sábado, 17 de maio de 2025

O caso Ico Costa

Balane 3 (Ico Costa, 2025) | Terratreme

Hai unhas semanas o cinema portugués foi sacudido por un correo electrónico enviado a diferentes medios e organizacións no cal unha persoa, que asina 'Joana Sousa Dias', acusaba o realizador e produtor Ico Costa de agresións verbais e físicas durante unha relación de varios meses catro anos atrás (...) O 22 de abril a mensaxe foi publicada nunha conta de Instagram e acadou unha rápida difusión; en poucas horas, o IndieLisboa acordou retirar da súa programación o novo filme de Ico Costa, Balane 3, que tiña prevista a súa estrea nacional no festival após pasar antes polo CPH_DOX de Copenhague e o parisiense Cinéma du Réel, así como unha produción súa dirixida por unha realizadora e aínda inacabada que fora seleccionada na sección de Industria. A nota dada a coñecer no web do festival afirmaba que "perante quaisquer dúvidas que persistam, a convicção do IndieLisboa no que diz respeito a estas situações é a de que deve ouvir as vítimas".

O realizador respondeu axiña ás acusacións para negalas totalmente. Na altura da suposta relación coa tal Joana, a quen afirma non coñecer, dixo ter unha namorada con quen conserva "uma profunda amizade". O xuízo público estaba a acontecer sobre a base dun "email anónimo, enviado por alguém cuja identidade nunca foi confirmada, e em publicações no Instagram que clamam por justiça por uma pessoa que, na verdade, não existe". A produtora do filme, Terratreme, emitiu un comunicado para explicar como ao longo de varios días intentaran promover un encontro en condicións de seguridade e discreción con quen enviou o correo electrónico, sempre sen resposta. No texto a Terratreme expón a súa vontade de crear "um espaço de trabalho e criação seguros" e recorda que nos varios anos que levan traballando co Ico nunca recibiron queixa algunha de malos tratos nin violencia.

Pasaron xa unhas semanas e non apareceu nin unha soa proba contra o cineasta cancelado, o cal non impide que sobre el vaia aboiar durante moito tempo unha sombra de sospeita que ten como único fundamento un correo electrónico emitido dende un servizo que presume de protexer a privacidade. Atacar a honorabilidade de alguén con embustes e medias verdades sempre estivo ao alcance da xente con ética dubidosa, mais na era das redes sociais é aínda máis fácil: a comunicación dixital abre suficientes vías de anonimato e os contidos, en particular aqueles que cheiran a xofre, circulan a toda velocidade. Non é sensato aplaudir calquera cousa que se lea sen fontes e indicios que acrediten algunha fiabilidade, e cando todo depende dunha testemuña única sería de agardar que esta estea ben identificada, mantendo a súa identidade en segredo cando así for necesario. Dar por certo, sen máis análise, o que conta un correo de procedencia descoñecida é abrir un precedente perigoso e ademais dificilmente sostíbel no tempo, pois as denuncias máis ou menos anónimas con mala intención poden proliferar sen límite. Un amplo grupo de profesionais divulgou o 10 de maio unha "carta aberta para debate no sector do cinema" na que, para alén de exixir ferramentas "próprias, justas e legais" para que as vítimas de asedio e agresión encontren espazos seguros para as denuncias, pon o foco sobre diversos aspectos que merecen reflexión. Un, o carácter colectivo que ten case sempre un filme, froito do esforzo de moitas persoas, o que permite preguntarse até que punto é xusto castigar todo o grupo polas accións delitivas, se as houber, dun individuo concreto. Dous, que afrontar a violencia é tarefa de toda a sociedade, por suposto, mais precisa dun rigor nas ferramentas e as decisións que adoitan posuír só certas institucións (as forzas de seguridade, a xustiza e as asociacións que traballan na materia, por exemplo), mais non outras, como é o caso dun festival de cinema. "Não faz parte da sua missão, das suas competências, da formação dos seus trabalhadores e dirigentes. Enquanto sociedade, não lhes demos tal poder e tal responsabilidade, nem por eles foi solicitada", recordan. Un festival de cinema, como parte da sociedade que é, pode e debe facer achegas na loita común contra a violencia de xénero e as violencias contra os colectivos minorizados, mais non é o seu labor ditar sentencias.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 17 de maio de 2025, sábado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario