Coñecín a Domènec Font (Pons, Lleida, 1950-Barcelona, 2011) en 2003 como docente dun curso (CGAI) no que analizaba as pegadas da modernidade, unha das súas especialidades. Entusiasta e lúcido, simpático e arrollador, deslumbraba polo seu discurso e coñecementos. Por fortuna, coincidiríamos varias veces, a última no seminario da Fundación Seoane sobre Antonioni, cineasta ao que dedicara un excelente estudo. A pesar da enfermidade, mantiña a condición de heroe novelesco, de ser invencible. Condenado a destacar en calquera ámbito da profesión, foi consecutivamente precoz crítico, brillante historiador e teórico, subversivo director e guionista, atípico profesor, audaz xestor cultural, cabeza visible dunha mostra (2005-2008), o MICEC, última tentativa válida ata hoxe por consignar un cine europeo de calidade con participación de luxo, de Sokurov a Kaurismaki.
O libro El cine bajo el cadalso (1974), coescrito con Román Gubern, relataba a censura da dictadura. Del azul al verde. El cine español durante el franquismo (1976) confirmaba radicalismo e disección do cine como aparato de poder susceptible de rupturas. Envolto nas aventuras político-fílmicas da transición, na procura de estímulos e a formación dunha arte de resistencia, Font pasa por experiencias colectivas, publicacións –Triunfo, El Viejo Topo, Macho, La mirada...– ou filmes, a réplica catalá –Objetivo: sexo (1981), filme “S” desaparecido que, incansable, seguía tentando recuperar– á madrileña Cuentos eróticos. Guionista para a serie de Aristarain Pepe Carvalho, a súa gran contribución como realizador sería a serie documental La memoria fértil (1984-1990), axuste de contas coa historia oculta da cultura española e reivindicación de tantos nomes, proceso que o levou a rastrexar as figuras de Castelao e Seoane. Embarcado desde os 90 na docencia, abandonando TVE, chega a catedrático na Pompeu Fabra. Entre logros e proxectos que non puideron ser, un libro inesquecible, La última mirada: testamentos fílmicos, (2000, reeditado en 2007), síntese de preocupacións, mostra de confesións de grandes cineastas, viña certificar unha trama vital, unha disposición comprometida, a proba definitiva da loita contra o tempo. Toda despedida, parafraseando verbas súas, é tamén unha decisión moral.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 24 de maio de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario