sábado, 28 de maio de 2011

Entroido postfranquista

Ocaña, retrat intermitent
A primeira e única película importante de Ventura Pons é o documental Ocaña, retrat intermitent (1978), exploración en torno á figura do pintor, activista homosexual e mestre de performances transformistas José Pérez Ocaña (1947-1983), artista e paseante das Ramblas, criatura provocadora, pasoliniana e tan emblemática como popular no periodo da transición política española.

Narración intimista sobre unha personaxe extrovertida, libertaria e nada compracente coa estrutura emanada da España franquista, Pons debutaba no cine logo de dez anos como director teatral construindo o filme a partires de actuacións, imaxes de época e o epicentro das longas conversas mantidas con Ocaña.

As confesións descarnadas deste sobre cuestións como relixión, política, represión policial, mundo rural, sexualidade, desinhibición ou muller, facilitan un relato seductor que bucea con autenticidade no universo do suxeito filmado fundindo idiosincrasia e contradiccións, un hábil entrelazamento de subversión de tótems sociais e retrato de época que non elude a dimensión persoal de Ocaña.

Esa curiosa evocación/vindicación dun mundo de arte, lumpen, bohemia e contracultura permite que o filme pronto se convertise en obxecto de culto –como certifican as críticas entón escritas por Fernando Trueba, José Luis Guarner ou Terenci Moix-, visitando as salas preto de 100.000 espectadores e participando en 1978 na primeira edición da prestixiosa sección do Festival de Cannes “Un certain regard”.

Inmersa na eloxiosa pluralidade da época, non resulta ocioso observar o seu parentesco con outros títulos -El desencanto, Mientras el cuerpo aguante, Función de noche, El asesino de Pedralbes,…- que desintegraban a percepción tradicional do espectador.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 10 de xuño de 2011

venres, 27 de maio de 2011

Nathaniel Dorsky no CGAI

Pastourelle
En febreiro de 2009 fun en peregrinación a Pamplona para ver a obra de James Benning, de quen naquela altura podía recomendar apenas catro filmes, e moi lonxe das condicións idóneas de visionado. Nesa edición do festival Punto de Vista acabei indo, case ao chou, á primeira proxección española de Lunch Break de Sharon Lockhart. Dou fe, porque estaba alí, de que aquela sesión fundacional non foi precisamente multitudinaria; eramos máis, en calquera caso, que os que gozamos hai uns meses na Coruña con Double tide: creo que lles podería dicir o nome de todos os espectadores presentes.

Benning e Lockhart son hoxe apelidos familiares para os cinéfilos esixentes; falamos deles con naturalidade, como se se tratara de vellos coñecidos, mais o certo é que hai dous ou tres anos só uns poucos sabían deles, e de maneira moi parcial. Igual e máis recente é o caso de Peter Hutton, un estudoso da paisaxe cuxa filmografía descubrimos na pantalla do CGAI da man de Carlos Muguiro, comisario da magna retrospectiva. O próximo nome que nos será revelado é o de Nathaniel Dorsky, que presentará a semana que vén na cinemateca galega a súa obra case completa, formada por curtametraxes en 16mm que deben ser proxectadas á “sacred speed” de 18 fotogramas por segundo. Tamén é o autor dun libriño impagábel, Devotional cinema, máis un manifesto que un ensaio con vontade académica no que reflexiona de maneira apaixonada e poética sobre o tratamento do tempo e a montaxe, empregando directores lendarios coma exemplo (Dreyer, Ozu, Antonioni, Rossellini, Godard, Ford).

Xa o saben: en 2011 o home a seguir é Dorsky. E terán que velo ao vivo: dos seus filmes non van atopar nin sequera un anaquiño en Youtube.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 27 de maio en Xornal de Galicia

martes, 24 de maio de 2011

Na morte de Domènec Font

Coñecín a Domènec Font (Pons, Lleida, 1950-Barcelona, 2011) en 2003 como docente dun curso (CGAI) no que analizaba as pegadas da modernidade, unha das súas especialidades. Entusiasta e lúcido, simpático e arrollador, deslumbraba polo seu discurso e coñecementos. Por fortuna, coincidiríamos varias veces, a última no seminario da Fundación Seoane sobre Antonioni, cineasta ao que dedicara un excelente estudo. A pesar da enfermidade, mantiña a condición de heroe novelesco, de ser invencible. Condenado a destacar en calquera ámbito da profesión, foi consecutivamente precoz crítico, brillante historiador e teórico, subversivo director e guionista, atípico profesor, audaz xestor cultural, cabeza visible dunha mostra (2005-2008), o MICEC, última tentativa válida ata hoxe por consignar un cine europeo de calidade con participación de luxo, de Sokurov a Kaurismaki.

O libro El cine bajo el cadalso (1974), coescrito con Román Gubern, relataba a censura da dictadura. Del azul al verde. El cine español durante el franquismo (1976) confirmaba radicalismo e disección do cine como aparato de poder susceptible de rupturas. Envolto nas aventuras político-fílmicas da transición, na procura de estímulos e a formación dunha arte de resistencia, Font pasa por experiencias colectivas, publicacións –Triunfo, El Viejo Topo, Macho, La mirada...– ou filmes, a réplica catalá –Objetivo: sexo (1981), filme “S” desaparecido que, incansable, seguía tentando recuperar– á madrileña Cuentos eróticos. Guionista para a serie de Aristarain Pepe Carvalho, a súa gran contribución como realizador sería a serie documental La memoria fértil (1984-1990), axuste de contas coa historia oculta da cultura española e reivindicación de tantos nomes, proceso que o levou a rastrexar as figuras de Castelao e Seoane. Embarcado desde os 90 na docencia, abandonando TVE, chega a catedrático na Pompeu Fabra. Entre logros e proxectos que non puideron ser, un libro inesquecible, La última mirada: testamentos fílmicos, (2000, reeditado en 2007), síntese de preocupacións, mostra de confesións de grandes cineastas, viña certificar unha trama vital, unha disposición comprometida, a proba definitiva da loita contra o tempo. Toda despedida, parafraseando verbas súas, é tamén unha decisión moral.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 24 de maio de 2011

sábado, 21 de maio de 2011

Antídoto contra a cólera

Segundo pasa o tempo o apelido Marx adquire connotacións de lenda. Dous termos, xenial e clarividente, acompañan aos nosos devanceiros –tanto os irmáns reis da comedia como o pensador Karl-, dada a curiosa simbiose entre o potencial do seu ideario e a súa propia pervivencia ata os nosos días.

A edición (Seix Barral) das memorias de Harpo -Arthur Adolph- Marx, o irmán mudo (Nova Iorque, 1888-Los Angeles, 1964), é unha grata sorpresa. Primeiro, porque Harpo falou pouco, de feito só o fixo ao final da súa vida, tanto na despedida oficial dos escenarios –base da súa arte poética, cómica e musical- como neste poderoso libro de recordos estruturado por orde cronolóxica e publicado en 1961, elaborado co escritor Rowland Barber. Segundo, porque o ton e actitude adoptados ofrecen unha tenra, amena e reveladora lectura, que contribúe a explicar as orixes humildes ou a composición da saga familiar, incluíndo unha nai, Minnie, decidida mentora da súa carreira.

Os Marx alcanzan o éxito cinematográfico –con pezas épicas de comicidade arrasadora e corrosiva como Animal crackers (1930), Sopa de ganso (1933) ou Una noche en la ópera (1935)-, cando levan 25 anos no teatro; nos inicios, un periplo itinerante por Estados Unidos, o vodevil ínfimo mesturando con progresiva sapiencia o musical e o cómico, logo Broadway. O relato de Harpo deixa constancia deste proceso de ascensión mentres descrebe a súa aprendizaxe. Así, deixa a escola aos 8 anos e acaba de tertuliano no mítico Algonquin; viaxa a Moscú nos anos 30 en misión diplomática e posúe talento musical; ten infinidade de traballos –resístese ao espectáculo- e admira aos seus irmáns. O anecdotario emblemático e divertido e a capacidade de conmoción resumen con acerto a narración.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 21 de maio de 2011.

venres, 20 de maio de 2011

Persoa non grata

Cando xa estaba todo o peixe vendido e coa certeza de que a moderación non produce portadas, o danés Lars von Trier, que deixou de parecerme interesante o século pasado, pronunciou en rolda de prensa a frase que fai del o protagonista de Cannes 2011: I understand Hitler. “Eu”, dixo, “realmente quería ser xudeu, mais logo descubrín que era nazi porque a miña familia é alemá, feito que me produciu pracer”; e a seguir ese Eu entendo a Hitler mentres xiraba a cabeza cara a súa actriz Kirsten Dunst.

A noiva de Spiderman debía estar desexando que, coma no filme que presentaban, un planeta errante batera nese intre contra a Terra para poñer abrupto peche ao encontro cos xornalistas, mais non sucedeu tal e o director seguiu soltando perlas: “Penso que fixo algunhas cousas malas, por suposto, mais podo imaxinalo sentado no búnker, ao final”. Que comprensivo! As some wrong things das que fala deben ser os non menos de once millóns de asasinatos que as estimacións máis xenerosas lle atribúen ao Holocausto nazi, por exemplo. Invadir un país e provocar unha guerra debe entrar tamén na categoría de cousas malas, igual que perseguir xente por causa da súa relixión, orixe étnica ou identidade sexual.

Horas despois o cineasta afirmou ter caído “nunha provocación” e con calculada hipocrisía pediu desculpas polas súas palabras, aceptadas de inmediato polos organizadores do certame que expresaran xa a súa conmoción. Todo podía ter rematado aí, mais onte o Comité de Dirección do Festival reuniuse de urxencia para declarar a Lars von Trier persoa non grata no festival, “con efectos inmediatos”. Pregúntome se como castigo lle retirarán o acceso á barra libre de champán no Palais.

Martin Pawley. Publicado o venres 20 de maio en Xornal de Galicia

martes, 17 de maio de 2011

Non hai noite tan longa

De maneira inevitábel, todas as reseñas e artigos que aparezan sobre a nova e excelente novela de Agustín Fernández Paz incidirán no feito de que se publique na colección de narrativa para adultos de Xerais. Con intención claramente provocadora, Iago Martínez falaba en Xornal dun "segundo debut" do escritor e desmentía axiña o titular de boca do vilalbés, para o cal esta era "unha novela máis", escrita "coa mesma intensidade que as anteriores". Trátase máis ben dunha obra "de fronteira", igual que podían selo Aire negro ou Corredores de sombra; que a editorial decida encaixalas nunha colección ou noutra non debería ser un problema para o lector sen prexuízos, e de feito este é un bo momento para lembrar que o espléndido O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008, comparte catálogo na súa edición portuguesa con autores coma Pepetela, Manuel Alegre ou José Cardoso Pires.

Sucede que o seu amigo e compañeiro de oficio(s) Xabier P. Docampo, outro vértice dese triángulo esencial das nosas letras do que tamén forma parte Paco Martín e que Manolo Bragado bautizou co nome de Xeración Lamote, traballa agora mesmo na creación doutra novela para adultos, que tamén viría ser "a primeira das súas", con permiso d'A chave das noces. E nos dous casos o exercicio implica unha mirada ao pasado, ao pasado lúgubre dos anos de chumbo da ditadura franquista. Máis afastada no tempo, e probabelmente -xa veremos- máis cruel no caso do Xabier; máis próxima a de Agustín, que sitúa os feitos dos que agroma o relato en 1969, un ano convulso marcado polas protestas obreiras e estudiantís que derivaron na proclamación do "estado de excepción" poucos días despois do asasinato -oficialmente "suicidio"- de Enrique Ruano. Tanto Xabier coma Agustín foxen da visión haxiográfica do pasado, non só polo que ten de reaccionario o canto saudoso aos good old times, senón porque no seu caso eses vellos tempos foron de todo menos bos: foron tempos de miseria e de opresión, dunha sociedade presa polo mal, en calquera das súas formas.

En moitas conversas con Agustín téñolle oído dicir que se sente estafado. Viviu os seus primeiros vinte e oito anos padecendo as consecuencias do franquismo: a falta de liberdade política, por suposto, mais tamén o modelo social, educativo e cultural imposto polo réxime. Medrou sen coñecer unha morea de libros e de filmes que arelaba, obras referenciais que tería necesitado aos vinte anos, e que nalgúns casos descubriu moito despois, cando xa era demasiado tarde. Debería ter visto as películas de Godard dos 60 e 70 no seu momento, cando sabía delas polas revistas, e non dúas décadas despois en DVD. Debería ter vivido unha vida normal, igual que a que tería nesa época un mozo de Bordeos ou de Múnic, mais tocoulle experimentar outra ben diferente, pexada polo atraso e o medo. É contra esa sensación de estafa que agora quere rebelarse. Tal e como eu o vexo Non hai noite tan longa non é un libro sobre a vinganza, senón sobre a redención, sobre a necesidade de afrontar, sen covardía, as feridas familiares para facer xustiza. Esa xustiza obríganos a saber quen fixo que, a diferenciarmos ben aos culpábeis dos inocentes; o esforzo non traerá máis resultado que a desaparición dos fantasmas, pois o pasado, nin sequera nas novelas, non é posíbel cambialo. Para Gabriel e Elsa, os irmáns protagonistas, calquera vitoria será necesariamente amarga; a esperanza, se a hai, estará na xeración das fillas, e nomeadamente na sobriña, Milena, que "pregunta para saber o que pasou", sen complexos nin culpas.

NON HAI NOITE TAN LONGA. Agustín Fernández Paz.
Edicións Xerais. 272 Páxinas. ISBN: 978-84-9914-252-4

luns, 16 de maio de 2011

As imaxes da vangarda

Que teñen en común os cineastas Stephen Dwoskin, David Lean, Hans-Jurgen Syberberg, Adolfo Arrieta, Werner Schroeter, Eric Rohmer, Wim Wenders ou Rainer Werner Fassbinder? A curiosidade e solidez intelectual de Lois Pereiro, a súa predilección por obras rupturistas ou plurais, suxerentes e persoais, por suxeitos radicais e vocacións periféricas, permite asociar esta serie de nomes. A aparición de referencias fílmicas na súa escrita observa unha creba coa relación clásica mantida por tantos literatos cara ao cine, u­nha exploración pola veta creativa onde filmes visionarios, cazadores de sensacións, imaxes convulsas, lúdicos divertimentos –a atracción tecnolóxica e James Bond–, sabias estilizacións, contos cheos de vida, dor ou mágoa, amosan as pelexas polo sublime. Home do seu tempo na procura de coñecemento, o singular sincretismo de gustos, a excepcional escolma, a erudición, a ironía incisiva, levan á perda do horror vacuo por relatos non prosaicos, anticipación do derrubo moderno da teoría dos xéneros. O cine memorable non é un derivado estrito da novela e do teatro.

O mozo subscrito a Fotogramas e FilmGuía que sabía películas de memoria –ás veces sen velas, pisadas da precariedade cultural que el e os seus virían a destronar– concentra e deixa alusións, presenzas, citas, símiles, intercambios, efluvios fílmicos de época. Polos diversos textos e recordos pululan The Big Sleep, El tren de las 3.10, o toque Lubitsch, a ducha de Psicosis, Catherine Deneuve, Deborah Kerr, Nicholas Ray, os “ionquis avariados” e Pánico en Needle Park (1971), a néboa morfontina de El quinteto de la muerte, o cru e o humorístico en La noche del cazador, o Woody Allen de Hannah y sus hermanas –sublimación amable da filiación de Lois ás relacións humanas, como Rohmer –o tributo á súa unitaria produción forma o poema “XXIV (Comedias e proverbios ou un conto moral)” de Poesía última de amor e enfermidade, e desde a face amarga, Bergman e Fassbinder–, Pulp fiction, os Coen, Rosa Von Praunheim – “Rosa intransixente co poder”, en Loia–, La sal de la tierra, o cine negro, o expresionismo, Alemaña, o cartel de Cabeza borradora, as conexións cine-literatura en San Francisco, ciudad desnuda e ata unha visión (posible) de Greta Garbo paseando por París.

Porén, as súas estadías en Madrid, coincidentes co fluxo liberador de imaxes da transición a través da entrada en España de títulos esixentes antes vedados, serán as que lle sirvan tanto de iniciación como de sutil influxo. As visitas á entón Filmoteca Nacional, entre 1975 e 1981, facilitan unha visión ampla do cine que se fai (e fixera) no mundo, con ciclos sobre Garrel, Akerman, Eustache, Dreyer, Hitchcock, Kramer, Lang, Hanoun, Portabella, Oliveira, irmáns Marx, Renoir, Murnau, Ozu, Rossellini, Ruiz, Rohmer, Ophuls, Berlanga, von Sternberg, Wiseman, Sirk ou Duras.

Seducido por un cineasta independente, Stephen Dwoskin (Nova York, 1939), director do que a filmoteca celebra oito sesións –coa súa presenza en decembro de 1976–, o paralelismo que se traza coa posterior figura doente do propio Lois –Dwoskin exiliado en Europa, aqueixado desde cativo de poliomielite– ten a súa consagración no paroxismo magnético do filme de culto Dyn Amo (1972), ao que Pereiro dedica o poema “Dyn-Amo I Steve Dwoskin” (Loia, número 3), peza que crece e orixina “Dyan-Amo e Steve Dwoskin aos 30 anos” (Poemas 1981/1991). Non deixa de sorprender a fascinación que desprenden as súas imaxes, longas variacións sobre o strip-tease feminino nun escenario único que remata, coa tortura como epicentro, en pavoroso tableaux autoconsciente, peep show musicado, auténtica subversión das procuras do cine pornográfico e da submisión teatral. A serialidade, os efectos de representación, a perturbación da brutalidade masculina, a busca de ritmos e impresións, o emprego dun son cativador constrúen un crescendo narrativo de deliberada ambigüidade, xerme dun horror sensitivo –imperceptible, interminable– carente de verbo, relato de atmosfera e texturas que alcanza “coa única forza das súas propias mans / e o poder que posúe quen descobre a verdade”.

A Wenders, emblema da conciencia interior cos seus “xestos e pausas sublimes”, tribútalle outro poema, “¿Quen?” (Poesía 1981/1991). Breve encuentro (1945) de David Lean, dá lugar a outra asociación, “IV (Breve encontro)” (Poesía última de amor e enfermidade). O clásico británico comparte a paixón de Pereiro “polas idas e vidas dos que viaxan”, os ferrocarrís e o amor, a fugacidade, a incomunicación e a fuxida dos afectos.

Tradutor para a TVG, autor do guión ¿Qué é Galicia?, actor na videocreación Valle de lágrimas (1986), Pereiro pasa agora a suxeito fílmico póstumo. No ano 2008 puiden ver un proxecto –avanzado– de película sobre el, Contra a morte. Elaborado por Alexandre Cancelo e Iago Martínez, unha comisión de axudas valoraría de xeito laudatorio a mestura de metanarración e biopic rupturista contidas, embrión dunha estirpe de traballos culturais inexistente nun lugar onde ficción e non ficción seguen escindidas. Meses despois, o Día das Letras Galegas de 2009, un acto na Casa das Atochas consentiu entrever os primeiros e estimulantes resultados.

Os autores comezaran unha viaxe sen retorno na procura de Lois Pereiro e o proxecto xa semellaba o que ía ser: a morte da biografía tradicional, cantiga de escarnio e informe de danos, sensata síntese dos restos dun naufraxio, o mundo de descubertas e transgresións que desmonta a progresía oficial. Traslucindo preocupacións e desexos comúns de modo fluído, emotivo, tamén catártico, comunícase a sabedoría aferrada á vida que infundía Pereiro.

A inserción do proceso de construción enriquece o resultado. Non hai espello deformante, desprende autenticidade –as pezas performativas intégranse: cadran vangarda sonora e poesía–, e os entrevistados reciben un tratamento respectuoso. O equilibrio necesario para un robusto biopic, mestura de retrato individual, contextos e dispositivo formal, aparece conseguido. As primeiras verbas de Pereiro, en Berlín, resultan estarrecedoras, ese “Que a vida non me sorprende xamais desprevenido, calado e neutral” obtén o clímax do filme. A versión que alcancei a ver resulta depurada, intensa, coa incorporación pertinente dun vídeo de Lois (A elocuencia dos cemiterios, 1987) na necrópole de San Amaro. É a única imaxe súa e posúe evocación, misterio, nada espectral senón vitalista, o que enlaza co seu legado.

Non remata aquí a historia. O filme colectivo en proceso sobre a Casa das Atochas contén un segmento Pereiro; Xurxo Souto e Fran Amil veñen de realizar outro. En tempos de crimes económicos, celebración da morte e pornografía emocional, a pantasma da lucidez resucita con forza, volve para artellar unha rebeldía definitiva, revolución viva ou confrontación sen fin. Contra a morte.

José Manuel Sande. Publicado no suplemento dominical Contexto do Xornal de Galicia, 15 de maio de 2011

sábado, 14 de maio de 2011

Espasmos interactivos

Con Heart of gold (2006), tributo a Neil Young, recuperamos o seu valioso director, Jonathan Demme. De singular traxectoria, recoñecida co éxito de El silencio de los corderos (1991) –anos nos que realiza Algo salvaje, Casada con todos e Philadelphia–, tanto os seus inicios co pai da serie B, Roger Corman como a comedia sobre o legado de Howard Hughes, Melvin and Howard (1980) e o audaz thriller El eslabón del Niágara (1979) fanlle aparecer nos oitenta como autor prometedor, parte da vangarda posmoderna, un independente na liña de MacBride, Lee, Seidelman ou Sayles.

A homenaxe a Young lembra o seu documento musical Stop making sense (1984), esplendor do filme-concerto, mostra da performatividade de David Byrne –mestre de ceremonias– e da brillantez dos Talking Heads (Byrne, Chris Frantz, Tina Weymouth, Jerry Harrison). Disco en vivo filmado no Teatro Pantages (Hollywood), peza de culto –con estrea española en 1987–, formúlase como un vibrante trip de posta en escea milimétrica e elegante, no que a subversión do espazo restrinxido do escenario, o cruce de intimismo e exaltación e a perfecta correspondencia rítmica música-imaxe crean unha asombrosa continuidade.

Filme locuaz e exploratorio, filtra a dimensión simbólica dun tempo complexo (era Reagan) onde os antigos teloneiros dos Ramones, logo apadrinados por Brian Eno, fan do seu art rock elemento transmisor. Nun momento de convivencia e pugna (post punk, new wave, música disco, funky, hardcore,…), a interrelación con The Residents, Blondie, Richard Hell ou –doutras latitudes– INXS e Happy Mondays, explica a fusión de enerxía pura, autoconsciencia, minimalismo e catálogo de emocións ofrecido. Para a memoria as interpretacións de Psycho killer, Heaven, Once in a Lifetime ou Burning Down the House.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 14 de maio de 2011

venres, 13 de maio de 2011

O caso do Filme do Desassossego

Só un filme de João Botelho chegou a ter estrea en España: Tempos difíceis, versión do clásico de Dickens gañador en 1988 do premio FIPRESCI na Mostra de Venecia. Ao festival italiano regresaría outras tres veces, con Tráfico, Quem es Tú? e O fatalista; tamén pasou por Cannes, cuxa Quincena de Realizadores acolleu a presentación de Três Palmeiras e da excéntrica comedia A Mulher que Acreditava ser Presidente dos Estados Unidos da América.

Aos 62 anos –fíxoos antonte– Botelho mantén intacto o prestixio crítico e exhibe unha abraiante enerxía e vitalidade; conversar con el implica caer irremediabelmente seducido pola exquisita combinación de intelixencia, cinefilia e humor do seu discurso. Tiven o pracer de coñecelo no mes de abril do ano 2009, uns meses despois da estrea d’A Corte do Norte, gozosa adaptación dun romance de Agustina Bessa-Luis, e dende entón cada visita anual ao Indielisboa ten para min entre outros moitos alicientes o do reencontro cun mestre cuxa actitude admiro aínda máis que a súa obra.

Hai uns meses Botelho deu a coñecer a súa nova longametraxe, Filme do Desassossego. El e o seu produtor, Alexandre Oliveira, acordaron lanzar a película dunha maneira singular: renunciaron a exhibila en salas comerciais e optaron por presentala en teatros, levando se for preciso un proxector dixital para por o cinema en espazos onde nunca estivera presente. Fixeron de cada proxección un acontecemento e a aposta resultou un éxito: levan 27 mil billetes vendidos en tan só 130 sesións, o cal deixa unha media de máis de douscentos espectadores por pase. Por máis que o contexto galego non sexa comparábel, non deixa de ser un exemplo a ter en conta.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 13 de maio

sábado, 7 de maio de 2011

Amores de ida e volta

A principios dos anos 90, logo dunha década adocenada e conformista, xurde no cine español un grupo de cineastas mozos que terán unha inmediata consagración. Marcados pola destreza formal, sinais de autoría e, nalgún caso, proveito de elementos populares, comezan a sobresair as figuras de Recha, Alex de la Iglesia, Juanma Bajo Ulloa, Bollaín, Calparsoro, Coixet, logo Aménabar, Segura ou Fesser.

Entre eles, Julio Medem (San Sebastián, 1958), coa súa persoal metafísica aplicada a historias de amor, aparece como o máis talentoso e sensible. Os galardóns e éxitos de crítica dos seus primeiros filmes, Vacas (1992), Goya ao mellor director novel; La ardilla roja (1993), presente na Quincena de Realizadores de Cannes ou Tierra (1996), competindo pola Palma de Ouro, fan del un director estimado, un autor con habilidade visual capaz de lidiar con relatos (e personaxes) complexos, vertebrando manexo do azar, desdobramentos e grandes temas.

Sumido desde Lucía y el sexo (2001) nunha exploración creativa desconcertante, perdido o sentido da anticipación –convertido no amigo que nos resistimos a que nos abandone, pero que realmente xa non está– Medem vese envolto na polémica de La pelota vasca (2003) e o escarnio de Caótica Ana (2007).

O libro de Zigor Etxebeste fai unha reivindicación do seu estilo sen alcanzar a loubanza desmesurada, asumindo a situación actual do seu cine, agardando tamén unha resposta ou madurez definitiva. Cheo de datos útiles, ben documentado, bótase en falta unha maior profundidade narrativa e visual en detrimento da opción tomada, unha análise máis estritamente discursiva, filosófica e temática da obra de Medem. Para os curiosos, Cameo edita éste mes o DVD da súa última película, Habitación en Roma.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 7 de maio de 2011

venres, 6 de maio de 2011

Indielisboa 2011

Alvorada Vermelha
Coa proxección de Carlos (Olivier Assayas) e Les amours imaginaires (Xavier Dolan) deu comezo onte a oitava edición do Indielisboa, que reservou tamén para a apertura do certame un vello coñecido dos lectores de Xornal, Todos vós sodes capitáns. A tardía Semana Santa de 2011 provocou o adiamento do festival, que desta volta se solapa con Cannes; o Indie acusa ademais os efectos da crise e anuncia unha programación menos densa do habitual, sen que iso supoña unha rebaixa do nivel de esixencia. Antes polo contrario, a aposta revélase especialmente valente ao lle dedicar unha retrospectiva ao mestre brasileiro Júlio Bressane, cineasta singular con máis de corenta anos de carreira que coñeceu un certo revival nos últimos anos coa exhibición na Mostra de Venecia dos seus filmes Cleópatra e A erva do rato.

Fóra da selección de títulos que compoñen a sección competitiva e as paralelas, onde poderemos ver traballos de Errol Morris (Tabloid), Abel Ferrara (Mulberry St) ou Martin Scorsese (A letter to Elia), o principal valor do Indie é o de difundir a obra de autores portugueses. Das longametraxes nacionais destacan Viagem a Portugal, debut na ficción de Sérgio Tréfaut; Linha vermelha de José Filipe Costa, que revisa o filme de Thomas Harlan Torre Bela sobre a ocupación da herdade homónima no centro do país; e Swans de Hugo Vieira da Silva.

Entre as curtas, Alvorada vermelha de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata; Liberdade de Gabriel Abrantes, triunfador o verán pasado en Locarno; e unha sesión especial coa presentación da serie É na Terra não é na Lua de Gonçalo Tocha, que nos marabillou co espléndido Balaou.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 6 de maio