Ocaña, retrat intermitent |
Narración intimista sobre unha personaxe extrovertida, libertaria e nada compracente coa estrutura emanada da España franquista, Pons debutaba no cine logo de dez anos como director teatral construindo o filme a partires de actuacións, imaxes de época e o epicentro das longas conversas mantidas con Ocaña.
As confesións descarnadas deste sobre cuestións como relixión, política, represión policial, mundo rural, sexualidade, desinhibición ou muller, facilitan un relato seductor que bucea con autenticidade no universo do suxeito filmado fundindo idiosincrasia e contradiccións, un hábil entrelazamento de subversión de tótems sociais e retrato de época que non elude a dimensión persoal de Ocaña.
Esa curiosa evocación/vindicación dun mundo de arte, lumpen, bohemia e contracultura permite que o filme pronto se convertise en obxecto de culto –como certifican as críticas entón escritas por Fernando Trueba, José Luis Guarner ou Terenci Moix-, visitando as salas preto de 100.000 espectadores e participando en 1978 na primeira edición da prestixiosa sección do Festival de Cannes “Un certain regard”.
Inmersa na eloxiosa pluralidade da época, non resulta ocioso observar o seu parentesco con outros títulos -El desencanto, Mientras el cuerpo aguante, Función de noche, El asesino de Pedralbes,…- que desintegraban a percepción tradicional do espectador.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 10 de xuño de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario