Outra saga triunfal, iniciada en España co título d’A todo gas. Se os primeiros títulos eran frouxos e totalmente intranscendentes, a franquía parece ir -de xeito contrario a outras series de filmes- a máis, un aceleramento de calidade precedido dunha quinta parte orixinal e competente. Aquí, os protagonistas, mestres ao volante, pilotos ao outro lado da lei, viven do seu último golpe dispersos mundo adiante. Un encargo da policía (¡!) para enfrontarse a un grupo de pilotos mercenarios que opera en varios países de xeito destrutivo pode representar o seu indulto. Dom (Vin Diesel) agrupa en Londres á banda. O seu amor por alguén que cría morto e que pode estar no grupo rival (Michelle Rodriguez), faino regresar con especial interese…
As propias fronteiras difusas ou destruídas entre policías e delincuentes facilitan unha trama libre, coa acción excelentemente filmada: coches e acrobacias, personaxes motorizados e tecnificados na estela de James Bond,... Prodúcese un trasfego veloz por espazos con doses de exceso asumido, humor e desexable autoparodia –co mérito engadido de acontecer en actores ben limitados: cfr. Vin Diesel- que nos proporciona unha macarrada a modo de videoxogo adrenalínico ou tebeo de superheroes, por unha banda moi primario en demasiados momentos, acoutado desde o seu propio punto de partida; por outra, un relato cheo de gracia, un universo onde incluso os personaxes femininos existen como entes de acción-ficción. A aparición final de Jason Statham anuncia (e garante) a sétima parte. En definitiva, puro divertimento realizado por Justin Lin con suma pericia, axilidade e eficacia. Nota: 6/10.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario