The Grandmaster (Wong Kar-wai)
Por máis que My blueberry nights provocara algunhas dúbidas entre os seus devotos admiradores, o autor de Happy together, In the mood for love ou 2046 sempre merecerá a nosa atención. Longamente agardado, The Grandmaster, inaugurará dentro dunhas semanas o Festival de Berlín e xa tivo estrea (exitosa) en Hong-Kong. Inspirado na vida do mestre de artes marciais Ip Man -”o home que entrenou a Bruce Lee”-, o seu trailer xa apunta o extremo esteticismo que agardamos do filme. No elenco, nomes habituais do director coma Tony Leung, Chang Chen e Zhang Ziyi. As primeiras críticas, aquí.
Before Midnight (Richard Linklater)
A noticia de que un terceiro encontro de Celine e Jesse (Julie Delpy e Ethan Hawke) fora rodado en Grecia de maneira case secreta foi unha das máis gratas sorpresas que levamos en 2012 os fervorosos seguidores da parella. O filme vén de ser presentado no Festival de Sundance e terá a súa premiere internacional na inminente Berlinale.
Terence Malick
Acollida con disparidade de opinións na pasada Mostra de Venecia, To the wonder estréase comercialmente en diversos mercados nos próximos meses (en España lévaa Vértigo). O xenial e elusivo Terence Malick tíñanos acostumados a deixar pasar moitos anos entre proxecto e proxecto, mais dun tempo para acó o seu ritmo de traballo é febril: ten dous filmes en marcha (Knight of cups e outro aínda sen título definitivo) e en 2013 probabelmente vexamos algún deles (ou quizais os dous) en grandes festivais. Eu sigo babeando ao pensar no seu filme científico, Voyage of time
Jean-Luc Godard en 3D
E con iso xa está dito todo. Información concreta e de fiar, pouca. Está a curta que lle encargou Guimarães - Capital Europeia da Cultura, nalgún momento chamada Les trois désastres, e en paralelo a produción dunha longa co título Adieu au langage que debería verse en Cannes se non o impiden razóns de tipo grego.
Los amantes pasajeros (Pedro Almodóvar)
O cineasta manchego parece regresar ao terreo cómodo da comedia dos oitenta cun filme cheo de rostros coñecidos. O teaser dá bastante medo, mais despois da excepcional La piel que habito estou disposto a tolerarlle calquera cousa. O 8 de marzo saímos de dúbidas.
Freezing People is Easy (Errol Morris)
Un dos grandes do documental contemporáneo, autor de obras tan valiosas coma Gates of Heaven, The thin blue line, A brief history of time, The fog of war ou a máis recente Tabloid, regresa á ficción cunha comedia negra baseada nun libro do pioneiro da crioxenia Robert Nelson, We Froze the First Man. Máis apetecíbel aínda ao sabermos que os protagonistas son Paul Rudd, Owen Wilson e Kirsten Wiig.
Pedro Costa
A curtametraxe Sweet exorcist incluída en Centro histórico é un dos cumios da arte de 2012. Mais, polo que sabemos, a curta é só unha parte dun proxecto maior, unha nova longametraxe no “universo Fontaínhas” ao que volveu varias veces dende 2006 (Tarrafal, A caça do coelho com pau, O nosso homem). Quen sabe se estará lista en 2013 ou haberá que agardar aínda varios anos, mais estar estaremos atentos: a min xa me tarda volver a ver na pantalla grande a Ventura, tótem esencial do cinema contemporáneo.
Rodaxes na Arxentina
Para 2013 teñen programadas rodaxes na Arxentina moitos directores interesantes: Pablo Trapero, Santiago Mitre, Anahí Berneri, Pablo Stoll, Adrián Biniez... Mais eu estarei especialmente atento ao que faga Lucrecia Martel, á segunda longametraxe de Milagros Mumenthaler despois da maxistral Abrir puertas y ventanas, e, sobre todo, ao novo filme do meu venerado Lisandro Alonso con Viggo Mortensen.
Oliveira, Resnais
Aínda que en 2012 nos deu algúns sustos cos seus puntuais ingresos hospitalarios, Manoel de Oliveira segue en activo aos 104 anos e capaz de ofrecernos obras mestras coma O Gebo e a sombra. Confiamos en que teña saúde abondo para sacar adiante o seu proxecto brasileiro, A Igreja do Diabo, protagonizado por Fernanda Montenegro, non precisamente unha rapariga. Non descansa tampouco Alain Resnais, que uns meses despois de estrear en Cannes a intelixente Vous n'avez encore rien vu, xa empezou a traballar na seguinte, cun título que inspira bos augurios: Aimer, boire et chanter.
Historia de la meva mort (Albert Serra)
O Conde Drácula e Casanova son os personaxes principais do novo filme de Albert Serra, que en condicións normais debería representar a súa terceira visita ao Festival de Cannes despois de Honor de cavalleria e El cant dels ocells. Nos esperedes vela no multiplex máis próximo.
Portugal
A cinematografía coa maior proporción de obras mestras por filme producido vive tempos extremadamente difíciles, mais aínda así convén mirar para ela, coa certeza de que sempre acaban aparecendo sorpresas. Entre as obras que sabemos que chegarán, dúas curtas de João Pedro Rodrigues: Mahjong, codirixida con João Rui Guerra da Mata (produción do Campus-Estaleiro do Curtas de Vila do Conde), e o seu “filme galego”, O corpo de Afonso, rodado en parte na Coruña e Vigo en xullo de 2012. En 2013 celebraremos ademais os primeiros dez anos dun festival exemplar, o Indielisboa.
Novo Cinema Galego
As condicións para a creación fílmica non son mellores en Galicia, nun contexto de recortes sádicos en cultura. Aínda así, os autores que teñen algo que contar non se deteñen. O primeiro fito de 2013, a estrea no Festival de Rotterdam d'O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia. E -xa o aviso- non será a única gran noticia do ano.
Martin Pawley. Publicado orixinalmente en Praza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario