Segundo pasa o tempo o apelido Marx adquire connotacións de lenda. Dous termos, xenial e clarividente, acompañan aos nosos devanceiros –tanto os irmáns reis da comedia como o pensador Karl-, dada a curiosa simbiose entre o potencial do seu ideario e a súa propia pervivencia ata os nosos días.
A edición (Seix Barral) das memorias de Harpo -Arthur Adolph- Marx, o irmán mudo (Nova Iorque, 1888-Los Angeles, 1964), é unha grata sorpresa. Primeiro, porque Harpo falou pouco, de feito só o fixo ao final da súa vida, tanto na despedida oficial dos escenarios –base da súa arte poética, cómica e musical- como neste poderoso libro de recordos estruturado por orde cronolóxica e publicado en 1961, elaborado co escritor Rowland Barber. Segundo, porque o ton e actitude adoptados ofrecen unha tenra, amena e reveladora lectura, que contribúe a explicar as orixes humildes ou a composición da saga familiar, incluíndo unha nai, Minnie, decidida mentora da súa carreira.
Os Marx alcanzan o éxito cinematográfico –con pezas épicas de comicidade arrasadora e corrosiva como Animal crackers (1930), Sopa de ganso (1933) ou Una noche en la ópera (1935)-, cando levan 25 anos no teatro; nos inicios, un periplo itinerante por Estados Unidos, o vodevil ínfimo mesturando con progresiva sapiencia o musical e o cómico, logo Broadway. O relato de Harpo deixa constancia deste proceso de ascensión mentres descrebe a súa aprendizaxe. Así, deixa a escola aos 8 anos e acaba de tertuliano no mítico Algonquin; viaxa a Moscú nos anos 30 en misión diplomática e posúe talento musical; ten infinidade de traballos –resístese ao espectáculo- e admira aos seus irmáns. O anecdotario emblemático e divertido e a capacidade de conmoción resumen con acerto a narración.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 21 de maio de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario