Partícipes dun momento histórico tan atractivo como incerto que, non obstante, inspira menos reflexións das agardadas, o ámbito cinematográfico posúe un texto referencial. E precisamente vén de publicarse a tradución en España, no catálogo de Errata Naturae. A obra de culto –anticipatoria en tantos aspectos– Movie Mutations: The Changing Face of World Cinephilia (2003), iniciada en 1997 a modo de miscelánea lindante coa socioloxía cultural, funciona como unha firme aproximación á cinefilia –a súa reformulación– que axuda a reescribir a historia do cine.
A escenificación das mutacións –tecnolóxicas, económicas, narrativas– sucedidas no conglomerado audiovisual a partires dos anos 70-80, fronte ás teorías apocalípticas, establécese con agudeza neste libro, coordinado por dúas figuras esenciais da crítica, Jonathan Rosenbaum e Adrian Martin. Orixinado no intercambio epistolar múltiple facilitado polo primeiro –ao que se suma a conxunción de sensatez e creatividade de Raymond Bellour, Nicole Brenez, Kent Jones, Mark Peranson ou Quintín– o ensaio constrúese sobre unha estrutura que crece en paralelo ao material que emprega –crónicas, entrevistas, artigos, diálogos culturais revertidos– e a época que vive.
O eclecticismo desenvolvido, a vindicación con formas populares, o cine dos corpos, os novos modos de consumo trazados, unha rede felizmente intuída nas súas opcións de transmisión, a revisión das lecturas oficiais historiográficas –os cines periféricos; o lugar dos xéneros; a aparente dualidade local-global…– somerxen o lector nos debates e retos acuciantes, influíndo na mudanza de percepción, forma de escritura e análise fílmico. Un notable acerto da súa editorial prologado polo cineasta Pere Portabella.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 26 de marzo de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario