sábado, 16 de abril de 2011

A sociedade do desaloxo



O documental performativo é aquel que engade un maior relevo ás dimensións afectivas da experiencia do cineasta. Por medio de autores como Godard, Varda, Jordá, Mc Elwee, Broomfield ou Berliner, o seu uso creativo abunda desde os anos finais do século pasado. O eu outrora vergonzante, fóra de lugar ou narcisista, vén agora a subliñar os aspectos subxectivos dun discurso claramente obxectivo.

Michael Moore (Flint, Michigas, 1954) ensaia desde os seus inicios unha particular relación e acomodo con esta modalidade documental. Mesturando enxeño, estratexias de cine-guerrilla e reportaxe televisiva, interpolacións máis ou menos procedentes e intervencións con amplas doses de autobombo, o seu cine, sempre explorando os límites dos procesos de negociación cos suxeitos filmados, decrece en interese ao tempo que se magnifica en popularidade logo de Bowling for Columbine (2002), mais Moore xa marcara todas as intencións e rasgos de estilo na súa primera película, Roger and me (1989).

En Capitalismo: una historia de amor (Cameo, 2009) argalla unha nova cruzada contra os poderosos, enésima sátira de tintes antiimperialistas que comeza con desaloxos a cargo de inmobiliarias e bancos e remata co agromar da crise nos Estados Unidos, a eclosión sanguinolenta de barbarie e cobiza.

O exceso de ambicións de Moore evidencia un conxunto confuso e irregular, entrecruzando informacións –en torno a todos os estamentos sociais posibles– dignas da duración dunha serie. Panfleto demagóxico en demasía, a constatación da agonía dun modelo social homicida sostense non obstante nunha poderosa amálgama de materiais.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 16 de abril de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario