xoves, 1 de agosto de 2013

The Hangover part III / R3sacón (Todd Philips, 2013)



O enorme éxito de crítica e público da primeira parte da saga, convertida agora en franquía, dirixida por Todd Philips, The Hangover / Resacón en Las Vegas (2009), maxistral comedia gamberra e, sen ambaxes, un dos grandes títulos de inicios do século, da lugar a unha secuela (The Hangover II / Resacón 2, ¡Ahora en Tailandia!, 2011) moito máis mecánica, reiterativa, con inmediata sensación de déjà vu. Malia os paus contundentes da crítica, chega esta terceira parte e ten ao seu favor o desexo de abandonar a senda máis cómoda e trillada e instalarse na mestura de xéneros, unha viaxe con elementos que van do thriller de acción ao relato de procura, condimentados con toques de comedia -desequilibrada e tendente á sal gorda, un ton groseiro predominante na serie de películas-, un intento de desembarazarse de convencións que resulta (demasiado) evidente e que lembra Road Trip / Un viaje de pirados (2000), película moi anterior do seu director.
A morte do pai de Alan (Zach Galifianakis) fai que os catro amigos emprendan unha viaxe con el cara a un sanatorio mental. Unha mafia vai tratar de facerlles pagar vellos pecados. Secuencias memorables (o asalto á casa) ou gags afortunados (a secuencia final, o paradigmático momento da decapitación da xirafa, a morte do pai de Alan e o funeral) funcionan como intermitentes apuntamentos do filme que podería ter sido. E contrastan coa construción de personaxes, marcada pola equívoca distribución na importancia do reparto, especialmente as encarnacións de Bradley Cooper e Ed Helms, sancionados ou en segundo plano, mentres sobresaen os roles do oriental Ken Jeong e Galifianakis –cómpre destacar a un recuperado John Goodman-, o que xunto a un feble, irregular guión e unha desigual combinación na escala de sensacións derivadas, do brutal ao doce, máis un ton decididamente sombrío, sementa dúbidas moi serias sobre o futuro (ou necesidade de prolongación) da saga. Nota: 5/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario