Coñezo unha parte mínima da obra do chileno Raúl Ruiz, a quen a base de datos IMDB lle asigna máis de cen traballos coma director, unha cifra impresionante. Si lles podo dicir que o seu novo filme, Mistérios de Lisboa, é un monumento narrativo incuestionábel, unha desas películas ás que o calificativo de “obra mestra” lles queda pequeno. Este arrebatador folletín véndese en dous formatos diferentes, como serie de televisión en seis episodios de sesenta minutos, ou ben para a súa exhibición en salas nunha montaxe reducida de apenas catro horas e media. Aparentemente invendíbel fóra de Portugal, cabería pensar. Mais aquí vén a sorpresa. Apoiada por unha crítica entusiasta, esta adaptación dun romance de Camilo Castelo Branco acadou en Francia uns resultados sensacionais: chegou a verse en máis de corenta pantallas e ao final da súa explotación o produtor Paulo Branco estima que levará vendidas entre 80.000 e 100.000 entradas, un suceso que proseguirá coa posterior emisión en Canal Arte da versión completa, que tamén foi adquirida pola televisión grega e a canle italiana RAI.
A proxección dixital supón un aforro notábel na tiraxe de copias e facilita a comercialización da película, que agora se carga no servidor dunha sala de cinema para ser usado case á carta durante meses e así beneficiarse dun boca-orella favorábel. En boa parte grazas a iso, Mistérios de Lisboa traspasou a fronteira portuguesa e hoxe ten garantida a súa estrea nos Estados Unidos, Suíza, Bélxica, Reino Unido, Taiwán e Brasil. Tamén vai ben en España: leva uns 2.000 espectadores en oito pantallas a pase único diario, do que resulta unha media nada desprezábel por sesión. Quen lla dera a moitos.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 1 de abril
Ningún comentario:
Publicar un comentario