Traxicomedia alocada, simpática e desmedidamente optimista, feito atípico nos tempos imbuidos de desesperación apocalíptica aos que asistimos, Silver Linings Playbook (El lado bueno de las cosas) de David O. Russell ofrece unha eficaz reactivación subversiva da comedia romántica e de todo o legado do cine de trastornos mentais. Favorita aos premios Oscar en todas as categorías principais, unha síntese do argumento devén elocuente. O filme conta un pedazo da vida de Pat (Bradley Cooper), un ex profesor de historia bipolar que ven de pasar oito meses nun psiquiátrico logo de agredir o amante da súa muller. Pat volta á casa dos pais (Robert de Niro e Jackie Weaver) cheo de bos propósitos, co desexo de refacer a súa vida e recuperar á súa esposa. Pronto coñece a Tiffany (Jennifer Lawrence), unha moza viúva dun policía, desequilibrada e chea de problemas. Ambos, coa escusa dun concurso de baile, deciden axudarse.
Con delicadeza e perspicacia, máxime dado o material existente, Russell traza unha envolvente e ben singular narración. Algúns tópicos que salpican a trama e, sobre todo, o desenlace, máis axustado á comedia romántica tradicional, axudan a construír -como se fose en paralelo á bipolaridade do protagonista- outro relato, o que desloce un tanto os logros. Pero na balanza final sobresae a presenza de diálogos sinceros, punzantes; a coral xuntanza de seres sensibles e ata entrañables que nos retrotrae a certa comedia estadounidense dos anos 30; a capacidade para artellar situacións, xiros e mutacións de rexistro inusuais -e gags: hai moito humor- onde o amor (polos outros, pola vida), coa súa grandeza e os seus desgustos, eses anacos de esperanza do título orixinal, pasa sen ambaxes a primeiro plano, unha circunstancia que a fai conmovedora e irresistible para espectadores de todo tipo. Nota: 7/10.
José Manuel Sande
Pareceume un filme agradábel e simpático, si. O mellor (e o peor) é o esforzado traballo do seu elenco, en particular a parella protagonista, Cooper e Lawrence, que fai todo o que se debe facer para obter unha candidatura ao Oscar (e no caso dela é probábel que lle saia ben a operación). Eu póñolle un 6/10.
ResponderEliminar