domingo, 20 de xaneiro de 2013

Django Unchained (Quentin Tarantino, 2012)

Que distingue as películas de Tarantino? A resposta más simple e rápida é a violencia. A resposta máis intelixente o humor. Nas películas deste director ris, pero non a gusto. E iso nesta tamén é así. Django unchained é un filme que se ve co sorriso co que se ven as películas de Tarantino e coa mesma incomodidade, porque hai momentos onde a violencia afecta ao espectador máis aló do que tiña previsto ao entrar na sala. O desenlace da loita mandinga ou do episodio do negro Dartagnan, son en Django exemplo dese desasosego que xea no corazón no medio doutra violencia, esaxerada e chea de xorros de sangue navegábeis que un ve con maior distancia emocional, e con maior perigo de banalizar tan indesexábel comportamento humano.

A risco de que un bo amigo me acuse de literario ao xulgar o cinema que me gusta, eu disfruto cos guións ben escritos, e esta película de Tarantino ten, por veces, por abondosas veces, diálogos intelixentes, ben construídos e cheos de coherencia que fan dela iso, unha película por veces, por abondosas veces, intelixente e ben construída. Claro que polo medio aparecen desacertos que deslucen ese guión, como é a aparición do Ku Klux Klan que, querendo ser caricaturesca acaba en ridícula e narrativamente grotesca.

Ah, e unha espléndida banda sonora, comezando pola canción inicial de Luis Bacalov que nos leva á Django de Sergio Corbuci, inzada de actores españoles. Por certo, na de Tarantino a actriz que fai o papel de Sheba chámase Nichole Galicia. Nota: 7/10.

Xabier P. DoCampo

3 comentarios:

  1. Gustoume bastante, mesmo para un 8/10. Creo que co KKK caeu na tentación de rodiculizalo como merece, aínda que cinematograficamente non teña resultado un acerto.

    ResponderEliminar
  2. Pois a min non me entusiasmou! Creo que frouxea no guión! A última mediahora é un pegote! Que teima de alongar o innecesario! E podía pasar dos chispirrazos de sangue, violencia gratuita! 5/10

    ResponderEliminar
  3. O primeiro comentario é meu. Pido desculpas por utilizar o usuario admin por un lapsus.

    ResponderEliminar