sábado, 19 de xaneiro de 2013

Lincoln (Steven Spielberg, 2012)



Comezarei cun aviso innecesario: fago esta glosa dende os meus gustos e afinidades personais. Declárome ademais culpable de ter condenado a Spielberg por ser o máximo exponente do cinema mainstream que, agás puntuais excepcións, nin me vai nin me vén. Até o de agora. O propio Spielberg fala de que é “o seu filme máis europeo”. Sen entrar en interpretacións sobre a fortuna desta frase, a verdade é que é un filme distinto na súa filmografía e con moita substancia. Con Lincoln seguimos confirmando unha tendencia actual de contar máis que mostrar. O punto de partida é a figura mítica do presidente Lincoln, mais afastada da haxiografía e sustentada nun exhaustivo estudio histórico. Nun tratamento do guión rexido por pautas de escenificación teatrais; se se quere dicir, “á maneira europea”. Nun coidado excelso dos personaxes no que destaca a actuación dun animal da arte dramática como é Daniel Day Lewis. E, claro, tamén nunha coidada atención ás palabras e aos diálogos que serven para dar conta das corruptelas políticas na aprobación da décimo terceira enmenda (a que supuxo a eliminación da escravidude), para contar a evolución da Guerra Civil e o conflito que se desenvolve na familia do presidente. Un tecido densísimo que de non ser polos vicios adquiridos ao longo de moitos anos de manierismo faríanos falar de Lincoln en termos de obra mestra. Nota: 9/10

Xurxo González

2 comentarios:

  1. Para min é o mellor Spielberg en bastantes anos, mais fico moi lonxe do teu entusiasmo. Si vexo certo aire haxiográfico no retrato de Lincoln, por máis que se sinalen algúns aspectos escuros, entre eles a consecución trampulleira da aprobación desa enmenda número trece (trampulleira, si, mais era "por un ben superior", parece dicirnos o director). E recoñezo as xigantescas virtudes de Daniel Day Lewis, que atina case sempre -o seu maior erro, a horrenda Nine-, mais non acabo de entender a razón pola cal a representación destas figuras históricas cae tanto no exceso solemne, máxime cando non hai deles, como é o caso, rexistros sonoros e videográficos que imitar. Nota: 6/10.

    ResponderEliminar
  2. Creo que retrata moi ben os americanos que xa daquela eran uns alucinados e o tema de gracia divina o levan moi dentro! Pois a min a solemnidade non me molesta é un distanciamento como calquera outro! Mais para min o sorprendente está no cambio de rexistro de Spielberg... Salvando as distancias lembroume a Palavra e utopía de Oliveira, jejejej. Aínda estou recuperándome!

    ResponderEliminar