sábado, 14 de maio de 2011

Espasmos interactivos

Con Heart of gold (2006), tributo a Neil Young, recuperamos o seu valioso director, Jonathan Demme. De singular traxectoria, recoñecida co éxito de El silencio de los corderos (1991) –anos nos que realiza Algo salvaje, Casada con todos e Philadelphia–, tanto os seus inicios co pai da serie B, Roger Corman como a comedia sobre o legado de Howard Hughes, Melvin and Howard (1980) e o audaz thriller El eslabón del Niágara (1979) fanlle aparecer nos oitenta como autor prometedor, parte da vangarda posmoderna, un independente na liña de MacBride, Lee, Seidelman ou Sayles.

A homenaxe a Young lembra o seu documento musical Stop making sense (1984), esplendor do filme-concerto, mostra da performatividade de David Byrne –mestre de ceremonias– e da brillantez dos Talking Heads (Byrne, Chris Frantz, Tina Weymouth, Jerry Harrison). Disco en vivo filmado no Teatro Pantages (Hollywood), peza de culto –con estrea española en 1987–, formúlase como un vibrante trip de posta en escea milimétrica e elegante, no que a subversión do espazo restrinxido do escenario, o cruce de intimismo e exaltación e a perfecta correspondencia rítmica música-imaxe crean unha asombrosa continuidade.

Filme locuaz e exploratorio, filtra a dimensión simbólica dun tempo complexo (era Reagan) onde os antigos teloneiros dos Ramones, logo apadrinados por Brian Eno, fan do seu art rock elemento transmisor. Nun momento de convivencia e pugna (post punk, new wave, música disco, funky, hardcore,…), a interrelación con The Residents, Blondie, Richard Hell ou –doutras latitudes– INXS e Happy Mondays, explica a fusión de enerxía pura, autoconsciencia, minimalismo e catálogo de emocións ofrecido. Para a memoria as interpretacións de Psycho killer, Heaven, Once in a Lifetime ou Burning Down the House.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 14 de maio de 2011

1 comentario:

  1. Buenos días! Quiero comprar su libro ensayo sobre Semprún y no encuentro ninguna librería que lo venda. Podría decirme algo a osselin@gmail.com?

    ResponderEliminar