sábado, 26 de xaneiro de 2013

Beasts of the Southern Wild (Benh Zeitlin, 2012)


Por que poño o título en inglés se eu vin a película dobrada de forma infame en español? Claro que tampouco non teño ningunha posibilidade de vela en versión orixinal en condicións.

Moito é de agradecer que dunha película poidas dicir que é sorprendente, e este é o caso. Pouco ou nada nela é convencional, porque tampouco o é a vida dos seus protagonistas. Unha fermosa e poética mestura de realismo e imaxinación, mesmo de fantasía e toques do que Carpentier chamaba o real marabilloso, terman no plano estilístico deste filme sobre a infancia e sobre a capacidade transformadora do mundo que a ollada infantil ten.

No formal a cámara a man que ameaza con marearte nos primeiros momentos, acaba por se converter no único xeito posíbel de narrar esta historia que sucede tan pertiño da nena protagonista que non hai distancia para retratar a vida se non é así. Con esa cámara que persegue os rostros, os movementos, os obxectos e que retrata para nós un mundo dese sur dos EE. UU., desa Luisiana atravesada polo mesmo Mississipi que lle aprendeu a Huckleberry Finn todo canto sabía. Esas terras pantanosas, anegadas de auga salgada que botou por fóra en New Orleans cando o Katrina, tan presente mentres ves este filme e contemplas os diques que preservan a cidade e afogan aos que moran na Bañeira. Esa cámara que mostra todo o feo e miserábel e a todo el se achega. Ás veces non hai mellor denuncia social que mostrar, coma aquí, só mostrar sen a máis mínima intención explícita de denunciar.

E por diante de todo isto Hushpuppy, a nena que todo o olla e que todo o transforma. Todo muda coa súa mirada, porque os nenos, como se di en The Night of the Hunter «Sopórtano todo. O vento sopra e a choiva é fría. Porén eles sopórtano todo.» Esa nena marabillosamente interpretada por Quvenzhané Wallis. Interpretación que a todos nos dará tanto que falar, pero que non é allea a unha dirección atinada que fai que os mellores momentos interpretativos sexan aqueles nos que a nena observa o que a rodea, cando, sen ollar á cámara, se afana en aprehender o mundo. Nota: 7/10

Xabier P. DoCampo

2 comentarios:

  1. Por diversas razóns, este é un filme que me debería gustar mais finalmente non é ese o caso. Atráeme moito o material que manexa na mesma medida en que me parece perigosísimo ("infancia" e "realismo máxico" son conceptos que fan saltar todas as alarmas), e recoñezo que Benh Zeitlin evita caer na pastelada e tivo un acerto descomunal ao elixir e dirixir a Quvenzhané Wallis; mais non chego a conectar nunca coa película e acaba por deixarme completamente indiferente. Eu, que son máis cruel ca ti, Xabier, teño que suspendela: 4/10.

    ResponderEliminar
  2. Gústame moito o teu comentario que comparto na apreciación, e resúltame moi curioso que cando eu vía a película tamén pensaba no realismo máxico da novela hispanoamericana que tanto nos conmovía. Pero tamén penso que falta algo que provócame una certa distancia que afastoume da historia en determinados momentos, quizás foi que a nena o facía creíble esta historia máxica e o resto me volvía á cruda realidade. A menxase ecoloxista e de preservación da Terra tamén me chegou.

    ResponderEliminar