Amosando publicacións coa etiqueta João Botelho. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta João Botelho. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de maio de 2011

O caso do Filme do Desassossego

Só un filme de João Botelho chegou a ter estrea en España: Tempos difíceis, versión do clásico de Dickens gañador en 1988 do premio FIPRESCI na Mostra de Venecia. Ao festival italiano regresaría outras tres veces, con Tráfico, Quem es Tú? e O fatalista; tamén pasou por Cannes, cuxa Quincena de Realizadores acolleu a presentación de Três Palmeiras e da excéntrica comedia A Mulher que Acreditava ser Presidente dos Estados Unidos da América.

Aos 62 anos –fíxoos antonte– Botelho mantén intacto o prestixio crítico e exhibe unha abraiante enerxía e vitalidade; conversar con el implica caer irremediabelmente seducido pola exquisita combinación de intelixencia, cinefilia e humor do seu discurso. Tiven o pracer de coñecelo no mes de abril do ano 2009, uns meses despois da estrea d’A Corte do Norte, gozosa adaptación dun romance de Agustina Bessa-Luis, e dende entón cada visita anual ao Indielisboa ten para min entre outros moitos alicientes o do reencontro cun mestre cuxa actitude admiro aínda máis que a súa obra.

Hai uns meses Botelho deu a coñecer a súa nova longametraxe, Filme do Desassossego. El e o seu produtor, Alexandre Oliveira, acordaron lanzar a película dunha maneira singular: renunciaron a exhibila en salas comerciais e optaron por presentala en teatros, levando se for preciso un proxector dixital para por o cinema en espazos onde nunca estivera presente. Fixeron de cada proxección un acontecemento e a aposta resultou un éxito: levan 27 mil billetes vendidos en tan só 130 sesións, o cal deixa unha media de máis de douscentos espectadores por pase. Por máis que o contexto galego non sexa comparábel, non deixa de ser un exemplo a ter en conta.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 13 de maio

sábado, 13 de xuño de 2009

Disidencia

“Resistencia non, disidencia. Se resistes perdes”. Díxomo unha noite de abril en Lisboa o director João Botelho, un fenómeno, seis décadas de vitalidade e humor cunha cabeza sempre fervendo a cachón. Reproducía as palabras que el lle escoitara anos atrás a Jean-Marie Straub, o cineasta fordiano e marxista que na compaña da súa dona Danièle Huillet trazou un dos camiños máis singulares e rigorosos do cinema europeo (se non coñecen Sicilia! fagan por vela xa). “Non hai que estar enfronte”, engadía Botelho, “hai que estar a un lado”. Levo mes e medio dándolle voltas a estas frases, que me parecen un bo compás para guiarse nos tempos que corren.

Non se trata de deixar de esixir o que é xusto nin de renunciar á crítica razoada e consciente, exercicios básicos de cidadanía, senón de entender que agora non chega con berrar e laiarse. Que é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir. Hai espazos e medios alternativos onde poñer en práctica o inconformismo, onde producir e difundir cultura á marxe da oficial, a que sexa, procurando recursos noutras canles, que algunhas hai, ou pola vía libertaria e valente da autoxestión. Aí é onde entra o concepto esencial da disidencia, unha actitude independente desde a cal non hai maneira de facer Lawrence of Arabia, mais si Operai, contadini se posúes o talento preciso. Internet xoga ao noso favor: supera a separación física e as distancias e permítenos comunicar e compartir datos de maneira sinxela, e ademais facilita o descubrimento doutras voces e a contaminación mutua, circunstancias imprescindíbeis para o progreso. Internet é un territorio idóneo para a disidencia, mais non é o único. O caso é organizarse para crear e para disentir. Disentir sen desistir, porque hai cousas demasiado importantes como para deixalas só en mans dos políticos.

Martin Pawley. Publicado o sábado 13 de xuño no suplemento Nós de Xornal de Galicia