O colapso do presente é o colapso do pasado (...). Non se dan conta de que a televisión, e quizais o ensino obrigatorio, degradaron a mocidade, converténdoos en esquizoides, apoucados, racistas burgueses de segunda clase, mais consideran isto unha conxuntura desagradábel, que con certeza se resolverá... como se unha mutación antropolóxica fose reversíbel.Pasolini escribía isto o 15 de xuño de 1975, día de eleccións en Italia. Non tiña esperanza ningunha no resultado, que viría demostrar que o seu era “un país despolitizado, un corpo morto cuxos reflexos son puramente mecánicos”, en pleno proceso de “adaptación á súa propia degradación, que pretende evitar só de boca para fóra”. A demoledora Abxuración da triloxía da vida tiña o seu equivalente en imaxes en Saló, un filme cuxa visión aínda hoxe resulta dolorosa e ferinte, o berro final dun xenio asasinado en circunstancias que xamais serán de todo esclarecidas.
Necesitamos a Pasolini máis ca nunca. Por ser un referente moral e ideolóxico, crítico cunha sociedade que deixou de pensar, aparvada pola falsa ledicia do consumismo salvaxe. Pola súa valente oposición á uniformidade e a reivindicación da diversidade cultural e dialectal, que o levou a loitar a prol do friulano, idioma que empregou en varios libros de poesía. Necesitamos o Pasolini polemista e escritor, mais sobre todo necesitamos o cineasta, un dos máis importantes do século XX por máis que a súa carreira fose breve. Cando Pasolini dirixiu a súa primeira obra mestra, Accatone, ía camiño dos corenta anos; pertence ao selecto grupo dos grandes autores tardíos, coma Ousmane Sembene ou Eugène Green. A súa deslumbrante ópera prima deu paso a Mamma Roma, un agasallo xigantesco para unha actriz, Anna Magnani, incómoda cos métodos do director e que malia a iso nunca estivo tan ben.
Marxista, homosexual e ateo, Pasolini fixo o mellor achegamento aos relatos bíblicos da historia do cinema no Evanxeo segundo Mateo, dedicado á “querida, leda e familiar memoria de Xoán XXIII”. Intelectualmente ambiciosa, metafórica e imperfecta, Teorema é unha película de estrutura case matemática que reflicte a transformación de todos os membros dunha familia despois de seren visitados e seducidos por un personaxe misterioso. Axiña chegarían Decamerón, Os contos de Canterbury e As mil e unha noites, glorificación do corpo e o amor e reinvención dun pasado mítico onde tutto è santo, como dicía o centauro en Medea. Polo medio, os seus inspiradores e audaces ensaios fílmicos, La Rabbia, Sopraluoghi in Palestina e os Appunti. Unha verdadeira revelación.
Martin Pawley. Publicado no Contexto do Xornal de Galicia o domingo 6 de marzo, como complemento ao artigo E Nova York era unha guerra de Iago Martínez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario