Vampyr (Carl T. Dreyer, 1932) |
Ambas as dúas películas virían a acreditar as posibilidades de fuxir dos tópicos en torno ás frutíferas colleitas procedentes de narracións literarias do século XIX e dunha práctica fílmica estandarizada como o cine de terror. No caso de Dreyer, o afamado mestre autor de Ordet (1955) e Gertrud (1964) ao que lle dedicaron memorables escritos Bazin, Schrader ou Domènec Font, a súa particular versión da Carmilla de Sheridan Le Fanu –influente na célebre narración vampírica de Bram Stoker– formula unha persoal investigación, entre dilacións, escasos diálogos, fragmentación de continuidades narrativas, dislocacións espazo-temporais, profundo lirismo e imaxes brumosas, sobre a capacidade de exploración do cine unha vez chegado o sonoro. Dreyer non dirixiría en 11 longos anos despois do fracaso desta obra mestra, mais nesa “cámara independente da película” (David Bordwell) atopamos sinais da súa apabullante modernidade.
A edición segue o proceso de restauración –a cargo da Cinemateca de Boloña– realizado en 1998, así como a posterior transferencia dixital (2009). O material adicional desta peza fundacional é apetitoso: un libro con textos do lendario Bordwell, de Gonzalo de Lucas ou o propio Dreyer; un documental de Eric Rohmer, outro de Jörgen Roos con testemuñas de Godard, Langlois e Truffaut, máis secuencias eliminadas inéditas.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 30 de abril de 2011