sábado, 12 de abril de 2025

Pensar, sentir, gozar

Sabura (Falcão Nhaga, 2025)

Aos poucos anos de nacer, aló en 2004, o Indielisboa Festival Internacional de Cinema xa se convertera nunha referencia para todas as persoas que queríamos saber o que estaba acontecendo na creación contemporánea. O festival lisboeta aliñábase con outros moitos –BAFICI e FIC Valdivia na América do Sur, FID Marseille en Europa, Jeonju en Asia– que naquela altura facían o esforzo de cartografar un mapa novo, o desenvolvemento e a consolidación dun xeito de facer filmes con espírito independente, fóra dos circuítos comerciais domesticados pola grande industria. Era ademais un tempo de transición, a mudanza da produción e exhibición tradicional en formato analóxico cara ao vídeo dixital, que permitía a realización de películas con orzamentos mesmo moi baixos e en consecuencia alentaba unha valiosa ampliación do acceso ao cinema. O equipo que inventou o "Indie" aplaudiu dende o inicio a xeración de cineastas que sacudía Arxentina, de Lucrecia Martel a Lisandro Alonso, ou as novas voces asiáticas, con ciclos dedicados a Jia Zhang-ke ou Nobuhiro Suwa, igual que logo prestaron atención ao novo cinema galego, primeiro Oliver Laxe (e antes del, Peque Varela) e despois Lois Patiño, que viu todas as súas longametraxes programadas en Lisboa. E por suposto acompañou e coidou a produción nacional, nun período singularmente vizoso para a cinematografía portuguesa.

Mais todo bo festival –e o Indielisboa éo– non pode vivir de rendas, esmagado pola morriña; debe estar en perpetua revisión, reflexionando sobre o pasado e o presente para dar conta do mundo de hoxe. Debe insistir, tamén, no valor cultural e social da experiencia colectiva da sala de cinema fronte ao capitalismo homoxeneizador das plataformas. A edición número 22 do Indielisboa, que decorre do 1 ao 11 de maio, celebra o cinema como fonte de pracer e coñecemento a través de máis de douscentos títulos, entre eles dous galegos, Deuses de Pedra de Iván Castiñeiras, incluído na Competição Nacional, e Ariel do xa citado Lois Patiño, sobre os que escribín neste xornal canda a súa estrea en Rotterdam. Da colleita portuguesa, para alén dos títulos presentados en diversos festivais internacionais (Primeira Pessoa do Plural do sempre admirábel Sandro Aguilar, Balane 3 de Ico Costa ou Hanami de Denise Fernandes), cómpre citar as catro longametraxes en estrea mundial, A Vida Luminosa de João Rosas, As Flores de Madalena Fragoso, Somos Dois Abismos de Kopal Joshy e Santa Iria de Luís Miguel Correia. Entre as curtas merece especial atención Sabura do afrodescendente Falcão Nhaga, que confirma e alarga os valores máis ca evidentes da súa ópera prima, a maxistral Mistida.

O Indie 2025 dedica un dos seus focos ao artista británico Charlie Shackleton, que se deu a coñecer con Beyond Clueless, un apaixonante ensaio sobre a adolescencia construído con imaxes de teen movies estadounidenses feitas á volta do cambio de século. Repetiu o procedemento en 2015 con Fear Itself para falar dos medos reais e a súa representación nas pantallas combinando un intelixente guión e a montaxe de escenas de películas de terror. Nun rexistro ben diferente, a curta documental Fish Story explora case en ton de comedia os límites da memoria a partir dunha anécdota curiosa, a xuntanza nunha illa de Gales de persoas cuxos apelidos coinciden con nomes de peixes. Outro tipo de memoria, a histórica, é o asunto de Lasting Marks, onde o autor lle dá voz a Roland Jaggard, unha das vítimas da operación Spanner, a detención policial e condena de 16 homes por filmaren prácticas sexuais consentidas no marco reaccionario e homófobo do goberno de Margaret Tatcher. A súa obra esténdese nunha dirección máis conceptual e performativa co proxecto Paint Drying, que en Lisboa se presenta como instalación, unha acción artística de protesta contra o sistema británico de clasificación de filmes na que Shackleton gravou durante dez horas como secaba a pintura nunha parede co obxectivo de que o comité avaliador se vira obrigado a asistir á proxección completa.

Valiosísima é a retrospectiva dedicada á primeira directora búlgara, Binka Jeliaskova (1923-2011), cineasta virtuosa e perfeccionista cuxa obra foi con lamentábel frecuencia prohibida e condenada á invisibilidade. Deixounos obras mestras coma Eramos novos, un relato de amizade e amor na resistencia contra o nazismo, ou os moi emocionantes documentais Arrolo e Cara e cruz, críticas demoledoras contra as inxustizas nos cárceres de mulleres e a desgraza das crianzas que medran entre reixas.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 12 de abril de 2025, sábado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario