sábado, 5 de marzo de 2011

Buñuel: as verdades do Camiño

Como non podía ser doutro xeito, o cineasta español Luis Buñuel (1900-1983) conmemoraba á súa maneira o maio do 68 parisiense. A súa contribución xéstase nunha rodaxe que, interrompida fugazmente polas barricadas –escapada de Buñuel a Bruxelas incluída, vítima das súas contradicións–, dá lugar a unha narración de estrada en torno ao Camiño de Santiago. La Vía Láctea (1969) -Universal- narra o periplo de dous vagabundos de idades disímiles que van atopando un repertorio das herexías e misterios posibles presentes na relixión católica.

A riqueza deste Buñuel pasa pola súa fidelidade ao humor e por unha confluencia afortunada de tradicións culturais -españolas: atopamos pegadas visibles da novela picaresca, de Gracián ou dos heterodoxos observados por Menéndez Pelayo-, a práctica de vangarda –nesta etapa final francesa, un intre no que os procedementos surrealistas resultan máis automáticos– e o erudito coñecemento da historia das relixións –todas as situacións baseadas nun material auténtico–, unha tarefa reforzada polo seu colaborador entón máis próximo, o guionista e experto en cultos Jean-Claude Carriere.

Filme de itinerancias, seres doutrinarios, aventuras teolóxicas, vitalismo e encontros quixotescos, episódico e polo tanto tan apaixonante como irregular, aparece rodado entre Belle de jour (1966) e Tristana (1970). Buñuel amosa a subversión que nunca morre, o estado de gracia eterno dun cineasta depredador do solemne –capaz de chorar da risa ao ler os artigos da revista Cahiers– que non traizoa o seu espíritu, fundindo a Jesucristo con Sade e deixando en primeiro plano as obsesións do ser humano, a súa fuxida cara a ningunha parte.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 5 de marzo de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario