sábado, 2 de abril de 2011
Érase unha vez a revolución
Estudioso aplicado á reconstrucción dos mitos da historia arxentina, Tristán Bauer (Mar del Plata, 1959) filmou en 1994 un prestixioso e poético documental sobre o escritor Julio Cortázar (Cortázar). A gran difusión desta peza permitiulle preparar outros retratos, de Evita Perón a Borges, ademais dun –exitoso- filme sobre a guerra das Malvinas, Iluminados por el fuego (2005). Entre medias, doce anos de investigación con Carolina Scaglione dan como resultado Che, un hombre nuevo (2010), documental biográfico sobre Ernesto Guevara (1928-1967).
Con material de arquivo inxente, filmes (Santiago Álvarez, Gutiérrez Alea) e imaxes familares, poemas (Neruda, Vallejo), cancións e medido recorrido cronolóxico –os turbulentos anos 50-60: América Latina, a revolución cubana, Lumumba, Africa, Vietnam, a clandestinidade política, Bolivia-, xurde esta produción hispano-arxentina de ton elexíaco que responde non só a unha tentativa de amosar as aristas e complexidades do heroe revolucionario senón tamén a un estudio da súa obra e reflexións. Cadernos e diarios de viaxe, informacións ocultas, escritos persoais, gravacións inéditas, un colage organizado en torno á persistente verbalización. A palabra recitada toma forma, erixe a escritura fílmica, ensina as diversas vertentes de Guevara, do poeta ao ensaista, do filósofo político ao loitador capaz de renunciar a todo.
Figura tratada con acerto só en traballos de Richard Dindo ou James Benning, a previsibilidade do relato non impide unha mensaxe certeira cara a un mundo condeado a repetirse ata a extenuación polo que ondean dous discursos vixentes: agosto 1961 (Punta do Leste) e decembro 1964 (ONU).
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 2 de abril de 2011
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario