Mañá coñeceremos o gañador do Étalon de Yennenga, o premio do máis importante festival de cinema africano, o FESPACO, mais a noticia non sairá publicada nos xornais españois. Entra no terreo da utopía que o que suceda en Uagadugu poida merecer uns centímetros cadrados de papel prensa, nin sequera na especializada. Da produción fílmica dese continente apenas temos información, así que son unha morea as persoas incapaces de citar nin unha soa película feita ao sur do Sahara. O paso de filmes da África negra polos grandes festivais non sempre favorece a súa visibilidade: non deixa de ser significativo que o único Oso de Ouro da Berlinale que non tivo distribución en España nos últimos quince anos sexa a surafricana U-Carmen eKhayelitsha, versión en lingua xhosa da ópera de Mérimée. O chadiano Mahamat Saleh-Haroun e o etíope Haile Gerima saben o que é estar no palmarés da Mostra de Venecia, e os malinenses Abderrahmane Sissako e Souleymane Cisse son nomes habituais en Cannes, mais a súa obra segue a ser pouco ou nada coñecida mesmo entre os afeccionados máis atentos do país, nuns casos froito da dificultade para acceder aos seus traballos, e noutros por puro desinterese.
O caso é que todos eles son grandes directores en activo, e ninguén que pretenda estar ao día do que é hoxe o cinema e as súas mutacións debería ignorar a súa existencia. Á marxe da divulgación que neste campo poden facer os festivais e filmotecas –e para a maioría esta é unha materia pendente– os espectadores temos agora ferramentas que nos permiten ir enchendo ocos pola nosa conta. Faranos moito ben a todos: é un consello de alguén que ten a Ousmane Sembene como un dos seus autores de cabeceira.
Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 4 de marzo de 2011.
Actualización: os gañadores das anteriores edicións do FESPACO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario