venres, 25 de marzo de 2011

Mulleres e cinema

A investigadora da Universidade do Sur de California Stacy L. Smith presentou o ano pasado un estudo que revisaba os cen títulos de máis éxito comercial nos Estados Unidos en 2007 para analizar o tratamento dos personaxes segundo o xénero. Dos 4379 personaxes “con frase” que aparecían neses filmes, só o 29,9% eran mulleres. O cinema resultou ser un estraño universo paralelo no que hai 2,3 homes por cada muller.


Algo máis da metade dos personaxes femininos ten entre 21 e 39 anos, e outra quinta parte está por debaixo dos 21. Apenas un 28% supera os 40 anos, mentres que nos masculinos hai un 42% por riba desa idade. As mulleres nas películas tenden a ser bastante máis novas que os homes, mais non queda aí a cousa: as actrices saen na pantalla con moita máis frecuencia que os actores vestindo “roupa sexy” (nun 27% dos casos, fronte ao 4,6% dos actores), exhiben o seu corpo espido de maneira parcial ou total máis a miúdo (o 21,8% das actrices e só un 6,6% dos actores), ou son descritas no guión como fisicamente atractivas (o 18,5% delas fronte ao 5,4% deles) e delgadas (32% e 8,5% respectivamente). O cinema deléitase coa beleza, feito moi de agradecer, mais non o fai en todos os casos por igual e dese xeito contribúe a perpetuar a imaxe da muller como obxecto sexual.

E que acontece detrás das cámaras? Desas cen películas, só tres están dirixidas por mulleres e nelas, curiosamente, a porcentaxe de personaxes femininos medra até un 44,6% ao mesmo tempo que diminúe a superficie de pel ao descuberto. Dito doutro xeito: nas películas creadas por mulleres hai moitas máis oportunidades de traballo (e máis diversas) para as actrices. Saquen conclusións.

Para saber máis: o estudo completo de Stacy L. Smith, Gender Oppression in Cinematic Content? A Look at Females On-Screen & Behind-the-Camera in Top-Grossing 2007 Films (PDF, 165 KB).

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 25 de marzo

Ningún comentario:

Publicar un comentario