A descrición da longa e obsesiva operación de procura e asasinato de Osama Bin Laden, concluida con enormes claroscuros, permite a Kathryn Bigelow filmar Zero Dark Thirty (La noche más oscura), un dos grandes títulos do ano. Relato minucioso, impecable e proteico, atopámonos ante un thriller político tan medido, deliberado e intelixente como intenso e respectuoso co espectador. Ritmica e narrativamente brillante, o filme da autora de En tierra hostil funciona como un retrato dos moitos mundos e vidas horribles, das cloacas modernas, contado cunha crueza expositiva exenta de toda floritura e/ou efectismo, marcando deste xeito para a posteridade a disección da Operación Gerónimo a modo de análise clínica, un informe ou crónica cuase de natureza documental por onde sobresae o rostro de Jessica Chastain. Lonxe do simplismo, a toma de partido, a manipulación ou a apoloxía de calqueira condición, asistimos a un apaixonante mergullo pola barbarie en nome da civilización. Nota: 9/10.
José Manuel Sande
Vin esta noite ZERO DARK THIRTY e debo empezar dicindo que as miñas (altas) expectativas víronse enormemente superadas. É unha película densa, vibrante, complexa e sutil, que repousa en gran medida no rostro de Jessica Chastain, actriz sublime que xa deu probas do seu talento en THE TREE OF LIFE, THE HELP ou TAKE SHELTER, e que aquí compón unha interpretación histórica, un exercicio de anti-divismo que merece a chuvia de premios que está levando, por ela e polo ben de todas as actrices do mundo. Que Kathryn Bigelow é unha directora excepcionalmente dotada xa o sabía, mais con ZERO DARK THIRTY obtén quizais o seu mellor traballo. Marabíllame como a directora consegue a deriva dun filme que noutras mans sería apenas un exercicio de épica machirula cara o retrato detallista e minucioso dunha obsesión, como xa o era THE HURT LOCKER, que ten na súa total falta de maniqueísmo e na súa absoluta confianza na intelixencia do espectador a súa principal virtude. O 9 paréceme pouco e non vou andar con decimais: eu póñolle un 10 sobre 10.
ResponderEliminar