O CGAI, dentro do seu habitual espazo OFF GALICIA, programou recentemente (19/01/2013) o filme documental Piedad, de Otto Roca. Logo dos títulos de crédito, discretos e cuidados, baixo un fondo negro, non tan intenso como para pensar que a pantalla quedou sen imaxe, unha voz feminina fala en primeira persoa sobre a perda da memoria. Esta situación, que indica con meridiana claridade que se trata dun procedemento narrativo, dun modo expresivo escollido -ás veces, as eivas e os atrancos orixinan brillantes solucións nas que non se pensara- para iniciar o relato cinematográfico, non foi percibido por un espectador próximo que non puido evitar facer partícipes aos espectadores colidantes da evidencia: “No se ve”. Non contento con esta formulación, o moi agudo constatador volvería unha e outra vez no decurso da proxección, malia que prudentemente se lle pediu silenzo, facer comentarios nun volume de voz dabondo alto como para que chegasen alén do seu principal destinatario, a persoa ao seu carón. Feitos como este, dabondo frecuentes, deixan ben ás claras os estragos que a televisión vén facendo na conformación do individuo espectador, que leva á escuridade da sala de cine, espazo público, os hábitos adquiridos no espazo privado do salón da súa casa. Ao tempo, non resulta doado entender a reincidencia destes espectadores da incontinencia verbal, dialogadores en voz alta coa pantalla; a razón da súa presenza, unha e outra vez, nunha sala -privilexio dos coruñeses, que cómpre mimar entre todos- onde as posibilidades de encontro cun filme “raro” son máis que probábeis. Eles saberán. Pero, ben poderían sufrir as súas hemorroides mentais en silenzo.
Así e todo, non me atrevería eu a dicir que Piedad sexa un filme construido desde a rareza. Estamos, iso si, ante unha peza fabricada cos vímbios da paciencia, da sensibilidade, da atenta observación. E desde esta posición, con esta óptica, debe ser contemplado.
É Piedad un documental observacional, no máis estrito sentido da palabra. Un filme produto dunha cámara sempre ben situada, na distancia adecuada sempre; resultado da ollada dun suxeito enunciador que apenas promove e non intervén no percurso dos acontecementos. Unha película de ritmos demorados, adecuados acompañantes do vagaroso camiñar da vida da súa protagonista, Piedad, unha muller achegándose aos oitenta anos, apañada pola doenza terríbel do alzhéimer. Unha muller, xa viúva, dacabalo entre a aldea a cidade, cun notábel grao de autonomía física, e porén dependente do seu fillo, das necesidades e movementos que a vida orixina nel. Así, Piedad, pasa os seus días entre Leiroso, a súa pequena e agora deshabitada aldea do berciano concello de Oencia, á que Amador, o seu fillo menor, acode para aos poucos ir rehabilitando a vella casa familiar, e A Coruña, onde este vive e traballa. Entre os espazos urbanos, principalmente interiores, da casa, un centro de día e mesmo o despacho do traballo do fillo, e os rurais, principalmente exteriores -paisaxe de montaña de grande poder e beleza-, de camiños, corredoiras, souto, lareira, Piedad formula, sen grande dramatismo, a queixa preclara da súa desmemoria. Estraña e paradóxal manifestación da doenza nunha paciente que lembra que perdeu a memoria.
Sabatino (con tres, catro sesións mensuais), o espazo OFF GALICIA adoita acoller traballos da anual produción autóctona. A presentación por parte dos propios autores e un posterior encontro-coloquio co público asistente constitúen o estimulante complemento da proxección.
O cambio de premisa adoptado no decurso da realización -a substitución dos contrastes entre o rural e o urbano, a despoboación do rural e a morte da aldea como unidade vivencial, polo retrato de Piedad e a súa circunstanza vital-, exposto ao inicio do acto con natural modestia polo director, revélao como cineasta dúctil e perspicaz.
Asuntos de interese baralláronse no coloquio: os procedementos e estratexias narrativas, a lingua de expresión dos interviñentes, a azarosa vida da película unha vez rematada, as súas posibilidades de encontro co público, cuestións de ética e privacidade, tamén de orde moral. Entre eles todos, especial atención meréceme a alusión á relación de Amador coa súa nai, que un membro da familia presente, xenro de Piedad e cuñado do fillo, calificou de “historia de amor”. Non resulta precisamente doado valorar desde fóra, coa única información que o filme fornece, esta cuestión. Queda constancia clara de que en todo momento Piedad vive con Amador, baixo o seu cuidado e atención. Mais tamén é meridianamente perceptíbel que en momento ningún hai un especial aceno de afecto, un agarimo do fillo cara a nai. Como tampouco, da esporádica figura feminina adulta por momentos presente en escena de modo fragmentario, nunca se mostra o seu rostro, sinal evidente de que non o desexa. Un particular sentido do pudor e da privacidade, respectivamente, poderíanse atribuir a senllas decisións. En calquera caso, non deixan de ser uns comportamentos que non pasan desapercibidos e que o filme deixa no territorio do enigma.
En Piedad, o seu primeiro achegamento á imaxe cinematográfica, o fotoxornalista pontevedrés (Ribeira de Botos, Lalín) Otto Roca pon de manifesto a súa capacidade como observador da vida, a través dunha ollada subtil, delicada e respectuosa. Que Ximena Losada e Marcos Nine o soubesen ver e se sumasen ao proxecto en marcha, na produción e na montaxe, respectivamente, é o que felizmente fixo posíbel a realidade desta singular e interesante proposta audiovisual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario