Gonzalo Suárez (Oviedo, 1934) comeza a súa traxectoria profesional -literaria, cinematográfica, facetas nunca desligadas- nos anos 60. Aparece como precursor entrañable dunha narrativa desmitificadora, áxil, antinaturalista, pop, chea dun humor próximo ao absurdo pouco debedor das tradicións vixentes que se estende desde o xornalismo (mesmo deportivo, como Martín Girard) á escritura, o libro de relatos Trece veces trece (1964), a sátira de espionaxe El roedor de Fortimbrás (1965) ou a metaficción Rocabruno bate a Ditirambo (1966). A finais do decenio, Suárez comeza a dirixir filmes persoais -Ditirambo (1967)- ubicados no ámbito da Escola de Barcelona, cineastas decididos a dinamitar con propostas experimentais o cine mesetario. Os fracasos económicos confinan o creador nos 70 no traballo alimenticio, un cine de procura e aprendizaxe. A partir de Parranda (1977), singular versión d’A esmorga de Blanco Amor, o equilibrio e vigor narrativo visual atopan consistencia. Un libro de relatos, Gorila en Hollywood (1980), devolve o mellor da súa escritura. Desde o filme Epílogo (1984), reencontro con varios dos seus textos literarios, a súa obra resulta sempre renovadora, gratificante, trazada a contracorrente.
Revisor de mitos (Fausto, Don Juan, Prometeo, Jekyll), sucesivos títulos (Remando al viento, 1987; Don Juan en los infiernos, 1991; El detective y la muerte, 1994) convérteno nun cineasta definitivamente orixinal e recoñecido, un hedonista creador de xogos de ficción que, de xeito dinámico integra dobres, identidades, máscaras e espellos, conflitos co instinto que, tal e como dixo Cortázar, amosan “iso que nos rodea acotío, o absurdo do horror”.
Envolto como autor nunha luminosa trinidade -Cervantes, Lewis Carroll, Gómez de la Serna- as súas constantes (autoconsciencia narrativa, non sense, vangarda) aparecen enmarcadas polo omnipresente denominador lúdico e humorístico.
Actor e produtor, colaborador e amigo de Sam Peckinpah, espía futbolístico e negro literario para o seu padrastro Helenio Herrera e o Inter de Milán, libre adaptador fílmico doutros (Goethe, Valle-Inclán, Clarín, Pardo Bazán, Mary Shelley, Molière ou Andersen), a literatura deste heterodoxo xenial creador dun xénero propio, a acción-ficción, recibe desde os inicios laudatios apaixoadas de xentes como Aleixandre, Gimferrer, Jordá, Conte, Eugenio Trias, José Agustín Goytisolo, Aub, Mainer, Cortázar ou Cercas -que soubo dedicarlle unha clarividente tese doctoral-, alcanzando condición de culto. Francotirador frecuentador prematuro da intertextualidade e o paradoxo, posmoderno avanzado que flirtea con estruturas e identidades, crea fantasías xustificables, pugna entre o sinistro e o imaxinativo, recorre á colaxe, fai guiños a un espectador cómplice e saca brillo da mestura de xéneros, Suárez segue activo. Nas súas propias palabras, quizais porque “habendo tantos homes que se ocupan de procurar a verdade, eu me intereso exclusivamente en comprender a mentira”.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 22 de marzo de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario