É tan tópico como certo: Elizabeth Taylor era o derradeiro símbolo do Hollywood dourado, unha desas figuras cuxo nome e rostro resultaba familiar para a maioría de espectadores, xeración tras xeración. Unha lenda para os que a descubriron na gran pantalla hai máis de sesenta anos, e tamén para os que moito despois nos formamos coma cinéfilos en sesións de tarde e noite na televisión pública, nunha altura en que a súa programación aínda era merecedora de respecto.
O mito Liz Taylor comeza moi cedo, de nena, cun primeiro triunfo persoal en 1944, National velvet, onde brillou a actriz Anne Revere pouco antes de caer en desgraza ao negarse a testificar diante do Comité de Actividades Antiamericanas. O éxito comercial da comedia O pai da noiva inspirou unha secuela, O pai é avó, as dúas dirixidas por Vincente Minnelli. Casaba na pantalla con Don Taylor e na vida real cun millonario con apelido de hotel, Conrad Hilton Jr, no que foi o primeiro dos seus oito matrimonios.
Axiña chegou un clásico imperecedoiro que confirmou o seu innegábel potencial interpretativo, a obra mestra de George Stevens Un lugar no Sol, arrebatadora e desesperada traxedia romántica na que compartiu cartel con Montgomery Clift e Shelley Winters. Un par de clásicos populares –Ivanhoe, Beau Brummel– foron a antesala de Xigante, película con Rock Hudson e James Dean que retrata a transformación dos rancheiros texanos en magnates do petróleo. George Stevens levou un Oscar como director, pero perdeu o de mellor filme ante o produtor d’A volta ao mundo en 80 días, Mike Todd, que casou coa Taylor un mes antes de recoller o premio. Todd morreu en marzo de 1958 nun accidente de avión do que a actriz se librou por mor dun arrefriado. Tardou pouco máis dun ano en atopar novo marido: o cantante Eddie Fisher, que deixou a Debbie Reynolds pola actriz dos ollos violeta para satisfacción e escándalo da prensa rosa.
A súa axitada vida persoal coincidiu cun espléndido momento profesional: optou ao Oscar catro tempadas seguidas e acabou gañándoo pola esquecíbel Unha muller marcada. Dúas desas candidaturas recibiunas por adaptacións de obras de Tennessee Williams que figuran entre os seus papeis máis lembrados: A gata sobre o tellado de cinc de Richard Brooks, onde segundo o escritor Xabier P. DoCampo compuxo xunto a Paul Newman a parella máis fermosa vista nunca nunha sala de cinema; e De súpeto, o último verán, drama desatado dirixido por Mankiewicz e coescrito por Williams e Gore Vidal.
Era xa unha estrela capaz de cobrar un millón de dólares por facer Cleopatra, que aínda hoxe é o filme máis caro da historia unha vez feitos os axustes correspondentes á inflación. Na rodaxe coñeceu a Richard Burton e así iniciaron unha turbulenta relación que inclúe dúas vodas e outra película notábel, Quen teme a Virginia Woolf?, o seu segundo Oscar. Despois diso houbo un filme con John Huston, outro con Joseph Losey e un encontro nostálxico e despistado con George Cukor e Ava Gardner; o resto da súa carreira pouco importa.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o xoves 24 de marzo. Máis información: O mundo despide a Liz Taylor, a derradeira diva de Hollywood + A gata rebelde que ardía sobre os tellados da vida
Ningún comentario:
Publicar un comentario