evolución continua das imaxes e dos textos, á súa transformación mutua, unhas influíndo nos outros e viceversa. Conversaban a diario e longamente, viaxaron xuntos e compartiron infinidade de experiencias e anécdotas, e foi desa materia común que xurdiron e medraron tantos libros que ocupan un sitio destacado na literatura infantil e xuvenil de noso, fitos como Bolboretas, O libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas

Páxina do libro "Soño dunha sombra" (Kalandraka)

O camiño agora é diferente, ten que ser diferente. O punto de partida foi unha tardiña a finais da primavera ou inicios do verán na casa onde vive, en Cambre, a mesma que Dominga e Benito, “tataravós dos meus netos”, acordaran converter no seu fogar en 1953 e na que “continúa a súa descendencia até o día de hoxe”, tal e como se explica nas gardas do libro. É alí onde nos atende Xosé Cobas. “Unha das particularidades desta casa é que está moi ben orientada ao Sol, e entón nesa época e até ben entrado o outono os solpores crúzana enteira, entran a través da sala e chegan até un pequeno estudio que temos. Un día calquera subindo as escaleiras reparei nun efecto da luz e quedei uns minutos mirando. Foi aí que arrincou todo, esa imaxe empezou a roldar pola miña cabeza e púxenme a observar máis, a interesarme pola presenza da luz natural dentro da casa a distintas horas do día, despois tamén a luz artificial pola noite, e descubrín un mundo”. Mais esa relación coa luz (e coa súa ausencia) estaba intimamente ligada á súa vida. Á súa infancia en Negreira, nos anos 50 e primeiros 60, cando ao volver da academia xa con noite en inverno atravesaba espazos de escuridade absoluta “até pasar a igrexa, onde empezabas a intuír a luz daquelas lámpadas de 40 watts que non alumaban nada”, como un vagalume que mataba o medo, “e a medida que ías avanzando vías ao lonxe a casa e logo a porta da cociña, até que finalmente entrabas” (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Sermos Galiza que acompaña Nós Diario o sábado 6 de decembro de 2025. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo nesta ligazón.

luns, 1 de xuño de 2020

O pintor cego

Logo da primeira das moitas lecturas que merecerá O pintor cego (Kalandraka, 2020), o derradeiro libro que iniciaron como parella creativa Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, dou en pensar no moito que lle gustaría a Xabier Portrait de la jeune fille en feu de Céline Sciamma. Ambientado a finais do século XVIII, o filme trata dunha pintora, Marianne, que recibe a encarga de retratar unha muller antes do matrimonio concertado desta cun home que non coñece. A encomenda, que a obriga a desprazarse a un lugar illado na Bretaña, presenta unha dificultade adicional: a muller, Héloïse, non desexa ser retratada porque non quere casar, así que a pintora deberá facer o seu traballo en segredo, acompañala nos seus paseos diarios e pouco a pouco ir memorizando o seu rostro e o seu corpo. A película convértese axiña nun ensaio sobre a mirada, sobre a elaboración do obxecto artístico como construción dunha persoa que, para crealo, debe facelo seu, ver máis aló do superficial para achar a súa singularidade, para dar coa beleza. Por esa razón será destruída a primeira versión do cadro, non por unha cuestión de falta de oficio nin de técnica, senón porque non recolle a esencia da protagonista do mesmo, isto é, non estivo ben mirada. Despois diso, Héloïse accede finalmente a posar. Nun momento especialmente memorábel, Marianne enuncia os xestos, os tics, de Héloïse, e dille algo así como que os coñece ben porque para executar o seu traballo leva días esculcándoa con atención. Héloïse responde que, como modelo, ela tamén está a escrutar a pintora mentres traballa: a ollada sinala unha dirección con dous sentidos. O amor que nace entre as dúas mulleres é tamén o resultado dese descubrimento, o resultado de construír a imaxe da outra, do outro. Portrait de la jeune fille en feu é un filme belísimo, un deses no que non hai un plano que non sexa perfecto, cunha fotografía impresionante, máis unha vez, de Claire Mathon, co lume e as candeas deitando luz sobre a pel humana, sobre as paredes, sobre os vestidos. Un filme que non berra, no que se escoita o riscar do pincel contra o lenzo e o estralo das faíscas máis as voces de dúas actrices colosais, Noémie Merlant e Adèle Haenel. Podo imaxinar perfectamente a conversa que eu tería con Xabier sobre este filme. Podo imaxinarme con el, diante dun café nalgún bar do noso barrio da Coruña, debullando o filme igual que antes fixemos con The Tree of Life de Malick ou, o último de todos, Phantom Thread de Paul Thomas Anderson.


O pintor cego tamén é -na miña opinión, sobre todo- un ensaio sobre a mirada. A mirada da que nace a arte e a mirada da que nace o amor. O pintor do conto ten sona porque “é quen de tirar dos retratados a verdade do seu ser”. É quen de ver o que outros non ven, porque non miran abondo. O pintor debe facer un cadro dunha raíña e o primeiro día senta diante dela a contemplala durante horas. E igual o día seguinte, e os que veñen despois. Explícalle ao rei que non pode empezar a pintala até atinxir e facer súa a beleza da raíña. Antes dunha man destra, a arte precisa un cerebro que a inicie. O cadro debe existir primeiro na cabeza do pintor antes de empezar a distinguirse sobre a tea. Na súa feitura final, o retrato da raíña pode ter forma de música, mais iso é apenas a maneira na que se comunica aos demais: o retrato existiu primeiro na imaxinación do artista. O retrato é a impresión que da raíña quedou nel.

A morte prematura de Xabier fixo que o libro percorrera un camiño diferente das colaboracións anteriores entre o escritor e o ilustrador. Xabier e Cobas traballaban man con man, nunha influencia mutua permanente pola cal o texto ía dando forma ás imaxes mais estas facían logo que o texto cambiase. Desas idas e voltas naceron libros de inmensa fermosura, fitos da edición galega como Bolboretas, O libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas. N’O pintor cego, o treito final do camiño Cobas houbo de percorrelo só. Partía dun texto xa moi sólido, mais non era posíbel o diálogo enriquecedor. Do desafío, aínda máis emocional ca artístico, agromou un froito prodixioso, coherente coa traxectoria previa. A grande cultura artística de Cobas converte O pintor cego nun fabuloso cóctel de referencias pictóricas, unhas explícitas (Arnold Böcklin), outras evidentes, a maioría máis sutís, desde o quattrocento italiano até Yves Klein e Luis Feito. Un colofón marabilloso a máis de trinta anos de fértil parzaría.

Martin Pawley

domingo, 1 de febreiro de 2015

O libro das viaxes imaxinarias


Pide que o camiño sexa longo

Son tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d'O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.

A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que esixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.

Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo "o Viaxeiro", describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.

"Todas as viaxes son un regreso". Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, "para facer da viaxe relato", Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.

Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 8, outono 2008.