Nunha das gravacións feitas por Carlo di Carlo durante a rodaxe de Mamma Roma, Anna Magnani e Pier Paolo Pasolini manteñen unha conversa ao mesmo tempo tensa e respectuosa que revela a incomodidade da italiana ante os procedementos do director, deseñados para arrancar interpretacións cheas de verdade aos ragazzi di vita que o rodeaban. As tomas curtas, ás veces cunha única frase, xogaban en contra dunha actriz que soñaba con repetir secuencias completas, consciente de que era neses tempos longos onde radicaba o seu éxito. As súas dúbidas, porén, ficaban matizadas pola confianza que depositaba no cineasta: se con esa mesma técnica xurdira un prodixio coma Accatone, ben podía estar tranquila.
O revelador documento sonoro é un dos elementos principais da mostra A voz de Pasolini, que pecha este domingo na Fundación Luis Seoane da Coruña. Da man dunha excelente colección de fotografías e material de innegábel interese –manuscritos, guións, poemas– a exposición reivindica a condición de pioneiro do ensaio fílmico do italiano, con especial atención para os Appunti per un’Orestiade africana e –sobre todo– La rabbia. A visita vén enriquecida con outra exposición inaugurada hai uns días, Cabanas para pensar, que explora a relación de grandes pensadores e artistas –entre eles Derek Jarman, director de dous magníficos e singulares biopics, Caravaggio e Wittgenstein– cos espazos nos que se refuxiaron para crear. Lonxe de miradas estupidamente localistas, velaí a demostración de que en Galicia non só sabemos facer cultura con maiúsculas, senón tamén asumir como propias as mellores obras de todos os tempos e facer delas relecturas intelixentes.
Martin Pawley. Publicado o venres 8 de abril en Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario