Amosando publicacións coa etiqueta Eloy Enciso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eloy Enciso. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de novembro de 2012

Galicia alterada

Cannes, Marsella, Locarno, Mar del Plata, FICUNAM, Roma, Vancouver, BAFICI, Jeonju, Lisboa, Viennale... Nos últimos dous anos, a presenza de autores galegos nos máis importantes festivais foi constante, con Oliver Laxe, Xurxo Chirro e Eloy Enciso como nomes máis destacados dunha listaxe que non para de crecer. E isto sucede nun contexto económico moi difícil, co apoio público reducido en Galicia ao mínimo, cando non eliminado (así aconteceu coas chamadas "axudas á promoción do talento", das que se beneficiaron xustamente os novos creadores con maior prestixio no exterior), e coa insólita pasividade das elites intelectuais, os medios de comunicación e mesmo os certames de cinema locais, que salvo honrosas excepcións non prestaron atención suficiente a esta estimulante efervescencia creativa.

Benvida sexa, pois, a oportunidade de ver os ensaios sobre a memoria familiar e persoal de Ángel Santos; a emotiva ficción de Xacio Baño sobre a soidade e a ausencia; o retrato do traballo e a paisaxe que fai Xurxo Chirro (máis un excepcional fragmento que puido formar parte de Vikingland); e o novo estudo sobre comunidades e a súa integración nun espazo que nos ofrecen os QQ, Vicente Vázquez e Usue Arrieta.

Martin Pawley

Texto escrito para o catálogo do 27 Festival Internacional de Cine de Mar del Plata. Versións en español e inglés, neste enderezo.

venres, 21 de setembro de 2012

Festival de Locarno 2012

Non é esaxerado dicir que o de Locarno é o festival de cinema máis prestixioso e importante entre os competitivos despois dos tres grandes, Cannes, Venecia e Berlín. Ese hipotético cuarto posto só podería disputarllo Rotterdam, mais Locarno gaña por antigüidade: con 65 edicións ás súas costas, só a Biennale pode presumir de máis experiencia. Cun amplo orzamento, camiño dos dez millóns de euros -tres máis có de Donostia-, Locarno xoga a ser ao mesmo tempo un certame cunha clara vocación autoral, que aposta por creadores emerxentes, e un gran acontecemento popular capaz de meter cada noite na Piazza Grande até oito mil persoas que pagan trinta francos por ver as películas e as estrelas (unhas máis que outras) convidadas, entre as que destacaban este ano Alain Delon, Kylie Minogue, Ornella Muti, Charlotte Rampling, Harry Belafonte e Gael García Bernal. En 2011, o festival suízo contabilizou 160 mil espectadores, unha cifra espectacular para unha vila de apenas quince mil habitantes (sesenta mil se contamos o núcleo veciño de Ascona).

Para analizar o papel que tivo e segue a ter Locarno como descubridor de grandes cineastas bastaría citar un único nome: Abbas Kiarostami. O verdadeiro recoñecemento internacional do mestre iraniano iniciouse alí en 1989 cos premios recibidos pola sensacional Onde está a casa do meu amigo?. Uns anos antes era a obra doutro tótem contemporáneo, Béla Tarr, a que se presentaba ao pé do Lago Maggiore, con Almanac of fall e The outsider. O bo ollo vén de vello e leva asociado á historia máis nobre do festival os nomes de Raoul Ruiz, Marco Bellocchio, Glauber Rocha, Edward Yang, Aleksandr Sokurov ou Pedro Costa.

Sirvan estas explicacións para poñer en valor a (histórica) presenza dun director galego, Eloy Enciso (Meira, Lugo, 1975), na selección oficial de Locarno (concurso “Cineastas do Presente”) con Arraianos, nunha edición na que ademais houbo espazo na competición internacional para Polvo do guatemalteco Julio Hernández Cordón, coproducida pola empresa da Coruña Tic-Tac, da que é responsábel Fernanda del Nido. Arraianos, eloxiada por críticos tan respectados coma Robert Koehler, Mark Peranson ou Roger Alan Koza, é un novo fito do cinema feito por creadores do noso país, que grazas a filmes coma este e antes Todos vós sodes capitáns, Vikingland ou La Brecha empeza a ser xa unha marca recoñecíbel con pegada nos principais festivais do mundo. Que aquí están pasando cousas de enorme interese cinematográficamente falando é xa unha evidencia para un gran número de xornalistas especializados e programadores.

O triunfador de Locarno 2012 foi o francés Jean-Claude Brisseau, Pardo d'Oro con La fille de nulle part, feito con pouco máis de sesenta mil euros, o diñeiro que conseguiu polos dereitos de emisión televisiva dunha película anterior. A decisión máis estraña do xurado, presidido por Apichatpong Weerasethakul, foi, porén, a de outorgarlle unha mención especial a un personaxe, a “Candy” que encarna a actriz Cindy Scrash n'A última vez que vi Macau, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata, para a través dela recoñecer a importancia e a coraxe do cinema portugués nun tempo en que as dificultades financeiras serven de escusa para poñerlle barreiras á creación cultural. Estraña é a mención e estraño (e magnífico) é o filme, unha obra de inmensa riqueza que esixe ser pensada devagar. O que en orixe ía ser un documental sobre a colonia portuguesa acabou por transformarse nunha intriga criminal con espírito de serie B por medio das voces en off que outorgan sentido narrativo a unhas imaxes por veces desconcertantes. A última vez... é froito da mestura de dúas memorias, a persoal do codirector Guerra da Mata, que viviu en Macau parte da súa infancia, e a da ficción, o espazo exótico recreado e imaxinado por Josef von Sternberg (Macao, 1952). De aí nace tamén o diálogo coa historia do cinema, o xogo cos xéneros, co “film noir” mais tamén co glamour -necesariamente falso- do golden Hollywood, homenaxeado na fascinante primeira secuencia na que Cindy/Candy fai un playback do You kill me que Jane Russell cantaba no clásico de Sternberg, cunha gaiola con tigres coma insólito fondo. João Pedro e João Rui saltan do serio ao lúdico, móvense permanentemente entre o rexistro naturalista e a fantasía “pulp”, e crean unha ficción sen rostros, misteriosa e inquietante, feita da materia coa que se constrúen os soños.

Fóra do palmarés oficial, mais co consolo do premio FIPRESCI, quedou a gran obra mestra desta edición, Leviathan de Véréna Paravel (coautora, con J. P. Sniadecki, de Foreign parts) e Lucien Castaing-Taylor, o carismático, xeneroso e admirábel director do Film Study Center e o Sensory Etnography Lab da Universidade de Harvard, que visitou Galicia hai dous anos para presentar, no marco da Mostra de Ciencia e Cinema, o fabuloso western documental Sweetgrass, codirixido por Ilisa Barbash. Leviathan manexa gravacións feitas por pescadores da costa de New Bedford: os directores proporcionáronlles unha ducia de pequenas cámaras dixitais e con elas obtiveron perto de dúascentas horas de vídeo que rexistran o seu épico labor cotiá. A montaxe e o tratamento dese material é sublime; as imaxes -abruptas, granulosas, forzadas, violentas, case mareantes- adquiren na pantalla grande unha beleza sobrenatural. Imaxes sobre a auga e por debaixo da auga. O barco, o mar, a noite. A rutina do traballo, durísimo; os homes, os peixes, as gaivotas. Un festín visual e sonoro, unha experiencia hipnótica: o triunfo do expresionismo abstracto na era do hiperrealismo da alta definición.

Martin Pawley. Artigo publicado no número de agosto da revista Tempos Novos.

xoves, 2 de agosto de 2012

Arraianos: na procura do tempo



Probablemente resulta retórico incidir no concepto tempo cando se fala dun filme mais á hora de falar de Arraianos, de Eloy Enciso, resulta máis que pertinente. Estamos ante un proxecto onde o feito fílmico ven amolecido, até a exasperación, por unha construción cinematográfica suspendida no tempo, unha circunstancia impensable dentro dos criterios sustentados nas tradicionais lóxicas de produción.

Agora, por fin, o filme verá a luz no Festival de Locarno, na sección “Cineastas do presente”. Mais Arraianos é un proxecto adiado no tempo cuxo xermolo é o encontro de Enciso coa personalidade irredenta de José Manuel Sande, promotor e guionista do filme. O punto de inicio foi adaptar a obra de teatro de Jenaro Marinhas del Valle (1908-1999) que leva por título “O bosque”. Un material de partida que se destilou intentando manter até o final toda a esencia impregnada no seu argumento: unha comunidade que vive nun territorio illado por un bosque á marxe da civilización. Unha proposta waldeniana que vén sendo un trasunto en primeira instancia da singularidade independente do Couto Mixto (grupo de concellos galegos e portugueses na Raia Seca), e, coma pano de fondo, do atraso secular de Galicia.

Eloy Enciso móvese pola antítese de Pic-nic (2008), a súa primeira longametraxe. Se na súa ópera prima decantábase pola superficialidade do tempo dominado pola ociosidade vacacional, en Arraianos procura un tempo intrincado no espazo, un tempo de natureza mítica, que roza niveis de transcendencia. Para chegar a esa comuñón non quedaba outra que deseñar a produción cun equipo técnico reducido que pasase longas estadías no territorio intentando aprisionar o cotiá. A rodaxe plantexouse co obxectivo de trenzar os elementos literarios con secuencias que amosasen o decorrer da vida. Mais o traballo efectivo veu a posteriori, na montaxe, onde Enciso equilibra maxistralmente as dúas partes sen friccións, dunha maneira orgánica e fluida.

A aportación literaria enxerga elementos ficcionais por medio dunha posta en escena distanciada cara o espectador, mais solemne e directa, con claros referentes ás prácticas “non-reconciliadas” propias de Jaen-Marie Straub e Danièle Huilliet. Os actores son non profesionais e móvense nun rexistro declamativo e hierático conscientemente teatral que arrastra a artificialidade da proposta. Mais Enciso vai un paso máis alá e descende na xenealoxía. En Arraianos vemos un grupo de homes que ve condicionada a súa existencia pola natureza que, a igual que na obra teatral, está sempre presente implementando unha ampla dose de mensaxe ecoloxista. Podemos dicir que o lene fío de ficción que sostén o filme parece sacado dun western: a chegada dun home estraño, Baqueano, altera a vida da comunidade con ínfulas de cambio mais tras o fracaso da proposta o tempo leva todo á normalidade, a como era o “principio do mundo”.

As secuencias condénsanse coma cristais que conxugan a ficción co documental. O desenvolvemento do filme encadea secuencias que insisten no ritual: oficios, ceremonias relixiosas, tradicións, cancións, oralidade... E todo isto dentro dun marco paisaxístico abraiante engraxado polo cíclico das estacións. O home emerxe intentando dobregar inútilmente a natureza sabedor de que a constancia das súas actuacións ficará na cinza das lembranzas, nas fotografías esvaídas e nas engurras das facianas. O tempo destrutor imponse como a máxima das premisas, é a condición inmediata da nosa alma mais tamén de todos os fenómenos externos que nos envolven. O home sublímase, dáse conta da fraxilidade da súa existencia enfrontándose ao infinito da natureza.

Eloy Enciso comparte as mesmas dúbidas sobre a utopía do progreso dos protagonistas da ficción e tras o crematístico da proposta narrativa o filme sucumbe e volve imperar o documental, volve o ritmo da vida. E é aquí o triunfo de Arraianos, o tempo comeza a funcionar cando unha forma de representación deixa sitio á outra.

Xurxo González

mércores, 27 de abril de 2011

Novo Cinema Galego no CGAC

A etiqueta “novo cinema galego”, tan provocadora como eficaz, foi cobrando peso ao longo dos últimos meses, mais... que hai de novo nese novo cinema? A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que cada un teña, a vontade de participar nos mesmos debates estéticos e argumentais que sacoden o cinema no resto do planeta. Por primeira vez temos un cinema que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Tamén hai críticos, polo xeral fóra dos grandes medios, e mesmo entidades culturais, que perciben estes movementos como unha oportunidade que non hai que perder. Estas xornadas, dedicadas aos novos creadores cinematográficos galegos, constarán de seis sesións que terán lugar ás 19:30 h no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Cada unha delas será presentada por un dos comisarios do ciclo e contará coa presenza do director correspondente. Ao finalizar a proxección de cada filme abrirase un coloquio cos asistentes.

PROGRAMA

28 DE ABRIL
Sesión 1. Peque Varela
Gear (2004, 1 min) + Phace (2005, 1 min) + 1977 (2007, 8 min) + Gato encerrado (2010, 12 min)

5 DE MAIO
Sesión 2. Marcos Nine
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min) + Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min) + Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)

19 DE MAIO
Sesión 3. Eloy Enciso
No tan buena vista (2002, 9 min) + Funk the Wheel (2003, 7 min) + Isa003 (2003, 7 min) + La clase (fragmento) (2003, 8 min) + Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min) + Miércoles (2008, 5 min) + Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)

26 DE MAIO
Sesión 4. Lois Patiño
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min) + Paisaje-Duración (2010, 10 min) + Paisaje-Distancia (2010, 12 min)

9 DE XUÑO
Sesión 5. Ángel Santos
O cazador (2008, 25 min) + Sara y Juan (2009, 21 min) + Fantasmas #1 (2010, 9 min)

16 DE XUÑO
Sesión 6. DSK: Juan Lesta e Belén Montero
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min) + Serie PENÍNSULA XY (Ruta x, 2011, 16 min; Ruta y, 2011, 10 min)

COMISARIOS: Acto de Primavera (Martin Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande). COORDINADORA: Gema Baños

Máis información, no sitio web do CGAC e no folleto do ciclo.