A semana pasada o Consello de RTVE rexeitou unha proposta do presidente da corporación, o octoxenario Alberto Oliart, para vender os dereitos do mundial de motociclismo a poucos días de que comece o campionato. A intención de Oliart era adquirir liquidez desfacéndose dunha emisión deportiva pola que pagaron vinte millóns de euros. Sería un bonito detalle de aforro e austeridade se non fose que uns días antes se confirmaba a compra por parte da televisión estatal dos dereitos da Champions League entre 2012 e 2015 pola módica cifra de 35 millóns de euros anuais, 105 en total. Dezaoito partidos de fútbol por tempada, ou o que é o mesmo, case dous millóns por encontro.
Non teño dúbida do éxito de audiencia desas retransmisións; o que me pregunto é que razón hai para obsesionarse pola audiencia nun canal público que se supón debe difundir contidos con valor cultural e promover a creación local. Máis aínda no caso de TVE, tendo en conta que xa non se financia coa publicidade e polo tanto non ten que xustificar elevadas cifras de espectadores para dar satisfaccións aos seus anunciantes.
Non ten ningún sentido que as televisións públicas se comporten igual que as privadas. Non é lóxico que se gasten sumas disparatadas en fabricar series como Águila roja ou Cuéntame, na orde, disque, dos 800.000 euros por capítulo, cando están renunciando a participar na produción de moitísimo cinema español e mesmo negan a compra de filmes a prezo de saldo con escusas que provocan vergoña. A televisión de todos non está para gastar un millón en Piratas do Caribe; está, entre outras cousas, para apoiar o mellor cinema que facemos, ese que tamén triunfa fóra das nosas fronteiras.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 18 de marzo
Ningún comentario:
Publicar un comentario