venres, 23 de agosto de 2013

Before midnight (Richard Linklater, 2013)


Terceiro elo dunha persoal triloxía que, ás agochadas, con disimulo, é xa unha das mellores sagas fílmicas nunca vistas. O gran Richard Linklater (Houston, 1960), autor de Waking Life (2001), The School of Rock / Escuela de rock (2003), Fast Food Nation (2006) e A Scanner Darkly (2006), dirixe unha sucesión de películas con idénticos vimbios ou premisas: o devir da relación sentimental, humana entre dous personaxes, Céline (Julie Delpy) e Jesse (Ethan Hawke), francesa e estadounidense, en intervalos de tempo próximos ao real. Se a atracción inicial en Viena (Before Sunrise / Antes de amanecer, 1995) daba paso ao reencontro en París (Before Sunset / Antes del atardecer, 2004), con Jesse transmutado en literato que ía presentar unha novela inspirada neles mesmos, nove anos despois, nada menos que en Grecia, asistimos ás vacacións dunha parella consolidada.

Do romance e a paixón ao sustento dunha relación longa, o idealismo romántico é agora crónica tamén de fastío, esforzo, crise. Con guión de Linklater e a propia parella de actores principais –nomeados ao Oscar no segundo dos filmes- estamos ante un filme de asombrosa fluidez, que con extremo talento fai fácil o complicado –en paralelo ao proxecto en si, simultaneamente modesto e ambicioso- ao tempo que fala con enorme veracidade e honestidade dun sen fin de asuntos de interese, en medio das ruínas de Europa, co que á alusión -expresa na narración- ao clásico Viaggio in Italia / Te querré siempre (1953) de Roberto Rossellini non devén gratuíta. Atopamos unha brillante reflexión sobre o paso do tempo e o papel do amor marcada pola (aparente) sinxeleza formal. Porén, un virtuoso dispositivo, conformado por segmentos ou bloques narrativos e planos-secuencia memorables, fai que o conxunto sexa moito máis que unha extensión afortunada de insignes predecesores, de Bergman a Rohmer, ou calco daqueles periplos de análise e seguimento no tempo de personaxes como os que filmaron Ray e Truffaut sobre Apu ou Doinel.

Cómpre salientar unha escena colectiva, o xantar, e polo menos dous longos diálogos, dous paseos de enorme repercusión, exemplares na súa filmación e disposición organizativa, como confirmación do alcance perdurable da operación, rematada por un treito final agasallado pola convivencia de finura e puro vigor. E o que é mellor, toda esta trama aparece expresada dun xeito natural, co humor -na súa completa escala de matices-, omnipresente, sen esquecer momentos ben punzantes, que fan da lucidez e a melancolía, xenio; da traxicomedia, obra perfectamente medida. Un filme exquisito, sensible, intelixente, moi recomendable para todos. Nota: 8,5/10

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario