domingo, 12 de outubro de 2014

Festival de Curtas de Vila do Conde: a consolidación dun modelo a imitar

Lois Patiño e Mário Micaelo
Hugo Ramos figura no catálogo do Curtas de Vila do Conde coma programador e director de produción do festival. Leva traballando no festival dez ou doce anos mais a súa vinculación co Curtas, porén, vén de atrás. De moi atrás. Dende a segunda edición do certame, alá en 1994, cando el tiña apenas quince anos e empezou a colaborar coma voluntario. Máis de dúas décadas participando dun ou doutro xeito no desenvolvemento do Curtas: así é fácil entender o grao de implicación e de entusiasmo, o traballo arreo sen ter nunca un mal xesto. Non só o seu, senón o de todo o equipo do Curtas: é máis ca un festival, é unha referencia transformadora para o cinema portugués e unha iniciativa cultural que proxecta no mundo a propia vila. Algo do que se sentir moi orgulloso. Un orgullo compartido cunha veciñanza que se entrega ao Curtas e contribúe a facer del o máis acolledor e agradábel dos festivais de cinema que coñezo.

O de Vila do Conde é un modelo a imitar. Éo polo tradicional bo criterio na selección dos contidos mais éo, sobre todo, pola maneira en que soubo ir medrando ao longo do tempo sen perder a cabeza, sen deixar polo camiño a rigorosa coherencia que o caracteriza. O Curtas nace coma extensión audaz do labor do cineclube local, un dos máis antigos de Portugal -fora fundado en 1959-, que viña de recuperar a súa actividade despois duns anos de declive. Unha directiva nova e animosa activa a vida do cineclube a principios dos 90 e acorda logo a creación do festival, que comezou en xuño de 1993 cunha dirección compartida por cinco persoas: Miguel Dias, Mário Micaelo, Rui Maia, Darío Oliveira e Nuno Rodrigues. Rui Maia deixou o festival ao final da década e por algún tempo incorporouse ao equipo Luís Urbano, hoxe produtor con gran recoñecemento; mais a base mantívose estábel até a actualidade, con Miguel, Mário e Nuno aínda na dirección [1].

Na época en que xurdiu o Curtas eran moi poucas as curtametraxes a seren feitas no país veciño, aínda que a situación amosaba sinais de normalización pola aparición dunha liña de apoios á produción. A creación de curtametraxes en Portugal e a consolidación do Curtas son fenómenos paralelos e o papel do festival na visibilidade destes filmes é indiscutíbel. No terceiro Curtas hai xa material abondo que xustifica unha competición nacional; en edicións posteriores irán presentando pezas autores coma João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes ou Sandro Aguilar que acabaron por conseguir un elevadísimo prestixio internacional. Canda eles tres hai moitos máis, de Margarida Cardoso ao animador José Miguel Ribeiro, que amosan a amplitude e diversidade dunha nova vaga de autores, a “Gerações Curtas”, na denominación que un artigo no Público de Augusto M. Seabra (novembro de 1999) acabou por confirmar. O seguinte desafío era a divulgación deses autores e das súas obras polo mundo e con ese fin nace nesa altura a Agência da Curta Metragem, organismo fillo do festival ou, para ser máis precisos, da cooperativa cultural Curtas Metragens CRL da que dende 1997 dependerán formalmente os proxectos ideados polo núcleo fundador. A Agência, coordinada por Salette Ramalho, funciona coma axencia de ventas que se encarga de inscribir os títulos do seu catálogo nos máis destacados festivais de cinema e da correspondente xestión de copias, mais tamén organiza ciclos e retrospectivas de curtametraxes. O éxito da Agência é medíbel: no último ano completo, 2013, os filmes que promociona ocuparon máis de 700 veces a selección oficial de algún festival e recolleron 43 premios, cunha audiencia conxunta de case 150 mil espectadores repartidos ao longo de 1300 proxeccións.

A aposta inicial do Curtas era esixente mais axiña acadou unha boa resposta do público. A cuarta edición dobrou a cifra de espectadores da primeira -uns moi meritorios sete mil- e hoxe móvese arredor dos vinte mil asistentes. A inauguración en 2009 do Teatro Municipal -noutrora Cine-Teatro Neiva- dotou finalmente ao certame dunha sede versátil e céntrica con dúas salas, unha delas de gran capacidade, 550 butacas, apta tamén para a celebración dos filmes-concerto que xa son marca de identidade [2]. Fronte á diversidade de espazos empregados, por necesidade, ao longo da historia, o Curtas concentra agora a programación en dous únicos puntos, o Teatro Municipal e a Galería Solar, outra iniciativa memorábel da organización. A Solar foi a evolución natural da decisión dos directores de abrir un oco ás propostas audiovisuais que escapan das limitacións da pantalla ou cuxa contemplación aconsella un lugar de exhibición diferente da sala convencional. Non hai que elixir entre “cinema no cinema” e “cinema no museo”, as dúas opcións son compatíbeis en Vila do Conde. A transformación do Solar de San Roque dotou á vila en 2005 dun centro de exposición permanente para a arte das imaxes en movemento, unha galería aberta á experimentación audiovisual con pezas que se integran de forma modélica no recinto.

Crecer sen alfombras vermellas. O obxectivo do Curtas nunca foi a popularidade a curto prazo, esa que se consegue estragando recursos para traer celebridades; a intención foi sempre sementar para logo recoller. As iniciativas nacidas da cooperativa foron xestos de coraxe que permitiron facer máis firmes e sólidos os alicerces do festival. Formaron público e axudaron a diversificar a súa ollada cinematográfica, mais tamén serviron para crear e/ou afirmar cineastas. A sección Take One! leva dez anos abrindo unha xanela ao traballo dos máis novos creadores, aínda vinculados ás escolas de cinema. Outro elo na cadea é o proxecto Estaleiro/Campus. Campus é un programa formativo dirixido a estudantes do ensino superior que os pon en contacto con creadores audiovisuais con ampla repercusión internacional. A iniciativa medrou coa produción de filmes a cargo de autores portugueses coma Gonçalo Tocha, João Pedro Rodrigues, João Canijo ou Graça Castanheira e, con ocasión do vinte aniversario do Curtas, tamén de directores estranxeiros coma o venerábel Thom Andersen. Cara ao ano que vén Campus porá os medios para a realización de tres curtas dirixidas por Sandro Aguilar, Manuel Mozos e o galego Lois Patiño, que traballarán con xente moza da zona. E o esforzo educativo iníciase moito antes, prestando atención aos nenos e nenas da rexión a través do Animar, que comprende sesións de cinema para as escolas, obradoiros e exposicións orientadas a alumnos, pais e profesores [3].

Curtas 2014: tempos difíciles

Fráxil coma o mundo, o cinema portugués exhibe agora as consecuencia da seca de anos anteriores, froito da cancelación dos apoios públicos e a miserenta avaricia dos operadores de televisión e telefonía. Hai leves signos dunha relativa volta á normalidade que esperamos se fagan evidentes a partir da próxima primavera; entre tanto 2014 será unha tempada de resistencia, por máis que a reaparición sempre inspiradora de Pedro Costa coa estrea de Cavalo dinheiro en Locarno poida elevar o nivel até alturas inesperadas [4].

False twins (Sandro Aguilar, 2014)
O 22º Curtas -marcado pola visita excepcional de Kelly Reichardt, a quen se lle dedicaba un foco- revelou na competición nacional as fraquezas do presente cunha selección na que apenas houbo sorpresas. As máis agradábeis, First light de Mariana Gaivão, cun coidado branco e negro que de inicio parece evocar -até no título- a Víctor Erice e funciona na súa captación do sosego; e Outono de Marco Amaral, efectiva reivindicación do apego á terra gravada nas fermosas paraxes da Serra da Estrela. Patrick Mendes intenta n'Os sonâmbulos unha parábola sobre a deshumanización do mundo con aparencia URSS anos 20 na que destaca unha vez máis a versatilidade -mesmo física- do protagonista Cláudio da Silva. Cinema de Rodrigo Areias é a enésima homenaxe ás vellas salas e ao soporte fílmico reforzada pola presenza coma actor do lendario Acácio de Almeida, director de fotografía da fabulosa Silvestre de João Cesar Monteiro que se cita de forma explícita ao final. Teresa Villaverde presentou Sara e a sua mãe, precisa mais non especialmente inspirada contribución á película colectiva As pontes de Sarajevo. Miguel Clara Vasconcelos foi o triunfador da sección con O triángulo dourado, que emprega material en 16mm e un texto poético en off para falar de amores, viaxes e relacións humanas. Moi decepcionante resultou Taprobana de Gabriel Abrantes, broma de dubidoso gusto escatolóxico a conta de Luís Vaz de Camões. A mellor película da sección, do festival e con certeza xa unha das mellores do ano é False twins de Sandro Aguilar, que completa un fascinante díptico coa anterior Jewels ou quizais un tríptico con Sinais de serenidade: as tres “ficcións científicas” dun dos cineastas con máis talento da actualidade. A súa obra é acollida con extrema disparidade de opinións: recoñéceselle beleza -só faltaba iso!- mais é común botarlle en cara certa tendencia ao hermetismo. O espectador pode perderse entre as súas imaxes de macacos, botes con bechos en formol e primeiros planos dun planetario e quizais intente atopar estraños significados simbólicos que non existen: as películas de Sandro Aguilar son sempre moito máis literais do que un imaxina, as cousas son o que parecen e se nesta vemos imaxes do espazo exterior o que se pretende representar é xustamente iso, o espazo exterior. Son películas que nos convidan a escapar do estado de letargo, da cela mental e ás veces física en que acostumamos a vivir pechados.

Na competición internacional triunfou Cambodia 2099 de Davy Chou. Rodado nunha illa da capital do país, Phnom Penh, o director sitúa nese estraño territorio a dous mozos que se contan un ao outro os sonos e pesadelos da noite anterior. A modernidade xuvenil, dixital e urbana acaba por tinguirse dunha delicada melancolía. Person to person de Dustin Guy Defa déixase ver na súa corrección indie e amor polo vinilo. Máis satisfactoria é El Palacio do prolífico Nicolás Pereda, retrato da vida compartida de dezasete mulleres nunha casa grande que arranca cunha memorábel escena inicial, a de todas elas a lavaren xuntas os dentes.

Short (Robert Todd, 2013)
A competición experimental non honrou tanto o nome coma outros anos, empezando pola gañadora, Hacked circuit da gran Deborah Stratman, documental por outra parte excelente -mesmo didáctico coma mostra do traballo dun artista de Foley- resolto nun único e virtuoso plano secuencia. Bill Morrison repite en All vows e coa eficacia de costume a mestura de material de arquivo degradado coa música dun autor contemporáneo, aquí (outra vez) Michael Gordon. Compartiu sesión con La imagen arde de Lois Patiño, que dilata até a media hora imaxes dun incendio para facernos pensar sobre cómo nos enfrontamos ás imaxes. O mellor estaba ao principio: a veloz sucesión de imaxes silentes en branco e negro que obtén Robert Todd en Short variando o obturador da cámara de forma que o plano se inunda de luz de súpeto e logo escurece por completo, coma un chiscar de ollo. Iso é o cinema ante todo, luz.

Martin Pawley. Artigo publicado no número 207 (agosto de 2014) da revista Tempos Novos.

Notas:

[1] Do grupo saíu hai uns meses Darío Oliveira para iniciar outra aventura festivaleira, o Porto/Post/Doc, a debutar en decembro.

[2] Só queda pendente a transformación dixital, a introdución definitiva -e inevitábel- do DCP coma soporte estándar para as proxeccións.

[3] Para saber máis da historia do Curtas: o artigo Anatomia de um festival de Daniel Ribas no volume Puro Cinema (Ed. Curtas Metragens CRL, 2012); e a tese de mestrado Eventos culturais e cidades. O caso específico do Curtas Vila do Conde de Felicidade Conceição Vieira Ramos .

[4] Non será en calquera caso un ano perdido, con longas tan estimábeis coma o Yvone Kane de Margarida Cardoso ou Revolução industrial de Tiago Hespanha e Frederico Lobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario