La gata sobre el tejado de zinc / Cat on a Hot Tin Roof |
O óbito de alguén tan inmensamente popular como a actriz Elizabeth Taylor, máis alá da súa traxectoria fóra da pantalla, permitenos lembrar, por enriba de todo, a magnitude do seu talento como intérprete. Moitos enfatizarán os seus matrimonios, a feble saúde, os premios, a disposición filantrópica, o fondo sentido da amizade, porén Taylor foi unha estrela desde moza capaz de evolucionar e amosar un repertorio matizado, complexo, que venceu limitacións, excesos e unha carreira –desde finais dos anos 60– carente de ambición e relevancia artística.
O proceso resulta proveitoso, moldeado a través de títulos célebres. A moza grácil de Un lugar en el sol (1951) transformouse na actriz sólida de La gata sobre el tejado de zinc (1958). E esta atopou un punto de inflexión, o desafío –con Katharine Hepburn– de De repente, el último verano (1959), turbadora incursión no tabú dirixida polo sutil Mankiewicz onde Taylor tiña intres estremecedores. Esta emotividade deslumbrante desataríase definitivamente. O laborioso esforzo de Cleopatra (1963) deriva en dúas interpretacións emblemáticas, ¿Quién teme a Virginia Woolf? (1966) e La mujer indomable (1967), retratos da autenticidade torrencial, os desvaríos de comportamento, os asomos da vulgaridade artellados en nós. Permanecerá.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 24 de marzo de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario