Coa súa primeira longametraxe,
Policía en Israel (
Ha-shoter, 2011),
obtivo o premio especial do xurado no Festival de Locarno. Coa segunda,
A profesora de parvulario (
Haganenet, 2014), cun neno poeta de ficción
que se inspira na súa propia infancia, converteuse nunha das sensacións
de Cannes despois da súa estrea na paralela Semana da Crítica. A
terceira,
Sinónimos (
Synonymes, 2019), púxoo na primeira división do
cinema mundial, na competencia do Festival de Berlín, de onde saíu co
máximo premio como recompensa, o Oso de Ouro. En Israel foi aplaudido
como un triunfo épico, un deses que merecen interromper a programación
das televisións para dar conta da noticia. Mais a retranca implícita do
filme non casa nada ben cun irreflexivo orgullo nacional.
En
Sinónimos Nadav Lapid volve a valerse da súa propia experiencia persoal
como punto de partida. Logo de facer o servizo militar obrigatorio,
comezou estudos de filosofía na universidade en Tel Aviv ao tempo que
traballaba como xornalista deportivo no semanario israelí Ha’ir, ás
ordes de
Ari Folman, logo celebrado director (
Valse con Bashir,
O
congreso). Os seus intereses estaban nesa altura enfocados cara á
literatura; escribiu novelas, unha das cales mesmo foi traducida ao
francés e editada co título
Danse encore. Mais todo mudou no ano 2000,
cando Nadav decidiu marchar de Israel. Escolleu París como destino, case
ao chou, e a través dun amigo empezou a interesarse polo cinema como
espectador. Descobre a obra de Abbas Kiarostami, Tsai Ming-Liang,
Jean-Luc Godard. Cando finalmente regresa a Israel, matricúlase na
escola de cinematografía Sam Spiegel de Xerusalén; o seu proxecto de fin
de estudos,
A namorada de Emile (
Ha-Chavera Shell Emile, 2006), foi
seleccionado pola Cinefondation de Cannes. O camiño do cinema xa non
tiña entón volta atrás.
O protagonista de
Sinónimos, Yoav,
experimenta unha vivencia semellante, só que máis extrema. Chega a París
coa mesma vontade de ruptura total coas súas orixes, a todos os niveis,
nacional, familiar e lingüístico; na sinopse da Berlinale dicíase
explicitamente que para o personaxe “ser israelí é como un tumor que
debe ser extirpado con cirurxía”. O filme abre con el camiñando polas
rúas da cidade; entra nun edificio e logo nun apartamento (baleiro),
quita a roupa, dúchase e ao saír do baño constata que lle roubaron a
mochila. Non lle queda nada, está totalmente espido: a desexada ruptura
convértese, por necesidade, nun xenuíno “empezar de cero”.
Yoav
atopará ao cabo dunhas horas a solidariedade dunha parella francesa, coa
que se enreda nunha relación que combina amizade, admiración e sexo. E
ao longo da metraxe irá constatando as contradicións inherentes á súa
renuncia: querendo escapar dunha sociedade que confunde o nacionalismo
coa crueldade bate con outra non precisamente libre de chauvinismos.
Unha vez máis, hai que aceptar a complexidade das cousas. Os problemas
non se resolven ignorándoos e para ser cidadán do mundo hai que empezar
por selo dalgún sitio. Cun protagonista portentoso, o debutante Tom
Mercier,
Sinónimos é unha extraordinaria e ademais moi saudábel comedia
arredor dos excesos patrióticos, a inxenuidade política e os sinais de
identidade. Unha comedia afiada e reveladora, mais tamén comprensiva coa
humanidade e os seus desacertos.
A valiosa e coidada
programación do
Indielisboa, festival internacional de cinema sempre
atento aos artistas emerxentes de todo o planeta, tivo desta volta na
preestrea do filme e na presenza do seu director, Nadav Lapid, un dos
pratos fortes. Conversamos con Nadav despois da proxección de
encerramento, na que foi unha xenuína “entrevista ambulante” entre Campo
Pequeno e Graça (e cun excepcional director de fotografía,
Rui Poças,
como inesperado condutor).
Antes de nada, debo dicirche que adorei o filme, gostei moito. Penso
que a súa primeira secuencia marca ben o ton, sobre todo pola presenza
física do actor, Tom Mercier. É impresionante. Por momentos até me fixo
pensar en Jacques Tati ou Pierre Étaix, nese sentido do humor físico.
Sempre está facendo algo co seu corpo.
Isto que vou dicir sei que
pode parecer un pouco vulgar, mais como é certo, vouno dicir igual.
Recordo que houbo un momento en que me dei conta de que non sabía que
pinta tiña Tom espido, e a fin de contas iso era algo importante para o
filme. Eu e o director de fotografía estabamos ansiosos o primeiro día
de rodaxe e a primeira vez que o vimos dixemos “vale, está ben”. Sinto
que a súa presenza física, o seu corpo, cambia por completo o espazo no
que el está. Sitúalo no medio dun apartamento baleiro en París e de
súpeto ese espazo cambia e el está nunha sorte de conflito co espazo.
Iso é interesante, porque con tal presenza física, mesmo cando el fala
en francés non parece ser o mesmo idioma, o mesmo francés. Si, claro,
está dicindo unhas palabras, mais esas palabras saen dunha boca e esa
boca forma parte dun corpo, e o corpo está dicindo outras cousas. Foi
xenial, porque ti podías dirixilo para que falase dunha certa maneira,
mais sabías que o resultado ía ser outro, debido a esa fisicidade súa.
Non
é só como se move e como xesticula, senón tamén o rostro. Escoiteiche
dicir que Tom foi bailarín, e pensei niso durante o filme, porque o
xeito no que se move é totalmente asombroso, hai un dominio total na
maneira en que emprega o seu corpo, mais tamén a súa voz.
Recordo por
exemplo a súa primeira proba. É un tipo estraño; moi bo, mais velo
chegar e está moi serio, súper concentrado no que está facendo. Moitos
actores polo usual intentan parecer simpáticos, mais iso a el non lle
preocupa, está absolutamente concentrado. E entón vai o director da
proba de selección e dille “veña, catívanos, sedúcenos”. Estabamos nunha
especie de vello estudio, había unha cortina, Tom meteuse detrás dela e
atopou, non sei nin como, unha figura que parecía de debuxos animados
mais cun buraco na cara, e cando saíu comezou a entretela, a tocala...
No filme, el é o estranxeiro e é como se tivese que estar todo o tempo
divertindo os locais, e por iso non pode estar moito tempo no mesmo
nivel, no mesmo ton. Pásalle un pouco como ao director cos espectadores,
sempre está o perigo de que se distraian e miren o teléfono, así que
todo o tempo tes que intentar sorprendelos. Con el pasa algo así. Hai
nel unha vibración especial, tamén na súa voz. Tom di unha frase e canta
as palabras, non se limita simplemente a dicilas.
Paréceme que
Yoav ten moito que ver con Nira, a protagonista d’A profesora do
parvulario. Os dous personaxes son moi diferentes por moitas razóns,
claro, mais os dous son ao mesmo tempo seres fascinantes e inquietantes,
podes amalos e odialos en todo momento por igual. Yoav como Nira é moi
“sexy” en pantalla. E en certo sentido os dous son estranxeiros, Nira é
“estranxeira na súa patria”, Yoav tamén no seu país e logo en Francia.
Si,
si, e os dous están tamén nunha sorte de guerra contra si mesmos. Dunha
banda, eles ven mellor que os demais, porque o que para os outros é a
realidade, o normal, eles o identifican como un desastre. Mais doutra
banda os dous están cegos, porque non ven que eles tamén forman parte
diso contra o que loitan. Por iso están condenados a perder, en certo
sentido.
Todos os teus filmes falan da identidade, en diferentes
sentidos. A identidade nacional, por suposto, mais non só. Tamén a
identidade de xénero, a visión da masculinidade e da feminidade, está
moi presente. No caso de Yoav e o amigo francés, Émile (o actor Quentin
Dolmaire), hai sempre certa “tensión sexual” entre os dous, sempre que
os ves xuntos no mesmo plano tes a sensación de que acabarán...
Bicándose,
si, bicándose. Alguén me dixo que quizais Yoav debería contarlle as
historias á rapaza (Caroline, a actriz Louise Chevillotte) e deitarse co
mozo e non ao revés. Pode ser! Dalgún xeito todos os filmes xogan coas
definicións e as fronteiras. En
Sinónimos está ese momento na embaixada
no que Yoav berra que “non hai fronteiras”, case como se fose John
Lennon en “Imagine”. E están esas persoas de seguridade, o modo en que
se abrazan... hai algo homosexual niso. Mais é unha tenra
homosexualidade, tan tenra que non serían capaces de bicarse.
Cando escoitan música xuntos, esa é unha verdadeira escena de sexo sen sexo.
Si,
é totalmente unha escena de amor. O amor é como ter un segredo
compartido coa outra persoa. É o que pasa nesa escena: eles escoitan a
mesma música, mais non os demais, incluíndonos a nós. Mirámolos mais non
podemos oír o que escoitan porque levan postos auriculares, e só cando
se interrompe esta intimidade é que eles expresan o seu amor, coa
música.
O humor é moi importante neste filme, e xa no anterior, a
mediometraxe Do diario dun fotógrafo de casamentos. Mais todo ese humor
está no guión ou vén máis da rodaxe, do traballo cos actores? Porque é
un humor a miúdo moi físico. Intentaches facer unha comedia, unha
traxedia ou as dúas cousas?
No Festival de Berlín cando lin as
críticas atopei polo menos dez definicións distintas do filme
completamente diferentes: “comedia existencial”, “traxedia política”,
“drama político”, “comedia da identidade”...
Un amigo meu, Jaime Pena, di que Pedro Almodóvar escribe comedias e filma melodramas.
É
unha boa definición. Nos meus filmes hai un tipo de humor baseado na
idea de que ti pensas que algo é divertido, eu tamén penso que é
divertido, mais o filme non pensa que iso sexa divertido. A clave está
nesa distancia. Por exemplo, a escena na que os dous tipos están
pelexándose na mesa. Cando facíamos a mestura estabamos rindo todo o
tempo, mais despois de todo quizais non teña ningunha graza. É como
cando alguén di algo e ti escachas de risa, pensando que é un chiste
estupendo, e miras para el e reparas en que está completamente serio.
Hai algo dese humor na película. E tamén está o que dis do humor físico,
mais realmente Tom Mercier é como ver unha estatua grega en movemento,
non podes non prestar atención.
Nesa escena da pelexa, todo o humor vén del, do seu rostro.
Si, si. Cando salva a lámpada, iso é divertido, si.
Émile,
o mozo francés ten algo en común con Nira, que é que quere ser escritor
mais non é realmente capaz. As historias están aí fóra, mais el non é
capaz de facelas súas.
É a traxedia da xente que quere demasiado,
quizais. El quere tanto que as historias lle escapan. É unha relación de
atracción e rexeitamento: el está atraído polas palabras, mais as
palabras non lle corresponden. Si, é así.
A parella francesa é case unha parodia dunha parella francesa de película. Mais está no punto xusto, non chega a ser grotesco.
Si,
por exemplo na relación con Yoav. Dunha banda podes dicir que eles o
usan e que el tamén os usa a eles. Eles danlle cartos, comida e roupa, e
el dálles historias e sexo. Mais por outra parte hai tamén unha
verdadeira fascinación mutua, son todos da mesma xeración, da mesma
idade, e de súpeto descobren que aman a mesma música e están fascinados
polas mesmas cousas. Son moi diferentes, mais teñen moito en común. Hai
algo de cinismo, mais tamén de inocencia. É unha parodia, mais tamén é
drama.
Comparado cos teus filmes anteriores o aspecto estético é distinto, máis nervioso, vibrante, violento en certo sentido.
Sinto
que o filme mo pediu. Sentino con moita forza tamén na mestura de son,
que é moi particular, nada clásica, mais cando vexo o filme teño a
sensación de que era o único xeito de facelo. E foi igual na rodaxe. Hai
escenas que son moi vibrantes e outras moi estáticas, moi planificadas.
Os personaxes están loitando co que senten, co sentimento do outro. E
ás veces a cámara toma parte activa dentro da escena e outras goza
observando desde a distancia.
Escribiches o guión co teu pai, Haim Lapid.
Foi
unha experiencia boa porque eu estaba tan perto dos feitos narrados que
el achegou a capacidade de miralo desde fóra, de velo todo como un
proceso artístico e non como unha autoficción.
Escribirás con el o próximo filme?
Para o próximo filme escribín o guión eu só, mais el exerceu como unha especie de consultor.
Martin Pawley. Entrevista publicada no número 348 do semanario Sermos Galiza, que apareceu nas tendas o 30 de maio de 2019. Outras anotacións sobre Nadav Lapid en Acto de Primavera: Unha conversa con Nadav Lapid (febreiro de 2019), Aceptar a complexidade. O cinema de Nadav Lapid (xullo de 2018), Imágenes de amor: Entrevista a Nadav Lapid (abril de 2015), A 10000 km do BAFICI: Lama? (marzo de 2015)