Peter Bogdanovich (Nova York, 1939) forma parte do Novo Hollywood, a xeración de creadores que nos anos 60 e 70 revoluciona o cine estadounidense. Como Friedkin, De Palma, Coppola e Cimino, chega arrasando e remata eclipsado. Precedido de sona como crítico, dono de magníficas entrevistas e ensaios sobre Hawks, Ford e Welles, Bogdanovich é o cineasta máis clásico –e cinéfilo– de todos eles.
Convertido en director de éxito coa brillante La última película (1971), logo das estimables comedias ¿Qué me pasa, doctor? (1972) e Luna de papel (1973), a soberbia e os reveses persoais malogran a súa carreira; o cine de intelixente erudición exposto só ten pegadas intermitentes en Saint Jack (1979), Todos rieron (1981) ou ¡Qué ruina de función! (1991). O seu útimo traballo, un documental musical de catro horas de duración dedicado a Tom Petty and the Heartbreakers, Runnin’ down a dream, gañador do Grammy, vén a redimilo dunha etapa de adocenamento televisivo.
Bogdanovich aproveita a afinidade existente con Petty –do que descoñecía case todo– para establecer un recorrido cronolóxico de 30 anos sobre a banda formulado como un relato de ficción que acolle unha exuberante selección de metraxe histórica: imaxes caseiras, filmes, xiras, actuacións propias e alleas, clips, gravacións. A habilidade concienciuda do autor para a entrevista e o manexo da coralidade magnifican un traballo de ritmo fluído, pasmosamente infatigable, que enlaza coa súa preocupación por contar a historia de América. A edición, coidadísima, adxunta un concerto conmemorativo na cidade natal de Petty, Gainesville, e un CD de rarezas obra da rigurosa e elegante formación de rock & roll xurdida en 1976.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 21 de marzo de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario