Cando xa estaba todo o peixe vendido e coa certeza de que a moderación non produce portadas, o danés Lars von Trier, que deixou de parecerme interesante o século pasado, pronunciou en rolda de prensa a frase que fai del o protagonista de Cannes 2011: I understand Hitler. “Eu”, dixo, “realmente quería ser xudeu, mais logo descubrín que era nazi porque a miña familia é alemá, feito que me produciu pracer”; e a seguir ese Eu entendo a Hitler mentres xiraba a cabeza cara a súa actriz Kirsten Dunst.
A noiva de Spiderman debía estar desexando que, coma no filme que presentaban, un planeta errante batera nese intre contra a Terra para poñer abrupto peche ao encontro cos xornalistas, mais non sucedeu tal e o director seguiu soltando perlas: “Penso que fixo algunhas cousas malas, por suposto, mais podo imaxinalo sentado no búnker, ao final”. Que comprensivo! As some wrong things das que fala deben ser os non menos de once millóns de asasinatos que as estimacións máis xenerosas lle atribúen ao Holocausto nazi, por exemplo. Invadir un país e provocar unha guerra debe entrar tamén na categoría de cousas malas, igual que perseguir xente por causa da súa relixión, orixe étnica ou identidade sexual.
Horas despois o cineasta afirmou ter caído “nunha provocación” e con calculada hipocrisía pediu desculpas polas súas palabras, aceptadas de inmediato polos organizadores do certame que expresaran xa a súa conmoción. Todo podía ter rematado aí, mais onte o Comité de Dirección do Festival reuniuse de urxencia para declarar a Lars von Trier persoa non grata no festival, “con efectos inmediatos”. Pregúntome se como castigo lle retirarán o acceso á barra libre de champán no Palais.
Martin Pawley. Publicado o venres 20 de maio en Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario